«Quino foi o noso tío, pero tamén unha xanela ao mundo»: os sobriños do autor de Mafalda revelan o seu lado máis humano

Guillermo e Diego Lavado comparten recordos familiares e detalles inéditos da obra e personalidade do creador de Mafalda na mostra ‘Quino na música’, aberta en Palexco ata o 21 de setembro

A Coruña, 01/07/2025 – «Era un tío internacional que volvía de Europa cargado de mundo». Así era o debuxante Joaquín Salvador Lavado Tejón —Quino—, autor da universal Mafalda. Precisamente, na exposición Quino na música, que se pode visitar estas semanas en Palexco (A Coruña) como parte do festival Viñetas desde o Atlántico, a mirada íntima de dous sobriños do artista, Guillermo e Diego Lavado, engádelle unha nova capa de lectura á obra do xenio do humor gráfico. Ademais de seren comisarios da exposición e depositarios da súa memoria familiar, os irmáns Lavado relatan nesta entrevista a dimensión máis humana, próxima e afectiva do seu tío.

«Foi moi próximo para todos nós. Non tivo fillos, así que dalgún xeito ocupamos ese lugar», recorda Guillermo. «Era un home moi observador, tanto cos nenos como cos detalles do mundo que o rodeaba», engade. Esa capacidade de observación, que lle servía para construír situacións cheas de humor, ironía ou crítica social, víase tamén nas relacións familiares: «Tiñamos con el unha relación que cambiaba co tempo, desde unha infancia sensorial ata unha adolescencia chea de cine, música e conversas profundas».

Diego subliña que Quino era tamén unha ponte cara ao exterior: «Nós viviamos nunha vila de Mendoza, e el traía os discos dos Beatles, dos Rolling Stones, noticias, cultura... Era un tío internacional que volvía de Europa cargado de mundo».

A cea co obreiro

Un dos momentos máis emotivos do testemuño é o recordo da súa reacción tras recibir o Premio Príncipe de Asturias en 2014: «Despois de rexeitar varias invitacións, decidiu ir cear cun obreiro que lle reformara o seu piso de Madrid anos antes. Fíxolle un debuxo e dedicoullo. Ese era el: humano, agradecido, sinxelo».

Na exposición, Diego tamén lembra a importancia da obra manual do artista: «Todo o que se ve colgado é da súa man. Non usaba ordenador, cada trazo é seu, feito cunha plumiña. Iso, hoxe, emociona». Entre os obxectos que gardan como verdadeiros tesouros están os seus lentes, os seus lapis e as súas ferramentas de debuxo.

Sobre os personaxes de Mafalda, Guillermo asegura que «todos teñen un 90 % de Quino», desde Felipe e Manolito ata Susanita. Guille, o máis novo da tira, está inspirado no propio Guillermo Lavado, o sobriño, pero el recoñece que nunca falaron diso directamente por «pudor familiar».

Finalmente, reflexionan sobre o papel da música na obra do seu tío: «Para Quino e para Alicia —a súa esposa—, a música foi central. Eran melómanos. Hai viñetas con referencias técnicas á música de cámara, á dirección orquestral, aos conflitos do intérprete. Todo iso faino cun coñecemento e unha sensibilidade que parecen os dun músico profesional», sinala Diego.

A mostra Quino na música pode visitarse en Palexco (A Coruña) ata o 21 de setembro, como parte da programación do festival Viñetas desde o Atlántico 2025. Comisariada por Judith Gociol e Guillermo Lavado, e producida inicialmente polo festival Còmic Nostrum de Palma de Mallorca, esta é a primeira vez que se presenta na Península, da man de Viñetas desde o Atlántico.

A Coruña acolle a primeira exposición peninsular sobre Quino e a música da man de Viñetas desde o Atlántico

O festival Viñetas desde o Atlántico deu este luns o disparo de saída á súa programación expositiva coa inauguración da exposición Quino na música, unha homenaxe sen precedentes á obra do debuxante arxentino Joaquín Salvador Lavado Tejón, Quino (1932-2020), centrada na súa relación fonda e constante coa música. A mostra, aberta ao público desde hoxe na sala de exposicións de Palexco, poderá visitarse ata o 21 de setembro.

Con máis dun cento de debuxos orixinais, entre eles tiras publicadas entre os anos cincuenta e finais dos noventa, Quino na música amosa como a música —do tango ao rock, da música clásica ao pop— está presente en toda a traxectoria do autor. Dende o amor de Mafalda polos Beatles ata a crítica á censura ou aos poderes establecidos a través da música, a exposición permite redescubrir a riqueza expresiva, estética e ideolóxica dunha das voces máis singulares do humor gráfico contemporáneo.

A mostra está comisariada pola xornalista e investigadora arxentina Judith Gociol, autora de obras como Universo Mafalda ou Humor gráfico en Argentina, e por Guillermo Lavado, músico profesional e sobriño do artista, quen inspirou o personaxe de Guille na célebre serie Mafalda. Foi producida inicialmente polo festival Còmic Nostrum de Palma de Mallorca e chega por primeira vez á Coruña, e á Península, da man do Viñetas desde o Atlántico.

Manel Cráneo, director desta edición de Viñetas desde o Atlántico, recoñeceu que «é unha honra para A Coruña ser a porta de entrada da mostra de orixinais máis grande de Quino na península» e tamén adiantou que «esta exposición supón o primeiro grande acontecemento dos que están por chegar nesta edición de Viñetas».

Pola súa parte, Guillermo Lavado explicou que a música foi para Quino unha compañeira desde os inicios da súa carreira. «Son máis de 100 traballos dedicados á música», dixo o sobriño de Quino. «Tocounos a responsabilidade de seguir defendendo o que para nós é un tesouro marabilloso».

Tamén durante a exposición houbo representación institucional. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou que se trata dun «festival que é símbolo da Coruña como cidade aberta á creatividade, ao talento e ao pensamento crítico». Destacou igualmente que o festival se converteu «nun dos encontros máis importantes do cómic a nivel internacional».

Guillermo Lavado na exposición Quino na música

Un percorrido temático e emocional

A exposición divídese en varias seccións temáticas que permiten trazar un percorrido coherente e envolvente pola obra do autor:

O humor e a musicalidade dos seus personaxes, como Mafalda ou Guille, que expresan as súas ideas a través da música ou revelan gustos musicais que reflicten tensións sociais e xeracionais.

Referencias musicais nas súas obras: a través de partituras, instrumentos e letras de cancións, Quino constrúe situacións que dialogan co contexto cultural da Arxentina e do mundo.

Música e política: a exposición salienta tamén as viñetas nas que a música se utiliza como vehículo de crítica, resistencia ou conciencia social.

Colaboracións artísticas: inclúese tamén unha selección de materiais audiovisuais e documentos que ilustran as colaboracións de Quino con músicos e artistas ao longo da súa carreira.

Entre as pezas máis destacadas atópanse páxinas orixinais nas que Mafalda interroga o mundo mentres escoita discos de vinilo, sátiras visuais sobre concertos ou educación musical, ou debuxos nos que os pentagramas e os instrumentos se converten en ferramentas narrativas e simbólicas.

Un dos pratos fortes do Viñetas 2025


A chegada de Quino na música a Galicia supón un dos actos centrais da edición 2025 do Viñetas desde o Atlántico, que celebrará a súa semana grande do 11 ao 17 de agosto. A exposición reforza o compromiso do festival co recoñecemento internacional da banda deseñada como arte maior e coa promoción de autorías que marcaron xeracións de lectores e lectoras en todo o mundo.

Libros de Quino

O Viñetas desde o Atlántico 2025 celebrarase do 11 ao 17 de agosto, con Castelao como unha das figuras centrais

O festival de banda deseñada Viñetas desde o Atlántico 2025 celebrarase do 11 ao 17 de agosto, durante as Festas de María Pita. O Goberno de Inés Rey traballa xa na confección dos diferentes eventos deste certame, que ano tras ano atrae á cidade ás mellores editoriais e autores do mundo do cómic.

"O novo impulso dado pola nosa alcaldesa a este evento nos posiciona como o epicentro da banda deseñada durante o mes de agosto, unha mostra máis do liderado da Coruña a nivel cultural", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

Viñetas desde o Atlántico está organizado polo Concello da Coruña e conta co autor e editor Manel Cráneo como director. O certame estará presente na vindeira edición do Salón Internacional do Cómic de Barcelona, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de abril. Alí presentarase o cartel desta edición, que estará deseñado por un autor tamén será desvelado nesas datas.

Este ano, para conmemorar o 75 aniversario do seu falecemento, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao será unha das figuras centrais desta edición, incluíndo a súa presenza no cartel. "A figura de Castelao transcende en moitos sentidos a literatura e a política galega, deixándonos unha forte impronta cos seus debuxos e gravados, que recuperaremos esta edición cunha programación especial coma homenaxe", indicou Gonzalo Castro.