Lisa Lugrin e Clément Xavier: «Gústanos traballar con historias alternativas que ofrecen esperanza»
Os autores franceses protagonizan unha das exposicións do Viñetas 2026 coa súa novela gráfica ‘Jiujitsufragistas’
A Coruña.— Lisa Lugrin e Clément Xavier levan décadas contando historias a través do cómic, desde que se coñeceron no instituto hai xa máis de 20 anos. Lisa estudou antropoloxía e cine e diplomouse na Escola de Banda Deseñada de Angoulême. Conxuntamente co seu compañeiro de viaxe Clément Xavier, que tamén estudou na Escola de Banda Deseñada de Angoulême, fundou Na *Éditions. Ambos foron acollidos en residencia na Maison des Auteurs de Angoulême e participaron na obra colectiva Afghanistan (2011). En 2015, recibiron o premio Revelación no Festival de Angoulême por Yékini, le roi des arènes. Como guionistas, asinaron de xeito conxunto a adaptación a cómic de Une histoire populaire de France (debuxada por Gaston) e os álbums Washing-Town (con debuxo de Fanny Grosshans) e Waco Horror: Elizabeth Freeman, l’infiltrée (debuxado por Stéphane Delarue), alén de realizaren algúns traballos en solitario. Chegan ao Viñetas coa súa única novela gráfica traducida ao español, Jiujitsufragistas, na que contan a historia de Edith Garrud, que adestrou en jiujitsu as gardacostas de Emmeline Pankhurst a principios do pasado século XX. Foi o seu xeito de combater a violencia policial contra as sufraxistas nos anos máis duros da súa loita.
P. A vosa novela gráfica Jiujitsufragistas é moi diferente a outros libros que abordan esta temática histórica. O enfoque é orixinal e podería parecer incluso unha mestura estraña. Como chegastes a esta proposta, a este mix?
Clément Xavier: . Houbo moitísimas razóns polas que decidimos abordar esta historia, a verdade, pero a primeira foi que cando escoitei falar desta historia, sufraxistas que practicaban jiujitsu, enseguida me enganchou; interesoume porque Lisa practica unha arte marcial similar ao jiujitsu desde hai uns anos. Iso chamoume a atención, porque me pareceu curioso, e foi a partir de aí cando que me interesei nesta historia e en coñecela.
Lisa Lugrin: . Entón vimos que ademais é unha historia moi pouco coñecida sobre as sufraxistas e, en xeral, démonos conta de que hai moitas loitas moi relacionadas co noso mundo e que foron totalmente esquecidas. Pensamos que é moi importante lembralas e non volver a partir de cero nesas loitas hoxe en día. Inspirarse no que xa sucedeu é moi importante.
P. Neste caso concreto, falades do dereito ao voto das mulleres.
Lisa. Si. No ano 2018 celebrábase o centenario da obtención deste dereito en Reino Unido e organizáronse exposicións. Fomos velas e había unha foto dunhas mulleres que tiñan os puños levantados e eu fixeime moito porque aquela imaxe me resultaba moi poderosa, estaba a falarme. Era a primeira vez que eu vía unhas mulleres tan reivindicativas, con este tipo de forza común. Nunca vira esa imaxe. Mulleres unidas que empurran.
P. Nun libro como este é especialmente importante a parte de documentación. Como a afrontastes?
Lisa. A verdade é que tivemos sorte, porque xustamente coincidiu coa celebración do centenario en Inglaterra do dereito ao sufraxio feminino, así que fomos a Londres e había moitas exposicións que puidemos visitar.
Clément. Había moita documentación accesible, e tivemos a sorte de que fose posible consultala de xeito relativamente doado. Noutras ocasións non nos sucedeu así.
P. Canto tempo durou todo o proceso de elaboración e redacción do libro?
Lisa. Creo que aproximadamente un ano e medio.
P. Jiujitsufragistas traduciuse ao español e publicouse no noso país en 2023. Foi traducido a outros idiomas? Cal foi a súa acollida internacional?
Lisa. Traduciuse e publicouse nos Estados Unidos.
Clément: . E en Alemaña tamén.
Lisa. A acollida en Francia foi un pouco peculiar, porque se publicou nunha colección de libros de historia e deportes, cun público maioritariamente masculino, e o noso editor pasouse moito tempo sen chamarnos ao principio. Non foi un éxito rápido, senón un traballo de boca a boca; co tempo, foise falando del e o libro fíxose un oco.

P. Nesta edición do Viñetas, dedicada á loita polos dereitos sociais e a memoria histórica, que credes que achega o cómic á difusión da memoria histórica?
Lisa. Creo que o cómic é fantástico para falar das loitas e para falar, en xeral, de moitos temas sociais. É fantástico porque pode chamar a atención de moita xente que nunca van ler grandes ensaios nin libros longos. Pode servir para que lles entre gana de lelos e, en todo caso, é unha porta de entrada e permite ademais falar de diversos temas e mesturar feitos reais e ficción, e consegue que se cree unha empatía cos personaxes que fai que os lectores conecten máis co que lles pasa. Evidentemente, cando estás a crear o libro, hai que elixir, non se pode falar de todo, pero para min é estupendo, porque o cómic che permite ir metendo pequenos toques de distintos temas e así, se logo estás interesada, investigalos. Pero, sobre todo, a conexión que se crea cos personaxes.
Outra cousa que me gusta moito tamén é que por exemplo, aquí, coas sufraxistas, damos moitos puntos de vista. Entre elas tampouco estaban totalmente de acordo, pero despois ti como lectora podes facerte a túa propia idea.
Clément. A banda deseñada é unha arte tremendamente popular e iso é xenial porque consegue que moita xente non se sinta impresionada ou intimidada por algúns temas grazas ás ilustracións; a posta en escena resúltalles accesible, abordable. É algo que adoro do cómic.
P. As vosas impresións do Viñetas e da vosa estancia na Coruña?
Lisa. Fantásticas en todos os sentidos. A exposición é incrible; a xente, moi amable; o equipo é fantástico. Encantounos coñecer os artesáns que fixeron as pezas extraídas do cómic... No que se refire á Coruña, coñecemos un pouco a cidade, percorremos a zona próxima á torre de Hércules, paseamos xunto ao mar...
P. Podedes contarnos en que proxecto estades a traballar agora?
Lisa. En varios. Un deles vai da amizade e o outro é sobre os dereitos da natureza, en particular sobre o río Ganxes.
P. Pola vosa bibliografía actual e vendo os proxectos que tedes entre mans, queda claro que traballades con temáticas moi moi diferentes. Gústavos cambiar a miúdo? Axúdavos nos procesos creativos?
Lisa. Pois houbo períodos nos que traballamos en proxectos históricos e outros en que nos centramos en argumentos máis modernos, pero, de todos os xeitos, fundamentalmente, sempre traballamos en cómics dalgún xeito anticapitalistas, que contan historias de persoas que intentan atopar alternativas a un sistema opresivo que se centra demasiado no diñeiro. Creo que hai un fío vermello que dalgunha forma une todos os nosos proxectos. Traballamos con historias alternativas que ofrecen esperanzas.
P. Interésavos entón especialmente tamén esta perspectiva histórica da que falabades?
Lisa. De pequena non me interesaba a historia, e a verdade é que non entendía por que lle interesaba a ninguén. Co paso do tempo, decateime de que a historia non vai só da xente poderosa. Vai tamén das historias da xente pequena, e, neste contexto sociopolítico no que vivimos, penso que é moi bo lembrar as historias da xente que realmente quixo cambiar a historia.
Clément: . No caso de Jiujitsufragistas e noutros tamén, sucede ademais que, aínda que sucedese hai 100 anos, hai gran relación coa actualidade. En Francia vivimos nos últimos anos situacións de represión policial similares ás das sufraxistas.
Lisa. Si, por exemplo, todo o que sucedeu coas manifestacións dos chalecos amarelos foi terrible. O paralelismo é tan grande que asusta. Non pensaba que puidese suceder algo así na Francia actual.
P. Como funcionades como tándem creativo?
Lisa. Nos procesos creativos sempre hai tensións, e iso é lóxico, pero temos claros os límites. Clément é o guionista, e hai momentos nos que é el quen ten que tomar a decisión final e, outras veces, eu. O feito de traballarmos e vivirmos xuntos permítenos conversar sobre os temas cumpridamente.
Clément. Hai cousas que están moi claras. Cando empezamos a traballar cun tema, temos que estar de acordo os dous, pero despois, durante o tempo en que estamos a traballar no libro, o proceso é permeable, flexible. Nutrímonos das ideas de ambos continuamente.
P. Unha recomendación dalgunha novela gráfica ou cómic que lésedes recentemente e que vos gustase.
Lisa. Eu recomendaría un libro de Tillie Walden, editado por La Cúpula, En un rayo de sol, que vin nas casetas da Rúa BD. O debuxo é fantástico, e a historia, tamén. É de ciencia ficción.
Clément. Eu quero dicir que nos impresionou moito a diversidade de casetas, de libros que se atopan aquí, e algunha caseta como a da asociación Chilli Com Carne. E en Garbuix Books paréceme estupendo La espera, de Mario Trigo.


