As mulleres tamén se abren paso no mundo da banda deseñada de Galicia. De feito, é a nova fornada de autoras a que está colleitando numerosos premios. Premios e galardóns que reivindican con orgullo para destacar a importancia que a muller tamén ten no cómic, un sector que ata hai uns anos era eminentemente masculino.
E ben saben diso Sandra Lodi e Laura Suárez. As dúas teñen varias obras publicadas, así como destacados premios. Sandra obtivo en 2024 o Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado coa obra Papóns e o Premio Castelao de Banda Deseñada, na categoría xeral, pola obra Adelina. Tamén Laura conseguiu en 2024 o Premio Castelao de Banda Deseñada na súa categoría infantil e xuvenil con A raíña cadáver. E as dúas coinciden no cambio de padróns da banda deseñada nos últimos anos.
O propio festival Viñetas desde o Atlántico, referente nos salóns de cómic de Galicia e do Estado, é un bo exemplo disto. «Hai 28 anos, non había case mulleres convidadas. Podía haber unha muller en cada edición e, agora, cambiou completamente a situación», lembra Sandra. Non só a súa participación, senón a temática. «Eran produtos moi dirixidos a homes; Superman, Batman... eran temáticas que quizais ás mulleres non nos interesaban moito», engade.
De feito, os seus referentes no mundo do cómic tamén cambiaron e, agora, son mulleres. A mesma opinión comparte Laura, que tamén coincide en que nos últimos anos houbo un cambio de público tamén no mundo da banda deseñada e agora hai unha ollada «máis feminina».
E boa parte deste cambio de tendencias está tamén na visibilización das mulleres, tanto por parte de editoriais como de librarías e, sobre todo, de premios como os Castelao e festivais como o Viñetas desde o Atlántico. «Axuda a que se coñeza o noso traballo», di Laura. As dúas teñen claro que en Galicia hai bo material e boas historias para facer unha boa banda deseñada.
Temática histórica, como a utilizada por Laura para recuperar a figura de Inés de Castro, esa galega raíña póstuma de Portugal. «A banda deseñada é unha grande oportunidade para dar a coñecer a personaxes históricos do noso país», destaca, «sobre todo, tamén, para o público infantil e xuvenil, aos que penso que pode atraer o tema de ver unha raíña de esqueleto, que pode chamar a atención, e a vez están aprendendo algo».
Sandra, pola súa banda, tira de personaxes femininos da vida cotiá, como a súa Adelina, «unha muller co seu temperamento, que quere fuxir dunha residencia de anciáns». «O que quero é lanzar reflexións sobre o que sucede o día a día a través do humor», asegura.
De feito, as dúas creadoras teñen claro que hai que utilizar temáticas interesantes para enganchar ao público. «Cando ti tes interese na historia que estás a facer, esta xa flúe», di Laura. «Ao final, é un adestramento, coma o dun ximnasio. Se ti estás a gusto con que fas e o contas con amor e con honestidade, vas chegar á xente», apunta Sandra.
Por iso, aconsellan ás novas creadoras que conten historias con corazón e confíen no seu instinto. «Hai que seguir a voz dunha mesma», conclúen.
Sandra Lodi (Lugo, 1990). Ilustradora, deseñadora e artista plástica. Estudou Belas Artes en Salamanca. Publica na revista Mongolia e no semanario en liña El Estafador, así como noutros xornais. En 2019 foi premiada co segundo premio Curuxa de Humor Gráfico. En 2024 obtivo o Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado coa obra Papóns (Galaxia, 2024) e o Premio Castelao de Banda Deseñada, na categoría xeral, pola obra Adelina.
Laura Suárez (Dumbría, A Coruña, 1994). Estudou Belas Artes na Universitat Politècnica de València e cursou un mestrado en cómic e ilustración na escola Elisava de Barcelona. En 2019 publicou o libro de BD Los cuentos de la niebla (Dibbuks). É autora do libro ilustrado Monte Pindo. Historias de lendas do olimpo celta (Galaxia, 2021) e da serie de cómic infantil Monster Support Group (Flying Eye Books, 2023). En 2024 conseguiu o Premio Castelao de Banda Deseñada na súa categoría infantil e xuvenil con A raíña cadáver.