
A Coruña.— Viñetas desde o Atlántico pechou a súa xornada inicial cun concerto ilustrado, un espectáculo protagonizado polo grupo galego Lumedoloop e o ilustrador coruñés Alberto Taracido, nunha nova mostra de como os talentos e as artes poden sumarse en escenarios como o do Teatro Colón.
Foi no peche dunha xornada que abriu coa inauguración oficial ás 12.00 e continuou coa apertura de exposicións e stands na Rúa BD. Dentro da intensa xornada, na programación oficial do festival destacan a charla do autor Tyto Alba, que fixo un repaso pola súa carreira na charla ilustrada ‘El hijo’ y mis otros hijos e o faladoiro ‘Jiujutsufragistas’, a loita polo voto feminino, da man dos autores Lisa Lugrin e Clément Xavier.

Tyto Alba coprotagoniza, xunto coa xornalista e escritora María Castro, a mostra dedicada ao seu libro Aquí donde estoy, presente na primeira planta do Kiosco Alfonso, na que conta as experiencias vitais de Gabriel León Honrubia, un rapaz de 18 anos que formaba parte da chamada «Quinta del biberón» do exército republicano na Guerra Civil. O libro e o documental homónimo parten das cartas que León Honrubia enviou desde a fronte da batalla do Ebro e continúan co relato vital deste supervivente, que tamén foi entrevistado para ese proxecto.
No faladoiro ‘Jiujitsufragistas’, a loita polo voto feminino, Lugrin e Xavier deron os detalles de como se xestou a súa novela gráfica, na que dan vida á historia de Edith Garrud, considerada a primeira formadora en autodefensa feminista ante a violencia que sufrían as manifestantes sufraxistas no Londres de 1910. Adestrou na arte marcial do jiu-jitsu as gardacostas de Emmeline Punkhurst.
Os autores relataron que destinaron á elaboración do libro un ano e medio e que con el quixeron botar luz sobre unha historia pouco coñecida pero moi potente. A raíz disto, no ano 2018, momento no que se celebraba o centenario do dereito ao voto en Gran Bretaña, visitaron unha serie de mostras neste país que os impulsaron a iniciar este proxecto. Xavier e Lugrin relataron que abordan temáticas moi variadas pero sempre «tratando de ofrecer unha porta aberta, unha raiola de esperanza».
Tanto a programación oficial como a da Rúa BD poden consultarse completas na web vinetasdesdeoatlantico.com

