Logo Viñetas desde o Atlántico negro horizontal
Alberto Taracido nun sofá dunha cafetería

Alberto Taracido: «Quería contar unha historia moi local da Coruña e conseguín que se recoñecesen nela en Francia»

18 de Agosto de 2026

«‘O eco dos días rotos’ foi un plan B que acabou converténdose no meu foco principal. Agora quero centrarme na banda deseñada, pero aínda me quedan moitos paus por tocar», asegura o ilustrador coruñés

A Coruña.— Alberto Taracido chega ao Viñetas desde unha posición especialmente privilexiada: a dun autor que acaba de abrirse camiño no mercado franco-belga cunha historia profundamente ligada ás súas raíces. O eco dos días rotos naceu durante o confinamento, a partir da nostalxia por Labañou e da memoria dunha infancia vivida entre rúas, monte e barrio obreiro. A obra, publicada en galego e francés, continúa nas librarías de Francia, Bélxica e Suíza dous anos despois da súa aparición. Pero Taracido non chegou á banda deseñada por un camiño convencional. Antes pasou polo deseño gráfico, a publicidade, os videoxogos, a animación e o cine. Todo ese percorrido acabou converténdose nunha escola narrativa que agora aplica á BD. No seu traballo conviven a memoria, o humor, a crítica social e unha particular atención ás sombras da historia.

O éxito de O eco dos días rotos permitiulle ademais entrar nun mercado no que nunca imaxinara ter un lugar tan axiña. Este ano, o Viñetas acólleo como unha das súas figuras centrais, cunha exposición e varias actividades arredor da súa obra. E Taracido xa mira cara adiante, cun novo proxecto internacional en marcha e coa intención de facer da banda deseñada o centro da súa vida profesional.

P. O eco dos días rotos naceu no confinamento, a partir dun debuxo e dunha volta á memoria. Como foi ese proceso?

Naceu precisamente no confinamento. Entrei nun arranque de nostalxia, de lembrar a rúa, e fixen un par de debuxos que colguei nas redes. Saltou toda a xente de Labañou: «Carallo, que tal...». Eu viña traballando cun estilo máis americano, pero volvín a algo máis franco-belga, que era o que facía anos antes, cando estaba máis metido na animación. Empecei a darlle voltas e pensei: «Aquí hai que montar algo». Traballei moito no dossier, dous meses, dous meses e pico, e mandeino a varias editoriais. E de aí xurdiu todo.

P. É unha historia moi local que, porén, conseguiu chegar a Francia, Bélxica ou Suíza. Era esa universalidade algo que buscabas?

Cando coñeces un proxecto desas características queres que saia o mellor posible, a cousa máis grande do mundo. Pero nunca tes control sobre se vas chegar a onde queres. O que me sorprende é que, dous anos despois, a obra siga nas librarías francesas. Está en galego e en francés, en Francia, Bélxica e Suíza. E iso é importante: segue viva.

P. Que querías recuperar daquela Labañou dos anos sesenta e setenta?

A obra ten moito de memoria histórica. É unha historia coral e amable, pero a min gústanme as sombras, as treboadas, os contrastes. Belarmino, que é o personaxe principal, é un maquis que perdeu a memoria. Ao redor del están os rapaces, que lle dan ese punto de infancia e inocencia. Eu lembro que na miña casa a política se falaba en baixiño. Había medo. Quería contar ese camiño iniciático para entender o que era unha posguerra e unha ditadura, pero cun ton alegre e mesmo cun final feliz, porque tamén é unha homenaxe ao meu barrio.

P. Labañou era tamén un barrio moi particular, entre o rural, o obreiro e o mariñeiro.

Para nós, naquela época, A Coruña empezaba nas Esclavas. Dicías: «Imos á Coruña ou quedamos polo monte?». Aquilo era todo monte. Criámonos como se fose unha aldea. En Labañou tiñamos A Coruña en fronte e baixabamos alí como se fósemos a unha capital. Hoxe está totalmente absorbida polo formigón e pola especulación. Os Rosales foi fagocitando todo e agora van poñer As Percebeiras... Labañou vai quedar aí no medio.

P. Hai tamén unha lectura de denuncia social na obra?

Non é unha denuncia en si, aínda que ten esa retranca de poder contar unha denuncia cun sorriso. Vai de solidariedade, de amizade, pero tamén de mollarse un pouco polas inxustizas. Quería que os personaxes formasen unha especie de pequena república independente: está a banca, o funcionario, o contrabandista, a igrexa... É como unha pequena capital cos seus poderes e coa xente da rúa.

P. E por que cres que esa historia conectou tanto co público franco-belga?

En Francia preguntáronme como conseguira facer unha historia tan universal que a xente de alí se sentise identificada. E teño que ser sincero: non teño nin puta idea. A miña intención era que aqueles rapaces puidesen ser perfectamente identificables en Francia, en Suíza ou en Bélxica. Nos anos setenta, os rapaces estaban na rúa. Os personaxes son de Labañou, pero poden ser de calquera sitio. O resultado foi o que foi.

P. Para chegar a ese mercado tamén tiveches que defender a túa liberdade creativa.

Si. Houbo editoriais que querían poñerme un coguionista. Mesmo había unha belga máis potente, pero dixen que quería facelo eu ao cento por cento. Buscaba tres cousas: liberdade, orzamento e poder publicalo fóra. Eu veño dun ámbito laboral moi sacrificado, o cine, e non podía estar un ano practicamente sen soldo tendo unha familia. Se isto saía, tiña que estar financiado.

P. Antes de chegar aí pasaches por moitos mundos: publicidade, deseño, animación, videoxogos... Todo iso foi unha escola para a BD?

Desde logo. O que aprendín durante anos na animación é o que agora podo recoller na banda deseñada: a narrativa, como contar, o ritmo, o deseño de personaxes, os ambientes... Todo o que ten que ver coa estrutura dun cómic aprendino na animación, non nos cómics.

P. Tamén pasaches polo cómic de superheroes, con Valiant. Como viviches aquela experiencia?

Foi un accidente. Eu non son de superheroes, son moi europeo para o cómic. Pero chamáronme desde Valiant para facer un heroe dos anos noventa, Eternal Warrior. E pensei: «Colle, colle, está todo ben». Foi unha experiencia bestial e ademais era o primeiro comic book que facía como tal, de máis de cen páxinas. Traballei músculos, lume, fume... Quedei moi contento, pero tamén me dei conta de que onde desfruto realmente é no cómic europeo. Iso non significa que peche a porta ao mercado americano, pero o de superheroes non é o meu.

P. Con Mr. Crab y el paraíso empezaches a asumir tamén a autoría completa. Que buscabas nesa historia?

Viña dunha necesidade de debuxar e de contar. Despois da crise de 2008, no estudio faciamos de todo, pero eu empecei a notar a falta de horas de debuxo e, sobre todo, de narrativa. De contar historias. Entón comecei a coller horas polas tardes e a argallar unha historia. Hai crítica social, poderes corruptos, unha vendetta en África... É unha historia bastante escura e unha auténtica loucura.

P. Agora estás nun momento especialmente importante, coa túa presenza no Viñetas. Que significa para ti?

É un orgullo. Eu levo anos vindo ao Viñetas como visitante. Ademais, a semana do Viñetas practicamente sempre coincide co meu aniversario. Agora estar aquí cunha exposición, cun equipo de traballo que son todos colegas, é unha festa. É un ano moi especial.

P. E parece que a banda deseñada deixou de ser aquel plan B.

Si. Se miro atrás, hai cinco ou seis anos isto era un plan B que estaba aí, pero non era o foco principal. As circunstancias e a gana de romper na miña carreira fixeron que acabase aquí. Toquei moitos paus e todo ese coñecemento acabou chegando á banda deseñada. Agora quero facer isto tranquilamente, con máis calma.

P. Entón, o futuro está na BD?

Practicamente. Aínda quedan cousas de animación, porque hai colegas que me chaman para facer personaxes ou storyboards, e se son colegas sempre me gusta traballar con eles. Pero o foco está na BD.

P. E que vén despois de O eco dos días rotos?

Teño un montón de proxectos. Estou cunha cousa moi grande para Francia e para o mercado franco-belga que rematarei en setembro do ano que vén, pero aínda non podo contar moito. Tamén teño moita gana de facer unha precuela para saber que pasou con Belarmino, por que perdeu a memoria e que hai detrás deses momentos tan duros da súa historia. Pero estratexicamente creo que é mellor darlle un pouco máis de tempo.

P. Se puideses clonarte, cantos Alberto Taracido necesitarías para facer todo o que tes na cabeza?

Cinco. Cinco tipos máis eu. Seríamos seis, e cada un cunha historia. Sería a hostia. Pero o día ten as horas que ten. Así que agora toca tomalo con calma, con boa letra e rodeado de colegas. Iso é moi importante.

Logo Viñetas desde o Atlántico blanco horizontal
Atópanos aquí!
© 2026 Viñetas desde o Atlántico.