
A Coruña.— As librarías presentes nesta edición de Viñetas desde o Atlántico fan un balance maioritariamente positivo do festival e destacan, ademais das vendas, a variedade de títulos e a elevada actividade ao longo das xornadas. Desde as librarías galegas ata a portuguesa Dr. Kartoon, os/as profesionais consultados coinciden en sinalar o interese do público pola banda deseñada, aínda que tamén apuntan a diferentes tendencias nos libros que máis saída tiveron.
Manuel, de Metrópolis Cómics, considera que as vendas son similares ás do ano pasado. «Creo que como o ano pasado», explica, aínda que recoñece que aínda non fixeron un balance definitivo por estaren centrados no desenvolvemento do propio festival. Fronte a outros anos, nos que un título podía destacar claramente, nesta ocasión aposta por unha maior variedade. Entre os libros que máis funcionaron están os de autores que a libraría levou directamente ao encontro, como Carolina Corvillo ou Irene Márquez, mentres que o catálogo europeo continúa a ter un peso importante. «Non hai un título concreto que destaque moitísimo, pero si son os que movemos nós mesmos os que máis vendemos», sinala.
Ramón, da Libraría Paz, móstrase aínda máis optimista. «Moi contento. Moi ben», afirma ao comparar esta edición coas anteriores, e asegura que este ano as vendas foron «moito maiores». Na súa opinión, o elevado número de actividades e eventos programados ao longo do festival pode explicar parte dese incremento: «Moito evento, moita actividade constantemente, iso supoño que sempre atrae máis xente». Entre os títulos máis vendidos están os de Tyto Alba, autor convidado ao festival, así como obras de Paco Roca, un dos autores que considera un clásico para o público. Tamén novidades como a adaptación de Fred Fordham de Un mago de Terramar, baseada na novela de Ursula K. Le Guin; a Odisea ilustrada (de Miguel Brieva e Carmen Estrada), publicada por Planeta, coincidindo co interese actual pola obra clásica, e o importante peso do libro infantil. Entre estes últimos, sinala El libro endemoniado, de Fernando Llor e Alicia GM, que define como «moi divertido» e cun funcionamento «superbó».
Antonio Monzón, de Alita Cómics e Penguin Random House, tamén fai unha valoración positiva desta edición, aínda que chama a atención sobre a irregularidade das vendas segundo os días. «Este ano bastante ben», resume, pero matiza que existen grandes diferenzas: «Hai días moito mellores e días que foron bastante peores». Monzón non pode establecer unha comparación directa coa pasada edición porque o ano pasado non participou na feira. Entre os títulos que máis saíron este ano sitúa La fábrica de papel, de Marta Kayser, ademais de Berserk, de Kentaro Miura, e a obra sobre a La guerra civil de Paul Preston doutro autor convidado, José Pablo García.

Desde Portugal, Miguel, da libraría Dr. Kartoon, vive esta edición como unha primeira experiencia no festival e, polo tanto, non ten unha referencia directa para comparar as vendas con anos anteriores. O balance, con todo, é positivo. «Non teño comparación porque é o primeiro ano que estou aquí como libreiro», explica. A experiencia podería ser aínda mellor, segundo apunta, se non tivese problemas co terminal de pagamento, que non funcionou correctamente por cuestións relacionadas co roaming. A pesar dese contratempo, quedou sorprendido polo interese polos libros en portugués. «Notamos que hai interese polos libros en portugués, de autores portugueses, mesmo os que están editados en español», sinala. Entre os autores preferidos, salienta as obras O Amor Infinito que te Tenho, de Paulo Monteiro, outro dos autores convidados; 25 Mulheres, de Raquel Costa, ou Os Vampiros, de Filipe Melo e Juan Cavia.
Sandra, de Tótem Lugo, lembra que se o ano pasado «foi moi ben», este «foi mellor». «Vendemos moitos libros de arte, mangas variados, libros sobre videoxogos», di. Entre eles están One Piece, de Eichiro Oda,e Doraemon, de Fujiko F. Fujio, «clásico que, sempre, rapaces e non tan rapaces piden moitísimo».
Desde a libraría e espazo cultural coruñés Galgo Azul, Leo fai un balance moi positivo da súa participación na feira deste ano, con constante fluxo de visitantes, aínda que con momentos de picos moi elevados, sobre todo arredor da fin de semana. Neste espazo fan especial fincapé na relevancia que o seu amplo catálogo de infantil tivo nestes días. Conta que na lista dos seus libros máis vendidos están, de feito, tres títulos para público infantil e xuvenil: Avni 9 (de Pujol e Canut), Hermanas (de Raina Telgemeier), Policán (de Dav Pilkey), El viaje (de Agustina Guerrero) e O corpo de Cristo (de Bea Lema).
Pío Barreiro, desde a veterana Librería Komic, de Santiago de Compostela, a piques de cumprir 40 anos, conta que tamén detectaron un incremento de vendas e afluencia de visitantes con respecto ao ano pasado. Entre os seus títulos máis vendidos destaca, sen dubidalo, un dos que máis venden xa na tenda física, Dos mujeres desnudas, de Luz; e a novela gráfica O eco dos días rotos, de Alberto Taracido, protagonista dunha das exposicións do Viñetas deste ano.
