Logo Viñetas desde o Atlántico negro horizontal
Viñetas Inclusivas

Un plan de inclusión social que integra lingua de signos no Viñetas Late Night no Teatro Colón e se completa con dúas xornadas de actividades arredor da inclusión social, o 13 e o 14 de novembro

OBRADOIRO
«A QUE SOA UNHA BANDA DESEÑADA»

Impartido por Sonia Hermida

Xoves 13 de novembro ás 18.30

Biblioteca Infantil e Xuvenil Salvador de Madariaga (rúa Durán Loriga)
Viñeta de Mafalda

Se hai unha edición do Viñetas con banda sonora propia, desde logo, é esta do 2025. As mostras Quino na música (na sala Palexco), Viñetas e decibelios (no Kiosco Alfonso) e mesmo La banda sonora de mi vida, nun dos espazos colaboradores, o Bar 13, así o confirman. Non existe parella máis estable que cómic e música, así que neste obradoiro imos experimentar con ambos e decidiremos entre todos/as a que soan os cómics das Bibliotecas Municipais e que cómic lle dedicamos á música ou músicas da nosa vida. O público obxectivo serán persoas con diversidade funcional.

Capacidade máxima:
14 persoas, que sempre poderán acudir co seu asistente persoal ou con calquera apoio que precisen.

Duración máxima:
90 minutos.

Inscrición xestionada por Bibliotecas Municipais.

PRESENTACIÓN DO FANZINE ‘NAI DOS DESTERRADOS’
Medio ambiente e dereitos humanos

En colaboración con Amnistía Internacional

Venres 14 de novembro ás 19.00

Biblioteca Infantil e Xuvenil Salvador de Madariaga (rúa Durán Loriga)
Nai dos desterrados

Acto coa presenza das autoras Laprislazuli, La Chica de la Cinta, Paula Esteban e Noelia Rodríguez

A temática da sétima edición do fanzine é medio ambiente e dereitos humanos. Poderosos responsables da toma de decisións, desde xefes e xefas de Estado ata cargos directivos de empresas petroleiras, queren que creamos que o futuro do noso planeta está nas nosas mans. Queren que creamos que, se reciclamos o suficiente ou deixamos de utilizar plástico dun só uso, podemos deter a crise climática e as violacións de dereitos humanos que esta comporta. Queren que creamos que a solución radica na acción individual e non en poñerlle fin á cobiza empresarial. Iso é sinxelamente falso.

A economía de hoxe, baseada nos combustibles fósiles, está impulsada e financiada por empresas e autoridades gobernamentais que se benefician do sistema actual. Son quen decide se seguimos extraendo e queimando combustibles fósiles, o que dá lugar a que haxa nenos e nenas que crecen con asma e outras enfermidades respiratorias nas cidades moi contaminadas, ou agricultores que perden os seus medios de vida por mor da seca ou de choivas catastróficas.

Pero aínda hai esperanza. Os gobernos están legalmente obrigados a reducir e abandonar gradualmente de forma rápida as emisións de combustibles fósiles; non facelo constitúe unha violación dos nosos dereitos humanos máis fundamentais. Os gobernos dos países que máis contribuíron ao cambio climático deben ser os primeiros en actuar e deben levar a cabo as maiores reducións.

Entre os dereitos que se vulneran están o dereito á saúde, o dereito á alimentación, o dereito á vivenda e mesmo o dereito á vida. Se traballamos conxuntamente e xeramos suficiente ruído, podemos crear un camiño viable para o cambio. Oxalá non sexa tarde para minorar o cambio climático. Podemos reducir e cambiar a forma de consumir e producir, e esixir medidas políticas sostibles e respectuosas coa vida e a conservación da natureza.

Laprislazuli no seu estudio

Laprislazuli

Ilustradora e tatuadora galega. Como para a maioría dos artistas, os seus primeiros mellores amigos foron os lapis de cores e os debuxos animados. No seu día a día poderedes encontrala rodeada de cuncas de café, peliños da súa cadeliña Miga e do seu gatiño Gustavo e, naturalmente, de lapis, papeis e listas de cousas que facer interminables.

Instagram: @laprislazuli
Web: www.laprislazuli.com

La Chica de la Cinta no seu estudio co seu can

La Chica de la Cinta

Ilustradora, deseñadora gráfica e bordadora da Coruña. Está sempre acompañada dos seus dous axudantes: unha cadela de patas curtas (Maaruchi) e un gato moi alegre (Gideon), que están ao seu lado mentres crea animaliños en universos onde o amor pola natureza, o respecto e a empatía son os protagonistas. Utiliza diferentes técnicas, desde lapis de cores ata técnicas dixitais ou agulla e fío.

Instagram: @lachicadelacinta
Web: www.lachicadelacinta.com

Retrato de Paula Esteban

Paula Esteban

Leva viva desde unha noite de maio de 1991. Actualmente reside na Coruña. A súa única meta na vida era facerse rica e ser unha grandiosa deseñadora gráfica e ilustradora, pero polo momento confórmase con vivir nun apartamento, traballar as súas horas diarias e nos seus momentos libres debuxar, ver series, escoitar música e comer patacas fritas sen control. Leva colaborando desde os seus inicios na publicación Nai dos Desterrados, así como en moitas outras do panorama galego.

Instagram: @paula.esteban

Retrato de Noelia Fierro

Noelia Rodríguez

Fotógrafa de profesión e ilustradora autodidacta, leva toda a vida dando forma a mundos imaxinarios a través do debuxo. O seu estilo caracterízase por unha mirada suave e expresiva, con atención ao detalle e unha forte carga narrativa. A ilustración é para ela unha linguaxe natural, que acompaña e complementa o seu traballo visual. Ademais da fotografía, está sempre aberta a novas colaboracións e proxectos de ilustración nos que poida poñer a creatividade ao servizo de novas ideas e boas causas como este fanzine.

Instagram: @noeliailustra

PROXECCIÓN DO FILME ‘MARY AND MAX’
Cinema de animación sobre discapacidade

Venres 14 de novembro ás 20.30

Salón de actos da Academia de Belas Artes
(rúa Panadeiras)

Proxección desta prestixiosa película do director de ‘Memorias dun caracol’.

Primeira longametraxe de Adam Elliot, gañador dun Oscar coa curtametraxe Harvey Krumpet e director de Memorias dun caracol (nomeada aos Oscar e aos Globos de Ouro). En 1976, en Melbourne, unha nena solitaria de 8 anos mantén correspondencia cun amigo inesperado: un neoiorquino de 44 anos con obesidade mórbida e síndrome de Asperger. Premio á mellor película no Festival de Annecy 2009 (ex-aequo con Coraline) e mención especial no Festival de Berlín 2009.

Mary and Max (Australia, 2009). Cor, 88 min. Dirección: Adam Elliot. Produción: Melanie Coombs (Melodrama Pictures). Guión: Adam Elliot. Dirección de fotografía: Gerald Thompson. Montaxe: Bill Murphy. Música: Dale Cornelius. Intérpretes (voces): Toni Collette, Philip Seymour Hoffman, Eric Bana.

Logo Viñetas desde o Atlántico blanco horizontal
Concello da CoruñaXunta de GaliciaDeputación da CoruñaMarca Estrella Galicia 0,0
© 2025 Viñetas desde o Atlántico.