A ruta da memoria do Viñetas conecta as exposicións do festival coa memoria histórica da Coruña
Os eventos, organizados en colaboración coa ARMH, permítenlle ao público do festival descubrir detalles vencellados á historia da cidade e ás pegadas do golpe de Estado e da ditadura na comarca
A Coruña.— O festival Viñetas desde o Atlántico, en colaboración coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), organizou esta mañá a primeira das dúas rutas da memoria incluídas na programación do festival que percorren a cidade unindo diferentes espazos expositivos do Viñetas con historias reais de represaliados, represaliadas e vítimas do franquismo e novelas gráficas. David Lozano, da ARMH, conduciu esta actividade que presentou o director do festival, Manel Cráneo, lembrando a importancia de afondar en temas como este, que supuxo un dos eixos do evento este ano e que, tal e como lembrou, «por desgraza, seguen a ser tan necesarios hoxe en día».
Cráneo aproveitou para lembrar as diferentes exposicións vencelladas a esta temática dentro da programación do festival e que se poden visitar ata o 27 de setembro no Kiosco Alfonso e a Casa Museo Casares Quiroga, así como outras de temática social na Casa Museo Picasso e na Fundación Luís Seoane. «Isto é tan só un aperitivo para seguir afondando en temas tan relevantes coma este», indicou, aspecto no que tamén fixo fincapé David Lozano ao remate da visita, na que achegou unha guía, elaborada pola ARMH en colaboración co Viñetas, de diferentes novelas gráficas e espazos web que recollen información arredor da memoria histórica.
Na visita, na que participaron preto de 30 persoas e que se prolongou durante máis de dos horas, percorréronse espazos como os xardíns de Méndez Núñez (partindo dun dos espazos expositivos do festival, o Kiosco Alfonso), a praza de Pontevedra, a rúa Orzán, a rúa do Socorro, a rúa Sol, a rúa Real e a rúa Beiramar, para finalizar diante da Casa Museo Casares Quiroga, outro dos eixos do Viñetas deste ano, que Lozano convidou a todos os e as participantes a descubrir pola súa relevancia histórica.
O representante da ARMH non foi o único que interveu neste intenso percorrido, senón que contou coa colaboración de Beatriz Trillo, neta de Beatriz González Villar, viúva de André García Ferreiro, represaliado polo franquismo; Rafael Toba, cineasta; María Xosé Bravo e Carmela Galego, da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda; Pilar Otero, neta de Josefa Paz, represaliada pola ditadura franquista.
Cada un deles foi relatando as historias dos seus familiares, ou outras como as do centro de estudios sociais Germinal (moi vencellada á historia do anarquismo e á súa fortísima presenza na Coruña), da guerrilla e das familias que a acolleron na cidade da Coruña, da de artistas coruñeses represaliados, como Camilo Díaz Baliño (pai de Isaac Díaz Pardo), Francisco Miguel ou Luis Huici. Houbo tempo para falar de proxectos como o de A Coruña Literaria e nomes como Ánxel Casal e María Miramontes, de revistas como Lar, Nós ou Alfar.
Os representantes de diferentes entidades e familiares de persoas asasinadas e encarceradas polo réxime franquista puxeron en valor o enorme potencial cultural que existía na cidade no momento do golpe de Estado de 1936 e lembraron momentos terribles como as queimas de libros de espazos como a biblioteca do centro Germinal. Revisáronse detalles relevantes da historia cultural da cidade e vencelláronse a novelas gráficas protagonistas da edición 29 do Viñetas como O eco dos días rotos, de Alberto Taracido, ou Franco, de José Pablo García.
Programación de Viñetas en setembro
O festival Viñetas, no seu labor nos últimos anos en prol da desestacionalización, ofrece en setembro un total de 20 propostas. Comezando por 10 visitas guiadas ás mostras Viñetas con memoria social, no Kiosco Alfonso, e De Archimboldo a Marcopola (de Jacobo F. S.) e Un paseo por Springfield: Os Simpson na colección de Raúl García, na sala Palexco.
A estas propostas súmase un obradoiro infantil para cada sábado deste mes ás 12.00 na sala Palexco dentro da programación de Viñetas Mini e en colaboración con Autobán. Os sábados 5 e 12 de setembro, os pequenos e pequenas participaron na actividade «Deseña un Simpson para levar contigo», da man de Xoana Pousa. Nel crearon merchandising cos membros da familia amarela como protagonistas co seu propio deseño. E os sábados 19 e 26, tamén ás 12.00 na sala Palexco, de novo da man de Autobán, rapaces e rapazas traballarán con Chano Ripio no obradoiro «Debuxa a túa historieta dos Simpson». As propostas lúdicas e creativas están destinadas á rapazada de entre 6 e 12 anos.
A actividade mantense ata os últimos días do mes e intensifícase o venres 25 con ata catro citas diferentes. Ás 12.00 presentarase o fanzine Nai dos Desterrados, en colaboración coa ONG Amnistía Internacional, na Casa Museo Picasso e contando coa presenza de varios dos autores e autoras participantes na súa elaboración.
Unha hora máis tarde, tamén o venres 25, na Fundación Luís Seoane, Pedro Rojo, presidente da asociación Al Fanar, conducirá unha visita guiada pola mostra Cómic palestino. Voces propias, grito colectivo, que reúne obras de autores e autoras palestinos e que se inclúe dentro da programación de Viñetas Expo e Viñetas Inclusivas. E tamén no mesmo espazo, pero ás 19.00, o presidente de Al Fanar ofrecerá unha charla sobre a banda deseñada en Palestina, como broche de ouro final á mostra que ocupa a planta baixa da fundación ata o 27 de setembro.
Froito da colaboración con Amigos de la Ópera de A Coruña, presentouse esta mesma semana a reedición dun cómic inspirado na ópera Jenůufa, que se representará no Palacio da Ópera da Coruña os días 17 e 19 de setembro.
Todas as inscricións (os obradoiros infantís, as rutas e visitas guiadas) poden realizarse a través do correo kioscoalfonso@coruna.gal
O Viñetas desde o Atlántico 2026 pecha a súa 29ª edición con máis de 200.000 visitantes nas exposicións, actividades e na Rúa BD
O festival, organizado polo Concello, segue crecendo en cifras de visitas, en espazos de exposicións e en colaboracións con entidades
As exposicións permanecerán abertas ao público ata o 27 de setembro, mes no que tamén se organizarán visitas guiadas
A Coruña- O festival Viñetas desde o Atlántico, organizado polo Concello, pechou a súa semana central de actividades, do 10 ao 16 de agosto, cun grande éxito de público. Máis de 100.000 persoas pasaron ao longo da semana pola Rúa BD e varias decenas de miles ateigaron os diferentes recintos habitados polas exposicións. Outro dos grandes focos de atención foi a explanada de Palexco na que se situaba o stand de Gundam, por ela pasaron arredor de 90.000 persoas nestes sete días. O apoio municipal a este tipo de festivales e eventos forma parte da política de dinamización cultural impulsada polo Goberno de Inés Rey para ofrecer á cidadanía unha oferta ampla e de calidade.
“Viñetas desde o Atlántico é toda unha referencia no seu xénero en todo o país, porque combina divulgación, cultura e moitísimo talento aportado pola ampla nómina de artistas que colaboran. O Concello vai seguir apoiando con decisión todas as iniciativas que sirvan para dinamizar a vida cultural desta cidade”, apuntou a alcaldesa, Inés Rey.
O recinto que acumulou máis visitas foi a sala do Kiosco Alfonso, mais todos os espazos expositivos tiveron gran afluencia de público. Destaca a Casa Museo Picasso, na que tamén se rexistrou un incremento de visitas de en torno ao 12%, mais nas outras dúas casas museo que se suman como sede do Viñetas este ano (Casa Museo María Pita e Casares Quiroga) houbo unha boa recepción por parte do público. Outro dato a destacar son as case 17.000 persoas que xa pasaron pola expo Viñetas da Eclipse, na Casa das Ciencias dende o 4 de xullo, cifra que reforza a relevancia de que as mostras do festival se desestacionalicen.
O ScanMeNow, que permitía aos visitantes realizar unha imaxe en 3D, en tan só 25 horas de presenza (estivo dispoñible durante 5 días na sala Palexco) recibiu a máis de 1.800 persoas. Tamén a web e as redes sociais do festival recolleron o seu éxito cun incremento de visitas que superaron nunha semana as 8.200 na páxina oficial, mentres que nas redes sociais se superaron as 600.000 visualizacións.
A edición máis colaborativa
Outro dos datos especialmente significativos é a presenza de 200 profesionais acreditados durante a semana grande do festival de sectores como as librerías, o mundo editorial, as bibliotecas, ou a divulgación. E a esta cifra podería sumarse a das decenas de profesionais que se achegaron a desfrutar das propostas sen estar entre o elenco acreditado.
Tamén o Viñetas Show amosou de novo uns bos resultados cos espectáculos que se celebraron no teatro Colón, polo que pasaron máis de 1.000 persoas en total.
O director do festival, Manel Cráneo, quixo destacar tamén a cantidade de colaboracións pechadas este ano con entidades variadas que permiten seguir crecendo o festival. Unha delas, a establecida coa Asociación Galega de Artesáns, permitiu a 9 artesáns diferentes elaborar pezas presentes nas exposicións, extraídas das novelas gráficas que protagonizan as mostras. De feito, lembrou que a actividade aínda non parou no Viñetas, xa que no mes de setembro haberá todavía algunhas propostas da man de entidades como Amigos de la Ópera ou Amnistía Internacional, entre outras.
Radiografía do Viñetas
Máis de 70 autores e autoras participaron na Coruña ata o 16 de agosto nas 24 exposicións (que se prolongan ata o 27 de setembro) e nunha ampla programación na que houbo obradoiros, charlas, clases maxistrais, pódcasts, espectáculos en directo, visitas guiadas e actividades pensadas para toda a cidadanía —desde pequenos ata adultos— e para público especializado.
Viñetas desde o Atlántico mantivo en 2026 as súas principais seccións que acompañan os visitantes na súa experiencia no festival: Viñetas Expo; Viñetas Mini, con obradoiros diarios para público infantil, unha proxección cinematográfica e unha proposta teatral; Viñetas Show, cun concerto ilustrado, dúas proxeccións, unha obra teatral e dúas xornadas dedicadas a pódcasts especializados de Galicia, Madrid e Cataluña; Viñetas Pro, con dúas clases maxistrais e unha sesión de revisión de proxectos para autores e autoras; un encontro e dúas exposicións para Viñetas Inclusivas, e a extensa programación da Rúa BD, que conta con 38 casetas, entre as que figuran as de 20 editoriais procedentes de todo o estado presentando novidades e dinamizando neste espazo vital do festival. Pero, ademais, en 2026 incorpórouse a nova sección que puxo en valor o traballo das Bibliotecas Municipais da Coruña arredor da banda deseñada, Viñetas Biblio.
Amplísima oferta expositiva
A edición abriuse da man da colaboración dos Museos Científicos Coruñeses, coa exposición que adiantou a eclipse na Coruña coas viñetas máis artísticas na mostra Eclipse de Viñetas, na que dez autoras e autores locais (Xulia Pisón, Diego Burdío, Paula Esteban, Uxía Larrosa, Xulia Vicente, Jorge Peral, Marcos Calo, Luis Yang e Paula Mayor, con Jordi Bayarri como autor convidado) reinterpretan desde a súa mirada a historia científica e artística das eclipses.
Desde xullo está aberto un dos recintos que máis público recibe sempre no Viñetas; a sala municipal de exposicións de Palexco é a sede das mostras de Jacobo F. S. e da colección de Raúl García. Na primeira delas, percórrese o universo persoal do creador. Esta mostra conta tamén coas dúas novas figuras que se incorporaron á colección do salón: Marcopola e Dragoneta. Mentres, na exposición Un paseo por Springfield. Os Simpson na colección de Raúl García, lévanos da man a unha mostra de merchandising e libros dos cómics da famosa serie, con algúns debuxos orixinais e dedicatorias do propio Matt Groening. Raúl García traballou en varios capítulos da serie norteamericana e foi o primeiro animador español en traballar para Disney.
O Kiosco Alfonso, o que máis interese espertou
Xusto a carón, no epicentro do festival, o espazo expositivo do Kiosco Alfonso conta cunha ampla representación de obras de autores e autoras internacionais e estatais, unidos por un nexo: a memoria democrática e social. Así, os visitantes poden gozar na planta baixa da mostra centrada na Loita sindical e feminista europea, coas obras La virgen roja e Sally Heatchcoat: sufragista, de Bryan Talbot e Mary M. Talbot, e Jiujitsufragistas, de Lisa Lugrin e Clément Xavier; e na primeira planta, a mostra Memoria democrática e social na España do século XX coas obras O eco dos días rotos, de Alberto Taracido; Que el fin del mundo nos encuentre bailando e La piel como única bandera, de Sebas Martín; o xa histórico Paracuellos, de Carlos Giménez; Aquí donde estoy, de Tyto Alba e María Castro Hernández, e Caridad del Río, de Pep Brocal.
O programa expositivo complétase coas mostras de Miguel Robledo —autor do cartel desta edición— en María Pita; Humanos, a Roya é un río, dos franceses Troubs e Baudoin, na Casa Museo Picasso; os Premios Castelao na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, Elas son fantásticas, autoras galegas de banda deseñada deste xénero, no mesmo espazo; a exposición de ExpoFanzines de Autobán, na Biblioteca de Estudos Locais; Stons, de Xulia Pisón, na Casa Museo María Pita; unha exposición bibliográfica nas Bibliotecas Municipais (Trazos de memoria), e a incorporación da Fundación Luís Seoane como nova sede do festival coa exposición Cómic palestino. Voces propias. Grito colectivo. Cómpre destacar a incorporación da Casa Museo Casares Quiroga como sede de mostras vencelladas á memoria histórica, que nesta ocasión albergará ‘La guerra civil’, de Paul Preston, mostra que recolle o exitoso traballo de adaptación á banda deseñada das obras do historiador británico realizada polo autor José Pablo García.
Ademais diso, o Viñetas Paralelas de 2026 conta con cinco sedes colaboradoras: o Circo de Artesáns, coa exposición Nacional 2. Banda Desenhada Portuguesa de Norte a Sul, que recolle obra de seis colectivos autorais de banda deseñada portugueses; o Bar 13, con Óscar Lojo; a Pulpeira de Melide, con a mostra permanente Pulpos do cómic; a cervezoteca Malte con Amair, de Kike Benlloch e Luis Sendón; e El Tranvía, con Bosque máxico, unha exposición de Fento Studio.
Máis de 100 actividades para todos os públicos
Especialmente rica foi neste Viñetas 2026 a extensa programación de actividades pensadas para todas as idades e intereses e que se distribuíronn entre as distintas seccións do festival. Más de 100 propostas, entre as que se contan obradoiros, cine, teatro, charlas, visitas guiadas, gravación de pódcasts e espectáculos radiofónicos, un concerto ilustrado, encontros con autores e autoras, sinaturas e maratóns de debuxo.
Moitas destas propostas formaban parte central da programación da Rúa BD, que contou con 38 stands que ocupaban librarías, editoriais e entidades diversas. Este espazo, localizado diante do Kiosco Alfonso, foi o epicentro da actividade do festival na pasada semana. Todas as exposicións e o programa completo se poden consultar na páxina web do festiva, dispoñible nesta ligazón.
Experiencia fronte a nova mirada; comparamos as visións do Viñetas 2026 do expositor máis veterano e un novo stand
«O público da Rúa BD vén predisposto a facer gasto», Pío Barreiro, libreiro do stand máis veterano no Viñetas.
«Sorprendeume moito a organización pola calidade das exposicións, a cantidade de actividades e a facilidade na comunicación», Marta Tutone, editora dun stand novato na Rúa BD
A Coruña.— Editoriais, librarías, entidades e asociacións ocuparon os 38 stands que abriron as súas portas a diario na Rúa BD. Cada caseta estaba chea de experiencias diversas con propostas diversas, polo que ao peche desta 29 edición quixemos achegarnos a dúas visións moi diferentes: a do libreiro Pío Barreiro, que non faltou a ningunha das edicións do festival (é, pois, o máis experimentado no evento), e a da editora Marta Tutone, de Liana Editorial, que acode á feira por vez primeira.
Dúas visións diferentes para un mesmo evento que se complementan e suman neste poliedro que é sempre a Rúa BD, un espazo polo que pasaron nestes sete días arredor de 100.000 persoas e nos que as actividades e o fluxo de visitantes a exposicións foi continuo.
Marta Tutone, de Liana Editorial, stand que se estreou este ano no Viñetas
O primeiro é o feito de que estea aberta nunha zona céntrica moi transitada, na rúa; isto fai que o cómic se poida achegar non só ao público que xa vén con gana porque xa son lectores e lectoras de banda deseñada, senón tamén a un público máis espontáneo. Eu, concretamente, como teño moito cómic infantil e xuvenil, a moito público familiar, que ao mellor están de paseo, de vacacións.
É unha época do ano na que ao mellor visitas menos as librarías da túa cidade, pero de repente estás de vacacións e descobres libros que, quizais aínda que non merques todos aquí, se che quedan aí na cabeza e ao longo do ano sempre os podes buscar.
O segundo é a organización, porque me sorprendeu moi positivamente. Hai moitas exposicións, de moita calidade, moitas actividades; dáselle aos expositores a posibilidade de presentar as novidades ou o proxecto editorial, e isto, por exemplo, no meu caso, que non podo contar cun público que coñeza a editorial por estar outros anos na feira, é algo estupendo. Nese sentido, a atención que recibimos tamén, o nivel de detalle, a facilidade na comunicación, nas instrucións á hora de montar...
P. Algo negativo?
Unha feira é algo esgotador, pero iso é así en todas as partes. Por iso, todo o que contei antes, os detalles por parte da organización, esas pequenas cousas, non son tan pequenas, senón que resultan fundamentais.
P. No voso caso, Liana ten un catálogo cunha fortísima presenza de títulos de infantil e xuvenil e, como dicías antes, hai moito público familiar. Notades que se interesan máis polos vosos libros familias con nenos e adolescentes ou tivestes público variado?
Un pouco das dúas cousas. É certo que temos un catálogo moi variado; por exemplo, o que publicamos para persoas adultas sempre penso que lle pode interesar a un público xuvenil, que está entre o instituto e a universidade... Así que achegouse público moi variado, moita xente nova, tamén ilustradores e ilustradoras que non nos coñecían, pero, desde logo, é certo que tivemos moitísimo público familiar. Claro, eu non podo comparar con outros anos, pero valoro moito a cantidade de familias que pararon, que coñeceron os libros.
Tamén quero dicir que as bibliotecarias fan un traballo estupendo aquí nese sentido, con recomendacións que dan a coñecer os nosos libros; por exemplo, coa saga de Fox & Chick, que moitos os coñeceran nas bibliotecas.
P.As Bibliotecas Municipaisestán moi presentes no festival.ARúa BD serviu para que entrásedes en contacto?
Si, falei con bibliotecarias con tranquilidade e en persoa. Faláramos antes por internet, por exemplo con Sira González, e puidemos comentar temas en profundidade. Funcionan moito, e as bibliotecas é algo que non adoita estar nos salóns e feiras de cómic e é importante. E ademais tiveron á miña filla lendo sen parar todos estes días no stand, de lectora residente.
P. Hai algún título que destacase en vendas esta semana?
O que vendemos máis é Una historia ilustrada de la danza, de Laura Cappelle e Thomas Gilbert; foi moi ben. O outro que empata con este é La odisea del espacio.Historia de la conquista espacial, de Arnaud Delalande e Éric Lambert. Dúas obras de non-ficción e moi completas. En infantil case esgotamos a serie de Fox & Chick e Azul, el hada de Pinocho, de Elena Triolo, para público xuvenil e que chega a adultos.
P. Unha anécdota?
Quizais que nos atopamos aquí a familias de Madrid, do colexio dos meus fillos que están aquí de vacacións e que descubrín que veñen todos os anos ao festival.
P. Queredes repetir para 2027?
Gustaríanos moito repetir. Ademais, viñemos toda a familia, ata a cadela. Como plan familiar, ademais de empresarial, gustounos moito, porque a cidade ten moitos atractivos e os meus fillos foron a todas as partes: á torre de Hércules, ao Muncyt... Viron todas as exposicións e ata se foron coa cadela de excursión. Como plan para quen veña ao stand coa familia, Viñetas é perfecto.
Pío Barreiro, de Librería Kómic, stand máis veterano no Viñetas
P. Din as malas linguas que sodes o stand ou dos stands máis antigos do Viñetas...
Pois non sei seguro se hai algún outro que repetise en todas as edicións, pero nós sempre estivemos aquí. Non faltamos nunca, e este ano, ademais, co Viñetas celebramos a nosa feira 40.
P. Que queres dicir co da feira 40?
Pois que levamos 40 feiras seguidas só neste ano. E o ano que vén celebramos os 40 anos da libraría. Dito así impresiona moito.
P. Con toda esa experiencia ás costas, que cres que diferencia Viñetas doutros festivais?
Hai un atractivo engadido e é que se revitalizou nos últimos anos. A nós resúltanos inevitable facer unha comparativa e lembramos cando empezou o Viñetas e foi un sorpresón. Non o esquecerei nunca, porque foi o día que naceu a miña filla. Non sabiamos como ía ser e o negocio ía moi ben. Foi unha avalancha tal de xente que viamos que era moi diferente. Falamos duns anos nos que había unha gran bonanza económica.
Nos últimos anos da dirección anterior de Miguelanxo baixou todo un pouco, o nivel do festival, dos autores e das vendas. Porque nós tamén tiñamos claro que se se baixa o nivel de autores baixan as vendas.
Desde que entrou a nova dirección, volveuse notar un boom. É certo que seguimos con moitos autores nacionais, pero revitalizouse moitísimo todo. Moitas actividades novas, unha frescura, e volvemos a notar aquilo dos inicios, que se vende máis nos sete días da Rúa BD que nos dez da feira do libro. O ano pasado, por exemplo, baixou un pouco con respecto ao 2024, pero este ano volveu a subir a afluencia de público. E non é público dos transatlánticos, que non compra nada.
P. Cal é o retrato robot dos clientes do Viñetas?
Teño moita xente que vén porque xa nos coñece despois de tantos anos; hai xente que é cliente en Santiago que vén a Coruña e compra aquí polo desconto. Tamén hai moita xente que vén de Madrid, familias, turismo español. O que está claro é que aquí a xente si que vén predisposta a facer un gasto considerable. Non é aquilo de «se iso igual compramos algo», non. Como oferta hai moitísima e calidade tamén, hai de todo. Pensan en gastar. Para min é complicadísimo seleccionar os libros para traer ao Viñetas, por iso.
P. Lévache moito tempo?
As semanas anteriores ao Viñetas durmo fatal, dándolle voltas á selección. Por exemplo, dun dos títulos máis vendidos do ano traiamos 60 exemplares e estou vendo agora que quedan como seis, pero na maior parte dos casos non queres quedar curto. Este ano, que viñan os Talbot, pedín moitísimos títulos seus e quedamos curtos. É moi complicado, porque ao final a experiencia importa, pero case máis a intuición.
Importa tamén moito o atractivas que sexan as exposicións. O ano pasado, por exemplo, Black metal arrasou e ninguén o esperaba, porque era como moi marxinal e escuro, e o ano anterior a exposición de Lucas Varela foi alucinante e tampouco nos chegaron os exemplares que trouxemos.
P. Que foi o que máis se vendeu?
Na nosa caseta, Dos mujeres desnudas, de Luz, e O eco dos días rotos, de Alberto Taracido.
P. Rúa BD é un espazo tamén para afianzar relacións coas editoriais?
No noso caso non é como no de outras librarías que levan menos tempo ou viaxan menos, porque nós xa temos todo iso moi traballado, pero, por exemplo, este ano tiñamos interese en facer algúns contactos coa xente que viña de Portugal. Pero tampouco nos deu moito tempo, porque estivemos superados de traballo.
P. En 2027, Komic fai 40 anos, e Viñetas, 30. Viredes a celebralo?
Si, a idea é vir aquí e contar todo o que queremos facer para celebrar unha cifra tan importante. Conformaríame con sermos capaces de facer o que fixemos para celebrar o 25 aniversario, que xa foi moito.
Troubs: «Cada migrante é unha persoa e cada un ten o seu percorrido. Iso é o que nos interesa»
«Agora hai milicias fascistas que veñen de Lión, membros da extrema dereita, ‘skinheads’, que durante o inverno van bloquear os pasos para evitar a entrada de migrantes», di o ilustrador francés.
A Coruña.— O debuxante francés Jean-Marc Troubet, Troubs, aborda nesta entrevista a súa experiencia traballando con persoas migrantes e coas redes de apoio que as acompañan. Percorreu con Edmond Baudoin distintos espazos vinculados á migración en México e, desde entón, ten acudido con el a outros puntos quentes de movementos migratorios, como Colombia ou a fronteira entre Italia e Francia. Defende a importancia de escoitar cada historia individual, porque detrás da palabra migrante hai sempre unha persoa cun percorrido propio. Tamén reivindica a humanidade de quen axuda, dos voluntarios e das asociacións que os acollen. Fala tamén da situación na fronteira francesa, dos perigos que afrontan as persoas que atravesan os Alpes e da radicalización dos discursos e das accións contra as ONG.
P. Que importancia ten o debuxo, e en particular a banda deseñada, para contar historias de migrantes como fas en Humanos. A Roya é um rio,Viva la vida ou El sabor de la tierra?
A banda deseñada é importante para contar todo tipo de historias, non só as historias das persoas. Creo que a diferenza, especialmente cando facemos unha banda deseñada documental ou xornalística, é que podemos tomarnos o tempo. Imos cara ás persoas, falamos con elas, pasamos tempo con elas.
E cando debuxas unha persoa, cando intercambias debuxos con ela, sucede algo realmente diferente. Entras nunha intimidade, fas un agasallo, ris porque lle fas o nariz demasiado grande, as orellas demasiado grandes, fas cousas diferentes. Co debuxo hai un xogo. A xente pensa que debuxar é cousa de nenos, que é un xogo. En canto fas o retrato de alguén, a xente ri. E así entras nunha relación máis íntima e cóntanche cousas máis íntimas.
Creo que esa é realmente a diferenza con respecto a unha reportaxe televisiva ou xornalística: a aproximación é moi sinxela, moi directa e tamén moi íntima.
P. Esa intimidade permite crear unha relación de confianza, non?
Si, iso é. Cando fas o debuxo hai unha primeira cousa que sucede: dislle á persoa «mírame á cara». E a xente non sempre está afeita a mirar alguén directamente aos ollos.
Ás veces, cando é unha moza e lle dis «mírame aos ollos», ti tamén a miras porque estás obrigado a facelo, e aí sucede algo. Cando é unha muller maior ou un home maior tamén é diferente. Cos mozos africanos, por exemplo, non sempre están afeitos a mirar así aos ollos dun home maior. Para eles é unha cuestión de respecto, de educación: baixan a mirada.
Así que xa hai unha primeira aproximación interesante co retrato. E despois prodúcese o contacto.
P. Como reaccionan as persoas cando lles propós que as debuxedes?
Hai persoas moi diferentes. Algunhas queren ser debuxadas porque as divirte, e outras non queren porque se consideran feas, porque pensan que teñen o nariz grande ou cousas así. Hai formas moi diferentes de relacionarse co debuxo. Despois, cando a primeira persoa é debuxada, as demais tamén queren. Se debuxas a irmá maior, os irmáns pequenos veñen inmediatamente detrás. Debuxas a todo o mundo. Pero realmente hai reaccións moi diferentes.
Moitas veces, cando chego con Edmond e propoñemos debuxar... Pode ser nun bar. Chegamos, non coñecemos a ninguén, falamos coa persoa que está ao lado e dicímoslle: «Queres que te debuxe?». E responde: «Si, non sei...». Entón está diante da súa moza, ela dille que si, e nós dicimos: «É un agasallo, dámoscho». E xa está, comeza.
Ao cabo de dez minutos todo o mundo está mirando. Agás algunhas persoas que non queren mirar.
P. E cal era o teu papel nese traballo en parella con Edmond?
O meu papel, nese dúo con Edmond, era tamén ir ver o que estaba pasando arredor: as persoas que non querían ser debuxadas, as que buscaban outra maneira de participar. E tamén debuxar o escenario, o que estaba sucedendo arredor: un hotel, unha ambulancia que pasa, pequenos detalles.
Eu anotaba frases, cousas así, para poder metelas despois na banda deseñada, cando xa estabamos de volta. Con Edmond intentabamos captar todo iso: as persoas, os seus xestos, as súas palabras, pero tamén todo o que sucedía ao redor.
P. Como é a túa relación con Edmond e que vos achegades un ao outro?
Temos unha diferenza de idade de vinte ou vinte e cinco anos, pero non é unha diferenza moi grande. Temos cousas que nos acercan. Traballamos rápido. Podemos facer bosquexos moi rapidamente, debuxar aínda que estea mal feito, porque non nos importa. Non necesitamos luxo para viaxar. Podemos durmir en calquera sitio, comer tres pastas e xa está.
Iso tamén nos une. Levantámonos cedo, ás cinco da mañá, e empezamos a traballar. Dúas ou tres horas pola mañá, unha páxina, dúas páxinas, e avanzamos así. Edmond é incrible coa súa maneira de debuxar directamente. Colle unha folla, comeza e vai avanzando sen volver atrás. É coma o jazz. Eu, en cambio, son algo máis tímido.
Eu creo que lle achego unha parte máis divertida, máis social. Entro máis rapidamente en contacto coa xente. El non fala español nin inglés, así que tamén fago de tradutor. Achego un pouco de lixeireza, creo.
P. No caso das persoas migrantes, que é o que máis che interesa captar?
Realmente, a intimidade das persoas, saber o que sucede exactamente con cada unha delas. Porque cada migrante é, evidentemente, unha persoa, e cada un ten o seu percorrido. Iso é o que nos interesa.
Interésanos a acumulación dos percorridos persoais. Todas esas historias, todos eses percorridos, acaban facendo unha fotografía dun momento. Por exemplo, en 2017, durante dous meses, estivemos alí. Estas son as persoas, isto é o que sucedeu. É unha cuestión de escoitar.
P. Falas moito de escoitar. Que importancia ten esa acción no voso traballo?
Escoitar, iso é. É moi importante. Escoitar as persoas, intentar comprender algo, sen buscar necesariamente transformar ou explicar inmediatamente o que sucede. Creo que é algo que hai que ensinarlle á xente. Esta aproximación é humana. É moi directa. Cando falas con alguén que non coñeces e lle propós isto, ten que haber certa intimidade. Non é necesario que haxa dez persoas ao redor.
Falamos con persoas que sufriron moito. Eu traballei moito con xente da rúa, con persoas que dormen na rúa. Achégaste, faslles un retrato, dáslles o retrato, tomas algo con elas. E cóntanche a súa vida. Iso sae. Ás veces cóntanche máis cousas a ti, que es alguén a quen non coñecen, que a alguén que coñecen pero de quen non saben que vai pensar. Se chegas desde fóra, ás veces necesitan sacar as cousas.
P. Iso tamén vos pasou coas persoas que axudaban os migrantes?
Si, moitas veces. Atopámonos con cousas así Edmond e mais eu. Había persoas que axudaban moito nas asociacións, que se axudaban entre elas, pero que non coñecían necesariamente o seu pasado, o que lles sucedera antes, se se divorciaran, se tiñan fillos que xa non lles falaban.
Preguntabámoslles: «Por que fas isto? Por que axudas así a xente?». E ás veces a resposta era algo moi persoal. Alguén podía dicir, en resumo: «A miña familia dáme a lata, estou farto dos meus fillos, que teñen demasiado diñeiro, que nunca me chaman. E agora vexo nenos que están na merda e vou alí».
Pero iso non llo poden dicir a todo o mundo. Iso é o bonito de chegar desde fóra cun agasallo, co debuxo. As persoas tamén che dan algo a cambio. Intentamos captar iso.
P. Hai algún personaxe dese traballo que represente especialmente esa dimensión humana e personalizáchelo en Cédric, non?
Cédric era alguén importante na estrutura das asociacións que axudaban alí. Había moitas persoas, pero Cédric era un tipo particular. Foi o primeiro que dixo «que lle dean á policía» e que lles dixo aos migrantes: «Vinde todos á miña casa, que me importa un carallo».
Montou realmente un campamento na súa casa e díxolles aos policías: «A min impórtame un carallo, teño dereito a acoller xente na miña casa». E fíxoo así. Pero tamén había persoas que non estaban de acordo con el. Había dous lados. Uns dicían: «Se facemos público isto, estamos acabados. Van poñernos de exemplo e van apertarnos aínda máis para facernos calar». Outros dicían: «Non, hai que facelo público absolutamente, porque así xa non poderán apertarnos máis». Sempre existe ese límite: ata onde vas? Non é fácil.
P. O traballo foi feito en 2017. Cres que cambiou desde entón a visión dos migrantes en Francia?
Non creo que haxa realmente un cambio. Hai persoas que os axudan cada vez máis, penso. Nas cidades, en París e noutros lugares, coñezo moita xente que ten alguén na súa casa porque ten espazo. Agora é bastante sinxelo: comunícaste, contactas cunha asociación e dis: «No fondo do xardín teño un sitio, se queredes podedes utilizalo». Hai persoas que atopan solucións. Hai unha axuda mutua que realmente se produce. Pero, por outra banda, os medios de extrema dereita están cada vez máis presentes e tamén perseguen os migrantes.
P. Polo que estás vendo, a cuestión migratoria converteuse claramente nun problema político. Só hai que ollar o acontecido en Ceuta.
Xa era un tema político daquela. En 2017 estaba o ministro do Interior, que enviaba policías. Darmanin segue aí e fai subir a presión, sempre, sempre, sempre. Cando sucedeu o de Ceuta, por exemplo, nos medios franceses falaron inmediatamente dunha Europa invadida, dos españois e de cousas así. Os medios móvense sempre nesa dirección.
Pero creo que tamén cambiou algo concretamente: os propios migrantes saben agora máis claramente que isto non é o paraíso. Mesmo en Senegal, en África e noutros lugares, a información volveu. Saben que é complicado, que é perigoso. Xa non é unha festa. Hai sinais que indican que é perigoso.
P. E que opinas da política europea de externalizar as fronteiras, como din políticos ultras como Meloni, Abascal e outros?
Hai pouco vin unha reportaxe sobre Libia. Europa paga cantidades enormes de diñeiro para construír prisións. É horrible. Un equipo de televisión francés entrou nun lugar onde había duascentas persoas nun patio, baixo o sol. E iso págano desde Europa. Antes pasou en Turquía, en Libia... É unha cuestión de negocio. Cando non estamos de acordo, abrimos a porta. Iso é o que sucedeu. É tamén unha cuestión política.
P. Que está pasando actualmente na fronteira francesa, especialmente nos Alpes?
En Francia agora hai policías por todas as partes na fronteira. Aseguraron a fronteira, fixeron realmente un muro. A xente xa non pode pasar, así que vai máis ao norte, atravesando as montañas por Briançon. E alí é complicado, porque hai neve. Pasan no inverno. Cando chega o verán e a neve desaparece, atopan cadáveres, esqueletos, nenos, mulleres con chancletas que pasaron por alí, polo fondo dos vales.
E sobre todo, agora hai milicias fascistas que veñen de Lión, membros da extrema dereita, skinheads, que durante o inverno van bloquear os pasos. Hai ONG que van á fronteira con auga e comida para acoller estas persoas, e eles van alí para impedir que actúen as ONG. Nunca mataron ninguén, pero bloquean os pasos, pinchan rodas, fan pequenas accións de delincuencia. Radicalizouse a situación polos dous lados.
P. Dicía Celaya que «a poesía é unha arma cargada de futuro». Cres que a banda deseñada pode ser tamén unha ferramenta de futuro fronte a este tipo de conflitos?
Non o sei. Non coñezo o futuro. Pero si sei que, en calquera caso, é un testemuño de primeira man, un testemuño bruto do que sucedeu exactamente así. E iso non se pode discutir. Está aí. Creo que iso é realmente importante. Espero que poida cambiar o mundo. Polo menos, a maneira de achegarse ás persoas, falar con elas e intercambiar así é sinxela. E debería existir en todas as partes. É así de sinxelo.
P. Que che ensinou persoalmente esta experiencia cos migrantes e coas persoas que os acompañan? O teu traballo e o de Baudoin é diferente ao de Joe Sacco coa súa crónica xornalística ilustrada do conflito en Gaza.
Ensinoume sobre todo a importancia de escoitar. Nós imos dar testemuño coas persoas. Non imos necesariamente facer xornalismo no sentido profesional do termo e como fai Sacco. Eu non me sinto necesariamente lexitimado para facer xornalismo. Un xornalista profesional sabe contrastar a información: cando hai un problema, investiga, chama, comproba con xente que está ao redor. Nós, Edmond e mais eu, non facemos iso. Nós imos dar testemuño coas persoas. Buscamos cousas sinxelas: a intimidade, saber o que lle sucede exactamente a cada persoa, cada percorrido. E acumulando eses percorridos persoais acabamos tendo unha imaxe dun momento.
P. Falemos tamén do Troubs máis persoal. Que buscas cando viaxas e debuxas?
Sempre quixen ir ver o mundo. Sempre vivín no campo. A cidade non é realmente para min: hai demasiado ruído, demasiada xente. Prefiro vivir cos animais, no bosque. E quero simplemente ir co meu caderno de debuxos, ir ver o mundo. Desde neno fascíname a figura do explorador, dos antropólogos, dos escritores viaxeiros. Cando lin Tristes trópicos, de Lévi-Strauss, pareceume extraordinario: ir á natureza, descubrir un mundo que ninguén coñece.
Desde entón, para min é iso. Quero ser explorador e facer banda deseñada de exploración. Vou a un territorio e miro o que sucede. Sempre fixen iso. Fun a Madagascar coa mochila e os meus cadernos, sen saber o que faría ao día seguinte. Fixen o mesmo en Australia, Indonesia, Borneo... Durante quince anos fíxeno a fondo. Despois calmeime un pouco, pero a base segue sendo esa fantasía de explorador.
P. E ese mesmo ollar de explorador é o que levas tamén ás historias dos migrantes?
Si, é exactamente a mesma mirada. Vou a un territorio e miro o que sucede. Intento non xulgar. É unha sensación case de inocencia, como un neno que está descubrindo o mundo. Creo que é importante conservar esa mirada. Non quero chegar cunha idea xa feita do que vou atopar. Gústanme as cousas moi en bruto. Gústame contar exactamente o que sucede, sen buscar necesariamente facer unha gran teoría detrás. Unha pequena anécdota pode facer entender moitísimas cousas.
P. Que proxectos tes agora entre mans?
Agora mesmo estou traballando sobre zonas militares en Francia. Son zonas de adestramento onde os militares practican disparando. E esas zonas convertéronse en reservas naturais porque, en realidade, case ninguén entra nelas. Non hai turistas, nin cazadores. Só os militares. As plantas e os animais poden desenvolverse. En Francia hai asociacións ambientais que teñen acordos co exército para entrar nalgunhas zonas e contar as plantas e os paxaros.
Mesmo soltaron aves raras nunha zona militar porque, se non, ían morrer. É dicir, son as últimas zonas de supervivencia. Iso formula unha cuestión interesante sobre a ecoloxía radical: ás veces, sen pretendelo, o exército mantén espazos naturais.
P. E cres que aí tamén hai unha continuidade co teu traballo anterior, esa necesidade de entrar en territorios e descubrir o que está pasando?
Si, exactamente. Sempre é o mesmo principio. Atópome nun territorio e miro o que sucede. Intento comprender as persoas, os lugares, as situacións. É realmente iso o que me interesa. Non quero necesariamente explicar o mundo de antemán. Quero ir, mirar, escoitar, debuxar e contar o que vin.
P. E, finalmente, como estás vivindo a experiencia de Viñetas desde o Atlántico? Que che parece o festival?
Paréceme moi importante a cultura e tamén os intercambios culturais. Está moi ben. En comparación con Francia, aquí vexo moitos postos de librarías, pequenos editores e cousas máis diferenciadas. En Francia hai máis presenza das editoriais, que fan o negocio. Aquí parece que son máis as librarías e os vendedores.
Non sei se é mellor, pero paréceme que hai un acceso máis directo aos clientes, aos lectores. Os autores están máis preto dos lectores directamente. En Francia temos un pouco o filtro do editor, que ás veces nos indica onde temos que ir, que facer... É un intermediario.
Tamén me gusta a cidade. Non coñecía Galicia. É a primeira vez que estou aquí. Paréceme unha zona moi próxima á Bretaña e ao Finistère, lugares do oeste cos que teño unha relación especial. Hai tamén esa apertura cara ao Atlántico. O Atlántico é unha porta cara aos Estados Unidos, América do Sur, Europa, África, os barcos... E iso nótase aquí. Hai unha mirada cara ao exterior.
P. E para quen vaia ver a exposición, que lle recomendarías?
Na exposición hai unha televisión cos retratos das persoas que fixemos, e paréceme moi interesante. Vense as persoas pasando, e hai xente de todo tipo: migrantes, persoas que axudan, maiores, mozos... Creo que reflicte bastante ben o traballo que fixemos: ter un pouco de todo o mundo. Ao final, iso é o que tentamos facer tamén na banda deseñada: mostrar persoas diferentes e, sobre todo, escoitar as súas historias.
A banda deseñada ‘toma’ A Coruña na 29 edición do festival Viñetas desde o Atlántico coa memoria social como eixo
O salón do cómic abre as súas portas coa eclipse como escenario de fondo, máis de 100 propostas culturais e 24 mostras
Inés Rey: «A Coruña convértese, unha vez máis, na capital da banda deseñada»
A Coruña.— O festival Viñetas desde o Atlántico abriu a súa semana grande na que ‘toma’ a cidade enchéndoa con máis dun centenar de actividades, 24 exposicións e cos stands da Rúa BD xa a pleno rendemento. O acto de inauguración, celebrado no Kiosco Alfonso, estivo presidido pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, a responsable de Cultura da Deputación da Coruña, Natividad González, e o director do Viñetas desde o Atlántico, Manel Cráneo.
As xa famosas figuras de decenas de personaxes da banda deseñada como Astérix e Obélix, Spider Man, Batman, Mafalda, Superman, Carpanta ou as últimas incorporacións á colección, Marcopola e Dragoneta, xa protagonizan as fotografías dos/as visitantes das mostras.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou durante a inauguración que Viñetas desde o Atlántico «leva décadas formando parte da identidade da Coruña» e subliñou que a banda deseñada é «unha das linguaxes culturais máis vivas, máis diversas e máis capaces de conectar con públicos moi diferentes». Rey incidiu tamén en que esta edición reforza o carácter aberto e participativo do certame: “Viñetas é un festival de toda a cidade”, afirmou.
No seu discurso, a rexedora puxo en valor a dimensión social e cultural do festival, salientando que «a memoria non é un exercicio de nostalxia» senón «unha responsabilidade», e que a cultura é «un dos mellores instrumentos para exercela». Ademais, lembrou a importancia de achegar o cómic á infancia e ás familias, xa que para moitos nenos e nenas supón «o seu primeiro achegamento á lectura e á cultura». «Desde o Goberno municipal seguiremos apostando por unha cultura accesible, plural, participativa e ambiciosa, porque a cultura non é un complemento: é un dereito, unha ferramenta de cohesión social e unha forma de construír cidade», afirmou.
Pola súa parte, o director do festival, Manel Cráneo, afirmou que esta nova edición do Viñetas segue medrando en 2026 en todos os ámbitos: nas colaboracións con entidades, en deseño e temáticas das ambiciosas propostas expositivas, na calidade e cantidade das actividades, nos lazos tecidos en colaboración co sector do cómic, na aposta polo talento local combinado con autores e autoras de renome internacional...
Neste sentido, lembrou que o equipo do salón define con agarimo cada ano todos os detalles das propostas para ir sempre un pouco máis alá. Cráneo agradeceulle ao Concello o seu apoio e confianza e á Deputación da Coruña a súa participación a través dos Premios Castelao. Cerrou a súa intervención animando a todo o público a deixarse eclipsar polo Viñetas.
Pola súa parte, Natividade González, destacou que este festival se converteu no lugar de encontro no que as artes e o pensamento se dan a man, ao tempo que destacou que a cidade da Coruña se está convertendo nun referente da banda deseñada e da ilustración dentro dun ámbito creativo como o galego no que os premios Castelao confirman a traxectoria cada vez máis sólida dos/as autores/as locais.
Máis de 70 autores e autoras estarán na Coruña ata o 16 de agosto para participar en 24 exposicións (que se prolongan ata finais de setembro) e unha ampla programación entre nas que se contan obradoiros, charlas, clases maxistrais, pódcasts, espectáculos en directo, visitas guiadas e actividades pensadas para toda a cidadanía desde pequenos ata adultos e para público especializado.
Viñetas desde o Atlántico mantén en 2026 as súas principais seccións que acompañan os visitantes na súa experiencia no festival: Viñetas Expo; Viñetas Mini, con obradoiros diarios para público infantil, unha proxección cinematográfica e unha proposta teatral; Viñetas Show, cun concerto ilustrado, dúas proxeccións, unha obra teatral e dúas xornadas dedicadas a pódcasts especializados de Galicia, Madrid e Cataluña; Viñetas Pro, con dúas clases maxistrais e unha sesión de revisión de proxectos para autores/as; un encontro e dúas exposicións para Viñetas Inclusivas e a extensa programación da Rúa BD que conta con 38 casetas, entre as que figuran as de 18 editoriais procedentes de todo o estado presentando novidades e dinamizando este espazo vital do festival. Pero ademais, en 2026 incorpórase a nova sección que pon en valor o traballo das Bibliotecas Municipais da Coruña arredor da banda deseñada, Viñetas Biblio.
Amplísima oferta expositiva
A edición abriuse da man da colaboración dos Museos Científicos Coruñeses, coa exposición que adiantou a eclipse na Coruña coas viñetas máis artísticas na mostra Eclipse de Viñetas’, na que dez autoras e autores locais (Xulia Pisón, Diego Burdío, Paula Esteban, Uxía Larrosa, Xulia Vicente, Jorge Peral, Marcos Calo, Luis Yang e Paula Mayor, con Jordi Bayarri como autor convidado) reinterpretan desde a súa mirada a historia científica e artística das eclipses.
Desde xullo está aberto un dos recintos que máis público recibe sempre no Viñetas; a sala municipal de exposicións de Palexco é a sede das mostras de Jacobo F. S. e da colección de Raúl García. Na primeira delas, percorreremos o universo persoal do creador da illa remeira máis coñecida da banda deseñada en España. Esta mostra conta tamén coas dúas novas figuras que se incorporaron á colección do salón: Marcopola e Dragoneta. Mentres, na exposición ‘Un paseo por Springfield. Os Simpsons Simpson na colección de Raúl García’, lévanos da man a unha mostra de merchandising e libros dos cómics da famosa serie, con algúns debuxos orixinais e dedicatorias do propio Matt Groening. Raúl García traballou en varios capítulos da serie norteamericana e foi o primeiro animador español en traballar para Disney.
O Kiosco Alfonso como escenario do cómic de memoria social
Xusto a carón, no epicentro do festival, o espazo expositivo do Kiosco Alfonso énchese cunha ampla representación de obras de autores e autoras internacionais e estatais, unidos por un nexo: a memoria democrática e social. Así, os/as visitantes poden gozar na planta baixa da mostra centrada na Loita Loita sindical e feminista europea, coas obras ‘La virgen roja’ e Sally Heatchcoat: sufragista’, de Bryan Talbot e Mary M. Talbot, e Jiujitsufragistas’, de Lisa Lugrin e Clément Xavier; e na primeira planta, a mostra ‘Memoria democrática e social na España do século XX’ XX coas obras O eco dos días rotos’, de Alberto Taracido; Que el fin del mundo nos encuentre bailando’ e La piel como única bandera’, de Sebas Martín; o xa histórico Paracuellos’, de Carlos Giménez; Aquí donde estoy’, de Tyto Alba e María Castro Hernández, e Caridad del Río’, de Pep Brocal.
O programa expositivo complétase coas mostras de Miguel Robledo —autor do cartel desta edición— en María Pita; Humanos, a Roya é un río’, dos franceses Troubs e Baudoin, na Casa Museo Picasso; os Premios Castelao na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, Elas son fantásticas’, autoras galegas de banda deseñada deste xénero, no mesmo espazo; a exposición de ExpoFanzines de Autobán, na Biblioteca de Estudos Locais; Stons’, de Xulia Pisón, na Casa Museo María Pita; unha exposición bibliográfica nas Bibliotecas Municipais (‘Trazos de memoria)’, e a incorporación da Fundación Luís Seoane como nova sede do festival coa exposición Cómic palestino. Voces propias. Grito colectivo’. Cómpre destacar a incorporación da Casa Museo Casares Quiroga como sede de mostras vencelladas á memoria histórica, que nesta ocasión albergará ‘La guerra civil’, de Paul Preston, mostra que recolle o exitoso traballo de adaptación á banda deseñada das obras do historiador británico realizada polo autor José Pablo García; esta exposición inaugurarase este próximo venres 14.
Ademais diso, o Viñetas Paralelas de 2026 conta con cinco sedes colaboradoras: o Circo de Artesáns, coa exposición Nacional 2. Banda Desenhada Portuguesa de Norte a Sul, que recolle obra de seis colectivos autorais de banda deseñada portugueses; o Bar 13, con Óscar Lojo; a Pulpeira de Melide, con a mostra permanente Pulpos de do cómic’,; a cervezoteca Malte con ‘Amair’, de Kike Benlloch e Luis Sendón; e El Tranvía, con Bosque máxico, unha exposición de Fento Studio.
Máis de 100 actividades para todos os públicos
Especialmente rica é neste Viñetas 2026 a extensa programación de actividades pensadas para todas as idades e intereses e que se distribúen entre as distintas seccións do festival. Más de 100 propostas, entre as que se contan obradoiros, cine, teatro, charlas, visitas guiadas, gravación de pódcasts e espectáculos radiofónicos, un concerto ilustrado, encontros con autores e autoras, sinaturas e maratóns de debuxo.
Moitas destas propostas son parte central da programación da Rúa BD, que se abriu hoxe, con 38 stands que ocupan librarías, editoriais e entidades diversas, entre as que se conta o papel central das Bibliotecas Municipais. Este espazo, localizado diante do Kiosco Alfonso, será, sen dúbida, o epicentro da actividade do festival nesta semana.
Entre esta apertada axenda destacan a revisión de proxectos coa colaboración de editoriais, con convocatoria xa aberta a través dun formulario para calquera debuxante interesado/a, e os pódcasts que se gravarán durante a semana do festival coa colaboración de Campamento Kripton’, ‘El diario de Kovacs’, ‘Freakland,’ Cuac FM e El Nicho’.
Viñetas desde o Atlántico abre a convocatoria para a revisión de portfolios na súa edición de 2026
Calquera creador de banda deseñada pode enviar os seus proxectos para o proceso de selección
A Coruña.- A edición 29ª do festival Viñetas desde o Atlántico recupera unha proposta que xa tivo grande éxito en 2024 e 2025. Trátase da revisión de portfolios por parte de profesionais de diferentes editoriais. É unha oportunidade única para que creadores e creadoras de banda deseñada poidan presentar o seu traballo a varias firmas editoras e acadar ademais feedback por parte dos seus responsables.
Para participar non é necesario ser profesional, nin ter unha formación determinada, non existe límite de idade, nin é necesario ser da Coruña. Trátase dunha convocatoria totalmente aberta ao talento na banda deseñada.
Tamén no caso concreto de proxectos que se presenten e que todavía necesiten dun traballo para poder ser presentados para a súa publicación, haberá unha mentoría profesional.
Para participar na fase de selección previa que permitirá acceder á convocatoria, é necesario cubrir o formulario que atoparedes aquí debaixo e remitir como mínimo un proxecto de banda deseñada(sinopse, presentación de personaxes, unha mostra das páxinas). O prazo para participar remata o 17 de xullo ás 14.00 horas.
A revisión dos portfolios será un dos eventos incluídos na programación oficial do Viñetas Pro, dentro do Viñetas 2026, e terá lugar o xoves, 13 de agosto, de 10.00 a 13.00 horas nun dos espazos colaboradores do festival, o Circo de Artesáns.