Logo Viñetas desde o Atlántico negro horizontal
Inauguración da figura de Mafalda en Viñetas desde o Atlántico coa alcaldesa Inés Rey e o director do festival Manel Cráneo

Mafalda, unha icona mundial que xa é parte de Galicia

11 de Agosto de 2025

A Coruña acolle a primeira exposición peninsular sobre Quino e a música da man de Viñetas desde o Atlántico

Mafalda xa é parte da Coruña, e de Galicia. A mítica personaxe de Quino pasará a formar parte do elenco das míticas figuras que ano tras ano invaden a cidade coruñesa durante a celebración do Viñetas desde o Atlántico. Precisamente, este martes, a alcaldesa Inés Rey, xunto co director do festival, Manel Cráneo, inauguraron esta nova figura no marco dunha visita á exposición ‘Quino na música’, unha homenaxe sen precedentes á obra do debuxante arxentino Joaquín Salvador Lavado Tejón, Quino (1932–2020), centrada na súa relación fonda e constante coa música. A mostra, aberta ao público dende xuño na sala de exposicións do Palexco, poderá visitarse ata o 21 de setembro.

Con máis dun cento de debuxos orixinais, entre eles tiras publicadas dende os anos cincuenta ata finais dos noventa, ‘Quino na música’ amosa como a música —do tango ao rock, da música clásica ao pop— está presente en toda a traxectoria do autor. Dende o amor de Mafalda polos Beatles ata a crítica á censura ou aos poderes establecidos a través da música, a exposición permite redescubrir a riqueza expresiva, estética e ideolóxica dunha das voces máis singulares do humor gráfico contemporáneo.

Tecnoloxía 3D

As e os visitantes que se acheguen a esta mostra tamén poderán sacarse fotos 3D coas personaxes de Mafalda e Astro Ratón grazas ao escáner de última xeración ScanMeNow. Este aparato conta con 120 cámaras e reproduce fotos tridimensionais que os asistentes poden descargar a través dun código QR. É un aporte de Turismo da Coruña ao festival Viñetas desde o Atlántico dentro da súa estratexia de sostebinilidade e a primera vez que se pode gozar del nunha gran exposición na Coruña. “É a primeira vez que esta tecnoloxía se utiliza nunha gran exposición do cómic en España”, destacou Manel Cráneo.

Un percorrido temático e emocional

A exposición ‘Quino na música’ divídese en varias seccións temáticas que permiten trazar un percorrido coherente e envolvente pola obra do autor:

O humor e a musicalidade dos seus personaxes, como Mafalda ou Guille, que expresan as súas ideas a través da música ou revelan gustos musicais que reflicten tensións sociais
e xeracionais.

Referencias musicais nas súas obras: A través de partituras, instrumentos e letras de cancións, Quino constrúe situacións que dialogan co contexto cultural da Arxentina e do mundo.

Música e política: A exposición salienta tamén as viñetas nas que a música se utiliza como vehículo de crítica, resistencia ou conciencia social.

Colaboracións artísticas: Inclúese tamén unha selección de materiais audiovisuais e documentos que ilustran as colaboracións de Quino con músicos e artistas ao longo da súa carreira.

Entre as pezas máis destacadas atópanse páxinas orixinais nas que Mafalda interroga o mundo mentres escoita discos de vinilo, sátiras visuais sobre concertos ou educación musical, ou debuxos nos que os pentagramas e os instrumentos se converten en
ferramentas narrativas e simbólicas.

Un dos pratos fortes do Viñetas 2025

A chegada de Quino na música a Galicia supón un dos actos centrais da edición 2025 do Viñetas desde o Atlántico, que celebra estes días a súa semana grande. A exposición reforza o compromiso do festival co recoñecemento internacional da banda deseñada
como arte maior e coa promoción de autorías que marcaron xeracións de lectores e lectoras en todo o mundo.

Logo Viñetas desde o Atlántico blanco horizontal
Concello da CoruñaXunta de GaliciaDeputación da CoruñaMarca Estrella Galicia 0,0
© 2025 Viñetas desde o Atlántico.