
A Coruña.— Miguel Robledo ten dobre protagonismo neste Viñetas, por ser autor do cartel desta edición e porque a súa obra centra a mostra que se pode visitar dende o 10 de agosto ata o 27 de setembro no Palacio Municipal de María Pita. Autor polifacético con experiencia en eidos tan diversos como a animación, a ilustración, a dirección artística e a autoría de cómic, Miguel Robledo pertenceu ao fundacional grupo Frente Comixario e publicou na revista homónima (1988-1993). Traballou despois para as revistas infantís Golfiño, Mister K e Oink!, na revista O Fanzine das Xornadas, nas dúas etapas da revista BD Banda e na revista A Viñeta de Schrödinger. A súa influencia en varias xeracións de autores galegos queda certificada polo Sketchbook que lle dedicou o colectivo Polaqia en 2008. Participou como coguionista e colorista no proxecto As abraiantes aventuras de Mariña (Aira, 2020-2024). Ademais de numerosos proxectos de ilustración editorial, campo ao que se ten dedicado como director artístico de Aira Editorial, en 2024 publicou Territorio, con guión de David Muñoz.
Comecei como lector de cómic e neno que debuxaba e xa nunca parou de debuxar. Comecei en Ourense na prehistoria da banda deseñada galega cun grupo que se chamaba Frente Comixario; digamos que a finais dos 80 e principios dos 90 houbo aí como un pequeno boom inicial da banda deseñada galega. E logo eu estiven tonteando con cómic e con outras cousas. Como autor completo, acabo de estrearme hai un par de anos con Astiberri, con Territorio.
Traballei na gama completa: en animación, para Dygra Films e outras produtoras; en publicidade; como ilustrador e director artístico en Aira Editorial; en prensa; traballei na época do Golfiño e revistas afeccionadas..., pero este libro foi o meu primeiro álbum.
Fixen de todo un pouco, por necesidade, porque hai que pagar facturas. Tamén, de feito, colaborei coa escola Faílde como titor. Teño un rexistro amplo de estilos, xa que traballo practicamente para toda a gama de idades. Pero a base sempre é a mesma.
Noto que, aínda que fun cara a outros lados, o cómic foi o que me marcou, foi o meu primeiro amor.
Eu asistín ao primeiro Viñetas alá polo ano 1998. Eu lembro ir ao salón como público e, se me dis naquel momento que ía ter unha exposición, probablemente daríame unha risa de lado, e, se me dis que acabaría facendo o cartel, pois non entraría dentro do crible. É unha honra recibir esa proposta. Non o agardaba. Quedei sorprendido pola confianza por moitos motivos, pola lista de ilustres que teñen feito o cartel e por ser A Coruña unha cidade con tantísimo talento. Non podo estar máis que agradecido.
O primeiro que teño facer é que agradecer e acreditar o labor de Manel Cráneo, o director do festival porque, ao ser el ilustrador, fixo un labor case de director artístico. Fixo suxestións, tivo a idea de que a tipografía se fixese a man…
Eu asocio A Coruña con Lugrís porque fixen varios traballos relacionados con el e logo estaba, claro, aquel mural seu que estaba nunha cafetaría da rúa Olmos. Fixen unha pequena homenaxe a Urbano Lugrís.
Había un tema marcado que tiña que estar si ou si, o da eclipse, e para iso o que me veu á mente, a influencia, foi un gravado moi famoso dun autor francés que se chama Grandville, que ten un libro que se chama Outro mundo. E a imaxe que me influenciou é moi icónica, mesmo saíu nunha portada dun disco de Queen. E de aí saíu esta figura movendo planetas como se fose unha especie de malabarista cósmica, unha imaxe un pouco surrealista.
E, claro, a torre de Hércules, o paseo marítimo, o skyline da Coruña, ese depósito de auga de Monte Alto... E logo tentar facer, plasmar, esa luz rara que din que hai nas eclipses.
Meu irmán tivo a oportunidade de vivir unha eclipse e insistiume en que a vise porque é algo único. Mirar o sol é case o de menos, o importante e o que quixen plasmar é esa sensación rara, como se de repente houbese un fallo de sistema de luz surrealista. A natureza sempre ten moi boa dirección artística.

Pois Territorio, o último libro que fixen; hai un pouco do making-of. Hai pranchas dixitais e impresións, porque é co que eu traballo, pero tamén incluín orixinais de traballos antigos, como do que fixen para Golfiño. Sempre me atopo con xente nas sesións de firmas que me contan que lían Golfiño e vexo que deixou pegada nos lectores e lectoras de hoxe en día. E logo unha pequena parte de debuxos orixinais que fago para desatascarme do mundo dixital e desintoxicarme. Debuxos persoais e unha pequena escolma de ilustracións.
Algún dos exemplares do labor de Frente Comixario, unha homenaxe a todo o que se fixo en aquel momento pola banda deseñada galega.
As referencias sempre se cruzan por aí. En Territorio, por exemplo, deime conta de que hai páxinas que parecen un wéstern. As filias e as fobias sempre acaban saíndo e logo, como consumidores tamén que somos de películas, animación e produtos culturais, isto é inevitable.
Pois penso que agora é todo máis doado e máis difícil ao tempo. Nós temos alumnos en prácticas da Faílde e vexo que cada vez veñen mellor formados, pasan etapas máis rápido. É máis doado para eles, en parte por Internet. Tamén é evidente a normalización da banda deseñada; hai moitas autoras. Por fin isto deixou de ser o gueto que tristemente era, no que só había homes. Hai unha gran riqueza.
O que pasa é que, claro, con este panorama que digo, a porción de queixo hai que repartila entre moita máis xente. Tamén digo que encantado. Penso que queda moito por facer, pero que estamos nun bo momento.
Evidentemente, o tipo de traballo de revista de quiosco desapareceu, practicamente o 100 %, pero penso que os contidos culturais, aínda que sexa a nivel de afeccionado, de fanzine, sempre acaban saíndo. O que perdemos no proceso de profesionalización das revistas gáñase agora polo tema da autoedición. Está de moda, case é un trending.
Agora fanse fanzines, prints… Hai outros formatos e outros tipos de feiras nas que lle poden dar saída ao seu material. Entón, por ese lado, penso que se compensa, e a verdade é que hai aí cousas moi bonitas. No Viñetas, por exemplo, está a colaboración e a actividade paralela do Autobán, que funciona como un contrapunto que non para de medrar. Todo o que sexa remar na mesma dirección, benvido.
E antes dependías de visitar librarías, de viaxar a outros lugares para atopar revistas, libros, publicacións que aquí non chegaban, e iso con Internet foi coma un big bang. Agora mesmo, con Internet, hai quen se confesa saturado e sobreinformado, pero tamén hai que pór en valor o que supuxo a nivel de formación e difusión.
Agora mesmo estou na entrega dun libro para Aira Editorial, dentro dos clásicos ilustrados. Estou cos relatos da autora francesa Colette e no tempo libre ando con outro proxecto de banda deseñada co mesmo autor que Territorio, David Muñoz.
Si, en fin, o pouco tempo que podes buscar para desenvolver algo tratas de dedicalo a un proxecto novo. Neste caso, eu quedei contento co primeiro traballo que fixemos e queremos seguir intentándoo.
Eu estou contento, porque é realmente unha primeira obra e funcionou ben, pero agora hai que seguir. O panorama actual ten o problema de que hai que manter un ritmo de publicación continuo para vender. Hai, para ben e para mal, moitísima oferta, cada vez se edita mellor, pero hai tal cantidade de novidades que é difícil facerse un oco ou que os libros perduren no tempo.
Non vou ser nada orixinal, pero o cómic que eu leo anualmente é Nausicaa, de Hayao Miyazaki, porque, ademais da calidade que ten, é unha historia que el non podería permitirse facer en animación. É un autor cunha calidade indiscutible e xa teño o hábito de lelo unha vez o ano, e nunca me canso.
