A Coruña acolle a primeira exposición peninsular sobre Quino e a música da man de Viñetas desde o Atlántico
O festival Viñetas desde o Atlántico deu este luns o disparo de saída á súa programación expositiva coa inauguración da exposición Quino na música, unha homenaxe sen precedentes á obra do debuxante arxentino Joaquín Salvador Lavado Tejón, Quino (1932-2020), centrada na súa relación fonda e constante coa música. A mostra, aberta ao público desde hoxe na sala de exposicións de Palexco, poderá visitarse ata o 21 de setembro.
Con máis dun cento de debuxos orixinais, entre eles tiras publicadas entre os anos cincuenta e finais dos noventa, Quino na música amosa como a música —do tango ao rock, da música clásica ao pop— está presente en toda a traxectoria do autor. Dende o amor de Mafalda polos Beatles ata a crítica á censura ou aos poderes establecidos a través da música, a exposición permite redescubrir a riqueza expresiva, estética e ideolóxica dunha das voces máis singulares do humor gráfico contemporáneo.
A mostra está comisariada pola xornalista e investigadora arxentina Judith Gociol, autora de obras como Universo Mafalda ou Humor gráfico en Argentina, e por Guillermo Lavado, músico profesional e sobriño do artista, quen inspirou o personaxe de Guille na célebre serie Mafalda. Foi producida inicialmente polo festival Còmic Nostrum de Palma de Mallorca e chega por primeira vez á Coruña, e á Península, da man do Viñetas desde o Atlántico.
Manel Cráneo, director desta edición de Viñetas desde o Atlántico, recoñeceu que «é unha honra para A Coruña ser a porta de entrada da mostra de orixinais máis grande de Quino na península» e tamén adiantou que «esta exposición supón o primeiro grande acontecemento dos que están por chegar nesta edición de Viñetas».
Pola súa parte, Guillermo Lavado explicou que a música foi para Quino unha compañeira desde os inicios da súa carreira. «Son máis de 100 traballos dedicados á música», dixo o sobriño de Quino. «Tocounos a responsabilidade de seguir defendendo o que para nós é un tesouro marabilloso».
Tamén durante a exposición houbo representación institucional. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou que se trata dun «festival que é símbolo da Coruña como cidade aberta á creatividade, ao talento e ao pensamento crítico». Destacou igualmente que o festival se converteu «nun dos encontros máis importantes do cómic a nivel internacional».

Un percorrido temático e emocional
A exposición divídese en varias seccións temáticas que permiten trazar un percorrido coherente e envolvente pola obra do autor:
O humor e a musicalidade dos seus personaxes, como Mafalda ou Guille, que expresan as súas ideas a través da música ou revelan gustos musicais que reflicten tensións sociais e xeracionais.
Referencias musicais nas súas obras: a través de partituras, instrumentos e letras de cancións, Quino constrúe situacións que dialogan co contexto cultural da Arxentina e do mundo.
Música e política: a exposición salienta tamén as viñetas nas que a música se utiliza como vehículo de crítica, resistencia ou conciencia social.
Colaboracións artísticas: inclúese tamén unha selección de materiais audiovisuais e documentos que ilustran as colaboracións de Quino con músicos e artistas ao longo da súa carreira.
Entre as pezas máis destacadas atópanse páxinas orixinais nas que Mafalda interroga o mundo mentres escoita discos de vinilo, sátiras visuais sobre concertos ou educación musical, ou debuxos nos que os pentagramas e os instrumentos se converten en ferramentas narrativas e simbólicas.
Un dos pratos fortes do Viñetas 2025
A chegada de Quino na música a Galicia supón un dos actos centrais da edición 2025 do Viñetas desde o Atlántico, que celebrará a súa semana grande do 11 ao 17 de agosto. A exposición reforza o compromiso do festival co recoñecemento internacional da banda deseñada como arte maior e coa promoción de autorías que marcaron xeracións de lectores e lectoras en todo o mundo.
