
A Coruña.- O Concello da Coruña, o festival de banda deseñada Viñetas desde o Atlántico e os Museos Científicos amosan a súa aposta polo talento local coa exposición ‘Eclipse de viñetas’ que poderá visitarse desde hoxe, 3 de xullo, ata o 27 de setembro. A mostra recolle o traballo de nove creadoras e creadores coruñeses e un artista convidado arredor da visión científica e artística das eclipses.
O primeiro tenente de alcaldesa, José Manuel Lage, participou esta tarde na inauguración da exposición, xunto ao responsable dos Museos Científicos, Marcos Pérez Maldonado, e o director de Viñetas desde o Atlántico, Manel Cráneo. Tamén asistiron varios artistas que participan nesta mostra colectiva. “O festival Viñetas desde o Atlántico amosa unha vez máis a versatilidade que lle encargamos á súa dirección desde o Goberno de Inés Rey, confluíndo noutros programas municipais como ‘A Coruña CidadEclipse’ e colaborando con entidades como os Museos Científicos, que amplían a súa programación dedicada á eclipse cunha proposta lúdica e de gran valor artístico”, indicou Lage.
O director do Viñetas, Manel Cráneo, valorou, pola súa parte, a aposta do Concello polo festival e o traballo das entidades colaboradoras que está axudando a consolidar o crecemento do evento nesta nova etapa. Os obxectivos desta mostra son a divulgación científica con perspectiva histórica e social da influencia e importancia das eclipses ao longo da historia da humanidade, a través dun medio de comunicación visual e adaptado a todas as idades, a banda deseñada. Un xeito de democratizar a ciencia e facela asimilable e próxima para todos os públicos.
Dez nomes consolidados da banda deseñada, vencellados á cidade da Coruña, abordan con obras orixinais diferentes aspectos específicos arredor das eclipses. A súa influencia na sociedade, na arte e na cultura e os avances que a ciencia fixo no ámbito da investigación deste fenómeno astronómico teñen cabida neste proxecto deseñado para divulgar a través do entretemento e as artes.
Conforman a selección de firmas Xulia Vicente, Luis Yang, Uxía Larrosa, Marcos Calo, Xulia Pisón, Diego Burdío, Paula Mayor, Jorge Peral e Paula Esteban. A mostra complétase cun convidado especial, Jordi Bayarri, autor valenciano de banda deseñada especializado en BD científica con biografías en cómic de personalidades, como Isaac Newton, Galileo Galilei, Albert Einstein, Aristóteles ou Marie Curie, entre moitas máis. Unha selección de luxo e rica en estilos e enfoques que sen dúbida atraerá a atención dos diferentes públicos.
O festival Viñetas desde o Atlántico alíase cos Museos Científicos Coruñeses nun proxecto que mestura ciencia e banda deseñada. Esta suma de creación e ciencia ofrécénos un testemuño gráfico imperecedeiro dun acontecemento astronómico de ámbito internacional no que A Coruña desempeña un papel importante.

