Domingo de animación e novos valores da banda deseñada na última xornada do Viñetas

O repaso pola carreira profesional do animador e ilustrador Raúl García protagonizou a mañá, e a rapazada «tomou» o festival pola tarde cun mural colaborativo e co intercambio de cromos

A Coruña.— O festival Viñetas desde o Atlántico pechou a súa 29ª edición cunha axenda que protagonizou pola mañá o animador Raúl García, que repasou nunha conversa coa xornalista Rocío Ayuso boa parte da súa carreira profesional, desde os seus inicios traballando para Hannah Barbera en series como Os Picapedra ata o seu recente traballo La violinista, filme que codirixiu xunto con Ervin Han e que acaba de recibir o máximo galardón no festival de animación de Annecy.

Ao longo dunha hora, creador e xornalista (ademais de produtora dun dos filmes de García) revisaron nunha animada charla algúns dos momentos máis importantes da biografía do autor, como a súa participación na película ¿Quién engañó a Roger Rabbit? ou o seu primeiro traballo para Disney debuxando o xenio da lámpada de Aladdin. Houbo tempo tamén para os datos curiosos e as anécdotas e para repasar o seu traballo noutros xéneros, xa como autor total con Extraordinary Tales, levada á novela gráfica en España como La caída de la casa Usher.

Ayuso e García puxeron en valor o enorme talento existente entre os creadores e creadoras de animación en España e lamentaron que non exista un tecido industrial que o sosteña, malia os diversos intentos de crealo ao longo dos anos.

Presentación de Danay Dana

Pola súa banda, a autora cubana Danay Dana protagonizou un faladoiro no que revelou o proceso creativo da súa primeira obra, La maldición de los Heredia, coa que gañou na última edición do Salón do Cómic de Zaragoza os premios á mellor autoría e mellor guión. A creadora desvelou que a historia que trasladou á novela gráfica é, en realidade, a da súa tataravoa, e que foi a súa avoa quen lla foi narrando aos poucos ao longo dos anos.

O proceso de traballo para chegar ata a súa publicación foi longo, tal e como explicou Dana, e demorou ata os 6 anos. Afirmou que, malia os moitos tropezos e erros, non cambiaría nada do traballo feito; nas súas palabras, «porque de todo aprendín e formou parte do proceso». Confesou que neste momento xa está pensando nun novo título no que se unen saúde mental e santería.

Tarde de peche festivo en Viñetas

A 29ª edición do festival cerrou a súa sesión de tarde con dúas actividades que formaban parte da programación de Rúa BD especialmente pensadas polo público infantil. A primeira delas foi unha quedada de intercambio de cromos, proposta organizada por El Baúl de los Recuerdos, que espertou moita atención entre o público familiar.

Sen saír do mesmo espazo, Metrópolis Cómics organizou un mural de cómic no que participaron decenas de nenos e nenas durante as últimas horas do evento.

Un neno e unha nena nun obradoiro de Viñetas desde o Atlántico

Ao longo de toda a xornada, un grupo de alumnas e alumnos da EASD Pablo Picasso tivo a ocasión de protagonizar un espazo expositivo no que daban a coñecer o seu traballo, que tamén estaba á venda. Este showroom é parte de la colaboración establecida polo festival co centro educativo e unha aposta polos novos talentos da BD e da ilustración.

Variedade de títulos e boas cifras nas casetas de librarías do Viñetas 2026

Libreiros e libreiras fan unha avaliación positiva das cifras e da afluencia de público da edición que pecha e amosan unha ampla diversidade nos títulos máis vendidos

A Coruña.— As librarías presentes nesta edición de Viñetas desde o Atlántico fan un balance maioritariamente positivo do festival e destacan, ademais das vendas, a variedade de títulos e a elevada actividade ao longo das xornadas. Desde as librarías galegas ata a portuguesa Dr. Kartoon, os/as profesionais consultados coinciden en sinalar o interese do público pola banda deseñada, aínda que tamén apuntan a diferentes tendencias nos libros que máis saída tiveron.

Manuel, de Metrópolis Cómics, considera que as vendas son similares ás do ano pasado. «Creo que como o ano pasado», explica, aínda que recoñece que aínda non fixeron un balance definitivo por estaren centrados no desenvolvemento do propio festival. Fronte a outros anos, nos que un título podía destacar claramente, nesta ocasión aposta por unha maior variedade. Entre os libros que máis funcionaron están os de autores que a libraría levou directamente ao encontro, como Carolina Corvillo ou Irene Márquez, mentres que o catálogo europeo continúa a ter un peso importante. «Non hai un título concreto que destaque moitísimo, pero si son os que movemos nós mesmos os que máis vendemos», sinala.

Ramón, da Libraría Paz, móstrase aínda máis optimista. «Moi contento. Moi ben», afirma ao comparar esta edición coas anteriores, e asegura que este ano as vendas foron «moito maiores». Na súa opinión, o elevado número de actividades e eventos programados ao longo do festival pode explicar parte dese incremento: «Moito evento, moita actividade constantemente, iso supoño que sempre atrae máis xente». Entre os títulos máis vendidos están os de Tyto Alba, autor convidado ao festival, así como obras de Paco Roca, un dos autores que considera un clásico para o público. Tamén novidades como a adaptación de Fred Fordham de Un mago de Terramar, baseada na novela de Ursula K. Le Guin; a Odisea ilustrada (de Miguel Brieva e Carmen Estrada), publicada por Planeta, coincidindo co interese actual pola obra clásica, e o importante peso do libro infantil. Entre estes últimos, sinala El libro endemoniado, de Fernando Llor e Alicia GM, que define como «moi divertido» e cun funcionamento «superbó».

Antonio Monzón, de Alita Cómics e Penguin Random House, tamén fai unha valoración positiva desta edición, aínda que chama a atención sobre a irregularidade das vendas segundo os días. «Este ano bastante ben», resume, pero matiza que existen grandes diferenzas: «Hai días moito mellores e días que foron bastante peores». Monzón non pode establecer unha comparación directa coa pasada edición porque o ano pasado non participou na feira. Entre os títulos que máis saíron este ano sitúa La fábrica de papel, de Marta Kayser, ademais de Berserk, de Kentaro Miura, e a obra sobre a La guerra civil de Paul Preston doutro autor convidado, José Pablo García.

Cola de xente para as sinaturas de Mary M. Talbot e Bryan Talbot

Desde Portugal, Miguel, da libraría Dr. Kartoon, vive esta edición como unha primeira experiencia no festival e, polo tanto, non ten unha referencia directa para comparar as vendas con anos anteriores. O balance, con todo, é positivo. «Non teño comparación porque é o primeiro ano que estou aquí como libreiro», explica. A experiencia podería ser aínda mellor, segundo apunta, se non tivese problemas co terminal de pagamento, que non funcionou correctamente por cuestións relacionadas co roaming. A pesar dese contratempo, quedou sorprendido polo interese polos libros en portugués. «Notamos que hai interese polos libros en portugués, de autores portugueses, mesmo os que están editados en español», sinala. Entre os autores preferidos, salienta as obras O Amor Infinito que te Tenho, de Paulo Monteiro, outro dos autores convidados; 25 Mulheres, de Raquel Costa, ou Os Vampiros, de Filipe Melo e Juan Cavia.

Sandra, de Tótem Lugo, lembra que se o ano pasado «foi moi ben», este «foi mellor». «Vendemos moitos libros de arte, mangas variados, libros sobre videoxogos», di. Entre eles están One Piece, de Eichiro Oda,e Doraemon, de Fujiko F. Fujio, «clásico que, sempre, rapaces e non tan rapaces piden moitísimo».

Desde a libraría e espazo cultural coruñés Galgo Azul, Leo fai un balance moi positivo da súa participación na feira deste ano, con constante fluxo de visitantes, aínda que con momentos de picos moi elevados, sobre todo arredor da fin de semana. Neste espazo fan especial fincapé na relevancia que o seu amplo catálogo de infantil tivo nestes días. Conta que na lista dos seus libros máis vendidos están, de feito, tres títulos para público infantil e xuvenil: Avni 9 (de Pujol e Canut), Hermanas (de Raina Telgemeier), Policán (de Dav Pilkey), El viaje (de Agustina Guerrero) e O corpo de Cristo (de Bea Lema).

Pío Barreiro, desde a veterana Librería Komic, de Santiago de Compostela, a piques de cumprir 40 anos, conta que tamén detectaron un incremento de vendas e afluencia de visitantes con respecto ao ano pasado. Entre os seus títulos máis vendidos destaca, sen dubidalo, un dos que máis venden xa na tenda física, Dos mujeres desnudas, de Luz; e a novela gráfica O eco dos días rotos, de Alberto Taracido, protagonista dunha das exposicións do Viñetas deste ano.

Raúl García: «A animación é unha forma de vida; comezas como un friki e acabas vivindo diso»

«Hoxe vemos a familia Simpson como algo normal, pero naquela época era unha sátira moi atrevida da familia americana», destaca este autor, gran coñecedor desta coñecida serie norteamericana.

A Coruña.— Foi o primeiro animador español en incorporarse a Disney, participou en clásicos como A Bela e a Besta, Aladdin ou Quen enganou a Roger Rabbit; colaborou con Os Simpson, gañou un Premio Goya e forma parte da Academia de Hollywood. Con máis de corenta anos de profesión ás costas, Raúl García visita A Coruña coa exposición dedicada ao universo d’Os Simpson e aproveita para reflexionar sobre a evolución da animación, os cambios en Hollywood e o futuro dunha profesión que, asegura, segue dependendo da creatividade por enriba da tecnoloxía.

P. Chegas á Coruña cunha exposición arredor d’Os Simpson, unha serie coa que mantés unha relación moi especial. Que significou para ti?

Foi unha auténtica revolución. Cando apareceron, a finais dos anos oitenta, non había nada parecido. Eu estaba traballando en Londres e algúns compañeiros estadounidenses recibían en vídeo os episodios antes de que chegasen a Europa. Xuntabámonos para velos e todos tiñamos a sensación de que estabamos diante dunha serie que rompía completamente co que se fixera ata entón.

Hoxe vemos a familia Simpson como algo normal, pero naquela época era unha sátira moi atrevida da familia americana. Bart Simpson dicindo «Cómeme os calzóns» era algo impensable na televisión convencional.

P. A túa relación coa serie vén de moito antes do seu éxito.

Si. Cando rematei a universidade, fixen unha curtametraxe que percorreu festivais internacionais. Alí coñecín tres persoas que despois marcarían a historia da animación: Tim Burton, David Silverman e Marc Baker, que anos máis tarde crearía Peppa Pig.

David acabou uníndose a Matt Groening para poñer en marcha Os Simpson. O curioso é que todos os amigos lle diciamos que aquilo non tiña futuro. Aconsellabámoslle buscar un traballo en Disney ou Warner, porque pensabamos que aquela pequena produción desaparecería axiña.

Equivocámonos por completo. Anos despois chamáronme para colaborar nun dos especiais de Halloween, nunha parodia de Bambi. Foi unha achega pequena, pero para min supuxo cumprir unha desas ilusións que gardas durante toda a vida. Ademais, levo décadas coleccionando material relacionado coa serie, e desa paixón nace precisamente a exposición que presento agora.

P. O teu grande obxectivo, porén, sempre foi Disney.

Sempre quixen dedicarme á longametraxe de animación. Naqueles anos apenas existían estudios que fixesen películas, así que fun seguindo o traballo por distintos países: Madrid, París, Dublín, Corea ou Londres.

Despois de participar en Quen enganou a Roger Rabbit, chegou a chamada que levaba anos esperando. Curiosamente, coincidiu coa recuperación de Disney, despois dunha etapa moi complicada. O estudio acababa de iniciar a súa nova idade de ouro e buscaba unha xeración completamente nova de animadores. Tiven a sorte de chegar no momento exacto.

P. E o primeiro personaxe que che asignaron foi o Xenio de Aladdin.

Si, e segue sendo o meu favorito. En Disney non se traballaba por escenas, senón por personaxes. Durante toda a película, ti eras responsable dun deles, o que permitía coñecelo ata o máis mínimo detalle. Chegaba un momento no que xa non pensabas en como debuxalo, senón en como interpretaba, como reaccionaba ou que personalidade tiña.

Ao final, decátaste de que a animación non consiste en facer debuxos bonitos. O importante é conseguir que o espectador esqueza que está vendo un debuxo e crea que ese personaxe está vivo.

P. A industria cambiou radicalmente desde aquela época.

Completamente. A tecnoloxía deunos unha liberdade enorme. Hoxe podo dirixir unha película desde A Coruña con artistas repartidos entre Panamá, Singapur ou Alemaña. Iso era impensable cando todo se facía con papel, lapis e cámaras de 35 mm.

Pero tamén perdemos algo moi valioso: a cultura dos estudios. Antes compartiamos espazo todos os días. Vías o que estaba facendo o compañeiro, aprendías del, aparecían ideas novas mentres tomabades un café ou paseabades polos corredores. Os estudios estaban cheos de debuxos, caricaturas e bromas privadas. Era un ambiente creativo moi especial.

Hoxe moitos equipos apenas se coñecen persoalmente. Na miña última película traballaron preto de duascentas persoas e hai compañeiros cos que nunca coincidín fisicamente.

P. Tamén cambia a perspectiva cando deixas de ser animador para converterte en director.

É un cambio absoluto. Como animador interpretas as ideas doutra persoa. Como director, a película convértese na túa visión. Iso dá unha liberdade inmensa, pero tamén fai moi difícil volver aos grandes estudios, onde constantemente tes que responder diante de produtores e executivos.

Sempre digo en broma que cada poucos meses aparece alguén novo decidido a cambiar todo o que xa estaba aprobado. Forma parte do sistema, pero cando probas a liberdade de contar a túa propia historia, custa renunciar a ela.

A animación non consiste en facer debuxos bonitos. O importante é conseguir que o espectador esqueza que está vendo un debuxo

Raúl García sentado nun banco frente as casetas da feira

P. E a que andas agora?

Agora estou inmerso en Flamingo Flamenco, unha comedia musical completamente distinta de The Violinist. Despois de pasar tantos anos facendo un drama, necesitaba volver ao humor.

P. Tamén viviches desde dentro a evolución da Academia de Hollywood.

Si. Nunca fun dos que se conforman con votar os Óscar e marchar para a casa. Pasei doce anos no comité executivo e participei en diferentes xurados e comisións. Foi unha etapa apaixonante, porque coincidiu coa apertura da Academia ás novas xeracións. Incluso participei nas conversas que desembocaron na creación do Óscar á mellor película de animación.

Ás veces penso nas situacións que me tocou vivir e aínda me custa crelas. Cheguei a discutir con Saul Bass sobre o futuro da Academia e mentres falaba con el pensaba: «Que fago eu debatendo con alguén que cambiou a historia do deseño e do cine».

P. Nos últimos anos tamén decidiches regresar a España. Que mudou en Hollywood?

Mudou case todo. O teletraballo fixo que xa non sexa necesario vivir en Los Ángeles para facer películas. Ao mesmo tempo, apareceu un forte problema de idadismo e unha enorme inestabilidade nos estudios.

Antes, un executivo podía acompañar un proxecto durante cinco anos. Agora moitos cambian de posto en poucos meses. Iso provoca que unha película quede paralizada simplemente porque a persoa que a apoiaba xa non está.

Tamén notei un cambio social importante. California sempre foi un lugar moi aberto e moi diverso, pero nos últimos anos percíbese unha polarización moito maior desde a chegada de Donald Trump. Todo iso tamén influíu na decisión de volver.

P. Outro dos grandes desafíos é a intelixencia artificial. Como a ves?

Toda tecnoloxía cambia a maneira de traballar, pero hai unha cousa que non cambia: as ideas. A xente pensa que animar consiste en debuxar ben, e iso nunca foi o máis importante. O realmente difícil é decidir o que debuxar, por que un personaxe mira cara a un lado, por que cala nun determinado momento ou por que un movemento emociona o espectador.

A ferramenta pode cambiar. O proceso creativo segue pertencendo ás persoas.

O maratón de pódcasts protagoniza a xornada nun Viñetas cheo de entrevistas e faladoiros

O festival tingue o sábado do xénero xornalístico da man das conversas con autores e autoras no Carrusel BD e nos pódcasts especializados en banda deseñada

A Coruña.— O festival Viñetas desde o Atlántico encheuse este sábado de xornalismo, pola mañá nas entrevistas a autores/as, editores/as e profesionais vencellados ao mundo da banda deseñada na segunda sesión do maratón Pódcast BD con Campamento Kripton, El diario de Kovacs, Freakland e CUAC Cuac FM. Polos seus micros pasaron nomes como os de Raúl García, Pep Brocal, Paulo Monteiro, Sebas Martín, Danay Dana, Xulia Pisón, Carlos González ou o propio director do festival, Manel Cráneo, entre outros.

Faladoiro con Sebas Martín na carpa de RúaBD

Foron catro horas de emisión en directo a través da emisora Cuac FM, nas que fixeron un percorrido polas súas carreiras profesionais, ao tempo que profundaron nalgúns detalles de moitas das obras presentes nas exposicións deste ano no festival Viñetas desde o Atlántico.

Sen saír do xénero xornalístico, a tarde pechouse no Viñetas cun carrusel moi especial, un Carrusel BD repleto de microentrevistas realizadas pola xornalista Neves Rodríguez a Jacobo F. S., Danay Dana, Alberto Taracido, Giovanna Lopalco, Sebas Martín e Paulo Monteiro. Unha nova oportunidade de afondar no traballo dalgúns dos protagonistas desta edición do festival.

A xornada do sábado completouse no Viñetas con numerosas presentacións e faladoiros na Rúa BD; entre eles, destacan os vencellados á banda deseñada portuguesa, protagonista da mostra que ocupa a sede colaboradora do Circo de Artesáns, e a organizada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) arredor do uso da IA xenerativa e ás súas consecuencias neste eido profesional. Neste faladoiro, Chus Rojo e Augusto Metztli expuxeron algunhas das accións informativas e divulgativas que desde esta entidade están a desenvolver para dar a coñecer as consecuencias do uso indiscriminado deste tipo de intelixencia artificial, así como as súas implicacións éticas.

Faladoiro da AGPI na carpa de Rúa BD

Banda deseñada en Portugal

Nos encontros da tarde, da man do autor e editor Marcos Farrajota, a autora Raquel Costa e o autor e director do Festival de BD de Beja Paulo Monteiro, o público da Rúa BD puido coñecer máis en profundidade a situación da banda deseñada en Portugal. Coincidiron en subliñar o bo momento que vive na actualidade e a diversidade de estilos e a riqueza existente, ao tempo que apostaron pola relevancia de tender lazos co sector en Galicia.

Monteiro destacou que existen máis de 50 editoriais e 200 autores/as do sector en Portugal, ao tempo que contou algúns detalles do Festival de Beja que organiza e que ten xa 21 edicións. Neste momento, tal e como explicaron os relatores, existen no país veciño sete festivais diferentes de banda deseñada e chama a atención o crecemento da banda deseñada para o público máis novo.

Todo isto sucedía na Rúa BD mentres, a escasos metros, na praza de Santo Andrés, a asociación Autobán desenvolvía o seu mercado de autoedición, cunha grande afluencia de público durante toda a xornada.

«Se corrín diante dos grises nos 70, agora teño o deber de explicalo»

Sebas Martín protagoniza unha das mostras do Viñetas con memoria social

A Coruña, 15 agosto 2026.- Relata con orgullo que participou en Barcelona na primeira manifestación en defensa do colectivo LGTBI, e é que Sebas Martín ten debuxado desde finais dos anos oitenta historietas orientadas ao público gay en diversas publicacións. Vive a súa realidade con total normalidade e loita por normalizala en todos os ámbitos sociais. Entre os seus múltiples fitos nestes anos de carreira cóntanse o primeiro premio de banda deseñada Serra i Moret ou ter sido redactor xefe da revista especializada en banda deseñada gay Claro que Sí. Coas súas obras Que el fin del mundo
nos coja bailando
e La piel como única bandera, Martín estréase no cómic histórico achegándonos á vida de Basilio e Tomaset. Esta historia, que arranca ao final da II República e continúa no exilio en Francia durante a Guerra Civil, forma parte das mostras do Viñetas 2026 presentes no Kiosco Alfonso.

Nos 80 empezabas a colaborar nalgunhas revistas e publicacións de cómic. Traballabas como interiorista e decidiches lanzarte de cheo ao mundo da banda deseñada. Como tomas esa decisión?

Eu tiña moi claro que quería adicarme ao mundo da banda deseñada desde neno; cando lles preguntaban a outros nenos que querían ser e dicían astronauta ou bombeiro, sempre dicía «eu, debuxante de historietas». Pero non sabía por onde saír, eran outros tempos. Eu veño dunha familia que non ten absolutamente nada que ver co mundo da creatividade nin da arte. Empecei a estudar deseño gráfico en Barcelona, na Llotja, a escola de artes e oficios e, de feito, nunca traballei de deseñador gráfico. Atopei mentres estaba estudando un primeiro traballo de interiorista e estiven uns 15 anos traballando, pero non tiña vida. O traballo estaba ben, pero non tiña vida, e a miña verdadeira paixón, que era a banda deseñada, estaba totalmente aparcada. Deixeino todo e probei sorte.

A cousa foi irregular, pero naquel tempo estaban as revistas, onde, facendo pequenas colaboracións nun montón de sitios, podías chegar a final de mes. E así estiven ata mediados dos 90, que foi cando as revistas iniciaron o seu canto de cisne. Todo o mundo pedíache só unha novela gráfica e, claro, con unha soa novela gráfica cada ano non pagas agua, gas e luz e enches a neveira. Así que aí tiven que buscar outro traballo, pero cunha xornada intensiva que me permite estar libre ás 5 da tarde para poder seguir traballando no meu.

Pero desde pequeno tiñas clarísimo que o teu eran as historietas e o debuxo.

Aínda que pareza un pouco melodramático, eu teño unha idade, e de pequeno non había moito papel na casa pero si se mercaban os diarios e eu debuxaba batalliñas nas marxes brancas dos xornais. Na miña casa podías ver o papel de xornal que poñía a miña nai despois de fregar cheo de debuxos meus arredor. No colexio, cando facía unha redacción primaban máis os debuxos que facía para ilustrar a redacción que o texto, e cando debía de ter uns 12 anos, entón non había fotocopias, facía unha historieta semanal que trataba dos compañeiros de colexio e facía varias copias apertando forte con papel de calco.

Así que, iso do fanzine, eu, antes das fotocopias xa o facía. Tíñao moi claro, pero non o entendían, chamábante pintamonas. Estaba ben facelo un anaco, pero non adicarte a isto.

Que influencias artísticas ou creativas tes, máis aló do mundo da banda deseñada?

A nivel narrativo, eu bebo máis da sitcom que da banda deseñada; de feito, cando a xente le as miñas historias di «disto podería facerse unha serie». Fago a escala narrativa por escenas, que se parecen a esas escenas da sitcom que están pensadas para que duren uns 10 minutos para que logo che poñan un par de anuncios. A min gústame que, nas miñas novelas gráficas, aínda que haxa unha continuidade narrativa de 200 páxinas, ti poidas deixar de lelo cada 10 páxinas.

Todo o mundo me pregunta polos grandes autores de banda deseñada LGTBI+, ao ser o que eu fago: por Nazario, por Tom of Finland... O meu tipo de debuxo non ten nada que ver con eles, nin o meu tipo de narrativa, pero se eles non abrisen antes o camiño, eu non estaría aquí. A nivel de estilo eu teño moitas máis referencias na liña clara francobelga. Hai xente que me ten comparado con Jacques Tardi, porque ambienta moito e traballa moito os interiores e iso a min encántame; de feito, é un dos meus autores favoritos xunto a Moebius. Ou aquí, en España, Paco Roca e Pilarín Bayés.

Cal é o teu proceso creativo?

Son moi metódico. Teño unha serie de ideas que gardo nun caixón, ideas sobre as que quero que trate unha historia, e con iso creo unha escala narrativa. Cando teño a escala narrativa con cousas que quero que pasen (que mesmo o fago en papeis que vou colocando nun taboleiro, como se se tratase dunha serie de televisión), entón póñome a escribir un guión técnico, viñeta a viñeta, onde van os personaxes, tipo de plano... E en maiúscula e letra grosa poño os diálogos. Cando teño o guión técnico acabado, empezo a debuxar.

Debuxo sempre a man, lapis en papel de bosquexo DIN A3, porque me resulta especialmente práctico. Paso a tinta en papel Canson vexetal; desta maneira non necesito nin mesa de luz, descansa moito máis a vista e non teño que borrar tampouco. Fágoo con plumiña, mollando a plumiña en tinta chinesa. Conseguín unhas plumiñas que o día que as deixen de fabricar vanme matar. Xa as merco por caixas de 20 en 20.

E escaneo, e o único que fago en dixital é poñer grises cando é branco e negro con grises, e cando é cor, cor. O bo que ten nesta fase o dixital é que non te ensucias e, se tes 20 minutos, podes poñerte a colorear e deixalo.

Gústame moito utilizar o branco e negro con grises, porque funciona moi ben para o tipo de historias que eu fago.

A fase de rotulación faina Iris Bermúdez, de La Cúpula, que é a miña rotulista marabillosa, coa que traballo en continuo contacto. E xa a fase final, a entrega. Que sempre intento que sexa unha novela gráfica de 100 páxinas e se me vai a 300. Parezo un deses directores de cine que non saben facer películas de menos de dúas horas. Vanme saíndo moitas cousas que explicar. Hai un momento no que os personaxes se moven sós. Guíante. Iso pásame moito.

O ilustrador Sebas Martín sentado a carón da fonte do Kiosko Alfonso

Vaiamos un pouco antes, ao momento no que xorden esas ideas que almacenas no caixón agardando a saír. Cando e como te inspiras para crear as túas novelas gráficas?

Isto é tremendo. O meu fillo dicíame o outro día que tería que vivir polo menos ata os 130 anos para escribir historias con todo o que se me ocorre. Son unha persoa que ten moitas ideas, porque me vou fixando moito no mundo que me rodea. Vou no autobús e vou escoitando unha conversa e digo «isto poderíano dicir estes dous personaxes» ou «de aquí podo tirar do fío e sacar unha historia».

Os meus guións, normalmente, teñen lugar no ano no que os escribo, excepto a saga de La piel como única bandera e Que el fin del mundo nos encuentre bailando. Falo do que sucedeu no último ano, de cousas reais, co cal sempre teño material. Sendo unha persoa aberta ao mundo, sempre tes material. Lembro que hai dous anos no Salón do Cómic de Valencia alguén me preguntou se tiña crises creativas e tiven que ir á Wikipedia a ver que quería dicir iso. Iso das crises creativas non sei o que é.

Pero dicías que coas obras que están en Viñetas nonfoi igual o proceso

Coa miña triloxía da memoria, a chispa da idea tivo outro percorrido. A idea durmía nun caixón desde hai 10 anos porque eu necesitaba madurez profesional para poder desenvolver esta historia que tiña lugar nos últimos días da República no caso do primeiro volume. Falamos ademais dunha historia que está baseada moi libremente nas memorias dun tío meu, do irmán maior de meu pai. Moita da documentación que aparece é de primeira man. De feito, tiña que ser unha soa historia, autoconclusiva, que finaliza o día no que se levantan os fascistas e empeza a guerra civil. Pero moitos lectores querían saber que lles pasaba a eses personaxes e a min tamén se me meteu no corpo o bicho de seguir.

Pensei en facer unha segunda parte, pero, se coa primeira cheguei a 300 páxinas... Quedaba claro que necesitaba máis espazo para que quedase algo ben explicado. Non deixar moitos cabos soltos.

Esta foi a primeira obra que fixen con documentación histórica. Foi o triplo de traballo que unha das miñas creacións convencionais, pero paseino tan ben que agora estou traballando en máis obra de memoria histórica. De feito, este ano gañei o premio Finestres de banda deseñada por esta obra en catalán, a segunda parte, La piel como única bandera. Ademais, cada vez que busco algo atopo máis cousas, tiro do fío e voume animando moitísimo.

Viñetas aposta nesta edición pola memoria social e a memoria histórica como eixos. Que cres que achega a banda deseñada á visión que temos do que sucedeu en España e da loita polos dereitos sociais?

Creo que a banda deseñada ten unha vantaxe sobre outros medios narrativos e é que moita xente, sobre todo xente nova, que no se atrevería cun libro que fale de memoria histórica, porque lle causa certo rexeitamento. Que pensan «isto é un armatoste». No entanto, a banda deseñada entra moi ben polas ilustracións, e por ese burato podemos colarnos para explicar cousas que pasaron e que creo que son moi necesarias, porque, se algo se perdeu neste país, se é que a tivemos algunha vez, é a memoria histórica. Non lembramos o que pasou a moitos niveis. Non só a nivel político, senón tamén agora, por exemplo, a nivel de emigración. Fomos durante moitos anos un país de emigrantes.

Creo que é un deber que temos, o de explicalo. E creo, ademais, que non é só que teñamos a obriga, senón que é que nos apetece a moitos autores. Eu sempre digo que, se corrín diante dos grises nos 70, agora teño o deber de explicalo.

As túas novelas gráficas teñen uns títulos potentes. Trabállalos moito?

É certo que se me dan ben os títulos e que ademais sempre utilizo títulos longos. Dáseme ben, pero tamén é que lles dou moita importancia. Nunha das miñas series, a de Peluche, que é guionista de banda deseñada, fago que el faga eses libros con eses títulos que se me ocorreron e que eu non podo facer. Así polo menos fago as portadas desas novelas gráficas. De feito, xa teño o título da terceira parte da miña saga de memoria histórica.

Podemos ter a primicia?

Si, pódovolo dicir: Solo se recuerdan las heridas. Ocorréuseme porque realmente, aínda que cicatricen, as feridas se lembran, sobre todo as interiores.

A túa carreira centrouse, tal e como ti mesmo contas, no cómic gay. Cres que é necesaria a etiqueta?

Os meus personaxes son gays, pero eu nunca escribín historias dentro do gueto. Os meus protagonistas teñen nais, amigos heteros, curmáns, veciñas...

É un nicho quizais, ou foino durante un tempo para min. O meu editor, Emilio, de La Cúpula, sempre dicía que eu tiña un público quizais máis reducido, pero tremendamente fiel. E iso fixo tamén que se interese pola banda deseñada moita xente do colectivo que non se interesaba porque, á parte do cómic erótico gay, non había historias que explicasen a súa vida cotiá. De súpeto, con estas dúas novelas gráficas sobre a memoria histórica, o público xeneralista decatouse do tipo de historia que explico e moitos están empezando a mercar as miñas novelas anteriores e gústanlles.

Son moi militante, participo en charlas e encontros en defensa do colectivo; de feito, eu vivín a primeira manifestación, sendo moi novo. Hai moitas cousas polas que loitar a todos os niveis, non só dentro do colectivo LGTBI, e estamos a un pasiño de perdelas. Temos que seguir dando leña.

Así que, a etiqueta de banda deseñada gay? Non a rexeito, vexo que me funciona ben, pero non son exclusivo. Os meus libros teñen temática gay, pero non son só para gays, son para todo o mundo. E non son o único autor gay que fai este tipo de banda deseñada. De feito, Ralf König agora converteuse en algo que len máis heteros que gays, e paréceme moi ben.

Ao final o que importan son as historias?

É que ao final o cómic divídese en dúas categorías: bo ou malo. Hai banda deseñada gay moi boa e haina malísima, como de calquera outro tipo. Pero o curioso é que moita xente me di «e por que non te dedicas a facer outro tipo de cómic»? E por que non te dedicas ti, a ver? Se a min me vai ben aquí, por que teño que deixar de facelo? A ver, por que ti te vistes sempre de negro e non te vistes de verde?

Os autores de novela negra fan novela negra porque lles gusta e funcionan ben nela. Acaso teñen que pasar a facer receitarios de cociña?

Cóntanos coa túa mirada o que van atopar os/as visitantes da túa exposición no Kiosco Alfonso.

O que van atopar van ser como dous avances para ver a película, que che entren ganas de ler os dous libros. Son 40 páxinas nas que poderán ver como desenvolvo os diálogos e coñecerán a Basilio e Tomaset. Hai quen me di que xa forma parte da súa familia, mesmo pensan que son uns tíos maiores, que lles están explicando a súa historia. E a xente que sexa do colectivo vai ver que non inventamos nada, que nos anos 30 xa nos daban cincuenta voltas saíndo, atopando lugares, reivindicando, loitando... e verá toda esa Barcelona canalla da República que tiña lugares reseñados en espazos como Le Monde ou o Times porque eran un lugar de referencia, sobre todo para aristócratas e burgueses que buscaban emocións fortes.

E na segunda parte van atopar a historia dun exilio, e falo de como os exiliados que chegaron a Francia pensaban que ían ser recibidos cos brazos abertos e foron confinados no que se chamaba campos de refuxiados, que realmente eran campos de concentración. E desde alí todas as aventuras deste exiliado que é Basilio e como chega a integrarse na sociedade francesa.

Das túas últimas lecturas en banda deseñada, que recomendarías?

Pois podería recomendar moitas pero vou con tres. Anatomía de un esqueleto, de Pep Brocal. Aprendiz de cuervo, a edición integral, de Danide, unha absoluta delicia que me lembra AilladodoutorMoreau mesturado con A revolta dos animais, de Orwell. Diario del Yeti, de Santi Arcas, que, en principio, parece unha historia do Ieti, pero, en realidade, é unha historia urbana.

Viñetas pecha unha xornada de venres con enorme afluencia de público

O festival inclúe na súa programación dous faladoiros vencellados á memoria social e á loita polos dereitos civís, da man de figuras como Bryan Talbot e Mary M. Talbot, Pep Brocal e Sebas Martín

A Coruña.— O festival Viñetas desde o Atlántico completou a súa xornada do venres con unha extensa e rica programación na que se contaron dous faladoiros diferentes vencellados aos procesos creativos dos autores Pep Brocal, con Caridad del Río; Sebas Martín, con La piel como única bandera y Que el fin del mundo nos encuentre bailando; e Mary M. Talbot e Bryan Talbot, con La virgen roja, Sally Heathcote: sufragista e Lluvia.

No faladoiro da mañá, os dous autores cataláns, da man de Vanesa Santiago, desvelaron algúns detalles do proceso creativo que os levou a asinar os libros que protagonizan as súas respectivas mostras, presentes no Kiosco Alfonso. Brocal e Martín coincidiron na importancia de seguir traendo ao presente experiencias como as vividas polos/as seus/súas protagonistas nun momento como o actual.

Faladoiro con Pep Brocal e Sebas Martín na carpa do Viñetas 2026

Xa pola tarde, os británicos Mary M. Talbot e Bryan Talbot contaron na súa charla as tramas de tres das súas obras conxuntas vencelladas a temáticas relacionadas coas loitas sociais: a loita sufraxista, a comuna de París e as loitas sociais, e a loita ecoloxista.

A tónica da xornada foi a das colas nas sinaturas (de preto dunha hora no caso dos Talbot) e as mareas de xente indo e vindo, mercando nos stands e visitando as mostras que ocupan os espazos expositivos localizados nas proximidades da Rúa BD.

Mary M. Talbot e Bryan Talbot na caseta de Viñetas Estudio asinando exemplares

José Pablo García: «A lixeireza da banda deseñada axuda a abordar temas complexos como a memoria histórica»

O autor malagueño protagoniza a mostra da Casa Museo Casares Quiroga coas súas adaptacións das obras de Paul Preston en torno á guerra civil española

A Coruña.— José Pablo García é un dos nomes propios da 29 edición do Viñetas. A mostra ‘La guerra civil’, de Paul Preston, que se pode visitar na Casa Museo Casares Quiroga, inclúe as súas adaptacións de La guerra civil española, La muerte de Guernica e Franco, do historiador británico. García (Málaga, 1982) gañou o premio de Cómic Injuve en 2009. Con Las aventuras de Joselito – El pequeño ruiseñor fixo unha documentada biografía do cantante. Adaptou tamén ao cómic a novela de Javier Cercas Soldados de Salamina e El hijo del chófer, de Jordi Amat. Conversamos con el acerca da súa obra e á súa presenza no festival.

P. Como foron os teus inicios no mundo do cómic? Teño entendido que xa cando eras neno fixeches os teus pinitospereiriños.

Si, eu levo debuxando banda deseñada desde os 6 anos e con apenas 10 anos publicaba nun xornal pequeno, local, El Sol de Antequera, ; ao longo de 30 semanas, publiquei a historia da humanidade en cómic, nada menos. Por sorte, téñoo todo gardado, porque eu falo con moitos autores e perderon moito traballo de épocas temperás porque os seus pais non son tan Dióxenes coma os meus, pero eu teño como 400 páxinas gardadas, arquivadas cronoloxicamente.

Creaba os meus personaxes, facía as miñas tiras. Por suposto, moi influenciado por Mortadelo, por Tintín, Astérix, a típica influencia desa idade.

P. Pódese vivir do mundo do cómic en España no século XXI?

Si, a ver, eu estouno facendo, pero teño muchas dúbidas ao respecto. Por moitos motivos. Son optimista, desde logo, pero cando un libro funciona non sempre sabes por que. Pode ser un simple golpe de sorte, nunca sabes. Neste negocio hai que ter sempre un plan B.

P. En canto ao teu proceso creativo, é similar en encargos como o caso das obras que están na exposición do Viñetas e en proxectos propios como Palindrotiras?

Eu sempre trato de axustarme ao proxecto no que estou, e para iso adapto o estilo de debuxo e o ton, aínda que eu penso que sempre son eu en todas as obras. Hai quen di que non ve o meu estilo, pero eu si o vexo, incluso nas adaptacións de Preston; hai moitas diferenzas entre as dúas primeiras, La guerra civil española e La muerte de Guernica, e a terceira, a de Franco, que é máis caricaturesca e ten toques de humor sutil. Porque tiña moi presente que ler unha biografía dun personaxe como Franco sen que haxa toques que o alixeiren sería demasiado árido.

P. Falamos das adaptacións dunhas obras que son case monumentais. Foi longo o proceso?

Pois non tanto, sobre todo no caso das dúas primeiras obras, nas que había que respectar unha data de entrega, que era duns sete meses. Tiña esa presión e tiven que meter a quinta, mentres que noutras como a de Franco puiden tomalo con máis calma, porque foron uns dous anos.

Pero outras obras que non foron encargos, como a de Palindrotiras, por exemplo, sen presión de ningún tipo, remateina moi rápido porque me divertía moito. Os palíndromos sempre foron a miña paixón, a miña maior afección agora mesmo.

Ao final dei coa fórmula de facer un percorrido polas historias do palindromismo gráfico, un xénero que non existe, claro. Creei unha falsa antoloxía. E unha vez que tiven iso, púxenme a traballar, porque imitar os estilos doutros autores sempre me resultou moi divertido; póñome na pel doutro, coma un actor. Divírteme e resúltame máis estimulante traballar así que manter un estilo concreto.

José Pablo García na súa exposición na Casa Museo Casares Quiroga

P. No caso das adaptacións de obras en torno á guerra civil española, mantiveches contacto con Paul Preston ao longo do proceso de traballo?

Non, co primeiro busquei a vida eu soíño. Co segundo, o de Guernica, contactei con el nun par de ocasións.

Divírteme moito a parte da documentación e buscar datos en fontes de todo tipo. En realidade, sobre todo, non buscar en Internet, senón en hemerotecas, arquivos, revistas antigas…, que é onde se atopan as cousas máis valiosas.

P. Desde a túa experiencia, que cres que achega o cómic á visión da memoria histórica?

É moi necesario, e está visto que cada vez máis. Estamos nun momento complexo. Antes, dicir que eras antifascista era unha obviedade, pero xa non é así. Eu creo que un medio como o cómic é moito máis directo que outros. Esa lixeireza e amenidade é beneficiosa á hora de informarse. Sobre todo, nos temas e nas épocas que eu abordei.

P. Os teus libros lense en educación secundaria?

Esa era a idea inicial da editorial, en parte. Adaptar os libros de Paul Preston para chegar a eses públicos. Era algo que non se fixera ata ese momento. Agora xa se fixeron máis adaptacións dese tipo; recentemente unha sobre a mesma temática, de Julián Casanova, España partida en dous [adaptada por Miguel Casanova e Carles Esquembre]. Pero cando o fixemos foi innovador, unha idea da editora que contactou comigo, e eu, cando me puxen a traballar no libro, non tiña moi claro se ía funcionar.

É un proxecto complexo, porque é moitísima información e non podes cribar a maioría, dado que todo é importante e cada paso é fundamental para entender o seguinte, con moitísimos personaxes… Desde dentro, eu tiña todas as dúbidas do mundo, pero ao final resultou que non. A cousa funcionou e é con diferenza o meu libro con maiores vendas.

P. Xustamente no Viñetas presentas Palindrotiras, un libro que non ten nada que ver coa túa obra anterior.

Estareille eternamente agradecido a Ausaider Cómics por apostar por el; era moi arriscado. Hai unha comunidade de palindromistas en España, pero é algo moi de nicho. Somos unhas cen persoas en España que facemos palíndromos e os compartimos entre nós, e autoedítanse libros. Entón, a miña aposta era a de intentar facer mainstream algo totalmente de nicho, con toda a dificultade que iso comporta.

A min os palíndromos gustáronme desde sempre e sempre me resultaron divertidos sonoramente e polas imaxes que xeran, moi estrañas, que xorden pola simetría da frase e de conceptos que nada teñen que ver entre si e que, de repente, son obrigados a entenderse. Sempre vin que había aí materia prima para facer humor gráfico.

Hai uns 20 anos, cando empecei no mundo do cómic, non tiña claro de que falar, que facer, e pensei en facer humor gráfico cos palíndromos. Logo, hai 10 anos abrín unha conta en Twitter na que comecei a comentar a actualidade política e social e pouco a pouco foi gañando seguidores, foise popularizando, algún fíxose viral… Sempre me andou pola cabeza facer un libro con iso.

A primeira idea que tiven foi facer un libriño ilustrado con palíndromos acompañados de viñetas, pero nun momento dado botei o pé adiante e lanceime a un proxecto máis ambicioso. Ocorréuseme a idea do percorrido histórico e pedínlles axuda a dous colaboradores da conta, e a partir de aí xa empecei a traballar.

Asistentes á inauguración da exposición de José Pablo García na Casa Museo Casares Quiroga

P. Anímaste a crear un palíndromo da eclipse?

Non, non, non se pode. Hai palabras que están totalmente descartadas, porque con elas non se pode facer un palíndromo, e eclipse é unha delas.

P. E o tema da memoria histórica, apetéceche seguir traballando nesa liña?

Si, si, estou facendo unha cuarta colaboración con Paul Preston, aínda que non podo dicir de que se trata, pero podo avanzar que vai dar que falar. É un tema moi de actualidade, é o único que podo dicir.

P. Que cómics recomendas dos últimos que liches?

Podería recomendar moitos, pero quedo con un, porque é unha barbaridade: El vecino, de Pepo Pérez e Santiago García. Estouno rematando aínda, e está parecéndome un festival gráfico, unha cousa inconmensurable. É a cuarta entrega dunha saga e non ten nada que ver cos outros tres. Amosa todo o que non se vira nos outros: puñadas, batallas..., sempre co humor polo medio.

Viñetas inaugura unha das súas exposicións estrela, centrada na guerra civil española

El festival entra en su fase final con una muestra que recoge las adaptaciones de las obras de Paul Preston a cómic realizadas por José Pablo García

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, lembrou que unha viñeta «pode humanizar a historia, amosar as consecuencias concretas da violencia e axudarnos a formular preguntas necesarias»

A Coruña.— A Casa Museo Casares Quiroga foi o escenario da inauguración da mostra ‘La guerra civil’, de Paul Preston, da autoría de José Pablo García, que se enmarca dentro da programación do festival Viñetas desde o Atlántico.

No acto participaron o concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro; o director do festival, Manel Cráneo; o autor, José Pablo García, e Antonio, artesán de Enxógate, que realizou o móbil que representa o bombardeo de Gernika relatado nunha das obras da mostra.

Gonzalo Castro destacou que “«as obras de Paul Preston axudaron a varias xeracións a comprender a Guerra guerra Civilcivil, a destrución de Guernica Gernika e a ditadura fascista. E a banda deseñada amosa, unha vez máis, que é unha ferramenta para pensar, aprender e conversar. Unha viñeta pode deter a mirada nun feito que ás veces unha cifra ou unha páxina de texto deixan pasar. Pode humanizar a historia, amosar as consecuencias concretas da violencia e axudarnos a formular preguntas necesarias”. ».

Pola súa banda, Manel Cráneo fixo especial fincapé na relevancia que a memoria histórica ten na programación desta 29ª edición do Viñetas, ao tempo que puxo en valor a calidade do traballo do autor, nunha obra que abarca a adaptación a novela gráfica do traballo do historiador Paul Preston en tres volumes distintos: La guerra civil española, La muerte de Guernica e Franco.

Cráneo destacou o elevadísimo nivel das 24 mostras que compoñen este ano a sección expositiva do Viñetas e apostou pola necesaria expansión do festival a novas sedes coma esta, no seu crecemento natural que permite que cada ano chegue a máis público.

Asistentes á inauguración da exposición na Casa Museo Casares Quiroga

Outro dos elementos que destacou foi a relevancia da colaboración entre a Asociación Galega de Artesáns e o Viñetas, froito da cal, tanto nesta mostra como nas que ocupan o Kiosco Alfonso e a Casa da Cultura Salvador de Madariaga, diferentes artesáns «sacaron» das viñetas elementos e personaxes variados dándolles corpo. No caso concreto da exposición da Casares Quiroga, os/as visitantes poderán ver un colgante cun avión lanzando bombas, extraído do libro de La muerte de Guernica, elaborado por Antonio, do obradoiro de artesanía Enxógate, que acudiu tamén á inauguración.

O autor, José Pablo García, relatou na visita guiada que dedicou varios anos a estes traballos de adaptación e que se documentou a través de fontes moi variadas. O creador contou que, a pesar de tratar unha temática similar, «hai moitas diferenzas entre as dúas primeiras, La guerra civil española e La muerte de Guernica, e a terceira, a de Franco, que é máis caricaturesca e ten toques de humor sutil. Porque tiña moi presente que ler unha biografía dun personaxe como Franco sen que haxa toques que o alixeiren sería demasiado árido».

A mostra poderá visitarse ata o 27 de setembro na que é nova sede de exposicións do Viñetas neste ano 2026, a Casa Museo Casares Quiroga, na rúa Panadeiras.

Jacobo F. S.: «Nunca penso en facer un produto infantil; penso en facer unha boa historia»

«O cómic en galego está mellor porque hai moitísima máis xente facendo cómic, pero para vivir disto hai que facer a obra e vendela en cantos máis sitios mellor», apunta o ilustrador vigués

A Coruña.— Despois de dez anos de espera, Marcopola regresou ás librarías coincidindo coa grande exposición que Viñetas desde o Atlántico lle dedica ao seu autor. Ilustrador, escritor e profesor, Jacobo F. S. (Jacobo Fernández Serrano, Vigo, 1971) repasa a evolución do seu universo creativo, reflexiona sobre o momento que vive a banda deseñada galega e analiza os retos dun sector que medrou moito nos últimos anos, pero que segue buscando un modelo sostible.

P. Despois de tantos anos, Marcopola converteuse xa nun universo propio. Como naceu?

Marcopola é a última cristalización dun traballo que fun facendo en Os amigos de Archimboldo Roque. Basicamente é o que se pode ver na exposición. Comezou con Os amigos de Archimboldo Roque e, a partir de aí, foi cadrando o meu mundo, tanto no aspecto gráfico como no narrativo, nos temas que trato e no tipo de personaxes. De feito, Marcopola aparece por primeira vez como personaxe secundaria en Os amigos de Archimboldo Roque. A partir de aí foi medrando.

P. E que ten un personaxe secundario para acabar converténdose no protagonista dunha serie?

Ás veces pasa. A serie de Archimboldo prestábase moito a iso porque cada entrega era practicamente como un conto, cunha variedade enorme de personaxes. Había moito espazo para que aparecesen personaxes diferentes. E logo ocorre que vas creando personaxes e, de repente, hai algún que queda aí palpitando. Non sabes moi ben por que, pero dáche máis curiosidade. Dáche a sensación de que aí hai algo máis que contar, que ese personaxe ten máis cousas que dicir.

Por unha banda está a curiosidade do autor por saber que é ese personaxe, que faría, como se move, como pensa. E pola outra está a propia necesidade do personaxe de vivir, de facer cousas, de gozar. E nalgún momento atopas aí un terreo para desenvolver unha historia.

P. E de onde vén o nome de Marcopola? Por unha banda, remite ás viaxes de Marco Polo e, pola outra, á feminización desa figura.

Ten que ver directamente con As viaxes de Marco Polo. No primeiro número, o remo é o que permite que Marcopola se mova e viaxe. Ese remo era dun rapaz, Xerafino, que o perdeu cando xogaba a Marco Polo. E, precisamente, As viaxes de Marco Polo é o seu libro preferido. Marcopola era unha illa que non tiña nome, e foi Xerafino quen lle puxo ese nome. O feminino ten tamén unha explicación gramatical: é unha illa.

P. A serie está funcionando especialmente ben entre o público infantil e xuvenil. Por que cres que conecta tanto cos rapaces?

É difícil de saber. Supoño que coincidiu que algunhas teclas funcionan. Eu non fago Marcopola pensando que estou facendo un produto para un determinado público. É unha obra de autor e, despois, fun buscando onde poder editala. Non é un encargo. Creo que coincidiu que o tipo de humor, os personaxes, o humor absurdo que utilizo moito e ese tipo de fantasía e imaxinación lles fan graza.

Tamén hai unha cuestión importante: a sensación de que os personaxes están vivos. Están facendo cousas, móvense, interactúan. Se che interesa o que están desenvolvendo, se che fai graza, vas para adiante. Esa é tamén unha das cousas propias do cómic cando funciona: tes diante unha sensación de vida.

O ilustrador Jacobo F. S. posa subido a uns xogos infantís

«O cómic en galego está mellor porque hai moitísima máis xente facendo cómic»

P. E falando desta sensación, como ves o momento actual da banda deseñada en galego, tanto para o público infantil como para a novela gráfica?

Moito mellor. Pero principalmente porque hai máis cómics. Hai máis xente facendo cómic e, sobre todo, hai máis rapaces e rapazas que se incorporan.

Eu tamén son profesor de ilustración e vexo esa evolución. As novas xeracións son máis numerosas. Ao principio había catro ou cinco persoas; despois, na miña época, xa había máis; na seguinte, máis aínda, e agora hai moitísima xente facendo cómic de calidade. Ademais, o cómic infantil e xuvenil é un dos ámbitos máis demandados polas editoriais. É un tipo de obra que está funcionando. Eu estou en contacto con editoriais pola escola e polo meu traballo e vexo que lles piden aos alumnos que rematan proxectos de cómic infantil porque se están colocando moi ben.

P. Houbo un momento no que o cómic parecía ter que demostrar que podía entrar nas aulas. Iso xa mudou?

Si. Marcopola foi o primeiro cómic que, sen ser unha revista nin formar parte dunha publicación periódica, entrou en prescrición de lectura nas escolas. Había profesores que o utilizaban para traballar determinadas cuestións na clase.

Ao principio era algo que chocaba. Pero se entra e funciona, continúa. E funcionou. Hoxe en día hai estudos, investigación e mesmo espazos universitarios dedicados ao cómic aplicado á educación. Xa é un campo de estudo. Por iso digo que está mellor: porque agora hai moitísimo máis.

P. E desde o punto de vista da industria?

Aí sigo vendo un pouco as mesmas dificultades. Unha industria galega, entendida como unha industria individual que lle permita vivir exclusivamente do cómic a un autor, polo tamaño do mercado é practicamente imposible. O que ten que facer un autor é unha obra, tratar de publicala na súa lingua e intentar vendela a outras linguas. Co mesmo traballo vas sumando e, ao final, podes facelo rendible. Porque tamén é moi difícil para unha editorial pagar o que realmente debería cobrarse por un álbum de cómic de cincuenta páxinas. Nunha edición hai un adianto, pero quen aposta de verdade é o autor: aposta o seu tempo e o seu traballo.

E despois están todos os demais aspectos: como se fai o cómic, como se paga, como se vende, como se distribúe, como se dá a coñecer, que presenza ten nas librarías e nos grandes almacéns... Hai moitas pezas.

P. Nese sentido, internet abriu unha porta importante.

Claro. As novas xeracións están en contacto con xente de todo o mundo. Hai que facer a obra, ten que ter calidade, e despois hai que vendela. Cantos máis sitios, mellor. E, obviamente, se a podes traducir, moito mellor.

P. Precisamente, ti móveste tamén entre a banda deseñada, a literatura infantil e a ilustración. Hai moita diferenza entre eses ámbitos?

No fondo, non tanta. Eu son debuxante e teño os meus gustos, as cousas que me interesan esteticamente, pero tamén son autor. Teño banda deseñada, literatura infantil e outros proxectos.

Mesmo cando escribo un libro estou pensando nos debuxos. Non sei se me lanzaría a presentar manuscritos literarios se non puidese combinar esa ferramenta que teño para contar as cousas, que é o debuxo. Hai unha tradición moi importante de autoría na que a mesma persoa escribe e ilustra. Podes facer un álbum ilustrado, un libro ilustrado ou unha banda deseñada, pero o autor está construíndo tamén a súa visión estética.

P. Pero ti sabes ben que é diferente escribir unha historia e saber contala tamén co debuxo.

Si. Hai unha técnica narrativa propia do debuxo. O que tes na man para contar é escribir e debuxar. E o debuxo achega moitos recursos narrativos. Non é un debuxo para decorar, é un debuxo para contar a historia. A historia está sostida polo debuxo e polo texto. E cando vas adquirindo experiencia coa linguaxe do debuxo e coa escritura, o que buscas é que esas dúas ferramentas che permitan contar o que queres contar.

Eu non penso que teña un guión pechado e despois simplemente o ilustre. A idea é poñerme a facer unha cousa escribindo e debuxando. O debuxo afecta o guión, o guión afecta o debuxo e entre os dous van formando a historia.

«Hai un tipo de ilustración e un tipo de profesional ao que a intelixencia artificial lle vai facer moito dano»

P. Como ves a irrupción da intelixencia artificial no sector da ilustración?

O primeiro, como profesor, é que nos obriga a pensar como educamos sobre iso. Hai aspectos que teñen que estar perfectamente definidos, especialmente os relacionados cos dereitos de autor. Se hai utilización de obras protexidas, iso ten que estar regulado. E despois hai tamén cuestións ambientais. Hai que mirar o impacto que teñen determinadas tecnoloxías. Pero, ao final, é unha tecnoloxía que vai ser difícil de parar. Eu penso que hai un tipo de ilustración e un tipo de profesional da ilustración ao que lle vai facer moito dano. Iso é algo que me parece bastante evidente. Agora hai que ver como reaccionamos. É un momento de transición, de buscar cal é a convivencia posible entre unha cousa e outra. É un momento complicado.

P. Pero tamén hai unha dimensión creativa que che resulta interesante.

Si. Desde o punto de vista artístico é interesante observar como evoluciona. Ao principio a intelixencia artificial facía cousas moi evidentes, como mans imposibles ou determinados erros, e agora xa hai unha evolución. Pero desde o punto de vista profesional hai que estar totalmente en contra de calquera atropelo dos dereitos. Se se presenta como unha ferramenta de axuda, perfecto. Pero se se alimenta de copiar os debuxos da xente, aí os gobernos teñen que defender a propiedade intelectual dos ilustradores.

P. Chegar a Viñetas desde o Atlántico cunha exposición propia, e ademais como exposición inaugural, que significa para ti?

Para min é incrible. Tiven unha etapa da miña vida na que era ilustrador e facía cursos e diferentes traballos. Sempre fun profesor, pero desde hai uns anos son profesor de ensinanza regrada. Encántame a docencia, pero ralentizou a miña produción. Sobre todo o cómic, porque é algo que leva moito traballo. Se non tes horas, non o podes facer. E se chegas á casa sen enerxía despois da docencia, non tes tempo nin cabeza para poñerte con el.

P. De feito, este último Marcopola tardou dez anos en saír. E esta exposición chega xusto cando sae o quinto volume.

Si. Por iso para min é como unha especie de segunda tempada. É como volver, é realmente unha volta, pero non é volver desde cero. A exposición está centrada en Marcopola, pero tamén fala do anterior. Dáme perspectiva a min e permite que o resto da xente comprenda en que consiste o meu traballo, que ideas e que liñas estou manexando desde o principio e como foron evolucionando. E ademais coincide coa saída do quinto Marcopola e coa resposta dos lectores, que para min foi incrible. Os rapaces están lendo os libros e, cando chega un novo, parece que levaban esperando por el desde o día anterior. Xa coñecen os personaxes, saben perfectamente o que pasa. Son lectores espectaculares, moi esixentes e moi controladores co que lles gusta. Que todo iso coincida agora coa invitación de Viñetas é para min como un segundo comezo.

P. Que papel cres que tivo Viñetas desde o Atlántico na evolución da banda deseñada galega?

É difícil de explicar agora porque xa estamos afeitos a que existan salóns e festivais, pero ao principio era moi diferente. Antes dos primeiros Viñetas non viamos orixinais de autores, moito menos tiñamos a posibilidade de ver aquí autores importantísimos, autores que estabas lendo nas librarías e que seguías. De repente estaban aí, podías escoitar as súas charlas, ver os seus orixinais e coñecer como traballaban.

Por unha banda está ese labor de achegar a profesión á xente a través dos autores e das exposicións. E pola outra está o movemento inverso: os autores que facemos cómic en Galicia xuntámonos cos autores que veñen de fóra. Agora hai unha xeración nova de autoras e autores galegos moi importante. Cando pasen uns anos e se analicen estes últimos vinte anos de evolución da banda deseñada galega, penso que Viñetas será un factor fundamental.

P. E que estás preparando agora?

Pois si, pódese saber: Marcopola 6.

P. Era bastante previsible.

Si, pero é así. Teño un pouco de cargo de conciencia porque tiven dez anos esperando á xente. Por iso cheguei a un acordo coa editorial para obrigarme a que o ano que vén, por estas datas, máis arriba ou máis abaixo, teñamos o seguinte Marcopola. A intención non é só que saia un sexto volume e que despois volva pasar unha eternidade. Quero que a serie volva a converterse nunha serie na que cada ano teñamos un Marcopola e que se vaia expandindo. Neste sentido, a exposición de Viñetas tamén é fundamental, porque lle vai dar difusión á serie e axuda a manter ese músculo.

E hai vida máis alá de Marcopola?

Si, claro. Teño proxectos para cómic adulto, proxectos de libro ilustrado e tamén algún proxecto infantil. Hai cousas que levan tempo avanzando e algunhas están practicamente listas. Seguramente, ademais de Marcopola, entre este ano e o que vén poida aparecer algunha outra cousa noutro ámbito. A cabeza non para.

A fantasía invade a cuarta xornada do Viñetas, da man das autoras galegas de banda deseñada

Jacobo F. S., protagonista da mostra ‘De Archimboldo a Marcopola’, debullou as chaves da súa carreira na carpa da Rúa BD

A Coruña.— As autoras que participan na exposición Elas son fantásticas, Paula Cheshire, Inés Vázquez, Lucía Cid, María Brenn, Eli García e Bea Gregores, protagonizaron a xornada do xoves no festival Viñetas desde o Atlántico. Así, ofreceron unha visita guiada á mostra, que ocupa a segunda planta da sala municipal Salvador de Madariaga, e participaron nunha maratón de debuxo no stand das Bibliotecas Municipais. Ademais, ofreceron diversas sesións de sinaturas no Viñetas Estudio da Rúa BD.

Cada autora debullou na visita as claves das súas diferentes creacións, todas elas dentro do xénero fantástico e en moitos casos moi vencelladas ao público infantil e xuvenil. Aldara, a lenda da cerva branca, Severina e a raíña dos trasnos, Ula e Vinca, Maia e a troita perlada, O grande diario, Avelaíña e o camiño á illa e Miquits son as obras nas que se centra a mostra. Tamén se pode ver na exposición parte do proceso creativo e o resultado final do cartel que a autora Inés Vázquez realizou para a feira Mostrart, nunha colaboración entre o Viñetas e a Asociación Galega de Artesáns.

As autoras chamaron a atención sobre o papel que a natureza ten en todas estas obras, ao tempo que analizaron nalgúns casos o seu proceso creativo e relataron algúns detalles sobre a súa carreira profesional. Unha a unha, foron pasando polo stand Viñetas Estudio, na Rúa BD, para asinar a súa obra e debuxaron ao longo de toda a xornada diferentes escenas dentro da maratón de debuxos.

Jacobo F. S. e a banda deseñada galega

Pola súa banda, Jacobo Fernández F. S. fixo na súa charla na carpa da rúa Rúa BD un percorrido histórico polo seu traballo como ilustrador na charla "«Marcopola e amigos", », dentro do programa Viñetas Expo. O debuxante galego lembrou os seus comezos con "Os amigos de Archimboldo Roque", onde xa aparece por primeira vez a figura de Marcopola. Posteriormente, realizou a obra "Aventuras de Cacauequi," coa que gañou o prestixioso Premio Castelao de Banda Deseñada, e tamén fixo unha incursión na banda deseñada biográfica coa obra "Lois Pereiro, breve encontro. Un achegamento comiqueiro á biografía e á obra do poeta".

Antes de dar o salto ao seu grande éxito editorial, tamén probou co fanzine experimental con "Estudos de Violencia Segar". Pero, sen dúbida, se algunha obra define a este ilustrador vigués é "Marcopola, a illa remeira" e todo o universo que comparte con personaxes como Dragoneta ou a avoa pintora. Na súa intervención, Jacobo destacou a conexión da súa obra coa pintura e a literatura galega e o mundo onírico de autores como Álvaro Cunqueiro.

O ilustrador Jacobo F. S. explicando o seu traballo diante da pantalla