Bases da convocatoria
1. Obxectivo
Esta convocatoria ten como finalidade facilitar o encontro entre autores/as de banda deseñada e profesionais do sector editorial. A través deste espazo de revisión, os/as autores/as poderán recibir valoracións, consellos e orientacións sobre os seus traballos ou proxectos por parte de editores convidados.
2. Participación
A convocatoria está aberta a autores/as de banda deseñada, tanto noveis como profesionais, sen restrición de idade ou nacionalidade.
3. Inscrición
- As persoas interesadas deberán cubrir o formulario de inscrición dispoñible na web oficial do festival.
- O prazo límite para o envío de propostas remata o 28 de xullo de 2025 ás 23:59.
- As propostas deberán incluír unha mostra representativa do traballo ou proxecto que se queira presentar.
4. Selección
- As propostas recibidas serán avaliadas polos/as editores/as participantes, que escollerán aquelas que consideren de interese para manter un encontro individual.
- A selección corre exclusivamente a cargo dos editores, en función dos seus criterios editoriais.
- As persoas seleccionadas recibirán unha comunicación por correo electrónico na que se confirmará a súa participación.
5. Desenvolvemento do encontro
- O encontro terá lugar o venres 15 de agosto de 2025, ás 10:00, no Circo de Artesáns (rúa Santo André, 36, A Coruña).
- Cada persoa participante disporá dun tempo determinado para presentar o seu traballo e conversar co editor/a asignado/a.
- O festival establecerá a distribución horaria e as quendas de revisión para garantir o bo funcionamento da actividade.
6. Presentación do material no encontro
- O material poderá presentarse en formato físico (impreso) ou dixital, a través de dispositivos como tabletas, portátiles etc.
- Recoméndase que os traballos estean organizados e preparados para facilitar unha revisión áxil e efectiva.