Durante o festival Viñetas desde o Atlántico, os libreiros fixeron un repaso dos títulos máis demandados e analizaron a situación actual do cómic en galego.
Pío Barreiro, de Komic Librería, sinalou como tres obras destacadas desta edición Anzuelo, de Emma Ríos —«unha autora coruñesa de adopción»—, Maltempo, do francés Alfred, e o supervendas infantil Policán, de Dav Pilkey. En canto á situación do cómic en galego, recoñeceu que «está medrando ano a ano; tamén está medrando a oferta en todas as cidades, tanto no infantil e xuvenil como en adultos». Engadiu que, ante opcións similares, «preferimos vender en galego, loxicamente», e concluíu que «aínda non é o desexable, pero segue subindo».
Dante de la Fuente, de Eldrich Gate, destacou no seu caso como título máis vendido Doraemon, de Fujiko F. Fujio: «é un clásico; a feira vén con moitas familias e rapaces, e adoitan levalo como primeira elección». Entre o público adulto, destacou Vagabond, a serie de Takehiko Inoue sobre o samurai Miyamoto Musashi, e toda a sección dedicada ao Studio Ghibli: «son clásicos atemporais; a xente ve un Totoro e lévao para a casa».
Sobre a situación do cómic en galego, De la Fuente puxo o acento na falta de traducións: «tradúcese moi pouquiño ao galego. Gustaríanos que se fixese como en Euskadi ou en Cataluña, subvencionando obras para que os rapaces entren na lectura a través do manga en galego». Recordou, ademais, o papel que tivo o Xabarín Club: «a miña xeración falou e desfrutou do galego precisamente grazas ao anime. Agora tamén se está facendo moito na TVG, e deberiamos aproveitar esa liña».