Logo Viñetas desde o Atlántico negro horizontal
Caseta de Viñetas Estudio

A eclipse «cóase» na actividade do Viñetas a través de charlas e exposicións

12 de Agosto de 2026

A terceira xornada do festival tivo un horario especial de peche nos stands da Rúa BD e encheu a mañá de propostas culturais e científicas

A Coruña.— O inevitable protagonismo da eclipse tamén se fixo oco na terceira xornada do Viñetas desde o Atlántico. Así, a programación da Rúa BD do día 12 abriuse coa presentación do libro Einstein, Eddington e a eclipse, de Ana Simões e Ana Matilde Sousa, no mesmo proxecto que Rumo ao eclipse, recente Prémio Nacional de Banda Desenhada en Portugal.

E, sen afastarse do mesmo eido, a autora coruñesa Xulia Pisón ofreceu unha charla baixo o nome Perségueme a ciencia, na que foi debullando a súa carreira profesional e revelando as diferentes formas en que o eido científico e o artístico se foron mesturando nas súas obras ao longo dos anos. Nesta liña, destaca a súa colección de tres volumes de divulgación científica Microalgas. Pisón é unha das autoras participantes na exposición colectiva acerca da eclipse que forma parte da programación do Viñetas e que se pode visitar na Casa das Ciencias ata o 27 de setembro.

Na carpa da Rúa BD non hai descanso, así que, apenas uns minutos despois, o ilustrador francés Troubs —Jean-Mac Troubet— falou do seu traballo, con Jorge Esteban Jorgiot. Na conversa, Troubs destacou o impacto que o seu traballo, xunto con Edmond Baudoin, tivo entre a comunidade migrante, que retrataron primeiro en Ciudad Juárez (México) e logo en Colombia e na fronteira entre Italia e Francia, concretamente no val do río Roya. De feito, lembrou as súas vivencias durante a realización da súa obra Humanos. A Roya é um rio, na que relata como a veciñanza francesa dese val acolleu os migrantes e como foi a súa convivencia. Subliñou o papel que tivo un deles, Cédric, que chegou a albergar no seu terreo a case 200 persoas.

Miguel Robledo nunha entrevista de Viñetas desde o Atlántico

A mañá pechouse coa charla que revisou a traxectoria artística do autor do cartel do Viñetas deste ano, Miguel Robledo. Nesta conversa que mantivo con Henrique Torreiro, o público asistente descubriu todos os detalles da carreira deste polifacético autor ourensán, cunha longa traxectoria no eido da ilustración, a animación, os fanzines e a dirección artística, que se estreou hai un par de anos coa autoría de novela gráfica, da man do guionista David Muñoz, co álbum Territorio.

Na xornada do mércores, as actividades e as casetas da Rúa BD pararon ás 15.00 horas en horario especial no día da eclipse.

Logo Viñetas desde o Atlántico blanco horizontal
Atópanos aquí!
© 2026 Viñetas desde o Atlántico.