
A Coruña.— O festival Viñetas desde o Atlántico abriu a súa semana grande na que ‘toma’ a cidade enchéndoa con máis dun centenar de actividades, 24 exposicións e cos stands da Rúa BD xa a pleno rendemento. O acto de inauguración, celebrado no Kiosco Alfonso, estivo presidido pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, a responsable de Cultura da Deputación da Coruña, Natividad González, e o director do Viñetas desde o Atlántico, Manel Cráneo.
As xa famosas figuras de decenas de personaxes da banda deseñada como Astérix e Obélix, Spider Man, Batman, Mafalda, Superman, Carpanta ou as últimas incorporacións á colección, Marcopola e Dragoneta, xa protagonizan as fotografías dos/as visitantes das mostras.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou durante a inauguración que Viñetas desde o Atlántico «leva décadas formando parte da identidade da Coruña» e subliñou que a banda deseñada é «unha das linguaxes culturais máis vivas, máis diversas e máis capaces de conectar con públicos moi diferentes». Rey incidiu tamén en que esta edición reforza o carácter aberto e participativo do certame: “Viñetas é un festival de toda a cidade”, afirmou.
No seu discurso, a rexedora puxo en valor a dimensión social e cultural do festival, salientando que «a memoria non é un exercicio de nostalxia» senón «unha responsabilidade», e que a cultura é «un dos mellores instrumentos para exercela». Ademais, lembrou a importancia de achegar o cómic á infancia e ás familias, xa que para moitos nenos e nenas supón «o seu primeiro achegamento á lectura e á cultura». «Desde o Goberno municipal seguiremos apostando por unha cultura accesible, plural, participativa e ambiciosa, porque a cultura non é un complemento: é un dereito, unha ferramenta de cohesión social e unha forma de construír cidade», afirmou.
Pola súa parte, o director do festival, Manel Cráneo, afirmou que esta nova edición do Viñetas segue medrando en 2026 en todos os ámbitos: nas colaboracións con entidades, en deseño e temáticas das ambiciosas propostas expositivas, na calidade e cantidade das actividades, nos lazos tecidos en colaboración co sector do cómic, na aposta polo talento local combinado con autores e autoras de renome internacional...
Neste sentido, lembrou que o equipo do salón define con agarimo cada ano todos os detalles das propostas para ir sempre un pouco máis alá. Cráneo agradeceulle ao Concello o seu apoio e confianza e á Deputación da Coruña a súa participación a través dos Premios Castelao. Cerrou a súa intervención animando a todo o público a deixarse eclipsar polo Viñetas.
Pola súa parte, Natividade González, destacou que este festival se converteu no lugar de encontro no que as artes e o pensamento se dan a man, ao tempo que destacou que a cidade da Coruña se está convertendo nun referente da banda deseñada e da ilustración dentro dun ámbito creativo como o galego no que os premios Castelao confirman a traxectoria cada vez máis sólida dos/as autores/as locais.
Máis de 70 autores e autoras estarán na Coruña ata o 16 de agosto para participar en 24 exposicións (que se prolongan ata finais de setembro) e unha ampla programación entre nas que se contan obradoiros, charlas, clases maxistrais, pódcasts, espectáculos en directo, visitas guiadas e actividades pensadas para toda a cidadanía desde pequenos ata adultos e para público especializado.

Viñetas desde o Atlántico mantén en 2026 as súas principais seccións que acompañan os visitantes na súa experiencia no festival: Viñetas Expo; Viñetas Mini, con obradoiros diarios para público infantil, unha proxección cinematográfica e unha proposta teatral; Viñetas Show, cun concerto ilustrado, dúas proxeccións, unha obra teatral e dúas xornadas dedicadas a pódcasts especializados de Galicia, Madrid e Cataluña; Viñetas Pro, con dúas clases maxistrais e unha sesión de revisión de proxectos para autores/as; un encontro e dúas exposicións para Viñetas Inclusivas e a extensa programación da Rúa BD que conta con 38 casetas, entre as que figuran as de 18 editoriais procedentes de todo o estado presentando novidades e dinamizando este espazo vital do festival. Pero ademais, en 2026 incorpórase a nova sección que pon en valor o traballo das Bibliotecas Municipais da Coruña arredor da banda deseñada, Viñetas Biblio.
A edición abriuse da man da colaboración dos Museos Científicos Coruñeses, coa exposición que adiantou a eclipse na Coruña coas viñetas máis artísticas na mostra Eclipse de Viñetas’, na que dez autoras e autores locais (Xulia Pisón, Diego Burdío, Paula Esteban, Uxía Larrosa, Xulia Vicente, Jorge Peral, Marcos Calo, Luis Yang e Paula Mayor, con Jordi Bayarri como autor convidado) reinterpretan desde a súa mirada a historia científica e artística das eclipses.
Desde xullo está aberto un dos recintos que máis público recibe sempre no Viñetas; a sala municipal de exposicións de Palexco é a sede das mostras de Jacobo F. S. e da colección de Raúl García. Na primeira delas, percorreremos o universo persoal do creador da illa remeira máis coñecida da banda deseñada en España. Esta mostra conta tamén coas dúas novas figuras que se incorporaron á colección do salón: Marcopola e Dragoneta. Mentres, na exposición ‘Un paseo por Springfield. Os Simpsons Simpson na colección de Raúl García’, lévanos da man a unha mostra de merchandising e libros dos cómics da famosa serie, con algúns debuxos orixinais e dedicatorias do propio Matt Groening. Raúl García traballou en varios capítulos da serie norteamericana e foi o primeiro animador español en traballar para Disney.
Xusto a carón, no epicentro do festival, o espazo expositivo do Kiosco Alfonso énchese cunha ampla representación de obras de autores e autoras internacionais e estatais, unidos por un nexo: a memoria democrática e social. Así, os/as visitantes poden gozar na planta baixa da mostra centrada na Loita Loita sindical e feminista europea, coas obras ‘La virgen roja’ e Sally Heatchcoat: sufragista’, de Bryan Talbot e Mary M. Talbot, e Jiujitsufragistas’, de Lisa Lugrin e Clément Xavier; e na primeira planta, a mostra ‘Memoria democrática e social na España do século XX’ XX coas obras O eco dos días rotos’, de Alberto Taracido; Que el fin del mundo nos encuentre bailando’ e La piel como única bandera’, de Sebas Martín; o xa histórico Paracuellos’, de Carlos Giménez; Aquí donde estoy’, de Tyto Alba e María Castro Hernández, e Caridad del Río’, de Pep Brocal.
O programa expositivo complétase coas mostras de Miguel Robledo —autor do cartel desta edición— en María Pita; Humanos, a Roya é un río’, dos franceses Troubs e Baudoin, na Casa Museo Picasso; os Premios Castelao na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, Elas son fantásticas’, autoras galegas de banda deseñada deste xénero, no mesmo espazo; a exposición de ExpoFanzines de Autobán, na Biblioteca de Estudos Locais; Stons’, de Xulia Pisón, na Casa Museo María Pita; unha exposición bibliográfica nas Bibliotecas Municipais (‘Trazos de memoria)’, e a incorporación da Fundación Luís Seoane como nova sede do festival coa exposición Cómic palestino. Voces propias. Grito colectivo’. Cómpre destacar a incorporación da Casa Museo Casares Quiroga como sede de mostras vencelladas á memoria histórica, que nesta ocasión albergará ‘La guerra civil’, de Paul Preston, mostra que recolle o exitoso traballo de adaptación á banda deseñada das obras do historiador británico realizada polo autor José Pablo García; esta exposición inaugurarase este próximo venres 14.

Ademais diso, o Viñetas Paralelas de 2026 conta con cinco sedes colaboradoras: o Circo de Artesáns, coa exposición Nacional 2. Banda Desenhada Portuguesa de Norte a Sul, que recolle obra de seis colectivos autorais de banda deseñada portugueses; o Bar 13, con Óscar Lojo; a Pulpeira de Melide, con a mostra permanente Pulpos de do cómic’,; a cervezoteca Malte con ‘Amair’, de Kike Benlloch e Luis Sendón; e El Tranvía, con Bosque máxico, unha exposición de Fento Studio.
Especialmente rica é neste Viñetas 2026 a extensa programación de actividades pensadas para todas as idades e intereses e que se distribúen entre as distintas seccións do festival. Más de 100 propostas, entre as que se contan obradoiros, cine, teatro, charlas, visitas guiadas, gravación de pódcasts e espectáculos radiofónicos, un concerto ilustrado, encontros con autores e autoras, sinaturas e maratóns de debuxo.

Moitas destas propostas son parte central da programación da Rúa BD, que se abriu hoxe, con 38 stands que ocupan librarías, editoriais e entidades diversas, entre as que se conta o papel central das Bibliotecas Municipais. Este espazo, localizado diante do Kiosco Alfonso, será, sen dúbida, o epicentro da actividade do festival nesta semana.
Entre esta apertada axenda destacan a revisión de proxectos coa colaboración de editoriais, con convocatoria xa aberta a través dun formulario para calquera debuxante interesado/a, e os pódcasts que se gravarán durante a semana do festival coa colaboración de Campamento Kripton’, ‘El diario de Kovacs’, ‘Freakland,’ Cuac FM e El Nicho’.
Toda a programación pode ser consultada en www.vinetasdesdeoatlantico.com.
