
A Coruña, 15 de maio de 2026.- O concelleiro de Cultura da Coruña, Gonzalo Castro, e o director do festival Viñetas desde o Atlántico, Manel Cráneo, presentaron esta tarde o cartel da que será a 29ª edición deste evento, deseñado polo autor galego Miguel Robledo. A peza representa a eclipse total de Sol -que coincidirá na cidade coa celebración do festival-, así como a memoria social cunha escolla de personaxes populares da banda deseñada e da animación. A semana central do evento será do 10 ao 16 de agosto, aínda que parte da súa programación se estenderá dende o mes de xuño ata finais de setembro.
O acto de presentación desenvolveuse no stand institucional de promoción da banda deseñada galega dentro do festival Comic Barcelona, que se celebra esta fin de semana na capital catalá. Alí estiveron un avance dos convidados desta nova edición do Viñetas: Pep Brocal, José Pablo García e Sebas Martínez.
O concelleiro de Cultura destacou na presentación que desde o equipo de traballo do festival se traballou “intensamente para construír un encontro cada vez máis rico e diverso, que ofreza propostas atractivas e de calidade para o público xeral da man de grandes figuras do mundo da banda deseñada galega, española e internacional. Voces artísticas que marcan a historia e a actualidade da banda deseñada no mundo”. “Grazas ao impulso dado desde o Goberno de Inés Rey, o Viñetas é hoxe mais atractivo ca nunca, tanto para editoriais como para autores de banda deseñada, grazas a unha programación descentralizada que permite á cidadania e aos visitantes participar en exposicións e actos de primeiro nivel mundial”, apuntou Castro.
Pola súa banda, o director do Viñetas desde o Atlántico explicou que este ano se consolida a nova etapa do festival, na que se está poñendo especial atención na inclusividade e nas temáticas sociais. O cómic español estará ben representado, coma sempre, aumentará a participación do panorama autoral galego e tamén haberá un incremento de nomes internacionais, que se irán desvelando nos vindeiros meses. Cráneo fixo fincapé na fortísima aposta que o salón fai polos creadores e creadoras galegos e na coidada selección dos eixos temáticos e da proposta artística das diferentes exposicións, que se desvelarán cando se aproximen as datas dun evento que está na fronteira das tres décadas de existencia.

Viñetas desde o Atlántico volve optar para o deseño e execución da súa imaxe no 2026 por un autor galego. Neste caso, Miguel Robledo, un creador ourensán que conta cunha longa e consolidada traxectoria no eido da banda deseñada, ademais de como ilustrador de obras literarias e cunha extensa experiencia en revistas como Golfiño, Mister K ou BD Banda.
O salón contará tamén con relevantes figuras do panorama da banda deseñada en España, como Pep Brocal. O autor manexouse con mestría ao longo da súa extensa carreira en rexistros tan diversos como o humor, as reflexións sobre o sentido da vida, a humanidade ou as causas sociais, para alén dunha exitosa e próspera produción editorial na banda deseñada infantil. Entre os seus títulos poden destacarse ‘Cosmonauta’, ‘Inframundo’, a adaptación da novela ‘Taxi’ ou a recente ‘Caridad del Río’, baseada na vida da espía soviética Caridad Mercader.
Outros dos convidados será o tamén catalán Sebas Martín, máximo representante do cómic LGTBI+ na banda deseñada estatal. Estará presente no festival para presentar as súas obras ‘Que el fin del mundo nos encuentre bailando’ e ‘La piel como única bandera’, que abordan a homosexualidade na Guerra Civil e na posguerra.
José Pablo García será outro dos convidados para esta edición. Coa súa recente publicación ‘Palindrotiras’ está causando sensación entre a crítica e os lectores grazas ao seu dominio do humor e das diferentes técnicas de debuxo. O autor malagueño colleitou xa antes éxito coas súas adaptacións á novela gráfica das obras de Paul Preston sobre a Guerra Civil e sobre Franco, así como a de ‘Soldados de Salamina’, de Javier Cercas; todas elas suman milleiros de exemplares vendidos en múltiples reedicións.
Entre os nomes propios do festival destaca tamén o da galega Xulia Pisón, que contará con unha exposición na Casa Museo María Pita en colaboración co festival Elas son artistas. A autora coruñesa é responsable, entre outros moitos títulos na súa carreira, da serie de tres volumes de divulgación científica ‘Microalgas’.




