Logo Viñetas desde o Atlántico negro horizontal
Encontro con Paulo Monteiro

Paulo Monteiro: «Sempre quixen ser autor de banda deseñada; mesmo aprendín a ler para poder ler os cómics do meu irmán»

31 de Agosto de 2026

«Nunca pasamos por un momento tan bo na banda deseñada portuguesa... Sinto Galiza como a terra dos nosos primos que viven aí arriba», destaca o autor portugués

A Coruña.— Paulo Monteiro leva toda unha vida ligada á banda deseñada, pero a súa actividade vai moito máis alá do debuxo. Ilustrador, autor, escritor, xestor cultural e impulsor de proxectos, fixo de Beja un dos centros da BD portuguesa. Alí creou unha comunidade de autores que leva tres décadas traballando arredor do colectivo Toupeira.

Tamén impulsou a Bedeteca e un festival que cada ano leva á cidade autores procedentes de todo o mundo. A súa propia obra, máis íntima e persoal, chegou relativamente tarde ás librarías, pero obtivo importantes recoñecementos. En O Amor Infinito que te Tenho reuniu dez historias nas que a memoria, as experiencias persoais e o amor se converten en materia narrativa. Agora prepara un novo libro protagonizado por un home incapaz de recoñecer as oportunidades que a vida lle ofrece. Monteiro fala tamén da forza actual da banda deseñada portuguesa e dun ecosistema que considera especialmente rico. A súa relación coa Galiza é igualmente intensa, tanto pola programación do festival como polas súas propias raíces familiares. Conversamos con el sobre debuxo, memoria, cultura, Portugal e Galiza, e sobre a capacidade da banda deseñada para crear comunidade.

P. Paulo Monteiro é ilustrador, pintor, poeta, xestor cultural, autor de banda deseñada... Como te definirías? Quen é Paulo Monteiro?

Teño moitos intereses diferentes; sempre os tiven. Pero hai unha cousa que quixen ser desde que me lembro: autor de banda deseñada. Comecei a ler as revistas de banda deseñada do meu irmán, que é maior ca min, e lembro que mesmo tentei aprender a ler para poder ler aqueles cómics. Tiña cinco ou seis anos e na casa había moitas revistas. O meu irmán coleccionaba a revista Tintin, que daquela era unha porta de entrada a toda a banda deseñada franco-belga: Tintín, Astérix, Corto Maltés, Bernard Prince, Blake e Mortimer... Para min aquilo era fascinante. Durante un tempo pensei que todo o mundo lía banda deseñada e que todo o mundo debuxaba. Só máis tarde descubrín que non era así. E, para a miña sorpresa, tamén descubrín que había xente que non lía banda deseñada.

P. Parece que a banda deseñada estaba ademais moi presente na túa familia.

Si. O meu pai tamén lía banda deseñada, debuxaba e pintaba; a miña nai escribía contos para algunhas revistas. E aínda conservo bandas deseñadas de finais do século XIX que pertencían ao meu avó. Pola parte materna, ademais, temos raíces galegas. Era algo transversal na familia. Había revistas, libros, almanaques... A banda deseñada formaba parte da vida familiar. Eu comecei a debuxar moi pequeno e nunca abandonei ese interese.

P. Porén, a túa traxectoria profesional foi moito máis ampla. Estudaches Historia da Arte, pintura, escenografía, cinema de animación...

Sempre tiven dificultades para escoller, porque quería facer moitas cousas. No instituto estudei artes plásticas e tamén letras. Cheguei a matricularme en Belas Artes en Macau, pero abandonei. Tamén pensei en estudar Antropoloxía, Literatura, Historia, Xornalismo... Ao final fun para Historia da Arte, pero ao mesmo tempo estudei pintura, escenografía para teatro e cinema de animación. Hai poucos anos fixen incluso un filme de animación. Tamén escribín para a radio e para xornais, fixen teatro de sombras chinesas nas escolas, toquei a guitarra... Sempre fun un pouco así.

P. Como acabaches en Beja, no Alentejo, e que significou aquela mudanza?

Eu estaba facendo o mestrado en Lisboa e optei a unha bolsa. Quedei en Beja e encantoume. Vivira na zona de Lisboa e, de súpeto, fun para o Alentejo. A miña vida cambiou completamente. Cheguei con vinte e tres anos e quedei. Incluso telefonei o meu profesor para dicirlle que xa non quería volver a Lisboa, que ía ficar en Beja. El non quedou moi contento, pero para min foi marabilloso. Alí traballei nun museo, encargueime do servizo educativo, fixen un xornal para nenos, teatro de monicreques, exposicións... Podía pasar pola mañá traballando nun texto sobre escultura do século XIV e pola tarde facendo teatro de monicreques. Esa diversidade encantábame.

P. E cando chega a túa propia obra de banda deseñada?

Eu facía banda deseñada desde moi novo, quizais desde os cinco ou seis anos. O que chegou tarde foi a publicación. Publiquei o meu primeiro libro cando tiña 42 anos. Fixera moitos traballos de ilustración antes, incluso para nenos, pero sempre quixen facer unha banda deseñada máis persoal, máis íntima. Nunca fixen moita forza para que saíse. Foi como se a vida me fose levando cara ás historias que necesitaba contar. Ás veces temos que vivir determinadas experiencias para poder falar delas. Por iso tardei tanto.

P. Esa primeira etapa persoal cristaliza especialmente en O Amor Infinito que te Tenho. Que hai dese libro en ti?

O Amor Infinito... ten dez historias, moi íntimas, e todas teñen que ver dalgún xeito co meu percorrido. Algunhas son máis tristes e outras menos, pero hai unha certa dozura nelas. Son historias sobre o amor, pero tamén sobre as experiencias e sobre as persoas. Quizais por iso tardou tanto en aparecer. Eu necesitaba pasar por determinadas cousas antes de poder contalas.

P. E, con todo, cando finalmente publicaches, chegaron os premios e o recoñecemento internacional.

Si, foi unha sorpresa. Tiven tres premios en Portugal, outro en Francia e tamén un recoñecemento en España, como cómic do ano da Generalitat Valenciana. Eu nin sequera sabía se o libro ía publicarse. Tiven a sorte de contar con persoas que me apoiaron e cun editor que confiou no proxecto. Levo toda unha vida no sector: comecei a escribir sobre banda deseñada para os xornais aos dezaseis anos, e a primeira exposición que organicei foi cando tiña catorce. Coñezo autores, críticos, xornalistas, editores e libreiros desde hai décadas. Esa rede tamén foi importante.

P. Estás preparando agora unha nova obra. Que podes contarnos dela?

É un libro dunhas cen páxinas que quero rematar este ano. Xa teño practicamente todas as pranchas esbozadas e estou agora pasando a limpalas. É moi diferente de O Amor Infinito que te Tenho. Conta a historia dun home moi amargado, incluso violento, ao que de repente a vida lle sorrí. O problema é que el non é capaz de gozar desa oportunidade. Ás veces temos un futuro marabilloso diante e somos tan amargados que non conseguimos aproveitalo. Este home podería telo todo e acaba quedando sen nada.

P. É unha historia na que tamén queres provocar reaccións no lector.

Exactamente. Eu quería que as persoas odiasen o personaxe e que, ao final, acabasen identificándose con el. Porque nós nunca somos completamente bos nin completamente malos. Ás veces somos egoístas, mesquiños, desagradables... Todos temos esas partes. Interésame esa contradición. Que o lector pense que está mirando outra persoa e, de repente, se decate de que tamén hai algo del nese personaxe.

P. Volvendo á túa época en Beja, como foi a túa aterraxe no mundo da banda deseñada?

En 1996 organicei un taller de banda deseñada con varios autores. Eu daba as clases, pero non era unha ensinanza clásica. Mostrabamos traballos, conversabamos, intercambiabamos impresións e cada persoa facía o que tiña que facer. Foi un éxito moi grande. Apareceron moitos mozos que facían moi boa banda deseñada. A maior parte deles continúa hoxe no colectivo. O taller transformouse no Coletivo Toupeira, e este ano facemos trinta anos. Hoxe somos máis de trinta persoas debuxando. Moitos dos que comezaron daquela son autores consolidados en Portugal e continúa entrando xente nova. É algo que me dá moita satisfacción.

P. E todo isto ten moito que ver na aparición da Bedeteca. Que pretendías crear?

En 2005, a Câmara Municipal de Beja considerou que había que darlle un encadramento a aquel grupo e eu propuxen a creación da Bedeteca, unha biblioteca especializada en banda deseñada que tivese tamén características dun obradoiro de traballo. A idea era que houbese mesas de debuxo, mesas de luz e espazo para que os autores puidesen traballar, pero tamén que calquera persoa puidese entrar, ler e levar libros. E que aquel espazo servise para facer conferencias, exposicións e actividades. Daquela idea naceu tamén a posibilidade de organizar un grande evento dedicado á banda deseñada.

P. Ese evento acabou converténdose no Festival Internacional de Banda Desenhada de Beja, un dos grandes encontros do sector en Portugal. Que querías que fose diferente nel?

Queriamos que fose un festival á nosa escala. Beja é unha cidade pequena, no interior do Alentejo, lonxe dos grandes centros urbanos. E, con todo, conseguimos levar autores de todo o mundo. Temos unha filosofía moi clara: xuntar autores consagrados con autores que están comezando. Podemos ter unha exposición dun autor internacionalmente famoso e, ao lado, a primeira exposición dun rapaz ou dunha rapaza que acaba de facer un fanzine. Este ano, por exemplo, tivemos a Thomas Ott e ao lado unha exposición de Beatriz Brajal, unha autora de 19 anos que facía a súa primeira exposición. Para min iso é fantástico. Os autores consagrados tamén foron novos algún día.

P. Esa mestura parece formar parte da identidade do festival.

Si. Queremos que sexa un festival moi humano. Os autores teñen un momento para os autógrafos e outro para conversar, pero o resto do tempo están alí, falando cos lectores e entre eles, tomando unha cervexa... O festival abre pola noite e hai concertos debuxados, actividades na rúa, comida e bebida. É unha atmosfera moi familiar. Beja ten uns vinte mil habitantes e, con todo, recibimos cada ano dez ou once mil visitantes. Vén xente de todo Portugal e tamén de España.

P. Como ves actualmente a banda deseñada portuguesa?

Creo que nunca pasamos por un momento tan bo. A historia da banda deseñada portuguesa é moi rica e diversa. Comeza xa no século XIX e fomos acompañando as diferentes fases da banda deseñada europea. Portugal tivo unha relación moi forte con Francia e tamén co Brasil. Cando eu era neno había moitísimas revistas nos quioscos. Tiñamos publicacións portuguesas, brasileiras, europeas, americanas... Eu podía ter seis, sete, oito ou dez títulos diferentes cada semana. Era marabilloso. Eu gastaba o diñeiro que me daban para comer en comprar revistas. Ás veces chegaba á casa con fame porque gastara todo na banda deseñada.

P. E ese bo momento tamén se ve no número de autores, festivais, editoriais e espazos especializados?

Si. Agora temos entre 200 e 250 autores traballando, aínda que sexa con certa intermitencia. Temos máis de cincuenta editores de banda deseñada, varios festivais, nove bedetecas e cada vez máis librarías especializadas. Hai tamén residencias artísticas, bolsas, premios e un apoio institucional que antes era moito máis difícil de encontrar. Hai tres anos a banda deseñada entrou na Academia Nacional de Belas Artes. Desde o punto de vista estatutario é moi importante: a banda deseñada pasa a estar ao lado da pintura, a escultura, o debuxo, o cinema ou a danza. É todo un ecosistema. E é un ecosistema moi rico.

P. Tamén desenvolves proxectos con países africanos de lingua portuguesa. Que importancia ten para ti esa dimensión lusófona?

É moi importante. Temos relacións moi fortes con Brasil, Angola, Cabo Verde, Mozambique, Guinea-Bissau, San Tomé ou Timor. En Angola, por exemplo, hai autores e festivais moi interesantes, como Luanda Cartoon. Desde Beja intentamos crear pontes. Facemos exposicións, convidamos autores e agora estamos a desenvolver proxectos para crear bedetecas en Angola e en Guinea-Bissau. Para min, a relación coa África lusófona é tamén unha cuestión cultural. A historia é un fardo pesado e temos que asumir tanto as cousas boas como as malas do pasado. Pero o importante é tamén pensar no que podemos construír a partir de agora.

P. E nese espazo non podemos deixar de falar do noso país. Como definirías a túa relación con Galicia?

É unha relación moi especial. No Festival de Beja temos levado moitos autores galegos. Fixemos exposicións de David Rubín, Miguelanxo Prado, Altar Mutante e doutros autores. En 2014 fixemos unha grande exposición colectiva con máis de cincuenta autores galegos. E intentamos que esa presenza se estenda tamén á programación cultural: fixemos queimada, lemos poemas de Rosalía de Castro... É unha maneira de achegar a Galiza a Beja. Eu, ademais, teño bisavós de Vigo, así que sempre sentín esa proximidade. Hai algo curioso: no norte de Portugal esa relación é moi natural, pero mesmo no sur existe esa sensación de que os galegos son os nosos primos que viven aí arriba.

P. Esa proximidade aparece tamén na túa propia obra?

Si. Hai unha historia do meu libro, «Para Lá dos Montes», na que aparece unha estrada que vai cara ao norte, ao Porto e á «irmá Galiza», a Vigo e á Coruña. Cando fixen a historia non pensei conscientemente niso. Era algo que eu sentía e simplemente apareceu. Despois decateime de que estaba alí esa relación coa Galiza. É curioso como as cousas que levamos dentro acaban aparecendo no que facemos.

P. Que autores portugueses recomendarías a alguén que quixese coñecer a nova banda deseñada do país?

Hai moitos. O problema é que ás veces non son tan coñecidos fóra de Portugal como merecerían. Hai autores cunha obra extraordinaria, como Filipe Abranches, Miguel Rocha, Dinis Conefrey, Maria João Worm, António Jorge Gonçalves, Louro ou Nuno Saraiva. E tamén hai moita xente nova que está aparecendo nos fanzines e nos concursos. Continuamente vemos traballos interesantes. O máis importante é que hai unha comunidade moi activa.

P. Despois de tantos anos traballando na banda deseñada e na cultura, que impresión levas deste festival da Coruña e do ecosistema galego?

O que máis me impresionou foi a proximidade entre as persoas. Sentín unha sensación de comunidade moi forte entre os organizadores, os autores e o público. Había alegría por estar alí, por traballar xuntos. Sentín moita proximidade co que facemos en Beja. A xente estaba feliz, había unha atmosfera moi boa. Onte pola noite fomos tomar unhas cervexas e estivemos falando ata tarde. Foi fantástico. A verdade é que me dá pena marchar tan axiña. Gustaríame ter chegado antes e quedar máis tempo. Pero espero que isto sexa o comezo dunha relación máis longa entre nós.

Logo Viñetas desde o Atlántico blanco horizontal
Atópanos aquí!
© 2026 Viñetas desde o Atlántico.