Logo Viñetas desde o Atlántico negro horizontal
Mary M. Talbot e Bryan Talbot nas escaleras do Kiosko Alfonso

Mary e Bryan Talbot: «A investigación histórica non é só mirar cara atrás. Permítenos comprender os problemas actuais»

17 de Agosto de 2026

«As mulleres estiveron sempre implicadas nas transformacións políticas e sociais, aínda que moitas veces a historia non lles deu o mesmo espazo», lembran os autores británicos

A Coruña.— Mary e Bryan Talbot levan anos convertendo a historia en materia de novela gráfica. Ela achega a investigación, a escritura e unha longa traxectoria académica vinculada ao xénero e á política. El pon ao servizo das historias décadas de experiencia no mundo do cómic e unha poderosa linguaxe visual. Xuntos construíron obras nas que as mulleres ocupan o centro do relato. Desde La niña de sus ojos ata Sally Heathcote, sufragista e La Virgen Roja, recuperan figuras e movementos fundamentais da historia feminista. Louise Michel e as sufraxistas británicas convértense así en protagonistas dunha historia que segue dialogando co presente.

A investigación sobre o pasado sérvelles tamén para reflexionar sobre os conflitos políticos e sociais actuais. O seu método baséase na conversa constante, na confianza e nunha creación verdadeiramente compartida. Un traballo no que texto e debuxo non funcionan por separado, senón como dúas partes dunha mesma mirada. Falamos con eles sobre feminismo, memoria, revolución e historia e sobre a particular aventura de crear xuntos.

P. As vosas obras conxuntas converteron a investigación histórica e a novela gráfica nunha combinación moi particular. Como naceu esa colaboración?

Mary M. Talbot: Foi bastante espontáneo. Bryan suxeriume que escribise unha novela gráfica cando eu me xubilei anticipadamente da universidade, arredor de 2009. Eu levaba moitos anos traballando como académica, especialmente sobre linguaxe, xénero e política. Escribir unha novela gráfica pareceume algo completamente diferente.

Bryan Talbot: Eu xa levaba décadas traballando no mundo do cómic, pero Mary nunca escribira un guión deste tipo. Unha noite estabamos na casa, tomando unha copa de viño e vendo a televisión, e díxenlle: «Por que non escribes a túa propia novela gráfica e eu a debuxo?». Ela aceptou e así empezou todo. O primeiro resultado foi La niña de sus ojos (Dotter of Her Father’s Eyes), que recibiu o Costa Biography Award en 2012 e se converteu na primeira novela gráfica británica en gañar ese importante premio literario.

P. Desde o primeiro momento había xa unha intención de traballar sobre mulleres e sobre a súa historia?

Mary: Si. Eu levaba moito tempo investigando sobre linguaxe e xénero, e naturalmente estaba interesada no feminismo e nas cuestións relacionadas coas mulleres. Pero tamén me decatei de que había moitas partes da historia feminista que non coñecía suficientemente ben. As novelas gráficas permitíronme investigar esas cuestións doutra maneira. Quería saber máis sobre a historia dos dereitos das mulleres, especialmente sobre a loita polo voto feminino en Gran Bretaña. Así naceu o interese polas sufraxistas.

P. Sally Heathcote, sufragista é unha das obras máis directamente relacionadas con esa loita. Que descubriches durante a investigación?

Mary: Moitas cousas que me sorprenderon. Eu non sabía ata que punto era grande o movemento polo sufraxio. Pensaba que era fundamentalmente un movemento de clase media, pero descubrín que atravesaba todas as clases sociais. Había mulleres traballadoras das fábricas de algodón de Lancashire que estaban moi politizadas, pero tamén mulleres da aristocracia que participaban activamente. A amplitude do movemento foi unha das cousas que máis me impresionou. Tamén me interesaron moito as súas tácticas. As sufraxistas empregaban os medios de comunicación, os xornais, os obxectos de propaganda e mesmo unha rede de tendas. Estaban utilizando ferramentas que hoxe recoñecemos perfectamente na comunicación política. Era o comezo da comunicación de masas e da súa utilización política.

P. Bryan, como traduciches todo ese contexto histórico á linguaxe visual? Xogas moito co branco e negro e logo con toques de laranxa...

Bryan: Un dos problemas de Sally Heathcote era que aparecían moitísimas mulleres, todas con peiteados e vestidos propios da época. Necesitabamos que Sally destacase inmediatamente. Ao principio, a idea era utilizar principalmente branco e negro, incorporando as cores tradicionais do movemento sufraxista: violeta, branco e verde. Pero decidimos facer que Sally fose laranxa. Así, en cada viñeta na que aparecía, podías localizala inmediatamente. Despois outros personaxes adquiriron tamén cores propias. Emmeline Pankhurst, por exemplo, aparecía con roupa malva. A cor convertíase así nunha ferramenta narrativa.

P. Esa preocupación pola historia das mulleres continúa en La Virgen Roja, dedicada a Louise Michel. Como chegastes ata ela?

Bryan: Foi bastante casual. Eu recibira por correo un libro académico sobre as orixes do movemento anarquista e comecei a lelo. Nel aparecía a historia da Comuna de París e, especialmente, Louise Michel. Nunca oíra falar dela e quedei fascinado. Díxenlle a Mary: «Esta é a túa próxima protagonista. Tes que escribir sobre esta muller».

Mary: Eu coñecía moi pouco sobre a Comuna de París e tiven que empezar a investigar a historia francesa para comprender aquel contexto. Pouco despois, ademais, fomos a París e atopamos por casualidade unha exposición fotográfica sobre a Comuna na casa do concello parisiense. Había fotografías das barricadas e de todo aquel período. Foi como se diferentes pezas encaixasen.

P. Que vos atraeu especialmente de Louise Michel?

Mary: A súa vida era extraordinaria. Era unha muller revolucionaria, educadora, escritora e activista. Canto máis investigaba, máis comprendía que a súa historia permitía falar non só da Comuna de París, senón tamén das ideas políticas, da revolución e da participación das mulleres na transformación social.

Bryan: E visualmente tamén era fascinante. La Virgen Roja permitíanos traballar coa cor vermella como elemento simbólico: é a cor do sangue, pero tamén da revolución. Louise Michel era coñecida precisamente como «la Vierge Rouge» e levaba un pano vermello. Por iso decidimos construír o libro arredor do branco e negro con presenza do vermello.

P. Parece que as vosas protagonistas non son simplemente personaxes históricas: son tamén unha maneira de recuperar voces femininas que quedaron fóra do relato tradicional. É esa unha das vosas intencións?

Mary: Si. A investigación fíxome consciente de cantas historias de mulleres descoñecemos. Traballar sobre elas é unha maneira de coñecer mellor a historia e tamén de comprender o presente. As mulleres estiveron sempre implicadas nas transformacións políticas e sociais, aínda que moitas veces os relatos históricos non lles deron o mesmo espazo.

P. O voso traballo demostra tamén que a historia do feminismo non é algo afastado, senón que ten relación co presente.

Mary: Desde logo. Se queremos comprender o presente, temos que coñecer a historia das loitas feministas. O movemento sufraxista, por exemplo, empregaba formas de organización, propaganda e comunicación que nos resultan moi familiares hoxe. Hai unha continuidade histórica.

P. Como funciona na práctica o voso traballo en común? Quen escribe e quen decide como se conta visualmente a historia?

Mary: Eu desenvolvo a historia durante meses. Falamos moito dela. A nosa mesa da cea é tamén un lugar de discusión sobre os proxectos. Despois escribo o guión e pásollo a Bryan.

Bryan: E aí comeza unha colaboración moi estreita. Eu divido o guión en páxinas e viñetas, pero Mary está presente durante todo o proceso. Consultámolo continuamente. O debuxo non é simplemente ilustrar o que ela escribiu: é unha colaboración moi próxima.

Mary: Ademais, Bryan sempre foi o meu primeiro lector. Antes de enviar os meus textos a un editor, el leos e sinala os erros ou as cousas que non funcionan. Eu tamén aprendín moito observando como traballa el.

P. A vosa primeira novela gráfica conxunta, La niña de sus ojos, parte dunha historia moi persoal e dunha figura histórica como Lucia Joyce, a filla de James Joyce. Como naceu este proxecto?

Bryan: A idea inicial foi miña. Díxenlle a Mary que podería facer unha novela gráfica sobre a súa relación co seu pai, que era unha figura moi coñecida internacionalmente e que tiña unha relación difícil con ela. Pero cando Mary comezou a investigar a familia Joyce e, en particular, a Lucia Joyce, descubriu unha historia que lle pareceu aínda máis interesante ca a súa propia.

Mary: Si. Eu estaba inicialmente pensando na miña relación co meu pai, pero cando comecei a coñecer a historia de Lucia quedei fascinada. Pensei que a súa historia era moito máis interesante que a miña. Podería dicirse que me «agochaba» detrás dela. Ao final, con todo, a novela acabou entrelazando as dúas historias: a relación de Lucia con James Joyce e a miña propia relación co meu pai.

P. É tamén a obra na que comeza realmente a vosa linguaxe común como autores?

Mary: Si. Foi o primeiro paso. Eu viña da investigación académica e da escritura, mentres que Bryan tiña unha experiencia moi longa no mundo da novela gráfica. O proxecto permitiunos combinar esas dúas maneiras de traballar.

Bryan: O primeiro guión de Mary parecía máis ben unha obra de teatro, cos personaxes e os diálogos. Eu collía ese material e convertíao en páxinas e viñetas. A partir da seguinte obra, Mary xa comezou a escribir os guións dunha maneira moito máis próxima ao formato do cómic.

P. Polo tanto, a vosa relación persoal tamén forma parte desa forma de crear?

Bryan: Si. Levamos décadas xuntos. Cando empezamos a traballar profesionalmente, xa nos coñeciamos moi ben. A colaboración artística nace desa confianza.

Mary: E tamén desa conversación constante. Non é que un escriba e o outro simplemente debuxe. Estamos falando das historias continuamente.

P. E que importancia ten o feito de que sexades unha parella que traballa artisticamente en común?

Mary: É unha relación moi especial. O traballo está integrado na nosa vida diaria. Falamos das historias, discutimos ideas e revisamos o traballo do outro.

Bryan: E tamén nos complementamos. Mary achega a investigación, a escritura e a súa formación académica; eu achego a experiencia de décadas facendo cómics e pensando visualmente. Pero esas fronteiras tampouco son completamente ríxidas. Co tempo fomos aprendendo un do outro.

P. Esa colaboración tamén aparece noutras obras, como Lluvia?

Mary: Si. Lluvia naceu dunha preocupación persoal polo medio ambiente. Houbo unhas inundacións no norte de Inglaterra e aquilo fíxome pensar que ese podía ser o tema da seguinte novela gráfica. Eu sempre estiven moi interesada no medio ambiente e na alimentación ecolóxica.

Bryan: Fomos a Hebden Bridge, unha das zonas afectadas polas inundacións, e percorremos os páramos. Investigamos como a destrución das turbeiras contribuía ao problema. A paisaxe acabou sendo fundamental para a propia forma do libro. Por iso escollemos un formato apaisado, que permitía transmitir a amplitude dos páramos e do ceo.

P. Hai, polo tanto, unha preocupación social que une moitas das vosas obras: feminismo, desigualdade, medio ambiente, política...

Mary: Si. Son cuestións que me interesan profundamente. A investigación histórica non é só mirar cara atrás. Permítenos comprender os problemas actuais.

P. Nun momento no que medran os discursos autoritarios e a extrema dereita, credes que a literatura e o cómic poden cambiar a maneira de pensar das persoas?

Bryan: Espero que si. Non sei ata que punto podemos cambiar directamente a maneira de pensar das persoas, pero gustaríame que os libros fixesen pensar. Nos meus propios libros tamén tratei o ascenso do fascismo mediante mundos paralelos. Nese tipo de historias podes cambiar os papeis e mostrar como se constrúe un grupo de persoas como «inimigo» ou «chibo expiatorio».

Mary: Para min tamén é importante escribir sobre estas cuestións. A historia mostra que os movementos políticos non aparecen da nada. Hai que entender como se construíron no pasado para recoñecer determinados mecanismos no presente.

P. Despois de tantas obras conxuntas, que vos segue interesando das historias das mulleres?

Mary: A posibilidade de descubrir novas historias. Hai moitas mulleres extraordinarias que aínda non coñecemos suficientemente. A historia está chea delas.

Bryan: Se aparece unha personaxe real que estea ben documentada e que teña unha historia interesante, sería algo que me gustaría explorar. Pero non queremos inventar heroes históricos simplemente porque encaixen no que queremos contar.

P. Bryan, ademais do traballo que facedes xuntos, tamén continúas desenvolvendo os teus propios proxectos. Antes de traballar con Mary xa tiñas Las aventuras de Luther Arkwright, Grandville, La simbiosis ou Historia de una rata mala. En que estás traballando agora?

Bryan: Actualmente estou traballando nunha nova historia de Hawksmoor. É un proxecto que continúa unha serie anterior, Grandville. No último libro de Grandville, o inspector LeBrock conta a historia de como foi adestrado para converterse en detective polo inspector Hawksmoor. Este novo libro é unha especie de precuela: transcorre vinte e tres anos antes de Grandville e céntrase en Hawksmoor cando era máis novo.

É unha historia moi diferente de Grandville. Aquelas obras estaban ambientadas nun París imaxinario da belle époque, mentres que Hawksmoor está ambientada no Londres vitoriano. Tamén cambia a técnica visual: os libros de Grandville están coloreados dixitalmente, mentres que aquí estou utilizando acuarelas, cun ton sepia que pretende lembrar as antigas fotografías vitorianas.

P. Despois de tantos anos e de tantas obras, cal diriades que é a vosa obra preferida, ou aquela da que gardades un recordo máis especial?

Mary: É difícil escoller unha. Probablemente sempre estea máis ligada á última obra que fixen, porque é a que aínda teño máis presente. Pero estivemos especialmente satisfeitos con Armada de locura (Armed with Madness), a biografía surrealista que fixemos sobre Leonora Carrington. Foi un proxecto moi particular, porque queriamos contar unha biografía utilizando unha linguaxe surrealista.

Bryan: Para min tamén é difícil elixir. Cada libro representa unha etapa diferente. Armada de locura foi especialmente interesante porque supuña afrontar unha biografía dunha maneira pouco convencional. Pero tamén gardo un vínculo moi especial coas obras que fixemos sobre as mulleres e coa forma na que Mary foi descubrindo estas historias a través da investigación.

Mary: Quizais o importante non sexa tanto decidir cal é «a mellor», senón que cada libro nos levou cara a unha historia diferente e nos permitiu aprender algo novo.

P. E que queda por facerdes xuntos?

Mary: Sempre hai novas posibilidades. Actualmente estamos traballando en proxectos diferentes e tamén en novas obras conxuntas. Unha das próximas é a dedicada a Mary Wollstonecraft.

Bryan: Levamos anos alternando libros de Mary con libros propios meus. É unha dinámica que nos permite manter tamén os nosos proxectos individuais, pero continuar colaborando.

P. Se tivésedes que definir o que aprendestes traballando xuntos durante todos estes anos, que diriades?

Mary: Que unha boa colaboración pode abrir camiños que probablemente non percorrerías só. Eu nunca pensei que acabaría escribindo novelas gráficas.

Bryan: E eu nunca pensei que a miña experiencia no cómic acabaría mesturándose deste xeito coa investigación académica e coa historia das mulleres. Creo que a clave está precisamente nesa combinación.

Mary: E, sobre todo, en seguir tendo curiosidade. Investigar, descubrir unha historia e preguntarnos por que é importante contala hoxe.

Bryan: Iso é o que fai que o traballo siga sendo divertido.

Logo Viñetas desde o Atlántico blanco horizontal
Atópanos aquí!
© 2026 Viñetas desde o Atlántico.