“É a exposición máis ambiciosa desde o comezo deste festival”. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou a importancia que esta 28ª edición do Festival Viñetas desde o Atlántico ten para a cidade e para toda Galicia. E é que a cidade converterase desde esta semana na capital peninsular da banda deseñada con numerosas exposicións, obradoiros, visitas guiadas ou concertos, entre outras moitas actividades.
Este Viñetas amosará 1.400 pezas entre obra en papel e creación dixital repartidas en 21 exposicións. Haberá sinaturas e actividades de 70 autores e autoras, tres concertos de creadores de banda deseñada que tamén son músicos, un Late Night Show no Colón e seis obradoiros infantís na Sala Palexco.
“Son preto de 60 actividades entre charlas, tertulias, obradoiros ou presentacións e 36 stands de librarías e editoriais”, destacou Inés Rey. Pola súa banda, o director do festival, Manel Cráneo, subliñou, ademais, que A Coruña acollerá catro exposicións internacionais con obras de Canadá, Arxentina, Portugal e Francia. “Estamos ante un dos mellores festivais do mundo”, sinalou.
De feito, tanto o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, como o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacaron a importancia deste evento. “É un proxecto non só coruñés, senón de toda Galicia”, dixo Lorenzo. “É unha expresión de arte que esperta interese tanto nos máis pequenos coma nos que xa teñen canas e por iso temos que internacionalizalo entre todos”, apuntou Valentín González. Pola súa parte, o director de Márketing de Hijos de Rivera, Antonio Viejo, dixo que esta empresa está para “apoiar a cultura” de Galicia.
Este Viñetas tamén destacará polo Scanmenow instalado na exposición de Mafalda, que realiza fotos e reproducións en 3D de todas as persoas que se acheguen á mostra, con figuras de Mafalda e Astro-Ratón e o cartel oficial do festival de fondo. Ademais, hai 11 restaurantes que dedicarán un prato a personaxes e series de banda deseñada, e un libro con cómics exclusivos das persoas convidadas e artigos de investigación.
O tema central desta edición será a relación entre a banda deseñada e o mundo musical, con exposicións e concertos que unen ambas disciplinas. Ademais, Viñetas realizará unha homenaxe a Castelao para conmemorar o 75º aniversario do seu falecemento, e dedicaranse exposicións e actividades especiais para lembrar o seu legado. Nesta edición participan máis de 70 creadores (73), fronte aos 40 do ano pasado, e preséntanse 20 exposicións, en comparación coas 18 de 2024.
E, como non podía ser menos, na Coruña estarán figuras internacionais e estatais da talla de Dave Cooper, un dos principais ilustradores de Canadá; Magius, Premio Nacional de Cómic en 202; Fermín Solís, da nova ola do cómic español; ou o polifacético artista galego Víctor Coyote. Tamén estarán os destacados ilustradores Carlos Azagra, Encarna Revuelta, Miguel B. Núñez, Olivia e Clara Cábez, Don Rogelio J, Inacio e Iván Suárez, Sara Jotabé, Montse Mazorriaga, Marika Vila, Jorge Esteban Urabayen, Sandra Lordi, Laura Suárez, Raquel Gu, Natalia Velarde, Arkaitz González, Diego Burdío e Adrián Prado, entre outros.
Ademais, a cidade coruñesa acollerá 20 mostras, incluíndo Quino na Música, Astro-Ratón e Bombillita de Fermín Solís na Sala Municipal de Palexco; Viñetas e Decibelios, no Kiosco Alfonso; e obras de Víctor Coyote, Azagra, Revuelta, Magius, Miguel B. Núñez, Cols (Olivia e Clara Cábez), Don Rogelio J e Wobbly de Dave Cooper, na Casa Museo Picasso. Pola súa parte, en colaboración coa Deputación da Coruña, a Sala Municipal de María Pita acollerá obras de Inacio e Iván Suárez e das gañadoras dos Premios Castelao 2024, Sandra Lordi e Laura Suárez.
Este Viñetas 2025 tamén vén cargado de concertos gráficos e actuacións en vivo, incluíndo o concerto ilustrado de Hombre Tigre, actuacións de autoras como Anabel Colazo e Raquel Montero, ademais da proxección do documental Quinografía e un Late Night Show con entrevistas a autores, presentado por Neves Rodríguez.
Ademais, o Viñetas Mini traerá obradoiros diarios con autores convidados na Sala Municipal de Palexco e espectáculos nas Bibliotecas Municipais, e a tradicional Rúa BD encherá a feira da banda deseñada coa presenza de 35 editoriais e librarías especializadas, con máis de 100 actividades, entre elas sinaturas, charlas, presentacións, visitas guiadas e masterclasses nos Xardíns de Méndez Núñez. Por suposto, tampouco faltarán os obradoiros e revisión de portafolios por parte de editores na sección Viñetas Pro.