Logo Viñetas desde o Atlántico negro horizontal
Composición das fotos de Marta Tutone e Pío Barreiro

Experiencia fronte a nova mirada; comparamos as visións do Viñetas 2026 do expositor máis veterano e un novo stand

20 de Agosto de 2026

«O público da Rúa BD vén predisposto a facer gasto», Pío Barreiro, libreiro do stand máis veterano no Viñetas.

«Sorprendeume moito a organización pola calidade das exposicións, a cantidade de actividades e a facilidade na comunicación», Marta Tutone, editora dun stand novato na Rúa BD

A Coruña.— Editoriais, librarías, entidades e asociacións ocuparon os 38 stands que abriron as súas portas a diario na Rúa BD. Cada caseta estaba chea de experiencias diversas con propostas diversas, polo que ao peche desta 29 edición quixemos achegarnos a dúas visións moi diferentes: a do libreiro Pío Barreiro, que non faltou a ningunha das edicións do festival (é, pois, o máis experimentado no evento), e a da editora Marta Tutone, de Liana Editorial, que acode á feira por vez primeira.

Dúas visións diferentes para un mesmo evento que se complementan e suman neste poliedro que é sempre a Rúa BD, un espazo polo que pasaron nestes sete días arredor de 100.000 persoas e nos que as actividades e o fluxo de visitantes a exposicións foi continuo.

Marta Tutone, editora diante do seu posto en Viñetas

Marta Tutone, de Liana Editorial, stand que se estreou este ano no Viñetas

P. Que cres que fai diferente a Rúa BD eo Viñetas doutras feiras?

O primeiro é o feito de que estea aberta nunha zona céntrica moi transitada, na rúa; isto fai que o cómic se poida achegar non só ao público que xa vén con gana porque xa son lectores e lectoras de banda deseñada, senón tamén a un público máis espontáneo. Eu, concretamente, como teño moito cómic infantil e xuvenil, a moito público familiar, que ao mellor están de paseo, de vacacións.

É unha época do ano na que ao mellor visitas menos as librarías da túa cidade, pero de repente estás de vacacións e descobres libros que, quizais aínda que non merques todos aquí, se che quedan aí na cabeza e ao longo do ano sempre os podes buscar.

O segundo é a organización, porque me sorprendeu moi positivamente. Hai moitas exposicións, de moita calidade, moitas actividades; dáselle aos expositores a posibilidade de presentar as novidades ou o proxecto editorial, e isto, por exemplo, no meu caso, que non podo contar cun público que coñeza a editorial por estar outros anos na feira, é algo estupendo. Nese sentido, a atención que recibimos tamén, o nivel de detalle, a facilidade na comunicación, nas instrucións á hora de montar...

P. Algo negativo?

Unha feira é algo esgotador, pero iso é así en todas as partes. Por iso, todo o que contei antes, os detalles por parte da organización, esas pequenas cousas, non son tan pequenas, senón que resultan fundamentais.

P. No voso caso, Liana ten un catálogo cunha fortísima presenza de títulos de infantil e xuvenil e, como dicías antes, hai moito público familiar. Notades que se interesan máis polos vosos libros familias con nenos e adolescentes ou tivestes público variado?

Un pouco das dúas cousas. É certo que temos un catálogo moi variado; por exemplo, o que publicamos para persoas adultas sempre penso que lle pode interesar a un público xuvenil, que está entre o instituto e a universidade... Así que achegouse público moi variado, moita xente nova, tamén ilustradores e ilustradoras que non nos coñecían, pero, desde logo, é certo que tivemos moitísimo público familiar. Claro, eu non podo comparar con outros anos, pero valoro moito a cantidade de familias que pararon, que coñeceron os libros.

Tamén quero dicir que as bibliotecarias fan un traballo estupendo aquí nese sentido, con recomendacións que dan a coñecer os nosos libros; por exemplo, coa saga de Fox & Chick, que moitos os coñeceran nas bibliotecas.

P. As Bibliotecas Municipais están moi presentes no festival. A Rúa BD serviu para que entrásedes en contacto?

Si, falei con bibliotecarias con tranquilidade e en persoa. Faláramos antes por internet, por exemplo con Sira González, e puidemos comentar temas en profundidade. Funcionan moito, e as bibliotecas é algo que non adoita estar nos salóns e feiras de cómic e é importante. E ademais tiveron á miña filla lendo sen parar todos estes días no stand, de lectora residente.

P. Hai algún título que destacase en vendas esta semana?

O que vendemos máis é Una historia ilustrada de la danza, de Laura Cappelle e Thomas Gilbert; foi moi ben. O outro que empata con este é La odisea del espacio. Historia de la conquista espacial, de Arnaud Delalande e Éric Lambert. Dúas obras de non-ficción e moi completas. En infantil case esgotamos a serie de Fox & Chick e Azul, el hada de Pinocho, de Elena Triolo, para público xuvenil e que chega a adultos.

P. Unha anécdota?

Quizais que nos atopamos aquí a familias de Madrid, do colexio dos meus fillos que están aquí de vacacións e que descubrín que veñen todos os anos ao festival.

P. Queredes repetir para 2027?

Gustaríanos moito repetir. Ademais, viñemos toda a familia, ata a cadela. Como plan familiar, ademais de empresarial, gustounos moito, porque a cidade ten moitos atractivos e os meus fillos foron a todas as partes: á torre de Hércules, ao Muncyt... Viron todas as exposicións e ata se foron coa cadela de excursión. Como plan para quen veña ao stand coa familia, Viñetas é perfecto.

Pío Barreiro no medio das casetas de Rúa BD

Pío Barreiro, de Librería Kómic, stand máis veterano no Viñetas

P. Din as malas linguas que sodes o stand ou dos stands máis antigos do Viñetas...

Pois non sei seguro se hai algún outro que repetise en todas as edicións, pero nós sempre estivemos aquí. Non faltamos nunca, e este ano, ademais, co Viñetas celebramos a nosa feira 40.

P. Que queres dicir co da feira 40?

Pois que levamos 40 feiras seguidas só neste ano. E o ano que vén celebramos os 40 anos da libraría. Dito así impresiona moito.

P. Con toda esa experiencia ás costas, que cres que diferencia Viñetas doutros festivais?

Hai un atractivo engadido e é que se revitalizou nos últimos anos. A nós resúltanos inevitable facer unha comparativa e lembramos cando empezou o Viñetas e foi un sorpresón. Non o esquecerei nunca, porque foi o día que naceu a miña filla. Non sabiamos como ía ser e o negocio ía moi ben. Foi unha avalancha tal de xente que viamos que era moi diferente. Falamos duns anos nos que había unha gran bonanza económica.

Nos últimos anos da dirección anterior de Miguelanxo baixou todo un pouco, o nivel do festival, dos autores e das vendas. Porque nós tamén tiñamos claro que se se baixa o nivel de autores baixan as vendas.

Desde que entrou a nova dirección, volveuse notar un boom. É certo que seguimos con moitos autores nacionais, pero revitalizouse moitísimo todo. Moitas actividades novas, unha frescura, e volvemos a notar aquilo dos inicios, que se vende máis nos sete días da Rúa BD que nos dez da feira do libro. O ano pasado, por exemplo, baixou un pouco con respecto ao 2024, pero este ano volveu a subir a afluencia de público. E non é público dos transatlánticos, que non compra nada.

P. Cal é o retrato robot dos clientes do Viñetas?

Teño moita xente que vén porque xa nos coñece despois de tantos anos; hai xente que é cliente en Santiago que vén a Coruña e compra aquí polo desconto. Tamén hai moita xente que vén de Madrid, familias, turismo español. O que está claro é que aquí a xente si que vén predisposta a facer un gasto considerable. Non é aquilo de «se iso igual compramos algo», non. Como oferta hai moitísima e calidade tamén, hai de todo. Pensan en gastar. Para min é complicadísimo seleccionar os libros para traer ao Viñetas, por iso.

P. Lévache moito tempo?

As semanas anteriores ao Viñetas durmo fatal, dándolle voltas á selección. Por exemplo, dun dos títulos máis vendidos do ano traiamos 60 exemplares e estou vendo agora que quedan como seis, pero na maior parte dos casos non queres quedar curto. Este ano, que viñan os Talbot, pedín moitísimos títulos seus e quedamos curtos. É moi complicado, porque ao final a experiencia importa, pero case máis a intuición.

Importa tamén moito o atractivas que sexan as exposicións. O ano pasado, por exemplo, Black metal arrasou e ninguén o esperaba, porque era como moi marxinal e escuro, e o ano anterior a exposición de Lucas Varela foi alucinante e tampouco nos chegaron os exemplares que trouxemos.

P. Que foi o que máis se vendeu?

Na nosa caseta, Dos mujeres desnudas, de Luz, e O eco dos días rotos, de Alberto Taracido.

P. Rúa BD é un espazo tamén para afianzar relacións coas editoriais?

No noso caso non é como no de outras librarías que levan menos tempo ou viaxan menos, porque nós xa temos todo iso moi traballado, pero, por exemplo, este ano tiñamos interese en facer algúns contactos coa xente que viña de Portugal. Pero tampouco nos deu moito tempo, porque estivemos superados de traballo.

P. En 2027, Komic fai 40 anos, e Viñetas, 30. Viredes a celebralo?

Si, a idea é vir aquí e contar todo o que queremos facer para celebrar unha cifra tan importante. Conformaríame con sermos capaces de facer o que fixemos para celebrar o 25 aniversario, que xa foi moito.

Logo Viñetas desde o Atlántico blanco horizontal
Atópanos aquí!
© 2026 Viñetas desde o Atlántico.