Logo Viñetas desde o Atlántico negro horizontal
Robot Gundam

Viñetas trae á explanada de Palexco o tour dos Gundam cun robot de 3 metros de altura

6 de Agosto de 2026

A xira dos Gundam Base Rolling Pop-up inaugúrase na Coruña cunha zona de ocio vencellada ao universo destes robots da serie anime e manga

A Coruña.— Viñetas desde o Atlántico será o festival no que se abra a xira española de The Gundam Base Rolling Pop-up Tour. Trátase dun espazo protagonizado por un camión tematizado coa imaxe de Gundam que, unha vez despregado, se transforma nunha área expositiva e comercial de máis de 100 metros cadrados que recrea a experiencia de Gundam Base e que estará na cidade durante a semana do festival, do 10 ao 16 de agosto.

As persoas que visiten o espazo poderán participar en actividades gratuítas, iniciarse na montaxe de Gunpla e fotografarse xunto a un espectacular robot, o RX-78-2 Gundam, de tres metros de altura, o que sen dúbida será unha das grandes iconas deste espazo. A marca xaponesa Bandai acode como expositor dentro do programa de Rúa BD e terá neste camión tamén á venda diferentes produtos da franquía Gundam.

O mundo dos Gundam e os modelos de montaxe Gunpla converteuse nas últimas décadas nun fenómeno cultural con sobrada implantación en Xapón, que traspasou fronteiras e chegou a crear comunidades de seguidores en Estados Unidos, México e varios países europeos. No seu país de orixe, estes robots protagonizan desde hai anos eventos temáticos multitudinarios. En España, ademais, están dispoñibles varios cómics da serie, como Gundam the Origin, de Yoshikazu Yasuhiko, editado por Planeta Cómic.

Esta incorporación ao Viñetas ocupará a área situada diante de Palexco, e é un novo elemento da que se consolida como zona de especial atractivo para público familiar, ao situarse xunto ás exposicións Jacobo F. S.: De Archimboldo a Marcopola e Un paseo por Springfield. Os Simpsons na colección de Raúl García.

A presenza na Coruña da xira dos Gundam sitúa o festival Viñetas desde o Atlántico nunha ruta na que estarán outros grandes eventos vencellados á banda deseñada como o Comic-Con de Málaga ou o Manga Barcelona.

Esta última incorporación á oferta de ocio do salón do cómic coruñés ponlle o ramo a unha programación que conta con máis de 70 autores e autoras que participan en 24 exposicións e unha ampla programación de máis de 100 propostas, entre as que se contan obradoiros, charlas, clases maxistrais, pódcasts, espectáculos en directo, visitas guiadas e actividades pensadas para toda a cidadanía —desde pequenos ata adultos— e para público especializado.

Tanto a programación oficial como a da Rúa BD poden consultarse completas na web vinetasdesdeoatlantico.com

Que é Gundam?

A serie de anime que comezou coa emisión de MOBILE SUIT GUNDAM no ano 1979 coñécese como serie GUNDAM. É unha obra de ciencia ficción na que aparece un robot chamado GUNDAM.

A serie GUNDAM abrangue diversos universos e configuracións. Aínda que cada un ten o seu propio contexto e ambientación, algúns están estreitamente vencellados entre sísi, compartindo batallas dentro das súas respectivas liñas temporais. A serie gañou grande popularidade nas últimas décadas dentro do universo da ciencia ficción. Conta tamén con unha serie de libros de banda deseñada.

Que é Gunpla?

Son os model kits de robots e naves de combate que aparecen na serie GUNDAM.

Logo Viñetas desde o Atlántico blanco horizontal
Atópanos aquí!
© 2026 Viñetas desde o Atlántico.