Diego Corbalán, coñecido artisticamente como Magius (Murcia, 1981), é ilustrador, debuxante e guionista. Iniciouse no mundo dos fanzines en 1998 e en 2001 participou no nacemento do fanzine Black Metal. Entre as súas obras destacan Murcia (Entrecomics Cómics, 2015), El método Gemini (Autsaider, 2018) e Primavera para Madrid (Autsaider, 2020), gañadora do Premio Nacional de Cómic 2021. A súa última obra é Black metal (Autsaider, 2025), baseada en sucesos ocorridos en Noruega a comezos dos anos noventa, con varios crimes e queimas de igrexas.
—A túa obra mestura realidade e ficción con temas intensos, quizais controvertidos. Que che atrae do tipo de historias que ti debuxas?
—O que me atrae son os círculos de poder, os grupos pechados que intentan conspirar, dalgún xeito, para acadar o poder e para conservalo. E a sociedade secreta, a política, todo ese tipo de cousas...
—De feito, na túa obra hai moito de social e moito de político, non?
—Si, pero non tanto en plan reivindicativo, senón máis ben como reflexo do que é a política e a sociedade. Trátase, basicamente, de como determinar xente que parece respectable, pero utiliza a mentira e o asasinato, ou calquera tipo de crime, para superar perpetuacións do poder.
—E, claro, iso é o que mesturas tamén nas túas obras, eses sucesos criminais dos que falas, como sucede co teu último libro, Black metal, non?
—Efectivamente.
—É de supoñer que hai un intenso traballo de documentación detrás...
—Si, documéntome buscando por internet ou lendo libros, ou vendo películas ou documentais. O que faga falta, segundo a historia coa que queira reflectir a mafia. Por exemplo, á parte de películas de Scorsese, que me inspiraron e que tamén tentei copiar, utilizo documentación de sucesos reais, de novas, de documentais, de libros.
—Sempre hai unha relación estreita entre o cómic e a música; como a definirías?
—O cómic é puramente visual e a música é puramente auditiva, pero relaciónanse.
—A que te refires?
—Eu creo que ten que ver co feito de que moitas veces a música, as cancións, contan historias e serven para reflectir situacións complicadas da vida. Fano dun xeito, noutro formato, que o cinema, a literatura ou a televisión non permiten porque son formatos moi masivos. Con todo, o cómic e a música moitas veces funcionan en forma de nicho, de maneira independente, e permiten dicir certas cousas que os outros formatos non.
—Es Premio Nacional de Cómic. Houbo un antes e un despois tras recibir ese galardón?
—Agora fanme máis caso, invítanme aos festivais. Tamén me deu acceso a poder seguir debuxando cómic.
—E non te sentes máis presionado? —É certo. Pero é a presión de que teño que seguir debuxando cómic e que teño que tentar que sexa máis ou menos do mesmo nivel. Mais non tanta presión editorial, porque a editorial é moi pequena.