
A Coruña.— O festival Viñetas desde o Atlántico, en colaboración coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), organizou esta mañá a primeira das dúas rutas da memoria incluídas na programación do festival que percorren a cidade unindo diferentes espazos expositivos do Viñetas con historias reais de represaliados, represaliadas e vítimas do franquismo e novelas gráficas. David Lozano, da ARMH, conduciu esta actividade que presentou o director do festival, Manel Cráneo, lembrando a importancia de afondar en temas como este, que supuxo un dos eixos do evento este ano e que, tal e como lembrou, «por desgraza, seguen a ser tan necesarios hoxe en día».
Cráneo aproveitou para lembrar as diferentes exposicións vencelladas a esta temática dentro da programación do festival e que se poden visitar ata o 27 de setembro no Kiosco Alfonso e a Casa Museo Casares Quiroga, así como outras de temática social na Casa Museo Picasso e na Fundación Luís Seoane. «Isto é tan só un aperitivo para seguir afondando en temas tan relevantes coma este», indicou, aspecto no que tamén fixo fincapé David Lozano ao remate da visita, na que achegou unha guía, elaborada pola ARMH en colaboración co Viñetas, de diferentes novelas gráficas e espazos web que recollen información arredor da memoria histórica.
Na visita, na que participaron preto de 30 persoas e que se prolongou durante máis de dos horas, percorréronse espazos como os xardíns de Méndez Núñez (partindo dun dos espazos expositivos do festival, o Kiosco Alfonso), a praza de Pontevedra, a rúa Orzán, a rúa do Socorro, a rúa Sol, a rúa Real e a rúa Beiramar, para finalizar diante da Casa Museo Casares Quiroga, outro dos eixos do Viñetas deste ano, que Lozano convidou a todos os e as participantes a descubrir pola súa relevancia histórica.

O representante da ARMH non foi o único que interveu neste intenso percorrido, senón que contou coa colaboración de Beatriz Trillo, neta de Beatriz González Villar, viúva de André García Ferreiro, represaliado polo franquismo; Rafael Toba, cineasta; María Xosé Bravo e Carmela Galego, da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda; Pilar Otero, neta de Josefa Paz, represaliada pola ditadura franquista.
Cada un deles foi relatando as historias dos seus familiares, ou outras como as do centro de estudios sociais Germinal (moi vencellada á historia do anarquismo e á súa fortísima presenza na Coruña), da guerrilla e das familias que a acolleron na cidade da Coruña, da de artistas coruñeses represaliados, como Camilo Díaz Baliño (pai de Isaac Díaz Pardo), Francisco Miguel ou Luis Huici. Houbo tempo para falar de proxectos como o de A Coruña Literaria e nomes como Ánxel Casal e María Miramontes, de revistas como Lar, Nós ou Alfar.
Os representantes de diferentes entidades e familiares de persoas asasinadas e encarceradas polo réxime franquista puxeron en valor o enorme potencial cultural que existía na cidade no momento do golpe de Estado de 1936 e lembraron momentos terribles como as queimas de libros de espazos como a biblioteca do centro Germinal. Revisáronse detalles relevantes da historia cultural da cidade e vencelláronse a novelas gráficas protagonistas da edición 29 do Viñetas como O eco dos días rotos, de Alberto Taracido, ou Franco, de José Pablo García.

O festival Viñetas, no seu labor nos últimos anos en prol da desestacionalización, ofrece en setembro un total de 20 propostas. Comezando por 10 visitas guiadas ás mostras Viñetas con memoria social, no Kiosco Alfonso, e De Archimboldo a Marcopola (de Jacobo F. S.) e Un paseo por Springfield: Os Simpson na colección de Raúl García, na sala Palexco.
A estas propostas súmase un obradoiro infantil para cada sábado deste mes ás 12.00 na sala Palexco dentro da programación de Viñetas Mini e en colaboración con Autobán. Os sábados 5 e 12 de setembro, os pequenos e pequenas participaron na actividade «Deseña un Simpson para levar contigo», da man de Xoana Pousa. Nel crearon merchandising cos membros da familia amarela como protagonistas co seu propio deseño. E os sábados 19 e 26, tamén ás 12.00 na sala Palexco, de novo da man de Autobán, rapaces e rapazas traballarán con Chano Ripio no obradoiro «Debuxa a túa historieta dos Simpson». As propostas lúdicas e creativas están destinadas á rapazada de entre 6 e 12 anos.
A actividade mantense ata os últimos días do mes e intensifícase o venres 25 con ata catro citas diferentes. Ás 12.00 presentarase o fanzine Nai dos Desterrados, en colaboración coa ONG Amnistía Internacional, na Casa Museo Picasso e contando coa presenza de varios dos autores e autoras participantes na súa elaboración.
Unha hora máis tarde, tamén o venres 25, na Fundación Luís Seoane, Pedro Rojo, presidente da asociación Al Fanar, conducirá unha visita guiada pola mostra Cómic palestino. Voces propias, grito colectivo, que reúne obras de autores e autoras palestinos e que se inclúe dentro da programación de Viñetas Expo e Viñetas Inclusivas. E tamén no mesmo espazo, pero ás 19.00, o presidente de Al Fanar ofrecerá unha charla sobre a banda deseñada en Palestina, como broche de ouro final á mostra que ocupa a planta baixa da fundación ata o 27 de setembro.
Froito da colaboración con Amigos de la Ópera de A Coruña, presentouse esta mesma semana a reedición dun cómic inspirado na ópera Jenůufa, que se representará no Palacio da Ópera da Coruña os días 17 e 19 de setembro.
Todas as inscricións (os obradoiros infantís, as rutas e visitas guiadas) poden realizarse a través do correo kioscoalfonso@coruna.gal
