
A Coruña.- A edición 29ª do festival Viñetas desde o Atlántico recupera unha proposta que xa tivo grande éxito en 2024 e 2025. Trátase da revisión de portfolios por parte de profesionais de diferentes editoriais. É unha oportunidade única para que creadores e creadoras de banda deseñada poidan presentar o seu traballo a varias firmas editoras e acadar ademais feedback por parte dos seus responsables.
Para participar non é necesario ser profesional, nin ter unha formación determinada, non existe límite de idade, nin é necesario ser da Coruña. Trátase dunha convocatoria totalmente aberta ao talento na banda deseñada.
Tamén no caso concreto de proxectos que se presenten e que todavía necesiten dun traballo para poder ser presentados para a súa publicación, haberá unha mentoría profesional.
Para participar na fase de selección previa que permitirá acceder á convocatoria, é necesario cubrir o formulario que atoparedes aquí debaixo e remitir como mínimo un proxecto de banda deseñada(sinopse, presentación de personaxes, unha mostra das páxinas). O prazo para participar remata o 17 de xullo ás 14.00 horas.
A revisión dos portfolios será un dos eventos incluídos na programación oficial do Viñetas Pro, dentro do Viñetas 2026, e terá lugar o xoves, 13 de agosto, de 10.00 a 13.00 horas nun dos espazos colaboradores do festival, o Circo de Artesáns.




