O sector do cómic medra, pero reclama máis apoio institucional


Representantes de La Cúpula, Garbuix Books, Harriet Ediciones e Grafito Editorial coincidiron no Festival Viñetas desde o Atlántico en sinalar que a banda deseñada vive un momento de gran produción e diversidade, aínda que con dificultades económicas para autores e editoriais. O manga lidera as vendas, pero convive cunha ampla variedade de xéneros e co avance do cómic infantil e de ficción.

O mercado do cómic en España está «máis vivo ca nunca», segundo coinciden en afirmar editores presentes no festival Viñetas desde o Atlántico. Con todo, a abundancia de novidades e a fragmentación das vendas obriga a un esforzo adicional para garantir a sustentabilidade dun sector que, pouco a pouco, gaña recoñecemento institucional e público.

Emilio, de La Cúpula, sostén que «hoxe en día véndese máis cómic ca nunca, pero hai demasiadas novidades, demasiados editores e, polo tanto, somos moitos para repartir. Cada libro véndese, pero véndese menos porque a xente non ten tanto diñeiro». A pesar diso, sinala un cambio positivo: «hai máis axudas do que tivemos nunca; agora mesmo estase apoiando directamente os autores, que son a nosa materia prima. Iso é fundamental, porque, se non, marcharían a traballar a Francia ou a Estados Unidos». En canto ás tendencias, é claro: «o que está triunfando é o manga, porque conta co apoio do anime, algo que non teñen os personaxes do cómic europeo ou español».

Montse, de Garbuix Books, valora tamén que «a situación actual do cómic en España é boa; estanse publicando obras de moita calidade e os lectores teñen unha oferta variada». Recoñece, iso si, que «outra cousa é que as vendas acompañen para que autores e editores teñan unha situación económica máis tranquila». Sobre as institucións, ve «un interese crecente» e celebra «a gran noticia da convocatoria dunha cantidade inxente de bolsas de creación para autores». En canto a xéneros, confirma que «o manga segue a dominar, con cifras espectaculares nalgúns títulos, aínda que os cómics máis vendidos en España son os infantís, como Policán».

Gregorio Muro, de Harriet Ediciones, define a situación como un contraste: «para o lector é unha marabilla, porque ten máis oferta ca nunca; para autores e editores é complicado, porque hai saturación e as vendas repártense». Destaca que existen axudas en certas zonas, pero insiste: «non é pedir caridade, senón xustiza: o cómic xera diñeiro e impostos, e parte debería redistribuírse para retroalimentar o sector». No seu caso editorial, «o western funciona mellor, e nótase tamén un aumento das lectoras, que buscan outro tipo de historias».

Yolanda, de Grafito Editorial, fai balance dos doce anos da súa editorial: «notamos unha evolución moi positiva; o cómic deixou de ser unha novena arte infravalorada e está a recuperar lectores, incluso adultos que deixaran de ler cómics desde a infancia». A nivel institucional recoñece avances: «o Ministerio de Cultura sacou recentemente axudas á creación que cambiaron bastante o panorama». Sobre xéneros, apunta á diversidade: «o manga está a comer o mercado en todo o mundo, pero tamén funcionan moi ben a ciencia ficción e o cómic histórico. O importante é lembrar que non hai diferenza entre cómic e novela gráfica: todo son tebeos».

O elenco da ópera ‘Carmen’ fará un recital este venres na exposición ‘Quino na música’


Esta colaboración entre Viñetas desde o Atlántico e Amigos da Ópera afondará na faceta melómana do autor arxentino

Este venres 22 de agosto, ás 20.00 horas, celebrarase na exposición ‘Quino na Música’ un recital operístico no que participará o reparto da obra ‘Carmen’, que abrirá a LXXIII Tempada Lírica da Coruña. Trátase dunha colaboración entre o festival Viñetas desde o Atlántico e Amigos da Ópera, que contan co apoio do Concello. “Desde o Goberno de Inés Rey buscamos crear sinerxías entre os grandes eventos culturais da cidade e nesta ocasión ofrecemos á cidadanía unha experiencia única que nunca antes se fixo”, indicou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, que asistirá ao recital.

A intervención, que se celebrará na sala de exposicións municipal de Palexco, materializarase en forma de pequeno recital operístico protagonizado polas mezzosopranos Sofija Petrovic e Irene Zas, os tenores Oreste Corismo e Eduardo Pomares e a soprano Susana García. O pianista será Damiano Cerutti mestre repetidor en Carmen (levará un clavinova porque o traslado dun piano supón un custo importante)

Ditos cantantes participan na ópera ‘Carmen’ interpretando os roles de Carmen e Mercedes, don José e Le Remendado e Frasquita . Este é, á súa vez, o título con que se abrirá a LXXIII Tempada Lírica da Coruña e da que na actualidade están a realizarse os ensaios.

Trátase dunha oportunidade única de pór voz á imaxe gráfica dunha exhibición que, por primeira vez, se pode ver na península, na que se lembra, ademais, a faceta máis melómana de Quino. Búscase unir a música e a banda deseñada aproveitando, precisamente, o amor que Quino tiña pola música. A duración aproximada será de 15-20 minutos. Sofija e Oreste farán un aria de Carmen e o resto de artistas interpretará cada un deles un tema que non se corresponde con Carmen.

A chegada de ‘Quino na música’ a Galicia supón un dos actos centrais da edición 2025 do Viñetas desde o Atlántico. A exposición reforza o compromiso do festival co recoñecemento internacional da banda deseñada como arte maior e coa promoción de autorías que marcaron xeracións de lectores e lectoras en todo o mundo. O evento de referencia da banda deseñada en Galicia bateu este ano o seu récord de asistencia con máis de 120.000 persoas.

Viñetas desde o Atlántico pecha con récord de público e con libros de autores esgotados a súa 28º edición

Máis de 120.000 personas participaron desde o 11 ao 17 de agosto nas múltiples actividades realizadas no marco deste festival

O Viñetas desde o Atlántico pecha a súa semana grande con récord de público en todas as actividades organizadas durante a semana do 11 ao 17 de agosto. Foron máis de 120.000 as persoas que se achegaron á feira, tanto ás distintas exposicións que están por toda a cidade, como ás charlas, obradoiros, concertos e outras actividades do festival. Ademais, algúns dos autores convidados ao evento esgotaron edicións dos seus libros nun Viñetas máis ambicioso que en anos anteriores no que tamén houbo máis exposicións e máis autores convidados.

Se pola Rúa da BD pasaron case 80.000 persoas, as varias mostras do Viñetas repartidas por toda a cidade da Coruña non quedaron atrás e acolleron máis de 40.000 visitantes. A de máis afluencia foi a do Quisco Alfonso, que acollía a exposición 'Viñetas e Decibelios' con obras de Víctor Coyote, Azagra e Revuelta, Magius, Miguel B. Núñez, Cols (Olivia e Clara Cábez) e Don Rogelio J. Nas 30 horas que estivo aberta durante a semana do festival, máis de 15.000 persoas pasaron polas súas salas.

Tamén houbo unha grande afluencia, maior que anos anteriores, noutras mostras do festival, especialmente as instaladas no Palexco, ‘Quino na Música', sobre o autor de Mafalda, e 'Astro-Ratón y Bombillita', de Fermín Solís.

Ademais, neste espazo houbo unha grande afluencia de público infantil e xuvenil ao concentrarse nel os obradoiros para os máis pequenos do festival. Destacaron tamén as visitas ás mostras de Dave Cooper, na Casa Museo Picasso; a da Sala Municipal de María Pita, con obras de Inacio e Iván Suárez e as gañadoras dos Premios Castelao 2024, Sandra Lordi e Laura Suárez.

A gran novidade deste festival, o photocall 3D instalado no Palexco, tamén foi todo un éxito. Case 3.200 persoas pasaron polo ScanMeNow para ter a súa foto en 3D con Mafalda e Astro Ratón co cartel oficial do festival de fondo.

O Viñetas 2025 tamén destacou pola masiva participación de público nas sinaturas oficiais cos autores. De feito, algúns deles como o Premio Nacional do Cómic, Magius, ou o reputado artista canadiense Dave Cooper, tiveron longas colas na carpa oficial na busca dunha sinatura. Ademais, obras como Black metal, de Magius, ou a biografía de Buenaventura Durruti, de Carlos Azagra e Encarna Revuelta, esgotáronse en todas as librarías do festival.

“ACERTO COAS PROPOSTAS”

"Estou moi satisfeito co resultado desta edición. Afinamos ben coas propostas, coa selección de autores e coas temáticas abordadas, e isto viuse reflectido nun aumento de afluencia de público dun 20% máis que en 2024”, apunta o director do festival, Manel Cráneo, que destaca o seu empeño en “seguir medrando”.  “Este ano entraron apoios importantes como os que nos brindaron a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e Estrella Galicia, ademais, obviamente do total apoio do Concello da Coruña.Estamos no camiño”, sinala.

O director do Viñetas tamén salienta as evolucións creativas do festival con novidades como a implementación das novas tecnoloxías. “O Scanmenow fixo ferver a sala de Palexco. Estou agradecido de que Inés Rey e Gonzalo Castro compartan visión comigo respecto a iso”, indicou. “A Coruña é un fervedoiro autoral que debe mirar cara fóra sen perder a nosa identidade e o Viñetas ten que ser a plataforma de lanzamento definitiva do noso talento cara o exterior. Tamén a organización do festival por seccións é un acerto consolidado no que seguiremos pulindo detalles”, engadiu.

Persoa vendo libros nun posto da rúa BD

MÁIS PEZAS E AUTORES

Este Viñetas amosou 1400 pezas entre obra en papel e creación dixital repartida en 21 exposicións. Nesta edición, participaron máis de 70 autores, fronte aos 40 do ano pasado, e preséntanse 20 exposicións, en comparación coas 18 de 2024. Tamén houbo tres concertos de autores de banda deseñada que tamén son músicos, un Late Night Show no Colón e seis obradoiros infantís na Sala Palexco.

Foron preto de 60 actividades entre charlas, faladoiros, talleres ou presentacións e 36 casetas de librarías e editoriais con catro exposicións internacionais con obras de Canadá, Arxentina, Portugal e Francia.

Un neno e una nena lendo un libro na rúa BD do festival de Viñetas desde o Atlántico

VIÑETAS SHOW

Este Viñetas 2025 tamén veu cargado de concertos gráficos e actuacións en vivo, incluíndo o espectáculo de Víctor Coyote e o concerto ilustrado de Hombre Tigre con actuacións de autoras como Anabel Colazo e Raquel Montero, ademais da proxección do documental Quinografía e un Late Night Show con entrevistas a autores, presentado por Neves Rodríguez. “É un formato que é un acerto, que funciona, que á xente lle gusta e polo que seguiremos apostando e impulsando en futuras edicións”, destaca Manel Cráneo.

TALLERES E ESPECTÁCULOS

Ademais, o Viñetas Mini trouxo talleres diarios con autores convidados na Sala Municipal de Palexco, espectáculos nas Bibliotecas Municipais e a tradicional Rúa da BD, que encheu a feira do cómic coa presenza de 35 editoriais e librarías especializadas, con máis de 100 actividades, entre elas sinaturas, charlas, presentacións, visitas guiadas e masterclasses nos Xardíns de Méndez Núñez. Por suposto, tampouco faltaron os talleres e revisión de portafolios por parte de editores na sección Viñetas Pro.

«No cómic, as mulleres temos a capacidade e a necesidade de transformar todo aquilo que nos incomoda, que nos agride»

Artistas consolidadas e novas promesas da novela gráfica destacan o incremento de voces femininas neste sector, tradicionalmente masculino. Recoñecen as dificultades desta industria, pero animan as novas xeracións a perseverar se queren converterse en ilustradoras profesionais

«O cómic foi un territorio moi remiso a abrirse á entrada das voces femininas. Tivo durante moito tempo un discurso patriarcal». Marika Vila, artista gráfica, ilustradora, autora de banda deseñada, investigadora especialista en estudos de xénero e docente da UAB, ten claro como foi o sector da novela gráfica ata hai uns anos. Algo que agora cambiou, especialmente, polo traballo de pioneiras coma ela, e dunha nova fornada de mozas ilustradoras.

De feito, a feminización do mundo do cómic xa é un feito. Así o corrobora a ilustradora Montse Mazorriaga, para quen o aumento da calidade das obras feitas por mulleres «é impresionante, porque hai diversidade de voces e hai diversidade de temas». Sara Jotabé, da nova fornada de artistas, xa non ve tanto un problema de xénero, senón de etiquetas. «O que é complexo agora mesmo na sociedade é saírse dos canons e dos padróns establecidos... porque a xente busca as etiquetas», di.

Marika Vila lembra que movementos dentro do sector como a revista El Vívora ou o cómic de final do século XX seguen sendo «moi masculinos». «As gretas que fomos abrindo as autoras permitiron entrar voces novas e, con elas, a diversidade», sinala. Algo que comparte tamén Montse Mazorriaga. «Desde a páxina un dun cómic, as mulleres temos a capacidade e a necesidade de transformar todo aquilo que nos incomoda, que nos agride, que nos molesta ou que nos interesaría mostrar a través das súas páxinas», apunta.

Para Sara Jotabé, o cómic é unha ferramenta «moi potente» para lanzar mensaxes, porque «lle chega de forma directa ao lector e xérase un diálogo». «É unha ferramenta indispensable para mostrar todos estes temas e reivindicar sempre esta postura feminista e non feminista e, sobre todo, tamén de calquera grupo non binario», agrega Montse.

Vivir do cómic

A pesar do cambio de tendencias e de xéneros neste sector, o certo é que ilustradores e ilustradoras coinciden na dificultade de poder vivir plenamente do cómic. «Dentro de como está todo e de que, realmente, vivir do cómic é algo complexo, eu son optimista e animo a todas as persoas que están a comezar ou teñan interese nisto a que se lancen. Porque, desde logo, temos vontade e son moitas voces e moi diversas», comenta a este respecto Sara Jotabé.

A pesar disto, é importante nesta industria o apoio das institucións. Un apoio que, aínda que tamén creceu nos últimos anos, non é o desexado polos autores. «É certo que o Goberno nos ten dado sinais de que apoia o cómic e de que apoia a produción cultural española, pero aí estamos, a ver como se desenvolve e a onde leva», comenta Marika Vila en relación con iso.

Nos últimos anos tamén aumentaron o público e o mercado da novela gráfica. E iso tamén axuda ao desenvolvemento deste sector. «Creo que mellorou substancialmente, sobre todo, a nivel nacional, aínda que, evidentemente, hai que facer chegar o cómic á maioría dos lectores, e pode facerse dunha maneira moi directa porque conta historias moi actuais», apunta Montse Mazorriaga. E, aínda que hai dificultades, as autoras animan as novas promesas. «Vivir do cómic é complicado, pero tamén é moi complicado facerse unha estrela do pop, ou conseguir vivir do fútbol, ou de calquera deporte e, con todo, a xente non desiste no seu empeño... É complicado, pero non é imposible», apunta Sara Jotabé.

Consellos ás novas xeracións

Por isto, estas tres ilustradoras animan as novas promesas a meterse de cheo na industria do cómic se é o que lles gusta. E que o fagan sen temor ao futuro profesional. «O primeiro erro é non tentalo. Só o mero feito de encamiñarse a vivir do cómic é estar no bo camiño. O feito de atoparse con negativas polo camiño non é só da industria do cómic, senón da vida», asegura Sara Jotabé, que lles pide aos máis novos «que non desistan no seu empeño e que se rodeen de xente que lles achegue cousas».

Marika Vila aposta por «paciencia, constancia e traballo», mentres que Montse Mazorriaga insiste na «paciencia». «Nunca é tarde. Hai que comezar cando un vexa que ten que comezar, pero se comezas moi cedo tamén tes que empezar a ser constante, traballador e moi paciente», engade.

O que supón o Viñetas

Estas tres autoras participaron estes días no festival Viñestas desde o Atlántico, o maior festival de banda deseñada do noroeste peninsular. Unha cita, din, «imprescindible» para os amantes deste sector.

Marika é a segunda vez que vén a este festival. «Encántame vir a este salón. É un salón que reúne a internacionalidade, veñen autores de todas as partes, pero tamén potencia o cómic autóctono e a lingua e a cultura galegas e, por tanto, faite sentir como na casa», apunta.

Montse e Sara é a primeira vez que participan. «O festival ten unha onda superguai, ou sexa que eu encantada de estar aquí, e espero poder volver», di a segunda, mentres que para a primeira é «moi acolledor». «Tiven gratas experiencias, e cos lectores e as lectoras que se achegaron, e gustoume moitísimo», conclúe.

Montse Mazorriaga

Montse Mazorriaga (Viladecavalls, Barcelona, 1972). É autora de cómic e ilustradora. Estudou Humanidades e Deseño Gráfico e é autodidacta no campo máis artístico. Publicou con Elpoblet Edicions o álbum ilustrado Santi, Jordi, la princesa i el drac (2016), e en Cósmica Editorial, a BD Nellie Bly, diario de una viajera (2019), con guión de Carlos Correia. Participou nos cómics benéficos Paz e Mil brujas (2022), de Serendipia Editorial. Os seus últimos títulos publicados son La Luna de Verne, (Serendipia Editorial, 2023); Ordo Virtutum (Wack! Cómics, 2024), La partida (Cascaborra Editorial, 2025) e Orlando (Bang, 2025), adaptación da novela de Virginia Woolf.

Marika Vila

Marika Vila (Barcelona, 1949). Artista gráfica, ilustradora, autora de cómic, investigadora especialista en estudos de xénero, docente (UAB), articulista e crítica de cómic (Serra d’Or). En 1970 iniciouse na profesión como ilustradora e debuxante de cómic, publicando en Inglaterra, Escocia, Italia e Suecia. Despois, participou na revista Troya e cos colectivos La Astronave Pirata e Equipo Butifarra. Publicou en cabeceiras como Tótem, Interviú, Rambla, El Jueves ou Gaceta Ilustrada. Recibiu múltiples galardóns, como o Premio Ivà 2018 á mellor historietista profesional, o premio honorífico do Colectivo Autoras de Cómic 2020 ou o Gran Premio Comic Barcelona 2024. Recentemente publicou as novelas gráficas Mata Hari (Isla de Nabumbu, 2.ª ed. 2023) e Moderna secreta (hija de Morgana) (Marmotilla, 2025), renovada e con novos capítulos.

Sara Jotabé Sara Jotabé (Zaragoza, 1993). Autora de cómic, ilustradora e humorista gráfica. Especializada no humor e nas causas sociais; entre as súas obras destacan Quiero ser como tú (Panini, 2021), Tupper para tres (Fandogamia, 2022) ou Pajas mentales (Letrablanka, 2016), así como Un día normal (Amanixer/Ayuntamiento de Zaragoza, 2025). Ademais, é autora das mostras itinerantes nacionais Mujeres con discapacidad (proxecto con tres edicións realizado xunto a Amanixer, Asociación Aragonesa de Mujeres con Discapacidad, e o Concello de Zaragoza), Igual de profesionales e Viñetas por la igualdad y contra la violencia de género.

Magius, Premio Nacional de Cómic: «Agora fanme máis caso, invítanme aos festivais»

Meticuloso, detallista, reivindicativo. Este ilustrador murciano recoñece que a súa obra é política e social, pero que, sobre todo, busca retratar perpetuacións do poder

Diego Corbalán, coñecido artisticamente como Magius (Murcia, 1981), é ilustrador, debuxante e guionista. Iniciouse no mundo dos fanzines en 1998 e en 2001 participou no nacemento do fanzine Black Metal. Entre as súas obras destacan Murcia (Entrecomics Cómics, 2015), El método Gemini (Autsaider, 2018) e Primavera para Madrid (Autsaider, 2020), gañadora do Premio Nacional de Cómic 2021. A súa última obra é Black metal (Autsaider, 2025), baseada en sucesos ocorridos en Noruega a comezos dos anos noventa, con varios crimes e queimas de igrexas.

—A túa obra mestura realidade e ficción con temas intensos, quizais controvertidos. Que che atrae do tipo de historias que ti debuxas?

—O que me atrae son os círculos de poder, os grupos pechados que intentan conspirar, dalgún xeito, para acadar o poder e para conservalo. E a sociedade secreta, a política, todo ese tipo de cousas...

—De feito, na túa obra hai moito de social e moito de político, non?

—Si, pero non tanto en plan reivindicativo, senón máis ben como reflexo do que é a política e a sociedade. Trátase, basicamente, de como determinar xente que parece respectable, pero utiliza a mentira e o asasinato, ou calquera tipo de crime, para superar perpetuacións do poder.

—E, claro, iso é o que mesturas tamén nas túas obras, eses sucesos criminais dos que falas, como sucede co teu último libro, Black metal, non?

—Efectivamente.

—É de supoñer que hai un intenso traballo de documentación detrás...

—Si, documéntome buscando por internet ou lendo libros, ou vendo películas ou documentais. O que faga falta, segundo a historia coa que queira reflectir a mafia. Por exemplo, á parte de películas de Scorsese, que me inspiraron e que tamén tentei copiar, utilizo documentación de sucesos reais, de novas, de documentais, de libros.

—Sempre hai unha relación estreita entre o cómic e a música; como a definirías?

—O cómic é puramente visual e a música é puramente auditiva, pero relaciónanse.

—A que te refires?

—Eu creo que ten que ver co feito de que moitas veces a música, as cancións, contan historias e serven para reflectir situacións complicadas da vida. Fano dun xeito, noutro formato, que o cinema, a literatura ou a televisión non permiten porque son formatos moi masivos. Con todo, o cómic e a música moitas veces funcionan en forma de nicho, de maneira independente, e permiten dicir certas cousas que os outros formatos non.

—Es Premio Nacional de Cómic. Houbo un antes e un despois tras recibir ese galardón?

—Agora fanme máis caso, invítanme aos festivais. Tamén me deu acceso a poder seguir debuxando cómic.

—E non te sentes máis presionado? —É certo. Pero é a presión de que teño que seguir debuxando cómic e que teño que tentar que sexa máis ou menos do mesmo nivel. Mais non tanta presión editorial, porque a editorial é moi pequena.

Sandra Lodi e Laura Suárez, ilustradoras: «Hai 28 anos, case todas as temáticas dos cómics eran masculinas»

A nova fornada das ilustradoras galegas: de Superman e Batman a Inés de Castro

As mulleres tamén se abren paso no mundo da banda deseñada de Galicia. De feito, é a nova fornada de autoras a que está colleitando numerosos premios. Premios e galardóns que reivindican con orgullo para destacar a importancia que a muller tamén ten no cómic, un sector que ata hai uns anos era eminentemente masculino.

E ben saben diso Sandra Lodi e Laura Suárez. As dúas teñen varias obras publicadas, así como destacados premios. Sandra obtivo en 2024 o Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado coa obra Papóns e o Premio Castelao de Banda Deseñada, na categoría xeral, pola obra Adelina. Tamén Laura conseguiu en 2024 o Premio Castelao de Banda Deseñada na súa categoría infantil e xuvenil con A raíña cadáver. E as dúas coinciden no cambio de padróns da banda deseñada nos últimos anos.

O propio festival Viñetas desde o Atlántico, referente nos salóns de cómic de Galicia e do Estado, é un bo exemplo disto. «Hai 28 anos, non había case mulleres convidadas. Podía haber unha muller en cada edición e, agora, cambiou completamente a situación», lembra Sandra. Non só a súa participación, senón a temática. «Eran produtos moi dirixidos a homes; Superman, Batman... eran temáticas que quizais ás mulleres non nos interesaban moito», engade.

Ollada feminina

De feito, os seus referentes no mundo do cómic tamén cambiaron e, agora, son mulleres. A mesma opinión comparte Laura, que tamén coincide en que nos últimos anos houbo un cambio de público tamén no mundo da banda deseñada e agora hai unha ollada «máis feminina».

E boa parte deste cambio de tendencias está tamén na visibilización das mulleres, tanto por parte de editoriais como de librarías e, sobre todo, de premios como os Castelao e festivais como o Viñetas desde o Atlántico. «Axuda a que se coñeza o noso traballo», di Laura. As dúas teñen claro que en Galicia hai bo material e boas historias para facer unha boa banda deseñada.

Temática histórica, como a utilizada por Laura para recuperar a figura de Inés de Castro, esa galega raíña póstuma de Portugal. «A banda deseñada é unha grande oportunidade para dar a coñecer a personaxes históricos do noso país», destaca, «sobre todo, tamén, para o público infantil e xuvenil, aos que penso que pode atraer o tema de ver unha raíña de esqueleto, que pode chamar a atención, e a vez están aprendendo algo».

Sandra, pola súa banda, tira de personaxes femininos da vida cotiá, como a súa Adelina, «unha muller co seu temperamento, que quere fuxir dunha residencia de anciáns». «O que quero é lanzar reflexións sobre o que sucede o día a día a través do humor», asegura.

Historias «con honestidade»

De feito, as dúas creadoras teñen claro que hai que utilizar temáticas interesantes para enganchar ao público. «Cando ti tes interese na historia que estás a facer, esta xa flúe», di Laura. «Ao final, é un adestramento, coma o dun ximnasio. Se ti estás a gusto con que fas e o contas con amor e con honestidade, vas chegar á xente», apunta Sandra.

Por iso, aconsellan ás novas creadoras que conten historias con corazón e confíen no seu instinto. «Hai que seguir a voz dunha mesma», conclúen.

Sandra Lodi

Sandra Lodi (Lugo, 1990). Ilustradora, deseñadora e artista plástica. Estudou Belas Artes en Salamanca. Publica na revista Mongolia e no semanario en liña El Estafador, así como noutros xornais. En 2019 foi premiada co segundo premio Curuxa de Humor Gráfico. En 2024 obtivo o Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado coa obra Papóns (Galaxia, 2024) e o Premio Castelao de Banda Deseñada, na categoría xeral, pola obra Adelina.

Laura Suárez

Laura Suárez na visita guiada de Viñetas desde o Atlántico 2025

Laura Suárez (Dumbría, A Coruña, 1994). Estudou Belas Artes na Universitat Politècnica de València e cursou un mestrado en cómic e ilustración na escola Elisava de Barcelona. En 2019 publicou o libro de BD Los cuentos de la niebla (Dibbuks). É autora do libro ilustrado Monte Pindo. Historias de lendas do olimpo celta (Galaxia, 2021) e da serie de cómic infantil Monster Support Group (Flying Eye Books, 2023). En 2024 conseguiu o Premio Castelao de Banda Deseñada na súa categoría infantil e xuvenil con A raíña cadáver.

O sector da banda deseñada en Galicia: “Hai máis autores, moito nivel, pero hai falta de público”

Ilustradores galegos destacan que, a pesar de que aínda falta público de banda deseñada en Galicia, o certo é que cada ano nótase un aumento de interese por este sector

A banda deseñada en Galicia está nun bo momento creativo, hai máis autores e autoras e máis oferta que hai uns anos, pero falta mercado e tamén máis axudas para impulsar un sector que move millóns de euros en Europa. Así o recoñecen destacados ilustradores galegos que esta semana estiveron no Viñetas desde o Atlántico.

“Hai máis autores, máis xente moi preparada, con moitísimo nivel, pero hai falta de público. Ademais o noso é un mercado complicado”, destaca Iván Suárez. “Hai bastantes máis autores e máis xente nova tamén, pero é certo que temos un problema co público”, engade Inacio Vilariño. Tamén hai un problema de mercado. Nun mundo globalizado vende máis escribir en inglés e debuxar iconas do mundo anglosaxón. “Vivir da banda diseñada en galego, é complicado, pero si se pode vivir da banda deseñada. Hai autores que o fan, pero sempre ligados a editoras americanas”, apunta Inacio. E é que o cómic americano, ou o francés, son plataformas de lanzamento para aqueles autores que queren vivir deste sector.  “O público en galego é moi pequeno. As tiradas son moi pequenas pero o caso é poñerse e unha cousa tira doutra e, agora, hai moita xente que está traballando para outros mercados. E iso, pois, é bo”, engade Iván.

Os dous saben ben do que falan. Levan anos adicándose ao mundo da banda deseñada en Galicia. Foron galardoados co Premio Castelao de banda deseñada da Deputación da Coruña por Titoán en 2011, con guión do primeiro e debuxos do segundo. Despois virían O pobre tolo (2012), Máis alá (2013) e Atila (2015), os outros álbums nos que se contan as vidas de Castelao. Precisamente, estes dous autores son protagonistas, xunto con Sandra López e Laura Suárez, das exposicións relacionadas con Castelao (os primeiros cunha BD sobre a vida do autor; as segundas, galardoadas co premio que toma o nome deste)nesta edición do Viñetas desde o Atlántico. Unha chiscadela que este festival fixo ao artista e ilustrador rianxeiro no Ano Castelao.

Galicia ten “canteira”

Tamén Sandra López e Laura Suárez opinan o mesmo. Están convencidas de que en Galicia hai moita canteira e talento e “xente boísima” no mundo da banda deseñada. Pero tamén coinciden en que o mercado galego, e tamén o español, “é complicado”. “É certo que se consume cómic pero non moito en galego”, apunta Sandra que considera moi necesario que se “impulse” este sector desde as administracións.

As dúas autoras, que tamén recibiron o Premio Castelao de banda deseñada, consideran que este tipo de galardóns “dan moita visibilidade” ás novas promesas. “Ademais do propio recoñecemento hai unha dotación económica que axuda a seguir e traballar nun proxecto durante varios meses”, engade  Laura.

Aumenta o interese

A pesar de que aínda falta público de banda deseñada en Galicia, o certo é que cada ano nótase un aumento de interese por este sector. E, en boa parte, grazas ao traballo que se fai desde as bibliotecas. “Eles están facendo unha labor importantísima para atraer novos lectores”, destaca Iván. E algo que gusta entre os e as máis novas, e non tan novos, é o cómic histórico, que nos últimos anos experimentou un importante crecemento. “É un dos puntos de forza do cómic. Ves como sempre se resaltan figuras, biografías, que aparecen de grandes autores, de grandes personalidades da cultura, da política. É unha das principais polas que está tirando agora do sector”, recoñece Inacio.

O Viñetas desde o Atlántico, o salón de banda deseñada máis importante de Galicia,  é un bo escaparate para que os autores galegos dean a coñecer o seu traballo. E é algo que recoñecen todos eles. “Comezamos en 2010, sen moita pretensión. Inacio tiña a idea de facer un taller, un cómic... 15 anos despois estamos aquí no Viñetas, cunha exposición, con oito títulos, con proxectos esperando ser realizados. Poderiamos dicir que é un recoñecemento ao traballo realizado”, di Iván.

Por iso, os dous autores animan ás autoras e autores novos a realizar banda deseñada en galego.  “O consello que lles dou é facelo en Galicia, sobre personalidades galegas e sobre asuntos de temática galega”, indica Inacio. “E eu dígolles que teñan paciencia. Agora as novas xeracións teñen outros medios para publicitarse e o galego tamén está no mercado”, engade Iván.

Inacio Vilariño e Iván Suárez

Inacio Vilariño (Lalín, 1974) e Iván Suárez (Santiago de Compostela, 1973) fueron galardonados con el Premio Castelao de cómic de la Diputación de A Coruña por Titoán en 2011, con guion del primero y dibujos del segundo. Después vendrían O pobre tolo (2012), Máis alá (2013) y Atila (2015), los otros álbumes en los que se cuentan las vidas de Castelao. Luego, relacionados con los espectáculos de marionetas de Inacio y con su investigación histórica, y nuevamente en colaboración con Iván, fueron apareciendo otros títulos como As pombas de Carboeiro (2020), O voo da curuxa (2022), O reiciño de Galiza (2023) o Pedro e o lobo (2024). Antes de esto, por su parte, Iván había alternado el trabajo como diseñador con la ilustración infantil y juvenil. En 2008 hizo su primera incursión en la animación con el cortometraje Corre, corre, cabaciña. En los últimos años ha combinado la docencia con la creación de historieta y, aparte de sus colaboraciones con Inacio, publicó el volumen Ricardo Carvalho Calero – Coraçom de terra, con Xico Paradelo e Irene Veiga (2020).

Sandra Lodi

Sandra Lodi (Lugo, 1990). Ilustradora, deseñadora e artista plástica. Estudou Belas Artes en Salamanca. Publica na revista Mongolia e no semanario en liña El Estafador, así como noutros xornais. En 2019 foi premiada co segundo premio Curuxa de Humor Gráfico. En 2024 obtivo o Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado coa obra Papóns (Galaxia, 2024) e o Premio Castelao de Banda Deseñada, na categoría xeral, pola obra Adelina.

Laura Suárez

Laura Suárez (Dumbría, A Coruña, 1994). Estudou Belas Artes na Universitat Politècnica de València e cursou un mestrado en cómic e ilustración na escola Elisava de Barcelona. En 2019 publicou o libro de BD Los cuentos de la niebla (Dibbuks). É autora do libro ilustrado Monte Pindo. Historias de lendas do olimpo celta (Galaxia, 2021) e da serie de cómic infantil Monster Support Group (Flying Eye Books, 2023). En 2024 conseguiu o Premio Castelao de Banda Deseñada na súa categoría infantil e xuvenil con A raíña cadáver.

Grande éxito nas sesións de sinaturas do Viñetas desde o Atlántico

Longas colas e ambiente festivo na carpa da RúaBD para coñecer a Magius, Don Rogelio J e Dave Cooper, protagonistas das sinaturas desta tarde no Viñetas desde o Atlántico

As sesións de sinaturas do Festival Viñetas desde o Atlántico volveron converterse nun dos puntos máis concorridos da programación. Esta tarde, a carpa da Rúa da BD  encheuse de afeccionados e afeccionadas que fixeron longas colas para conseguir a sintura e un debuxo personalizado de Magius, Don Rogelio J e Dave Cooper. O ambiente festivo e a proximidade dos autores co público fixeron destas sinaturas unha das citas máis destacadas da xornada, que se completou tamén con encontros con outros autores nos propios stands das librarías e editoriais participantes.

A programación deste mércores incluíu, pola mañá, a presentación de Historias do páramo con Alexandre Senande e Pjota, o obradoiro profesional Espada y pluma con Jorge Esteban Urabayen, a presentación de Sentinelas da lúa carmesí e Sentinelas no limiar das tebras con Andrés Castro, Ozo Perozo e Alexandre Senande, así como a visita guiada á exposición dos XIX Premios Castelao. Xa pola tarde, o público puido gozar do cine con Quinografía, do contacontos ilustrado con Juan Rodríguez e do espectáculo Viñetas Late Night «Música & BD» con Magius, Fermín Solís e Don Rogelio J. Mañá, xoves 14, as sinaturas na RúaBD reunirán a Dave Cooper, Magius, Clara e Olivia Cábez, Miguel B. Núñez, Víctor Coyote, Carlos Azagra e Encarna Revuelta, e este venres e sábado repetirán estes mesmos autores aos que se unirá Fermín Solís.

Chega á Coruña o photocall 3D, a novidade doViñetas para saír retratado xunto a Mafalda

Trátase dun servizo gratuíto de fotos en 3D que estará na expo ‘Quino na música’ durante toda esta semana

Experiencia cuasi inmersiva. A exposición ‘Quino na música’ acolle un ‘Photocall 3D’ que é a primeira vez que se pode ver nunha grande exposición de cómic en España. As e os visitantes que se acheguen a esta mostra poderán sacar fotos 3D con Mafalda e Astro Ratón, a personaxe creada polo ilustrador Fermín Solís, grazas ao escáner de última xeración ScanMeNow.

Este aparello conta con 120 cámaras e reproduce fotos tridimensionais que os asistentes poden descargar a través dun código QR. É un aporte de Turismo da Coruña ao festival Viñetas desde o Atlántico dentro da súa estratexia de sostebinilidade. “É a primeira vez que esta tecnoloxía se utiliza nunha gran exposición do cómic en España”, destacou Manel Cráneo.

ScanMeNow é un sistema de fotografía inmersivo composto por máis dun cento de cámaras que se conectan aos correspondentes microprocesadores para sacar unha foto en 360º dunha persoa que se introduce dentro do módulo do trebello 3D. Esta imaxe logo se procesa a través de intelixencia artificial para dar lugar a unha fotografía en 3D. “A idea
é poder levar unha lembranza virtual dun mesmo”, apunta Manuel Meijide, o responsable
de ScanMeNow.

Para iso, as persoas que decidan facerse a foto recibirán un código QR a través do que terán que meter os seus datos –nome e corres electrónicos-- e, unhas horas despois, recibirán por e-mail a súa imaxe en 3D. Este innovador sistema de realidade aumentada estará durante toda esta semana no Palexco, á entrada da exposición ‘Quino na música’.

QUINO E MAFALDA

O ScanMeNow atópasa á entrada da exposición ‘Quino na música’, unha homenaxe sen precedentes á obra do debuxante arxentino Joaquín Salvador Lavado Tejón, Quino (1932–2020), centrada na súa relación fonda e constante coa música. A mostra, aberta ao público dende xuño na sala de exposicións do Palexco, poderá visitarse ata o 21 de
setembro.

Con máis dun cento de debuxos orixinais, entre eles tiras publicadas dende os anos cincuenta ata finais dos noventa, ‘Quino na música’ amosa como a música —do tango ao rock, da música clásica ao pop— está presente en toda a traxectoria do autor. Dende o amor de Mafalda polos Beatles ata a crítica á censura ou aos poderes establecidos a través da música, a exposición permite redescubrir a riqueza expresiva, estética e ideolóxica dunha das voces máis singulares do humor gráfico contemporáneo.

PROGRAMACIÓN DE MAÑÁ, XOVES

O Festival Internacional da Banda Deseñada Viñetas desde o Atlántico afronta este xoves 14 de agosto unha nova xornada cargada de actividades para todos os públicos.

Pola mañá, a Rúa da Banda Deseñada acollerá ás 11:00 horas a charla Pedro Pico & Pico Vena. Historias del punk, con Carlos Azagra e Encarna Revuelta. Ás 12:00 horas, o mesmo espazo será escenario da charla Ética, respecto e compromiso na edición de cómics, a cargo de Emilio e Iris Bernárdez; á mesma hora, na Biblioteca Municipal de Estudos Locais, Adrián Prado impartirá un obradoiro de deseño e debuxo de personaxes con análise de portafolios profesionais (inscrición previa). Tamén ás 12:00 e ás 13:00 horas, a Sala Palexco acollerá dous obradoiros infantís Con permiso de Quino. Aprende a debuxar a Mafalda, dirixidos a nenos e nenas de 7 a 9 e de 10 a 11 anos, respectivamente, con Alberto Díaz. A mañá completarase ás 13:00 horas na Rúa da Banda Deseñada coa charla Cómic & Rock en Malasaña, con Clara e Olivia Cábez e Miguel B. Núñez.

Xa pola tarde, ás 17:00 horas, haberá un novo obradoiro Con permiso de Quino para público a partir de 12 anos na Sala Palexco, mentres que na Rúa da Banda Deseñada terá lugar unha sesión de sinaturas con Dave Cooper, Magius, Clara e Olivia Cábez, Miguel B. Núñez, Víctor Coyote, Carlos Azagra e Encarna Revuelta. Ás 18:30 horas presentarase A mansión misteriosa, de Marcos B., e ás 19:30 horas, Muérdete la lengua, por (en inglés e sen intérprete). O Teatro Colón acollerá ás 21:00 horas o concerto ilustrado coa banda Hombre Tigre e as autoras Anabel Colazo e Raquel Montero. A xornada rematará ás 23:30 horas na Sala Mardi Gras co Cols DJ Set, a cargo de Clara e Olivia Cábez.

Mafalda, unha icona mundial que xa é parte de Galicia

A Coruña acolle a primeira exposición peninsular sobre Quino e a música da man de Viñetas desde o Atlántico

Mafalda xa é parte da Coruña, e de Galicia. A mítica personaxe de Quino pasará a formar parte do elenco das míticas figuras que ano tras ano invaden a cidade coruñesa durante a celebración do Viñetas desde o Atlántico. Precisamente, este martes, a alcaldesa Inés Rey, xunto co director do festival, Manel Cráneo, inauguraron esta nova figura no marco dunha visita á exposición ‘Quino na música’, unha homenaxe sen precedentes á obra do debuxante arxentino Joaquín Salvador Lavado Tejón, Quino (1932–2020), centrada na súa relación fonda e constante coa música. A mostra, aberta ao público dende xuño na sala de exposicións do Palexco, poderá visitarse ata o 21 de setembro.

Con máis dun cento de debuxos orixinais, entre eles tiras publicadas dende os anos cincuenta ata finais dos noventa, ‘Quino na música’ amosa como a música —do tango ao rock, da música clásica ao pop— está presente en toda a traxectoria do autor. Dende o amor de Mafalda polos Beatles ata a crítica á censura ou aos poderes establecidos a través da música, a exposición permite redescubrir a riqueza expresiva, estética e ideolóxica dunha das voces máis singulares do humor gráfico contemporáneo.

Tecnoloxía 3D

As e os visitantes que se acheguen a esta mostra tamén poderán sacarse fotos 3D coas personaxes de Mafalda e Astro Ratón grazas ao escáner de última xeración ScanMeNow. Este aparato conta con 120 cámaras e reproduce fotos tridimensionais que os asistentes poden descargar a través dun código QR. É un aporte de Turismo da Coruña ao festival Viñetas desde o Atlántico dentro da súa estratexia de sostebinilidade e a primera vez que se pode gozar del nunha gran exposición na Coruña. “É a primeira vez que esta tecnoloxía se utiliza nunha gran exposición do cómic en España”, destacou Manel Cráneo.

Un percorrido temático e emocional

A exposición ‘Quino na música’ divídese en varias seccións temáticas que permiten trazar un percorrido coherente e envolvente pola obra do autor:

O humor e a musicalidade dos seus personaxes, como Mafalda ou Guille, que expresan as súas ideas a través da música ou revelan gustos musicais que reflicten tensións sociais
e xeracionais.

Referencias musicais nas súas obras: A través de partituras, instrumentos e letras de cancións, Quino constrúe situacións que dialogan co contexto cultural da Arxentina e do mundo.

Música e política: A exposición salienta tamén as viñetas nas que a música se utiliza como vehículo de crítica, resistencia ou conciencia social.

Colaboracións artísticas: Inclúese tamén unha selección de materiais audiovisuais e documentos que ilustran as colaboracións de Quino con músicos e artistas ao longo da súa carreira.

Entre as pezas máis destacadas atópanse páxinas orixinais nas que Mafalda interroga o mundo mentres escoita discos de vinilo, sátiras visuais sobre concertos ou educación musical, ou debuxos nos que os pentagramas e os instrumentos se converten en
ferramentas narrativas e simbólicas.

Un dos pratos fortes do Viñetas 2025

A chegada de Quino na música a Galicia supón un dos actos centrais da edición 2025 do Viñetas desde o Atlántico, que celebra estes días a súa semana grande. A exposición reforza o compromiso do festival co recoñecemento internacional da banda deseñada
como arte maior e coa promoción de autorías que marcaron xeracións de lectores e lectoras en todo o mundo.