A ruta da memoria do Viñetas conecta as exposicións do festival coa memoria histórica da Coruña

Os eventos, organizados en colaboración coa ARMH, permítenlle ao público do festival descubrir detalles vencellados á historia da cidade e ás pegadas do golpe de Estado e da ditadura na comarca

A Coruña.— O festival Viñetas desde o Atlántico, en colaboración coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), organizou esta mañá a primeira das dúas rutas da memoria incluídas na programación do festival que percorren a cidade unindo diferentes espazos expositivos do Viñetas con historias reais de represaliados, represaliadas e vítimas do franquismo e novelas gráficas. David Lozano, da ARMH, conduciu esta actividade que presentou o director do festival, Manel Cráneo, lembrando a importancia de afondar en temas como este, que supuxo un dos eixos do evento este ano e que, tal e como lembrou, «por desgraza, seguen a ser tan necesarios hoxe en día».

Cráneo aproveitou para lembrar as diferentes exposicións vencelladas a esta temática dentro da programación do festival e que se poden visitar ata o 27 de setembro no Kiosco Alfonso e a Casa Museo Casares Quiroga, así como outras de temática social na Casa Museo Picasso e na Fundación Luís Seoane. «Isto é tan só un aperitivo para seguir afondando en temas tan relevantes coma este», indicou, aspecto no que tamén fixo fincapé David Lozano ao remate da visita, na que achegou unha guía, elaborada pola ARMH en colaboración co Viñetas, de diferentes novelas gráficas e espazos web que recollen información arredor da memoria histórica.

Na visita, na que participaron preto de 30 persoas e que se prolongou durante máis de dos horas, percorréronse espazos como os xardíns de Méndez Núñez (partindo dun dos espazos expositivos do festival, o Kiosco Alfonso), a praza de Pontevedra, a rúa Orzán, a rúa do Socorro, a rúa Sol, a rúa Real e a rúa Beiramar, para finalizar diante da Casa Museo Casares Quiroga, outro dos eixos do Viñetas deste ano, que Lozano convidou a todos os e as participantes a descubrir pola súa relevancia histórica.

Persoas escoitando as explicacións do roteiro da memoria na praza Pontevedra da Coruña

O representante da ARMH non foi o único que interveu neste intenso percorrido, senón que contou coa colaboración de Beatriz Trillo, neta de Beatriz González Villar, viúva de André García Ferreiro, represaliado polo franquismo; Rafael Toba, cineasta; María Xosé Bravo e Carmela Galego, da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda; Pilar Otero, neta de Josefa Paz, represaliada pola ditadura franquista.

Cada un deles foi relatando as historias dos seus familiares, ou outras como as do centro de estudios sociais Germinal (moi vencellada á historia do anarquismo e á súa fortísima presenza na Coruña), da guerrilla e das familias que a acolleron na cidade da Coruña, da de artistas coruñeses represaliados, como Camilo Díaz Baliño (pai de Isaac Díaz Pardo), Francisco Miguel ou Luis Huici. Houbo tempo para falar de proxectos como o de A Coruña Literaria e nomes como Ánxel Casal e María Miramontes, de revistas como Lar, Nós ou Alfar.

Os representantes de diferentes entidades e familiares de persoas asasinadas e encarceradas polo réxime franquista puxeron en valor o enorme potencial cultural que existía na cidade no momento do golpe de Estado de 1936 e lembraron momentos terribles como as queimas de libros de espazos como a biblioteca do centro Germinal. Revisáronse detalles relevantes da historia cultural da cidade e vencelláronse a novelas gráficas protagonistas da edición 29 do Viñetas como O eco dos días rotos, de Alberto Taracido, ou Franco, de José Pablo García.

Persoas escoitando as explicacións do Roteiro da memoria na rúa real da Coruña

Programación de Viñetas en setembro

O festival Viñetas, no seu labor nos últimos anos en prol da desestacionalización, ofrece en setembro un total de 20 propostas. Comezando por 10 visitas guiadas ás mostras Viñetas con memoria social, no Kiosco Alfonso, e De Archimboldo a Marcopola (de Jacobo F. S.) e Un paseo por Springfield: Os Simpson na colección de Raúl García, na sala Palexco.

A estas propostas súmase un obradoiro infantil para cada sábado deste mes ás 12.00 na sala Palexco dentro da programación de Viñetas Mini e en colaboración con Autobán. Os sábados 5 e 12 de setembro, os pequenos e pequenas participaron na actividade «Deseña un Simpson para levar contigo», da man de Xoana Pousa. Nel crearon merchandising cos membros da familia amarela como protagonistas co seu propio deseño. E os sábados 19 e 26, tamén ás 12.00 na sala Palexco, de novo da man de Autobán, rapaces e rapazas traballarán con Chano Ripio no obradoiro «Debuxa a túa historieta dos Simpson». As propostas lúdicas e creativas están destinadas á rapazada de entre 6 e 12 anos.

A actividade mantense ata os últimos días do mes e intensifícase o venres 25 con ata catro citas diferentes. Ás 12.00 presentarase o fanzine Nai dos Desterrados, en colaboración coa ONG Amnistía Internacional, na Casa Museo Picasso e contando coa presenza de varios dos autores e autoras participantes na súa elaboración.

Unha hora máis tarde, tamén o venres 25, na Fundación Luís Seoane, Pedro Rojo, presidente da asociación Al Fanar, conducirá unha visita guiada pola mostra Cómic palestino. Voces propias, grito colectivo, que reúne obras de autores e autoras palestinos e que se inclúe dentro da programación de Viñetas Expo e Viñetas Inclusivas. E tamén no mesmo espazo, pero ás 19.00, o presidente de Al Fanar ofrecerá unha charla sobre a banda deseñada en Palestina, como broche de ouro final á mostra que ocupa a planta baixa da fundación ata o 27 de setembro.

Froito da colaboración con Amigos de la Ópera de A Coruña, presentouse esta mesma semana a reedición dun cómic inspirado na ópera Jenůufa, que se representará no Palacio da Ópera da Coruña os días 17 e 19 de setembro.

Todas as inscricións (os obradoiros infantís, as rutas e visitas guiadas) poden realizarse a través do correo kioscoalfonso@coruna.gal

Programación de setembro Viñetas desde o Atlántico 2026

Viñetas prolonga a súa actividade ata o outono con 20 novas propostas culturais no mes de setembro

Visitas guiadas, obradoiros infantís, o avance da ópera ‘Jenůfa’ ou unha charla sobre banda deseñada en Palestina son algunhas das citas para este mes

A Coruña.— O festival Viñetas desde o Atlántico segue apostando pola desestacionalización cun completo programa de actividades neste mes de setembro, que suma un total de 20 propostas. A programación arranca esta mesma semana con dúas visitas guiadas ás mostras Viñetas con memoria social (no Kiosco Alfonso, este xoves, día 3) e De Archimboldo a Marcopola —de Jacobo F. S.— e Un paseo por Springfield. Os Simpson na colección de Raúl García (na sala Palexco, o venres 4).

As visitas guiadas repetiranse cada xoves e venres en horario de tarde (18:00) e estanse organizando en colaboración con diferentes entidades. Para facilitar a participación de asociacións ou grupos interesados, a organización deixa dúas visitas abertas para interesados/as, ás que aínda non lles se puxo data nin horario, con flexibilidade, dentro dos horarios dos recintos de exposicións.

A estas propostas súmase un obradoiro infantil para cada sábado deste mes ás 12:00 na sala de exposicións Palexco dentro da programación de Viñetas Mini e en colaboración con Autobán. Os sábados 5 e 12 de setembro, os pequenos e pequenas poderán participar na actividade «Deseña un Simpson para levar contigo», da man de Xoana Pousa. Nel crearán merchandising cos membros da familia amarela como protagonistas co seu propio deseño. E os sábados 19 e 26, tamén ás 12:00 na sala Palexco, de novo da man de Autobán, rapaces e rapazas traballarán con Chano Ripio no obradoiro «Debuxa a túa historieta dos Simpson». As propostas lúdicas e creativas están destinadas a rapazada de entre 6 e 12 anos.

Miguel Robledo na visita guiada da súa exposición

Rutas de memoria histórica, cómic palestino e ópera

A 29ª edición do Viñetas contará tamén na súa extensa programación de setembro con dúas rutas da memoria, realizadas en colaboración coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH). Da man de David Lozano, as persoas participantes realizarán un percorrido por diferentes espazos da cidade vencellándoos a algunhas novelas gráficas presentes nesta edición do Viñetas nas que a memoria social ten un peso definitorio. Será os sábados 12 e 26 de setembro ás 12:00 coa saída diante do Kiosco Alfonso.

A actividade mantense ata os últimos días do mes e intensifícase o venres 25 con ata catro citas diferentes. Ás 12:00 presentarase o fanzine Nai dos Desterrados, en colaboración coa ONG Amnistía Internacional, na Casa Museo Picasso; o acto contará coa presenza de varios dos autores e autoras participantes na súa elaboración.

Unha hora máis tarde, tamén o venres 25, na Fundación Luís Seoane, Pedro Rojo, presidente da asociación Al Fanar, conducirá unha visita guiada pola mostra Cómic palestino. Voces propias, grito colectivo, que reúne obras de autores e autoras palestinos e que se inclúe dentro da programación de Viñetas Expo e Viñetas Inclusivas. E tamén no mesmo espazo, pero ás 19:00 horas, o presidente de Al Fanar ofrecerá unha charla sobre a banda deseñada en Palestina, como broche de ouro final á mostra que ocupa a planta baixa da fundación ata o 27 de setembro.

A programación do Viñetas completarase cunha actividade tamén neste mes de setembro en colaboración coa Asociación de Amigos de la Ópera de A Coruña previa á estrea da ópera Jenůfa. No evento presentarase o libro de banda deseñada inspirado na obra lírica.

Todas as inscricións (os obradoiros infantís, as rutas e as visitas guiadas) poden realizarse a través do correo kioscoalfonso@coruna.gal

Lisa Lugrin e Clément Xavier: «Gústanos traballar con historias alternativas que ofrecen esperanza»


Os autores franceses protagonizan unha das exposicións do Viñetas 2026 coa súa novela gráfica ‘Jiujitsufragistas’

A Coruña.— Lisa Lugrin e Clément Xavier levan décadas contando historias a través do cómic, desde que se coñeceron no instituto hai xa máis de 20 anos. Lisa estudou antropoloxía e cine e diplomouse na Escola de Banda Deseñada de Angoulême. Conxuntamente co seu compañeiro de viaxe Clément Xavier, que tamén estudou na Escola de Banda Deseñada de Angoulême, fundou Na *Éditions. Ambos foron acollidos en residencia na Maison des Auteurs de Angoulême e participaron na obra colectiva Afghanistan (2011). En 2015, recibiron o premio Revelación no Festival de Angoulême por Yékini, le roi des arènes. Como guionistas, asinaron de xeito conxunto a adaptación a cómic de Une histoire populaire de France (debuxada por Gaston) e os álbums Washing-Town (con debuxo de Fanny Grosshans) e Waco Horror: Elizabeth Freeman, l’infiltrée (debuxado por Stéphane Delarue), alén de realizaren algúns traballos en solitario. Chegan ao Viñetas coa súa única novela gráfica traducida ao español, Jiujitsufragistas, na que contan a historia de Edith Garrud, que adestrou en jiujitsu as gardacostas de Emmeline Pankhurst a principios do pasado século XX. Foi o seu xeito de combater a violencia policial contra as sufraxistas nos anos máis duros da súa loita.

P. A vosa novela gráfica Jiujitsufragistas é moi diferente a outros libros que abordan esta temática histórica. O enfoque é orixinal e podería parecer incluso unha mestura estraña. Como chegastes a esta proposta, a este mix?

Clément Xavier: . Houbo moitísimas razóns polas que decidimos abordar esta historia, a verdade, pero a primeira foi que cando escoitei falar desta historia, sufraxistas que practicaban jiujitsu, enseguida me enganchou; interesoume porque Lisa practica unha arte marcial similar ao jiujitsu desde hai uns anos. Iso chamoume a atención, porque me pareceu curioso, e foi a partir de aí cando que me interesei nesta historia e en coñecela.

Lisa Lugrin: . Entón vimos que ademais é unha historia moi pouco coñecida sobre as sufraxistas e, en xeral, démonos conta de que hai moitas loitas moi relacionadas co noso mundo e que foron totalmente esquecidas. Pensamos que é moi importante lembralas e non volver a partir de cero nesas loitas hoxe en día. Inspirarse no que xa sucedeu é moi importante.

P. Neste caso concreto, falades do dereito ao voto das mulleres.

Lisa. Si. No ano 2018 celebrábase o centenario da obtención deste dereito en Reino Unido e organizáronse exposicións. Fomos velas e había unha foto dunhas mulleres que tiñan os puños levantados e eu fixeime moito porque aquela imaxe me resultaba moi poderosa, estaba a falarme. Era a primeira vez que eu vía unhas mulleres tan reivindicativas, con este tipo de forza común. Nunca vira esa imaxe. Mulleres unidas que empurran.

P. Nun libro como este é especialmente importante a parte de documentación. Como a afrontastes?

Lisa. A verdade é que tivemos sorte, porque xustamente coincidiu coa celebración do centenario en Inglaterra do dereito ao sufraxio feminino, así que fomos a Londres e había moitas exposicións que puidemos visitar.

Clément. Había moita documentación accesible, e tivemos a sorte de que fose posible consultala de xeito relativamente doado. Noutras ocasións non nos sucedeu así.

P. Canto tempo durou todo o proceso de elaboración e redacción do libro?

Lisa. Creo que aproximadamente un ano e medio.

P. Jiujitsufragistas traduciuse ao español e publicouse no noso país en 2023. Foi traducido a outros idiomas? Cal foi a súa acollida internacional?

Lisa. Traduciuse e publicouse nos Estados Unidos.

Clément: . E en Alemaña tamén.

Lisa. A acollida en Francia foi un pouco peculiar, porque se publicou nunha colección de libros de historia e deportes, cun público maioritariamente masculino, e o noso editor pasouse moito tempo sen chamarnos ao principio. Non foi un éxito rápido, senón un traballo de boca a boca; co tempo, foise falando del e o libro fíxose un oco.

Lisa Lugrin e Clement Xabier ao carón do cartel de Viñetas desde o Atlántico 2026

P. Nesta edición do Viñetas, dedicada á loita polos dereitos sociais e a memoria histórica, que credes que achega o cómic á difusión da memoria histórica?

Lisa. Creo que o cómic é fantástico para falar das loitas e para falar, en xeral, de moitos temas sociais. É fantástico porque pode chamar a atención de moita xente que nunca van ler grandes ensaios nin libros longos. Pode servir para que lles entre gana de lelos e, en todo caso, é unha porta de entrada e permite ademais falar de diversos temas e mesturar feitos reais e ficción, e consegue que se cree unha empatía cos personaxes que fai que os lectores conecten máis co que lles pasa. Evidentemente, cando estás a crear o libro, hai que elixir, non se pode falar de todo, pero para min é estupendo, porque o cómic che permite ir metendo pequenos toques de distintos temas e así, se logo estás interesada, investigalos. Pero, sobre todo, a conexión que se crea cos personaxes.

Outra cousa que me gusta moito tamén é que por exemplo, aquí, coas sufraxistas, damos moitos puntos de vista. Entre elas tampouco estaban totalmente de acordo, pero despois ti como lectora podes facerte a túa propia idea.

Clément. A banda deseñada é unha arte tremendamente popular e iso é xenial porque consegue que moita xente non se sinta impresionada ou intimidada por algúns temas grazas ás ilustracións; a posta en escena resúltalles accesible, abordable. É algo que adoro do cómic.

P. As vosas impresións do Viñetas e da vosa estancia na Coruña?

Lisa. Fantásticas en todos os sentidos. A exposición é incrible; a xente, moi amable; o equipo é fantástico. Encantounos coñecer os artesáns que fixeron as pezas extraídas do cómic... No que se refire á Coruña, coñecemos un pouco a cidade, percorremos a zona próxima á torre de Hércules, paseamos xunto ao mar...

P. Podedes contarnos en que proxecto estades a traballar agora?

Lisa. En varios. Un deles vai da amizade e o outro é sobre os dereitos da natureza, en particular sobre o río Ganxes.

P. Pola vosa bibliografía actual e vendo os proxectos que tedes entre mans, queda claro que traballades con temáticas moi moi diferentes. Gústavos cambiar a miúdo? Axúdavos nos procesos creativos?

Lisa. Pois houbo períodos nos que traballamos en proxectos históricos e outros en que nos centramos en argumentos máis modernos, pero, de todos os xeitos, fundamentalmente, sempre traballamos en cómics dalgún xeito anticapitalistas, que contan historias de persoas que intentan atopar alternativas a un sistema opresivo que se centra demasiado no diñeiro. Creo que hai un fío vermello que dalgunha forma une todos os nosos proxectos. Traballamos con historias alternativas que ofrecen esperanzas.

P. Interésavos entón especialmente tamén esta perspectiva histórica da que falabades?

Lisa. De pequena non me interesaba a historia, e a verdade é que non entendía por que lle interesaba a ninguén. Co paso do tempo, decateime de que a historia non vai só da xente poderosa. Vai tamén das historias da xente pequena, e, neste contexto sociopolítico no que vivimos, penso que é moi bo lembrar as historias da xente que realmente quixo cambiar a historia.

Clément: . No caso de Jiujitsufragistas e noutros tamén, sucede ademais que, aínda que sucedese hai 100 anos, hai gran relación coa actualidade. En Francia vivimos nos últimos anos situacións de represión policial similares ás das sufraxistas.

Lisa. Si, por exemplo, todo o que sucedeu coas manifestacións dos chalecos amarelos foi terrible. O paralelismo é tan grande que asusta. Non pensaba que puidese suceder algo así na Francia actual.

P. Como funcionades como tándem creativo?

Lisa. Nos procesos creativos sempre hai tensións, e iso é lóxico, pero temos claros os límites. Clément é o guionista, e hai momentos nos que é el quen ten que tomar a decisión final e, outras veces, eu. O feito de traballarmos e vivirmos xuntos permítenos conversar sobre os temas cumpridamente.

Clément. Hai cousas que están moi claras. Cando empezamos a traballar cun tema, temos que estar de acordo os dous, pero despois, durante o tempo en que estamos a traballar no libro, o proceso é permeable, flexible. Nutrímonos das ideas de ambos continuamente.

P. Unha recomendación dalgunha novela gráfica ou cómic que lésedes recentemente e que vos gustase.

Lisa. Eu recomendaría un libro de Tillie Walden, editado por La Cúpula, En un rayo de sol, que vin nas casetas da Rúa BD. O debuxo é fantástico, e a historia, tamén. É de ciencia ficción.

Clément. Eu quero dicir que nos impresionou moito a diversidade de casetas, de libros que se atopan aquí, e algunha caseta como a da asociación Chilli Com Carne. E en Garbuix Books paréceme estupendo La espera, de Mario Trigo.

Paulo Monteiro: «Sempre quixen ser autor de banda deseñada; mesmo aprendín a ler para poder ler os cómics do meu irmán»

«Nunca pasamos por un momento tan bo na banda deseñada portuguesa... Sinto Galiza como a terra dos nosos primos que viven aí arriba», destaca o autor portugués

A Coruña.— Paulo Monteiro leva toda unha vida ligada á banda deseñada, pero a súa actividade vai moito máis alá do debuxo. Ilustrador, autor, escritor, xestor cultural e impulsor de proxectos, fixo de Beja un dos centros da BD portuguesa. Alí creou unha comunidade de autores que leva tres décadas traballando arredor do colectivo Toupeira.

Tamén impulsou a Bedeteca e un festival que cada ano leva á cidade autores procedentes de todo o mundo. A súa propia obra, máis íntima e persoal, chegou relativamente tarde ás librarías, pero obtivo importantes recoñecementos. En O Amor Infinito que te Tenho reuniu dez historias nas que a memoria, as experiencias persoais e o amor se converten en materia narrativa. Agora prepara un novo libro protagonizado por un home incapaz de recoñecer as oportunidades que a vida lle ofrece. Monteiro fala tamén da forza actual da banda deseñada portuguesa e dun ecosistema que considera especialmente rico. A súa relación coa Galiza é igualmente intensa, tanto pola programación do festival como polas súas propias raíces familiares. Conversamos con el sobre debuxo, memoria, cultura, Portugal e Galiza, e sobre a capacidade da banda deseñada para crear comunidade.

P. Paulo Monteiro é ilustrador, pintor, poeta, xestor cultural, autor de banda deseñada... Como te definirías? Quen é Paulo Monteiro?

Teño moitos intereses diferentes; sempre os tiven. Pero hai unha cousa que quixen ser desde que me lembro: autor de banda deseñada. Comecei a ler as revistas de banda deseñada do meu irmán, que é maior ca min, e lembro que mesmo tentei aprender a ler para poder ler aqueles cómics. Tiña cinco ou seis anos e na casa había moitas revistas. O meu irmán coleccionaba a revista Tintin, que daquela era unha porta de entrada a toda a banda deseñada franco-belga: Tintín, Astérix, Corto Maltés, Bernard Prince, Blake e Mortimer... Para min aquilo era fascinante. Durante un tempo pensei que todo o mundo lía banda deseñada e que todo o mundo debuxaba. Só máis tarde descubrín que non era así. E, para a miña sorpresa, tamén descubrín que había xente que non lía banda deseñada.

P. Parece que a banda deseñada estaba ademais moi presente na túa familia.

Si. O meu pai tamén lía banda deseñada, debuxaba e pintaba; a miña nai escribía contos para algunhas revistas. E aínda conservo bandas deseñadas de finais do século XIX que pertencían ao meu avó. Pola parte materna, ademais, temos raíces galegas. Era algo transversal na familia. Había revistas, libros, almanaques... A banda deseñada formaba parte da vida familiar. Eu comecei a debuxar moi pequeno e nunca abandonei ese interese.

P. Porén, a túa traxectoria profesional foi moito máis ampla. Estudaches Historia da Arte, pintura, escenografía, cinema de animación...

Sempre tiven dificultades para escoller, porque quería facer moitas cousas. No instituto estudei artes plásticas e tamén letras. Cheguei a matricularme en Belas Artes en Macau, pero abandonei. Tamén pensei en estudar Antropoloxía, Literatura, Historia, Xornalismo... Ao final fun para Historia da Arte, pero ao mesmo tempo estudei pintura, escenografía para teatro e cinema de animación. Hai poucos anos fixen incluso un filme de animación. Tamén escribín para a radio e para xornais, fixen teatro de sombras chinesas nas escolas, toquei a guitarra... Sempre fun un pouco así.

P. Como acabaches en Beja, no Alentejo, e que significou aquela mudanza?

Eu estaba facendo o mestrado en Lisboa e optei a unha bolsa. Quedei en Beja e encantoume. Vivira na zona de Lisboa e, de súpeto, fun para o Alentejo. A miña vida cambiou completamente. Cheguei con vinte e tres anos e quedei. Incluso telefonei o meu profesor para dicirlle que xa non quería volver a Lisboa, que ía ficar en Beja. El non quedou moi contento, pero para min foi marabilloso. Alí traballei nun museo, encargueime do servizo educativo, fixen un xornal para nenos, teatro de monicreques, exposicións... Podía pasar pola mañá traballando nun texto sobre escultura do século XIV e pola tarde facendo teatro de monicreques. Esa diversidade encantábame.

P. E cando chega a túa propia obra de banda deseñada?

Eu facía banda deseñada desde moi novo, quizais desde os cinco ou seis anos. O que chegou tarde foi a publicación. Publiquei o meu primeiro libro cando tiña 42 anos. Fixera moitos traballos de ilustración antes, incluso para nenos, pero sempre quixen facer unha banda deseñada máis persoal, máis íntima. Nunca fixen moita forza para que saíse. Foi como se a vida me fose levando cara ás historias que necesitaba contar. Ás veces temos que vivir determinadas experiencias para poder falar delas. Por iso tardei tanto.

P. Esa primeira etapa persoal cristaliza especialmente en O Amor Infinito que te Tenho. Que hai dese libro en ti?

O Amor Infinito... ten dez historias, moi íntimas, e todas teñen que ver dalgún xeito co meu percorrido. Algunhas son máis tristes e outras menos, pero hai unha certa dozura nelas. Son historias sobre o amor, pero tamén sobre as experiencias e sobre as persoas. Quizais por iso tardou tanto en aparecer. Eu necesitaba pasar por determinadas cousas antes de poder contalas.

P. E, con todo, cando finalmente publicaches, chegaron os premios e o recoñecemento internacional.

Si, foi unha sorpresa. Tiven tres premios en Portugal, outro en Francia e tamén un recoñecemento en España, como cómic do ano da Generalitat Valenciana. Eu nin sequera sabía se o libro ía publicarse. Tiven a sorte de contar con persoas que me apoiaron e cun editor que confiou no proxecto. Levo toda unha vida no sector: comecei a escribir sobre banda deseñada para os xornais aos dezaseis anos, e a primeira exposición que organicei foi cando tiña catorce. Coñezo autores, críticos, xornalistas, editores e libreiros desde hai décadas. Esa rede tamén foi importante.

P. Estás preparando agora unha nova obra. Que podes contarnos dela?

É un libro dunhas cen páxinas que quero rematar este ano. Xa teño practicamente todas as pranchas esbozadas e estou agora pasando a limpalas. É moi diferente de O Amor Infinito que te Tenho. Conta a historia dun home moi amargado, incluso violento, ao que de repente a vida lle sorrí. O problema é que el non é capaz de gozar desa oportunidade. Ás veces temos un futuro marabilloso diante e somos tan amargados que non conseguimos aproveitalo. Este home podería telo todo e acaba quedando sen nada.

P. É unha historia na que tamén queres provocar reaccións no lector.

Exactamente. Eu quería que as persoas odiasen o personaxe e que, ao final, acabasen identificándose con el. Porque nós nunca somos completamente bos nin completamente malos. Ás veces somos egoístas, mesquiños, desagradables... Todos temos esas partes. Interésame esa contradición. Que o lector pense que está mirando outra persoa e, de repente, se decate de que tamén hai algo del nese personaxe.

P. Volvendo á túa época en Beja, como foi a túa aterraxe no mundo da banda deseñada?

En 1996 organicei un taller de banda deseñada con varios autores. Eu daba as clases, pero non era unha ensinanza clásica. Mostrabamos traballos, conversabamos, intercambiabamos impresións e cada persoa facía o que tiña que facer. Foi un éxito moi grande. Apareceron moitos mozos que facían moi boa banda deseñada. A maior parte deles continúa hoxe no colectivo. O taller transformouse no Coletivo Toupeira, e este ano facemos trinta anos. Hoxe somos máis de trinta persoas debuxando. Moitos dos que comezaron daquela son autores consolidados en Portugal e continúa entrando xente nova. É algo que me dá moita satisfacción.

P. E todo isto ten moito que ver na aparición da Bedeteca. Que pretendías crear?

En 2005, a Câmara Municipal de Beja considerou que había que darlle un encadramento a aquel grupo e eu propuxen a creación da Bedeteca, unha biblioteca especializada en banda deseñada que tivese tamén características dun obradoiro de traballo. A idea era que houbese mesas de debuxo, mesas de luz e espazo para que os autores puidesen traballar, pero tamén que calquera persoa puidese entrar, ler e levar libros. E que aquel espazo servise para facer conferencias, exposicións e actividades. Daquela idea naceu tamén a posibilidade de organizar un grande evento dedicado á banda deseñada.

P. Ese evento acabou converténdose no Festival Internacional de Banda Desenhada de Beja, un dos grandes encontros do sector en Portugal. Que querías que fose diferente nel?

Queriamos que fose un festival á nosa escala. Beja é unha cidade pequena, no interior do Alentejo, lonxe dos grandes centros urbanos. E, con todo, conseguimos levar autores de todo o mundo. Temos unha filosofía moi clara: xuntar autores consagrados con autores que están comezando. Podemos ter unha exposición dun autor internacionalmente famoso e, ao lado, a primeira exposición dun rapaz ou dunha rapaza que acaba de facer un fanzine. Este ano, por exemplo, tivemos a Thomas Ott e ao lado unha exposición de Beatriz Brajal, unha autora de 19 anos que facía a súa primeira exposición. Para min iso é fantástico. Os autores consagrados tamén foron novos algún día.

P. Esa mestura parece formar parte da identidade do festival.

Si. Queremos que sexa un festival moi humano. Os autores teñen un momento para os autógrafos e outro para conversar, pero o resto do tempo están alí, falando cos lectores e entre eles, tomando unha cervexa... O festival abre pola noite e hai concertos debuxados, actividades na rúa, comida e bebida. É unha atmosfera moi familiar. Beja ten uns vinte mil habitantes e, con todo, recibimos cada ano dez ou once mil visitantes. Vén xente de todo Portugal e tamén de España.

P. Como ves actualmente a banda deseñada portuguesa?

Creo que nunca pasamos por un momento tan bo. A historia da banda deseñada portuguesa é moi rica e diversa. Comeza xa no século XIX e fomos acompañando as diferentes fases da banda deseñada europea. Portugal tivo unha relación moi forte con Francia e tamén co Brasil. Cando eu era neno había moitísimas revistas nos quioscos. Tiñamos publicacións portuguesas, brasileiras, europeas, americanas... Eu podía ter seis, sete, oito ou dez títulos diferentes cada semana. Era marabilloso. Eu gastaba o diñeiro que me daban para comer en comprar revistas. Ás veces chegaba á casa con fame porque gastara todo na banda deseñada.

P. E ese bo momento tamén se ve no número de autores, festivais, editoriais e espazos especializados?

Si. Agora temos entre 200 e 250 autores traballando, aínda que sexa con certa intermitencia. Temos máis de cincuenta editores de banda deseñada, varios festivais, nove bedetecas e cada vez máis librarías especializadas. Hai tamén residencias artísticas, bolsas, premios e un apoio institucional que antes era moito máis difícil de encontrar. Hai tres anos a banda deseñada entrou na Academia Nacional de Belas Artes. Desde o punto de vista estatutario é moi importante: a banda deseñada pasa a estar ao lado da pintura, a escultura, o debuxo, o cinema ou a danza. É todo un ecosistema. E é un ecosistema moi rico.

P. Tamén desenvolves proxectos con países africanos de lingua portuguesa. Que importancia ten para ti esa dimensión lusófona?

É moi importante. Temos relacións moi fortes con Brasil, Angola, Cabo Verde, Mozambique, Guinea-Bissau, San Tomé ou Timor. En Angola, por exemplo, hai autores e festivais moi interesantes, como Luanda Cartoon. Desde Beja intentamos crear pontes. Facemos exposicións, convidamos autores e agora estamos a desenvolver proxectos para crear bedetecas en Angola e en Guinea-Bissau. Para min, a relación coa África lusófona é tamén unha cuestión cultural. A historia é un fardo pesado e temos que asumir tanto as cousas boas como as malas do pasado. Pero o importante é tamén pensar no que podemos construír a partir de agora.

P. E nese espazo non podemos deixar de falar do noso país. Como definirías a túa relación con Galicia?

É unha relación moi especial. No Festival de Beja temos levado moitos autores galegos. Fixemos exposicións de David Rubín, Miguelanxo Prado, Altar Mutante e doutros autores. En 2014 fixemos unha grande exposición colectiva con máis de cincuenta autores galegos. E intentamos que esa presenza se estenda tamén á programación cultural: fixemos queimada, lemos poemas de Rosalía de Castro... É unha maneira de achegar a Galiza a Beja. Eu, ademais, teño bisavós de Vigo, así que sempre sentín esa proximidade. Hai algo curioso: no norte de Portugal esa relación é moi natural, pero mesmo no sur existe esa sensación de que os galegos son os nosos primos que viven aí arriba.

P. Esa proximidade aparece tamén na túa propia obra?

Si. Hai unha historia do meu libro, «Para Lá dos Montes», na que aparece unha estrada que vai cara ao norte, ao Porto e á «irmá Galiza», a Vigo e á Coruña. Cando fixen a historia non pensei conscientemente niso. Era algo que eu sentía e simplemente apareceu. Despois decateime de que estaba alí esa relación coa Galiza. É curioso como as cousas que levamos dentro acaban aparecendo no que facemos.

P. Que autores portugueses recomendarías a alguén que quixese coñecer a nova banda deseñada do país?

Hai moitos. O problema é que ás veces non son tan coñecidos fóra de Portugal como merecerían. Hai autores cunha obra extraordinaria, como Filipe Abranches, Miguel Rocha, Dinis Conefrey, Maria João Worm, António Jorge Gonçalves, Louro ou Nuno Saraiva. E tamén hai moita xente nova que está aparecendo nos fanzines e nos concursos. Continuamente vemos traballos interesantes. O máis importante é que hai unha comunidade moi activa.

P. Despois de tantos anos traballando na banda deseñada e na cultura, que impresión levas deste festival da Coruña e do ecosistema galego?

O que máis me impresionou foi a proximidade entre as persoas. Sentín unha sensación de comunidade moi forte entre os organizadores, os autores e o público. Había alegría por estar alí, por traballar xuntos. Sentín moita proximidade co que facemos en Beja. A xente estaba feliz, había unha atmosfera moi boa. Onte pola noite fomos tomar unhas cervexas e estivemos falando ata tarde. Foi fantástico. A verdade é que me dá pena marchar tan axiña. Gustaríame ter chegado antes e quedar máis tempo. Pero espero que isto sexa o comezo dunha relación máis longa entre nós.

Pep Brocal: «Gústame crer que a banda deseñada é un fin en si mesma, non só a escaleira para chegar a que a xente se interese pola historia»

A súa novela gráfica Caridad del Río protagoniza unha das mostras arredor da memoria histórica do Viñetas 2026

A Coruña.— A Pep Brocal gústalle definirse de formas diversas; entre elas, debuxante e autor, aínda que o que deixa translucir a través dos seus traballos e as súas palabras é que, en realidade, este autor que leva xa máis de 40 anos contando historias en viñetas é totalmente inclasificable. Participou nos oitenta nas revistas Zona 84, Tótem e Cairo e foi un dos fundadores da revista Mr Brain. Colaborou nas revistas infantís Cavall Fort e Tretzevents, e publicou cómics para primeiros lectores en Mamut (series «El pequeño Olaf» e «Lily Megamosca»). En 1995 foi galardoado como autor revelación do Salón do Cómic de Barcelona. En 2019, a súa obra Inframundo recibiu o premio ACDCómic da crítica. A súa obra Caridad del Río, que forma parte da exposición Viñetas con Memoria Social no Kiosco Alfonso, aborda a controvertida figura desta muller que foi espía soviética e nai do asasino de Trotski.

P. Cal é o teu vencello co Viñetas?

Coñézoo dende hai tempo, por suposto, porque leva xa moitos anos e sempre tiven moita gana de vir, e curiosidade, porque ademais tiña como vinte e poucos anos cando estiven na Coruña e fascinoume, e este festival é case como unha festa e unha maneira de compensarme socialmente os meus illamentos creativos.

Este tipo de encontros para min son fundamentais, porque o traballo creativo é moi solitario e necesitas ese tempo de encontro, de feedback con lectores e lectoras, outros autores e autoras, editores e editoras. Necesítalo para seguir avanzando no teu traballo máis alá das buscas interiores.

P. Vés ao festival cunha exposición centrada no teu libro dedicado a Caridad del Río. Como xorde este proxecto?

Pois xorde en 2019, cando se convoca o primeiro premio Ara de banda deseñada de non-ficción en catalán. Para min era un reto, porque nunca desenvolvera un proxecto así, de maneira que, conxuntamente coa miña parella, nos puxemos a elaborar unha lista de personaxes históricos nos que podería centrarse a obra. Todos os nomes na lista eran de mulleres, porque tiñamos claro que tiña que ser así. Hai moitos menos libros e menos documentación sobre figuras femininas, e nesa lista Caridad enseguida destacou como unha das propostas máis interesantes para levar ao cómic por moitos motivos.

É un personaxe potentísimo, hai documentación porque é relativamente recente, viviu no século XX e hai fotografías e documentos. Finalmente realicei o proxecto e gañei o premio Ara, pero o que pedían era só un proxecto de 14 páxinas; entón, Garbuix ofreceume a posibilidade de levar adiante unha novela gráfica e púxenme a iso. O libro publicouse finalmente en decembro de 2025.

P. Despois de todo este traballo de anos, que pensas de Caridad del Río? Como a definirías?

Foi unha muller extraordinaria pola súa personalidade e polo seu tremendo compoñente de rebeldía, que a marcará para toda a vida. Era apaixonada, irascible, potente. Ela non facía nada a medias, porque non sabía facelo así. Sempre era todo ou nada. Viña dun contexto burgués por completo e vencellouse a movementos políticos e viviu momentos históricos tremendos.

P. Dicías antes que ti viñas de traballos moi diferentes. Como foi o proceso de documentación?

Non tiña nada que ver co que fixera ata agora; eu, por exemplo, fixen un libro protagonizado por un cosmonauta, e, entón, cales son os escenarios? Pois un ceo con estrelas. Pero, claro, no momento en que decides que vas tratar un personaxe real e os escenarios van ser tamén reais e ademais non serve o París actual (ten que ser o do ano corenta e pico ou o México do sesenta ou a praza Vermella de Moscova do ano tal), pois tes que tirar de películas, de fotografías. E tamén, por suposto, utilizas a imaxinación e unha certa lóxica, pero é moi esixente cando fas algo así, porque, ademais, nunha novela isto cóntalo con palabras, pero no cómic tes que amosalo.

P. Como te defines? Historietista, creador, autor de cómics, autor, debuxante…?

En realidade son debuxante e penso como debuxante, pero tamén me considero autor. Porque non só debuxas nun cómic, tamén traballas coas palabras e tamén estás montando unha historia. É certo que os ladrillos que usas son debuxos, pero o resultado é algo máis. Todo se fundamenta no debuxo, pero hai algunhas historias que te poden atrapar mesmo cun debuxo feo, porque é a historia a que te ten que enganchar.

Por iso digo que o cómic é algo máis difícil de acoutar. Ten aínda moito percorrido por diante, todo depende do talento e dos autores e autoras que vaian xurdindo. Diso depende que evolucione máis ou menos, vaia para aquí ou para alá, se expanda…

P. Nesta edición do Viñetas, a memoria histórica ten gran relevancia. Cres que o cómic achega algo neste ámbito?

Eu creo que o cómic é interesante per se. É certo que hai quen considera que pode ser útil para achegar a lectores de todo tipo a determinadas temáticas. Esa utilidade eu tamén a vexo, pero gústame crer que o cómic é un fin en si mesmo, non só a escaleira para chegar a que a xente se interese pola historia. É un porto de chegada en si mesmo.

E no caso concreto do meu libro, o primeiro que me fascinou foi a personalidade de Caridad del Río, unha muller burguesa que parecía destinada a vivir toda a súa vida como tal e, non obstante, ten unha vida de película, e ao mesmo tempo permitía facer o retrato de toda unha época, de todo o século XX. A burguesía de principios de século, o pistoleirismo, a loita de clases, os baixos fondos, o anarquismo, o comunismo, a I Guerra Mundial, a Guerra Civil, a II Guerra Mundial, o exilio, a espionaxe, a guerra fría e ata case case o declive da Unión Soviética, porque esta muller viviu bastantes anos e tivo tempo de velo.

P. Tes gana de retomar a lista de protagonistas históricas que elaborastes e facer un novo libro?

A verdade é que é moi interesante como reto, pero hai que dicir que é moi esixente tamén. Lin un montón de libros, vin un montón de películas, documentais… Porque o que fas ten que estar fundamentado, hai que facelo seriamente. A banda deseñada é válida para calquera tema e é moi directa e chega moi rapidamente ao lector. E tes que poñerlle os teus recursos de historietista, unha certa dose de imaxinación e fantasía, porque non estabas nesas conversas e tes que poñerlles voz a eses personaxes.

En definitiva, cando fas calquera cómic tes que conseguir que a historia funcione, que non só sexa un compendio de feitos. Ten que haber unha aventura.

P. A túa carreira é longa e ampla, con rexistros moi diversos, para infantil e adultos. Nunha parte importante dos teus libros hai unha certa tendencia existencialista e filosófica. Sempre escondes preguntas sobre quen somos no teu traballo?

Os autores sempre trasladamos ao papel as nosas propias inquietudes. O que che pasa por dentro está aí sobre o papel, e a min estes temas sempre me interesaron porque creo que tamén están na base de todo. Quen somos, de onde vimos, a onde imos… Esas frases que pode que soen a chiste, pero seguen por resolver.

O que pasa é que hai modos de tratalo, porque eu sempre intento darlle un enfoque humorístico, mantendo un misterio e intentando crearlle un sorriso ao lector para levalo da man ao que en definitiva non deixa de ser unha aventura, aínda que teña todo ese fondo existencialista.

É certo que hai varias obras miñas con ese esquema, pero por iso me gusta romper dinámicas e pasar a falar dun personaxe histórico como Caridad del Río. Facer algo distinto e ver logo como retomar.

P. No teu novo libro, Anatomía de un esqueleto, volvesás andadas existenciais.

Si, neste caso son as vivencias tamén en clave dramática dun debuxante de cómic. A min gústame reinventarme en cada proxecto, e xa sei que soa a tópico, pero iso implica que nalgún momento cara a metade do proxecto tes gana de envialo todo á papeleira. Nada funciona, cres que os teus personaxes non teñen sentido, perdícheste.

Igual hai autores que non se cuestionan tantas parvadas e é un plan envexable, pero outros dubidamos, damos mil voltas, perdemos un montón de tempo… Por iso, volvo sobre os meus pasos despois de Caridad del Río cunha mirada máis refrescada, e iso permíteme facer unha historia na que o referente son eu mesmo. O argumento xira arredor dun debuxante de cómic que morre e vai ao limbo e aí atópase coa morte e ten que convencela para poder volver á vida e recuperar esa derradeira obra que quedou no caixón. Porque el teme que esas 300 páxinas se perdan ou, aínda peor, que quede con elas outro autor. Pois ese é un dos medos que me perseguen desde hai anos; penso: se agora morro, que vai pasar con todo ese traballo que teño no caixón?

Neste libro hai ficción, pero hai realidade tamén, porque o que fago é un retrato de todo o que fun coñecendo no mundo da edición de banda deseñada. É un retrato esaxerado, pero non deixa de ser un retrato e de ter un fondo real.

P. De que fontes bebe Pep Brocal? Cales son as túas influencias?

Realmente todo pode influenciarte. Todo no mundo está aí para ser visto, incorporado á túa propia bagaxe. O cine é moi importante no meu caso, as artes en xeral e o cómic en particular, aínda que o teño ao mesmo nivel que todo o resto.

As miñas influencias foron variando ao longo do tempo, cando eu era un rapaz, pois, claro, Mortadelo e Filemón, que era o que había en España; tamén Tintín, cómic francobelga, algún cómic que che chegaba por publicacións... Ese momento das revistas que xa pasou e que che permitía crear unha visión sobre que querías facer. Cando empezas, dalgunha maneira intentas reproducir, copiar o que xa viches e que che gustou. Pero, como a copia é imperfecta, todo o que achegas, toda esa orixinalidade túa que é a túa incapacidade de facer unha copia perfecta, acaba sendo o que será o teu estilo. Irá configurando a túa maneira de facer as cousas, e así vas atopando un camiño de expresión gráfica, que ao final son os demais os que recoñecen, máis que ti mesmo. E as influencias son cíclicas. Van cambiando co tempo.

Hai pouco regaláronme un libro dos primeiros americanos de 1895 a 1915, os que publicaban na prensa diaria; están Rudolph Dirks e un montón de autores dese momento, que, vistos agora, son do máis moderno e teñen máis de 100 anos de historia. Esas cousas interésanme moito.

P. Sempre tiveches claro que te querías dedicar ao cómic?

Eu tiña claro desde pequeno que quería ser debuxante e ocorréuseme matricularme na facultade de Belas Artes de Barcelona, e aí o de debuxante non está previsto. Hai varias especialidades, pero o debuxo non existe. Podes ser actor, restaurador, pintor, pero non existía a especialidade de debuxo, e pensei «que estou facendo aquí?». Pero pensei tamén «mentres non me boten, sigo», e propúxenme rematar o que empezara. É unha desas cousas que fas na vida e non sabes por que. Eu creo que na vida, ao final, todo se fai por accidente.

P. Que recomendarías dos últimos libros que liches?

Pois na mesiña de noite teño unha novela, Tango satánico, de László Krasznahorkai. Pero vouno combinando con cómics; por exemplo, Kaspar, de Obom, que me gustou moito. Obom interésame, non se parece moito ao que eu fago e aí está a graza. Nos encants (o mercado de segunda man de Barcelona) o último que collín foi unha antoloxía do Papitu, unha revista de antes da Guerra Civil na que traballaban moitos ilustradores. Había moito talento en España xa nese momento; todo iso sabemos como rematou, pero pódese recuperar o seu traballo.

Coa Guerra Civil morre unha sociedade e nace outra totalmente distinta, e é importante que as xeracións máis novas saiban o que supuxo, porque caemos facilmente na tentación de banalizar todo o que sucedeu.

O Viñetas desde o Atlántico 2026 pecha a súa 29ª edición con máis de 200.000 visitantes nas exposicións, actividades e na Rúa BD

O festival, organizado polo Concello, segue crecendo en cifras de visitas, en espazos de exposicións e en colaboracións con entidades

As exposicións permanecerán abertas ao público ata o 27 de setembro, mes no que tamén se organizarán visitas guiadas

A Coruña- O festival Viñetas desde o Atlántico, organizado polo Concello, pechou a súa semana central de actividades, do 10 ao 16 de agosto, cun grande éxito de público. Máis de 100.000 persoas pasaron ao longo da semana pola Rúa BD e varias decenas de miles ateigaron os diferentes recintos habitados polas exposicións. Outro dos grandes focos de atención foi a explanada de Palexco na que se situaba o stand de Gundam, por ela pasaron arredor de 90.000 persoas nestes sete días. O apoio municipal a este tipo de festivales e eventos forma parte da política de dinamización cultural impulsada polo Goberno de Inés Rey para ofrecer á cidadanía unha oferta ampla e de calidade.

“Viñetas desde o Atlántico é toda unha referencia no seu xénero en todo o país, porque combina divulgación, cultura e moitísimo talento aportado pola ampla nómina de artistas que colaboran. O Concello vai seguir apoiando con decisión todas as iniciativas que sirvan para dinamizar a vida cultural desta cidade”, apuntou a alcaldesa, Inés Rey.

O recinto que acumulou máis visitas foi a sala do Kiosco Alfonso, mais todos os espazos expositivos tiveron gran afluencia de público. Destaca a Casa Museo Picasso, na que tamén se rexistrou un incremento de visitas de en torno ao 12%, mais nas outras dúas casas museo que se suman como sede do Viñetas este ano (Casa Museo María Pita e Casares Quiroga) houbo unha boa recepción por parte do público. Outro dato a destacar son as case 17.000 persoas que xa pasaron pola expo Viñetas da Eclipse, na Casa das Ciencias dende o 4 de xullo, cifra que reforza a relevancia de que as mostras do festival se desestacionalicen.

O ScanMeNow, que permitía aos visitantes realizar unha imaxe en 3D, en tan só 25 horas de presenza (estivo dispoñible durante 5 días na sala Palexco) recibiu a máis de 1.800 persoas. Tamén a web e as redes sociais do festival recolleron o seu éxito cun incremento de visitas que superaron nunha semana as 8.200 na páxina oficial, mentres que nas redes sociais se superaron as 600.000 visualizacións.

A edición máis colaborativa

Outro dos datos especialmente significativos é a presenza de 200 profesionais acreditados durante a semana grande do festival de sectores como as librerías, o mundo editorial, as bibliotecas, ou a divulgación. E a esta cifra podería sumarse a das decenas de profesionais que se achegaron a desfrutar das propostas sen estar entre o elenco acreditado.

Tamén o Viñetas Show amosou de novo uns bos resultados cos espectáculos que se celebraron no teatro Colón, polo que pasaron máis de 1.000 persoas en total.

O director do festival, Manel Cráneo, quixo destacar tamén a cantidade de colaboracións pechadas este ano con entidades variadas que permiten seguir crecendo o festival. Unha delas, a establecida coa Asociación Galega de Artesáns, permitiu a 9 artesáns diferentes elaborar pezas presentes nas exposicións, extraídas das novelas gráficas que protagonizan as mostras. De feito, lembrou que a actividade aínda non parou no Viñetas, xa que no mes de setembro haberá todavía algunhas propostas da man de entidades como Amigos de la Ópera ou Amnistía Internacional, entre outras.

Radiografía do Viñetas

Máis de 70 autores e autoras participaron na Coruña ata o 16 de agosto nas 24 exposicións (que se prolongan ata o 27 de setembro) e nunha ampla programación na que houbo obradoiros, charlas, clases maxistrais, pódcasts, espectáculos en directo, visitas guiadas e actividades pensadas para toda a cidadanía —desde pequenos ata adultos— e para público especializado.

Viñetas desde o Atlántico mantivo en 2026 as súas principais seccións que acompañan os visitantes na súa experiencia no festival: Viñetas Expo; Viñetas Mini, con obradoiros diarios para público infantil, unha proxección cinematográfica e unha proposta teatral; Viñetas Show, cun concerto ilustrado, dúas proxeccións, unha obra teatral e dúas xornadas dedicadas a pódcasts especializados de Galicia, Madrid e Cataluña; Viñetas Pro, con dúas clases maxistrais e unha sesión de revisión de proxectos para autores e autoras; un encontro e dúas exposicións para Viñetas Inclusivas, e a extensa programación da Rúa BD, que conta con 38 casetas, entre as que figuran as de 20 editoriais procedentes de todo o estado presentando novidades e dinamizando neste espazo vital do festival. Pero, ademais, en 2026 incorpórouse a nova sección que puxo en valor o traballo das Bibliotecas Municipais da Coruña arredor da banda deseñada, Viñetas Biblio.

Exposición do Viñetas na Casa Museo Casares Quiroga

Amplísima oferta expositiva

A edición abriuse da man da colaboración dos Museos Científicos Coruñeses, coa exposición que adiantou a eclipse na Coruña coas viñetas máis artísticas na mostra Eclipse de Viñetas, na que dez autoras e autores locais (Xulia Pisón, Diego Burdío, Paula Esteban, Uxía Larrosa, Xulia Vicente, Jorge Peral, Marcos Calo, Luis Yang e Paula Mayor, con Jordi Bayarri como autor convidado) reinterpretan desde a súa mirada a historia científica e artística das eclipses.

Desde xullo está aberto un dos recintos que máis público recibe sempre no Viñetas; a sala municipal de exposicións de Palexco é a sede das mostras de Jacobo F. S. e da colección de Raúl García. Na primeira delas, percórrese o universo persoal do creador. Esta mostra conta tamén coas dúas novas figuras que se incorporaron á colección do salón: Marcopola e Dragoneta. Mentres, na exposición Un paseo por Springfield. Os Simpson na colección de Raúl García, lévanos da man a unha mostra de merchandising e libros dos cómics da famosa serie, con algúns debuxos orixinais e dedicatorias do propio Matt Groening. Raúl García traballou en varios capítulos da serie norteamericana e foi o primeiro animador español en traballar para Disney.

O Kiosco Alfonso, o que máis interese espertou

Xusto a carón, no epicentro do festival, o espazo expositivo do Kiosco Alfonso conta cunha ampla representación de obras de autores e autoras internacionais e estatais, unidos por un nexo: a memoria democrática e social. Así, os visitantes poden gozar na planta baixa da mostra centrada na Loita sindical e feminista europea, coas obras La virgen roja e Sally Heatchcoat: sufragista, de Bryan Talbot e Mary M. Talbot, e Jiujitsufragistas, de Lisa Lugrin e Clément Xavier; e na primeira planta, a mostra Memoria democrática e social na España do século XX coas obras O eco dos días rotos, de Alberto Taracido; Que el fin del mundo nos encuentre bailando e La piel como única bandera, de Sebas Martín; o xa histórico Paracuellos, de Carlos Giménez; Aquí donde estoy, de Tyto Alba e María Castro Hernández, e Caridad del Río, de Pep Brocal.

O programa expositivo complétase coas mostras de Miguel Robledo —autor do cartel desta edición— en María Pita; Humanos, a Roya é un río, dos franceses Troubs e Baudoin, na Casa Museo Picasso; os Premios Castelao na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, Elas son fantásticas, autoras galegas de banda deseñada deste xénero, no mesmo espazo; a exposición de ExpoFanzines de Autobán, na Biblioteca de Estudos Locais; Stons, de Xulia Pisón, na Casa Museo María Pita; unha exposición bibliográfica nas Bibliotecas Municipais (Trazos de memoria), e a incorporación da Fundación Luís Seoane como nova sede do festival coa exposición Cómic palestino. Voces propias. Grito colectivo. Cómpre destacar a incorporación da Casa Museo Casares Quiroga como sede de mostras vencelladas á memoria histórica, que nesta ocasión albergará ‘La guerra civil’, de Paul Preston, mostra que recolle o exitoso traballo de adaptación á banda deseñada das obras do historiador británico realizada polo autor José Pablo García.

Ademais diso, o Viñetas Paralelas de 2026 conta con cinco sedes colaboradoras: o Circo de Artesáns, coa exposición Nacional 2. Banda Desenhada Portuguesa de Norte a Sul, que recolle obra de seis colectivos autorais de banda deseñada portugueses; o Bar 13, con Óscar Lojo; a Pulpeira de Melide, con a mostra permanente Pulpos do cómic; a cervezoteca Malte con Amair, de Kike Benlloch e Luis Sendón; e El Tranvía, con Bosque máxico, unha exposición de Fento Studio.

Máis de 100 actividades para todos os públicos

Especialmente rica foi neste Viñetas 2026 a extensa programación de actividades pensadas para todas as idades e intereses e que se distribuíronn entre as distintas seccións do festival. Más de 100 propostas, entre as que se contan obradoiros, cine, teatro, charlas, visitas guiadas, gravación de pódcasts e espectáculos radiofónicos, un concerto ilustrado, encontros con autores e autoras, sinaturas e maratóns de debuxo.

Moitas destas propostas formaban parte central da programación da Rúa BD, que contou con 38 stands que ocupaban librarías, editoriais e entidades diversas. Este espazo, localizado diante do Kiosco Alfonso, foi o epicentro da actividade do festival na pasada semana. Todas as exposicións e o programa completo se poden consultar na páxina web do festiva, dispoñible nesta ligazón.

Experiencia fronte a nova mirada; comparamos as visións do Viñetas 2026 do expositor máis veterano e un novo stand

«O público da Rúa BD vén predisposto a facer gasto», Pío Barreiro, libreiro do stand máis veterano no Viñetas.

«Sorprendeume moito a organización pola calidade das exposicións, a cantidade de actividades e a facilidade na comunicación», Marta Tutone, editora dun stand novato na Rúa BD

A Coruña.— Editoriais, librarías, entidades e asociacións ocuparon os 38 stands que abriron as súas portas a diario na Rúa BD. Cada caseta estaba chea de experiencias diversas con propostas diversas, polo que ao peche desta 29 edición quixemos achegarnos a dúas visións moi diferentes: a do libreiro Pío Barreiro, que non faltou a ningunha das edicións do festival (é, pois, o máis experimentado no evento), e a da editora Marta Tutone, de Liana Editorial, que acode á feira por vez primeira.

Dúas visións diferentes para un mesmo evento que se complementan e suman neste poliedro que é sempre a Rúa BD, un espazo polo que pasaron nestes sete días arredor de 100.000 persoas e nos que as actividades e o fluxo de visitantes a exposicións foi continuo.

Marta Tutone, editora diante do seu posto en Viñetas

Marta Tutone, de Liana Editorial, stand que se estreou este ano no Viñetas

P. Que cres que fai diferente a Rúa BD eo Viñetas doutras feiras?

O primeiro é o feito de que estea aberta nunha zona céntrica moi transitada, na rúa; isto fai que o cómic se poida achegar non só ao público que xa vén con gana porque xa son lectores e lectoras de banda deseñada, senón tamén a un público máis espontáneo. Eu, concretamente, como teño moito cómic infantil e xuvenil, a moito público familiar, que ao mellor están de paseo, de vacacións.

É unha época do ano na que ao mellor visitas menos as librarías da túa cidade, pero de repente estás de vacacións e descobres libros que, quizais aínda que non merques todos aquí, se che quedan aí na cabeza e ao longo do ano sempre os podes buscar.

O segundo é a organización, porque me sorprendeu moi positivamente. Hai moitas exposicións, de moita calidade, moitas actividades; dáselle aos expositores a posibilidade de presentar as novidades ou o proxecto editorial, e isto, por exemplo, no meu caso, que non podo contar cun público que coñeza a editorial por estar outros anos na feira, é algo estupendo. Nese sentido, a atención que recibimos tamén, o nivel de detalle, a facilidade na comunicación, nas instrucións á hora de montar...

P. Algo negativo?

Unha feira é algo esgotador, pero iso é así en todas as partes. Por iso, todo o que contei antes, os detalles por parte da organización, esas pequenas cousas, non son tan pequenas, senón que resultan fundamentais.

P. No voso caso, Liana ten un catálogo cunha fortísima presenza de títulos de infantil e xuvenil e, como dicías antes, hai moito público familiar. Notades que se interesan máis polos vosos libros familias con nenos e adolescentes ou tivestes público variado?

Un pouco das dúas cousas. É certo que temos un catálogo moi variado; por exemplo, o que publicamos para persoas adultas sempre penso que lle pode interesar a un público xuvenil, que está entre o instituto e a universidade... Así que achegouse público moi variado, moita xente nova, tamén ilustradores e ilustradoras que non nos coñecían, pero, desde logo, é certo que tivemos moitísimo público familiar. Claro, eu non podo comparar con outros anos, pero valoro moito a cantidade de familias que pararon, que coñeceron os libros.

Tamén quero dicir que as bibliotecarias fan un traballo estupendo aquí nese sentido, con recomendacións que dan a coñecer os nosos libros; por exemplo, coa saga de Fox & Chick, que moitos os coñeceran nas bibliotecas.

P. As Bibliotecas Municipais están moi presentes no festival. A Rúa BD serviu para que entrásedes en contacto?

Si, falei con bibliotecarias con tranquilidade e en persoa. Faláramos antes por internet, por exemplo con Sira González, e puidemos comentar temas en profundidade. Funcionan moito, e as bibliotecas é algo que non adoita estar nos salóns e feiras de cómic e é importante. E ademais tiveron á miña filla lendo sen parar todos estes días no stand, de lectora residente.

P. Hai algún título que destacase en vendas esta semana?

O que vendemos máis é Una historia ilustrada de la danza, de Laura Cappelle e Thomas Gilbert; foi moi ben. O outro que empata con este é La odisea del espacio. Historia de la conquista espacial, de Arnaud Delalande e Éric Lambert. Dúas obras de non-ficción e moi completas. En infantil case esgotamos a serie de Fox & Chick e Azul, el hada de Pinocho, de Elena Triolo, para público xuvenil e que chega a adultos.

P. Unha anécdota?

Quizais que nos atopamos aquí a familias de Madrid, do colexio dos meus fillos que están aquí de vacacións e que descubrín que veñen todos os anos ao festival.

P. Queredes repetir para 2027?

Gustaríanos moito repetir. Ademais, viñemos toda a familia, ata a cadela. Como plan familiar, ademais de empresarial, gustounos moito, porque a cidade ten moitos atractivos e os meus fillos foron a todas as partes: á torre de Hércules, ao Muncyt... Viron todas as exposicións e ata se foron coa cadela de excursión. Como plan para quen veña ao stand coa familia, Viñetas é perfecto.

Pío Barreiro no medio das casetas de Rúa BD

Pío Barreiro, de Librería Kómic, stand máis veterano no Viñetas

P. Din as malas linguas que sodes o stand ou dos stands máis antigos do Viñetas...

Pois non sei seguro se hai algún outro que repetise en todas as edicións, pero nós sempre estivemos aquí. Non faltamos nunca, e este ano, ademais, co Viñetas celebramos a nosa feira 40.

P. Que queres dicir co da feira 40?

Pois que levamos 40 feiras seguidas só neste ano. E o ano que vén celebramos os 40 anos da libraría. Dito así impresiona moito.

P. Con toda esa experiencia ás costas, que cres que diferencia Viñetas doutros festivais?

Hai un atractivo engadido e é que se revitalizou nos últimos anos. A nós resúltanos inevitable facer unha comparativa e lembramos cando empezou o Viñetas e foi un sorpresón. Non o esquecerei nunca, porque foi o día que naceu a miña filla. Non sabiamos como ía ser e o negocio ía moi ben. Foi unha avalancha tal de xente que viamos que era moi diferente. Falamos duns anos nos que había unha gran bonanza económica.

Nos últimos anos da dirección anterior de Miguelanxo baixou todo un pouco, o nivel do festival, dos autores e das vendas. Porque nós tamén tiñamos claro que se se baixa o nivel de autores baixan as vendas.

Desde que entrou a nova dirección, volveuse notar un boom. É certo que seguimos con moitos autores nacionais, pero revitalizouse moitísimo todo. Moitas actividades novas, unha frescura, e volvemos a notar aquilo dos inicios, que se vende máis nos sete días da Rúa BD que nos dez da feira do libro. O ano pasado, por exemplo, baixou un pouco con respecto ao 2024, pero este ano volveu a subir a afluencia de público. E non é público dos transatlánticos, que non compra nada.

P. Cal é o retrato robot dos clientes do Viñetas?

Teño moita xente que vén porque xa nos coñece despois de tantos anos; hai xente que é cliente en Santiago que vén a Coruña e compra aquí polo desconto. Tamén hai moita xente que vén de Madrid, familias, turismo español. O que está claro é que aquí a xente si que vén predisposta a facer un gasto considerable. Non é aquilo de «se iso igual compramos algo», non. Como oferta hai moitísima e calidade tamén, hai de todo. Pensan en gastar. Para min é complicadísimo seleccionar os libros para traer ao Viñetas, por iso.

P. Lévache moito tempo?

As semanas anteriores ao Viñetas durmo fatal, dándolle voltas á selección. Por exemplo, dun dos títulos máis vendidos do ano traiamos 60 exemplares e estou vendo agora que quedan como seis, pero na maior parte dos casos non queres quedar curto. Este ano, que viñan os Talbot, pedín moitísimos títulos seus e quedamos curtos. É moi complicado, porque ao final a experiencia importa, pero case máis a intuición.

Importa tamén moito o atractivas que sexan as exposicións. O ano pasado, por exemplo, Black metal arrasou e ninguén o esperaba, porque era como moi marxinal e escuro, e o ano anterior a exposición de Lucas Varela foi alucinante e tampouco nos chegaron os exemplares que trouxemos.

P. Que foi o que máis se vendeu?

Na nosa caseta, Dos mujeres desnudas, de Luz, e O eco dos días rotos, de Alberto Taracido.

P. Rúa BD é un espazo tamén para afianzar relacións coas editoriais?

No noso caso non é como no de outras librarías que levan menos tempo ou viaxan menos, porque nós xa temos todo iso moi traballado, pero, por exemplo, este ano tiñamos interese en facer algúns contactos coa xente que viña de Portugal. Pero tampouco nos deu moito tempo, porque estivemos superados de traballo.

P. En 2027, Komic fai 40 anos, e Viñetas, 30. Viredes a celebralo?

Si, a idea é vir aquí e contar todo o que queremos facer para celebrar unha cifra tan importante. Conformaríame con sermos capaces de facer o que fixemos para celebrar o 25 aniversario, que xa foi moito.

Alberto Taracido: «Quería contar unha historia moi local da Coruña e conseguín que se recoñecesen nela en Francia»

«‘O eco dos días rotos’ foi un plan B que acabou converténdose no meu foco principal. Agora quero centrarme na banda deseñada, pero aínda me quedan moitos paus por tocar», asegura o ilustrador coruñés

A Coruña.— Alberto Taracido chega ao Viñetas desde unha posición especialmente privilexiada: a dun autor que acaba de abrirse camiño no mercado franco-belga cunha historia profundamente ligada ás súas raíces. O eco dos días rotos naceu durante o confinamento, a partir da nostalxia por Labañou e da memoria dunha infancia vivida entre rúas, monte e barrio obreiro. A obra, publicada en galego e francés, continúa nas librarías de Francia, Bélxica e Suíza dous anos despois da súa aparición. Pero Taracido non chegou á banda deseñada por un camiño convencional. Antes pasou polo deseño gráfico, a publicidade, os videoxogos, a animación e o cine. Todo ese percorrido acabou converténdose nunha escola narrativa que agora aplica á BD. No seu traballo conviven a memoria, o humor, a crítica social e unha particular atención ás sombras da historia.

O éxito de O eco dos días rotos permitiulle ademais entrar nun mercado no que nunca imaxinara ter un lugar tan axiña. Este ano, o Viñetas acólleo como unha das súas figuras centrais, cunha exposición e varias actividades arredor da súa obra. E Taracido xa mira cara adiante, cun novo proxecto internacional en marcha e coa intención de facer da banda deseñada o centro da súa vida profesional.

P. O eco dos días rotos naceu no confinamento, a partir dun debuxo e dunha volta á memoria. Como foi ese proceso?

Naceu precisamente no confinamento. Entrei nun arranque de nostalxia, de lembrar a rúa, e fixen un par de debuxos que colguei nas redes. Saltou toda a xente de Labañou: «Carallo, que tal...». Eu viña traballando cun estilo máis americano, pero volvín a algo máis franco-belga, que era o que facía anos antes, cando estaba máis metido na animación. Empecei a darlle voltas e pensei: «Aquí hai que montar algo». Traballei moito no dossier, dous meses, dous meses e pico, e mandeino a varias editoriais. E de aí xurdiu todo.

P. É unha historia moi local que, porén, conseguiu chegar a Francia, Bélxica ou Suíza. Era esa universalidade algo que buscabas?

Cando coñeces un proxecto desas características queres que saia o mellor posible, a cousa máis grande do mundo. Pero nunca tes control sobre se vas chegar a onde queres. O que me sorprende é que, dous anos despois, a obra siga nas librarías francesas. Está en galego e en francés, en Francia, Bélxica e Suíza. E iso é importante: segue viva.

P. Que querías recuperar daquela Labañou dos anos sesenta e setenta?

A obra ten moito de memoria histórica. É unha historia coral e amable, pero a min gústanme as sombras, as treboadas, os contrastes. Belarmino, que é o personaxe principal, é un maquis que perdeu a memoria. Ao redor del están os rapaces, que lle dan ese punto de infancia e inocencia. Eu lembro que na miña casa a política se falaba en baixiño. Había medo. Quería contar ese camiño iniciático para entender o que era unha posguerra e unha ditadura, pero cun ton alegre e mesmo cun final feliz, porque tamén é unha homenaxe ao meu barrio.

P. Labañou era tamén un barrio moi particular, entre o rural, o obreiro e o mariñeiro.

Para nós, naquela época, A Coruña empezaba nas Esclavas. Dicías: «Imos á Coruña ou quedamos polo monte?». Aquilo era todo monte. Criámonos como se fose unha aldea. En Labañou tiñamos A Coruña en fronte e baixabamos alí como se fósemos a unha capital. Hoxe está totalmente absorbida polo formigón e pola especulación. Os Rosales foi fagocitando todo e agora van poñer As Percebeiras... Labañou vai quedar aí no medio.

P. Hai tamén unha lectura de denuncia social na obra?

Non é unha denuncia en si, aínda que ten esa retranca de poder contar unha denuncia cun sorriso. Vai de solidariedade, de amizade, pero tamén de mollarse un pouco polas inxustizas. Quería que os personaxes formasen unha especie de pequena república independente: está a banca, o funcionario, o contrabandista, a igrexa... É como unha pequena capital cos seus poderes e coa xente da rúa.

P. E por que cres que esa historia conectou tanto co público franco-belga?

En Francia preguntáronme como conseguira facer unha historia tan universal que a xente de alí se sentise identificada. E teño que ser sincero: non teño nin puta idea. A miña intención era que aqueles rapaces puidesen ser perfectamente identificables en Francia, en Suíza ou en Bélxica. Nos anos setenta, os rapaces estaban na rúa. Os personaxes son de Labañou, pero poden ser de calquera sitio. O resultado foi o que foi.

P. Para chegar a ese mercado tamén tiveches que defender a túa liberdade creativa.

Si. Houbo editoriais que querían poñerme un coguionista. Mesmo había unha belga máis potente, pero dixen que quería facelo eu ao cento por cento. Buscaba tres cousas: liberdade, orzamento e poder publicalo fóra. Eu veño dun ámbito laboral moi sacrificado, o cine, e non podía estar un ano practicamente sen soldo tendo unha familia. Se isto saía, tiña que estar financiado.

P. Antes de chegar aí pasaches por moitos mundos: publicidade, deseño, animación, videoxogos... Todo iso foi unha escola para a BD?

Desde logo. O que aprendín durante anos na animación é o que agora podo recoller na banda deseñada: a narrativa, como contar, o ritmo, o deseño de personaxes, os ambientes... Todo o que ten que ver coa estrutura dun cómic aprendino na animación, non nos cómics.

P. Tamén pasaches polo cómic de superheroes, con Valiant. Como viviches aquela experiencia?

Foi un accidente. Eu non son de superheroes, son moi europeo para o cómic. Pero chamáronme desde Valiant para facer un heroe dos anos noventa, Eternal Warrior. E pensei: «Colle, colle, está todo ben». Foi unha experiencia bestial e ademais era o primeiro comic book que facía como tal, de máis de cen páxinas. Traballei músculos, lume, fume... Quedei moi contento, pero tamén me dei conta de que onde desfruto realmente é no cómic europeo. Iso non significa que peche a porta ao mercado americano, pero o de superheroes non é o meu.

P. Con Mr. Crab y el paraíso empezaches a asumir tamén a autoría completa. Que buscabas nesa historia?

Viña dunha necesidade de debuxar e de contar. Despois da crise de 2008, no estudio faciamos de todo, pero eu empecei a notar a falta de horas de debuxo e, sobre todo, de narrativa. De contar historias. Entón comecei a coller horas polas tardes e a argallar unha historia. Hai crítica social, poderes corruptos, unha vendetta en África... É unha historia bastante escura e unha auténtica loucura.

P. Agora estás nun momento especialmente importante, coa túa presenza no Viñetas. Que significa para ti?

É un orgullo. Eu levo anos vindo ao Viñetas como visitante. Ademais, a semana do Viñetas practicamente sempre coincide co meu aniversario. Agora estar aquí cunha exposición, cun equipo de traballo que son todos colegas, é unha festa. É un ano moi especial.

P. E parece que a banda deseñada deixou de ser aquel plan B.

Si. Se miro atrás, hai cinco ou seis anos isto era un plan B que estaba aí, pero non era o foco principal. As circunstancias e a gana de romper na miña carreira fixeron que acabase aquí. Toquei moitos paus e todo ese coñecemento acabou chegando á banda deseñada. Agora quero facer isto tranquilamente, con máis calma.

P. Entón, o futuro está na BD?

Practicamente. Aínda quedan cousas de animación, porque hai colegas que me chaman para facer personaxes ou storyboards, e se son colegas sempre me gusta traballar con eles. Pero o foco está na BD.

P. E que vén despois de O eco dos días rotos?

Teño un montón de proxectos. Estou cunha cousa moi grande para Francia e para o mercado franco-belga que rematarei en setembro do ano que vén, pero aínda non podo contar moito. Tamén teño moita gana de facer unha precuela para saber que pasou con Belarmino, por que perdeu a memoria e que hai detrás deses momentos tan duros da súa historia. Pero estratexicamente creo que é mellor darlle un pouco máis de tempo.

P. Se puideses clonarte, cantos Alberto Taracido necesitarías para facer todo o que tes na cabeza?

Cinco. Cinco tipos máis eu. Seríamos seis, e cada un cunha historia. Sería a hostia. Pero o día ten as horas que ten. Así que agora toca tomalo con calma, con boa letra e rodeado de colegas. Iso é moi importante.

Mary e Bryan Talbot: «A investigación histórica non é só mirar cara atrás. Permítenos comprender os problemas actuais»

«As mulleres estiveron sempre implicadas nas transformacións políticas e sociais, aínda que moitas veces a historia non lles deu o mesmo espazo», lembran os autores británicos

A Coruña.— Mary e Bryan Talbot levan anos convertendo a historia en materia de novela gráfica. Ela achega a investigación, a escritura e unha longa traxectoria académica vinculada ao xénero e á política. El pon ao servizo das historias décadas de experiencia no mundo do cómic e unha poderosa linguaxe visual. Xuntos construíron obras nas que as mulleres ocupan o centro do relato. Desde La niña de sus ojos ata Sally Heathcote, sufragista e La Virgen Roja, recuperan figuras e movementos fundamentais da historia feminista. Louise Michel e as sufraxistas británicas convértense así en protagonistas dunha historia que segue dialogando co presente.

A investigación sobre o pasado sérvelles tamén para reflexionar sobre os conflitos políticos e sociais actuais. O seu método baséase na conversa constante, na confianza e nunha creación verdadeiramente compartida. Un traballo no que texto e debuxo non funcionan por separado, senón como dúas partes dunha mesma mirada. Falamos con eles sobre feminismo, memoria, revolución e historia e sobre a particular aventura de crear xuntos.

P. As vosas obras conxuntas converteron a investigación histórica e a novela gráfica nunha combinación moi particular. Como naceu esa colaboración?

Mary M. Talbot: Foi bastante espontáneo. Bryan suxeriume que escribise unha novela gráfica cando eu me xubilei anticipadamente da universidade, arredor de 2009. Eu levaba moitos anos traballando como académica, especialmente sobre linguaxe, xénero e política. Escribir unha novela gráfica pareceume algo completamente diferente.

Bryan Talbot: Eu xa levaba décadas traballando no mundo do cómic, pero Mary nunca escribira un guión deste tipo. Unha noite estabamos na casa, tomando unha copa de viño e vendo a televisión, e díxenlle: «Por que non escribes a túa propia novela gráfica e eu a debuxo?». Ela aceptou e así empezou todo. O primeiro resultado foi La niña de sus ojos (Dotter of Her Father’s Eyes), que recibiu o Costa Biography Award en 2012 e se converteu na primeira novela gráfica británica en gañar ese importante premio literario.

P. Desde o primeiro momento había xa unha intención de traballar sobre mulleres e sobre a súa historia?

Mary: Si. Eu levaba moito tempo investigando sobre linguaxe e xénero, e naturalmente estaba interesada no feminismo e nas cuestións relacionadas coas mulleres. Pero tamén me decatei de que había moitas partes da historia feminista que non coñecía suficientemente ben. As novelas gráficas permitíronme investigar esas cuestións doutra maneira. Quería saber máis sobre a historia dos dereitos das mulleres, especialmente sobre a loita polo voto feminino en Gran Bretaña. Así naceu o interese polas sufraxistas.

P. Sally Heathcote, sufragista é unha das obras máis directamente relacionadas con esa loita. Que descubriches durante a investigación?

Mary: Moitas cousas que me sorprenderon. Eu non sabía ata que punto era grande o movemento polo sufraxio. Pensaba que era fundamentalmente un movemento de clase media, pero descubrín que atravesaba todas as clases sociais. Había mulleres traballadoras das fábricas de algodón de Lancashire que estaban moi politizadas, pero tamén mulleres da aristocracia que participaban activamente. A amplitude do movemento foi unha das cousas que máis me impresionou. Tamén me interesaron moito as súas tácticas. As sufraxistas empregaban os medios de comunicación, os xornais, os obxectos de propaganda e mesmo unha rede de tendas. Estaban utilizando ferramentas que hoxe recoñecemos perfectamente na comunicación política. Era o comezo da comunicación de masas e da súa utilización política.

P. Bryan, como traduciches todo ese contexto histórico á linguaxe visual? Xogas moito co branco e negro e logo con toques de laranxa...

Bryan: Un dos problemas de Sally Heathcote era que aparecían moitísimas mulleres, todas con peiteados e vestidos propios da época. Necesitabamos que Sally destacase inmediatamente. Ao principio, a idea era utilizar principalmente branco e negro, incorporando as cores tradicionais do movemento sufraxista: violeta, branco e verde. Pero decidimos facer que Sally fose laranxa. Así, en cada viñeta na que aparecía, podías localizala inmediatamente. Despois outros personaxes adquiriron tamén cores propias. Emmeline Pankhurst, por exemplo, aparecía con roupa malva. A cor convertíase así nunha ferramenta narrativa.

P. Esa preocupación pola historia das mulleres continúa en La Virgen Roja, dedicada a Louise Michel. Como chegastes ata ela?

Bryan: Foi bastante casual. Eu recibira por correo un libro académico sobre as orixes do movemento anarquista e comecei a lelo. Nel aparecía a historia da Comuna de París e, especialmente, Louise Michel. Nunca oíra falar dela e quedei fascinado. Díxenlle a Mary: «Esta é a túa próxima protagonista. Tes que escribir sobre esta muller».

Mary: Eu coñecía moi pouco sobre a Comuna de París e tiven que empezar a investigar a historia francesa para comprender aquel contexto. Pouco despois, ademais, fomos a París e atopamos por casualidade unha exposición fotográfica sobre a Comuna na casa do concello parisiense. Había fotografías das barricadas e de todo aquel período. Foi como se diferentes pezas encaixasen.

P. Que vos atraeu especialmente de Louise Michel?

Mary: A súa vida era extraordinaria. Era unha muller revolucionaria, educadora, escritora e activista. Canto máis investigaba, máis comprendía que a súa historia permitía falar non só da Comuna de París, senón tamén das ideas políticas, da revolución e da participación das mulleres na transformación social.

Bryan: E visualmente tamén era fascinante. La Virgen Roja permitíanos traballar coa cor vermella como elemento simbólico: é a cor do sangue, pero tamén da revolución. Louise Michel era coñecida precisamente como «la Vierge Rouge» e levaba un pano vermello. Por iso decidimos construír o libro arredor do branco e negro con presenza do vermello.

P. Parece que as vosas protagonistas non son simplemente personaxes históricas: son tamén unha maneira de recuperar voces femininas que quedaron fóra do relato tradicional. É esa unha das vosas intencións?

Mary: Si. A investigación fíxome consciente de cantas historias de mulleres descoñecemos. Traballar sobre elas é unha maneira de coñecer mellor a historia e tamén de comprender o presente. As mulleres estiveron sempre implicadas nas transformacións políticas e sociais, aínda que moitas veces os relatos históricos non lles deron o mesmo espazo.

P. O voso traballo demostra tamén que a historia do feminismo non é algo afastado, senón que ten relación co presente.

Mary: Desde logo. Se queremos comprender o presente, temos que coñecer a historia das loitas feministas. O movemento sufraxista, por exemplo, empregaba formas de organización, propaganda e comunicación que nos resultan moi familiares hoxe. Hai unha continuidade histórica.

P. Como funciona na práctica o voso traballo en común? Quen escribe e quen decide como se conta visualmente a historia?

Mary: Eu desenvolvo a historia durante meses. Falamos moito dela. A nosa mesa da cea é tamén un lugar de discusión sobre os proxectos. Despois escribo o guión e pásollo a Bryan.

Bryan: E aí comeza unha colaboración moi estreita. Eu divido o guión en páxinas e viñetas, pero Mary está presente durante todo o proceso. Consultámolo continuamente. O debuxo non é simplemente ilustrar o que ela escribiu: é unha colaboración moi próxima.

Mary: Ademais, Bryan sempre foi o meu primeiro lector. Antes de enviar os meus textos a un editor, el leos e sinala os erros ou as cousas que non funcionan. Eu tamén aprendín moito observando como traballa el.

P. A vosa primeira novela gráfica conxunta, La niña de sus ojos, parte dunha historia moi persoal e dunha figura histórica como Lucia Joyce, a filla de James Joyce. Como naceu este proxecto?

Bryan: A idea inicial foi miña. Díxenlle a Mary que podería facer unha novela gráfica sobre a súa relación co seu pai, que era unha figura moi coñecida internacionalmente e que tiña unha relación difícil con ela. Pero cando Mary comezou a investigar a familia Joyce e, en particular, a Lucia Joyce, descubriu unha historia que lle pareceu aínda máis interesante ca a súa propia.

Mary: Si. Eu estaba inicialmente pensando na miña relación co meu pai, pero cando comecei a coñecer a historia de Lucia quedei fascinada. Pensei que a súa historia era moito máis interesante que a miña. Podería dicirse que me «agochaba» detrás dela. Ao final, con todo, a novela acabou entrelazando as dúas historias: a relación de Lucia con James Joyce e a miña propia relación co meu pai.

P. É tamén a obra na que comeza realmente a vosa linguaxe común como autores?

Mary: Si. Foi o primeiro paso. Eu viña da investigación académica e da escritura, mentres que Bryan tiña unha experiencia moi longa no mundo da novela gráfica. O proxecto permitiunos combinar esas dúas maneiras de traballar.

Bryan: O primeiro guión de Mary parecía máis ben unha obra de teatro, cos personaxes e os diálogos. Eu collía ese material e convertíao en páxinas e viñetas. A partir da seguinte obra, Mary xa comezou a escribir os guións dunha maneira moito máis próxima ao formato do cómic.

P. Polo tanto, a vosa relación persoal tamén forma parte desa forma de crear?

Bryan: Si. Levamos décadas xuntos. Cando empezamos a traballar profesionalmente, xa nos coñeciamos moi ben. A colaboración artística nace desa confianza.

Mary: E tamén desa conversación constante. Non é que un escriba e o outro simplemente debuxe. Estamos falando das historias continuamente.

P. E que importancia ten o feito de que sexades unha parella que traballa artisticamente en común?

Mary: É unha relación moi especial. O traballo está integrado na nosa vida diaria. Falamos das historias, discutimos ideas e revisamos o traballo do outro.

Bryan: E tamén nos complementamos. Mary achega a investigación, a escritura e a súa formación académica; eu achego a experiencia de décadas facendo cómics e pensando visualmente. Pero esas fronteiras tampouco son completamente ríxidas. Co tempo fomos aprendendo un do outro.

P. Esa colaboración tamén aparece noutras obras, como Lluvia?

Mary: Si. Lluvia naceu dunha preocupación persoal polo medio ambiente. Houbo unhas inundacións no norte de Inglaterra e aquilo fíxome pensar que ese podía ser o tema da seguinte novela gráfica. Eu sempre estiven moi interesada no medio ambiente e na alimentación ecolóxica.

Bryan: Fomos a Hebden Bridge, unha das zonas afectadas polas inundacións, e percorremos os páramos. Investigamos como a destrución das turbeiras contribuía ao problema. A paisaxe acabou sendo fundamental para a propia forma do libro. Por iso escollemos un formato apaisado, que permitía transmitir a amplitude dos páramos e do ceo.

P. Hai, polo tanto, unha preocupación social que une moitas das vosas obras: feminismo, desigualdade, medio ambiente, política...

Mary: Si. Son cuestións que me interesan profundamente. A investigación histórica non é só mirar cara atrás. Permítenos comprender os problemas actuais.

P. Nun momento no que medran os discursos autoritarios e a extrema dereita, credes que a literatura e o cómic poden cambiar a maneira de pensar das persoas?

Bryan: Espero que si. Non sei ata que punto podemos cambiar directamente a maneira de pensar das persoas, pero gustaríame que os libros fixesen pensar. Nos meus propios libros tamén tratei o ascenso do fascismo mediante mundos paralelos. Nese tipo de historias podes cambiar os papeis e mostrar como se constrúe un grupo de persoas como «inimigo» ou «chibo expiatorio».

Mary: Para min tamén é importante escribir sobre estas cuestións. A historia mostra que os movementos políticos non aparecen da nada. Hai que entender como se construíron no pasado para recoñecer determinados mecanismos no presente.

P. Despois de tantas obras conxuntas, que vos segue interesando das historias das mulleres?

Mary: A posibilidade de descubrir novas historias. Hai moitas mulleres extraordinarias que aínda non coñecemos suficientemente. A historia está chea delas.

Bryan: Se aparece unha personaxe real que estea ben documentada e que teña unha historia interesante, sería algo que me gustaría explorar. Pero non queremos inventar heroes históricos simplemente porque encaixen no que queremos contar.

P. Bryan, ademais do traballo que facedes xuntos, tamén continúas desenvolvendo os teus propios proxectos. Antes de traballar con Mary xa tiñas Las aventuras de Luther Arkwright, Grandville, La simbiosis ou Historia de una rata mala. En que estás traballando agora?

Bryan: Actualmente estou traballando nunha nova historia de Hawksmoor. É un proxecto que continúa unha serie anterior, Grandville. No último libro de Grandville, o inspector LeBrock conta a historia de como foi adestrado para converterse en detective polo inspector Hawksmoor. Este novo libro é unha especie de precuela: transcorre vinte e tres anos antes de Grandville e céntrase en Hawksmoor cando era máis novo.

É unha historia moi diferente de Grandville. Aquelas obras estaban ambientadas nun París imaxinario da belle époque, mentres que Hawksmoor está ambientada no Londres vitoriano. Tamén cambia a técnica visual: os libros de Grandville están coloreados dixitalmente, mentres que aquí estou utilizando acuarelas, cun ton sepia que pretende lembrar as antigas fotografías vitorianas.

P. Despois de tantos anos e de tantas obras, cal diriades que é a vosa obra preferida, ou aquela da que gardades un recordo máis especial?

Mary: É difícil escoller unha. Probablemente sempre estea máis ligada á última obra que fixen, porque é a que aínda teño máis presente. Pero estivemos especialmente satisfeitos con Armada de locura (Armed with Madness), a biografía surrealista que fixemos sobre Leonora Carrington. Foi un proxecto moi particular, porque queriamos contar unha biografía utilizando unha linguaxe surrealista.

Bryan: Para min tamén é difícil elixir. Cada libro representa unha etapa diferente. Armada de locura foi especialmente interesante porque supuña afrontar unha biografía dunha maneira pouco convencional. Pero tamén gardo un vínculo moi especial coas obras que fixemos sobre as mulleres e coa forma na que Mary foi descubrindo estas historias a través da investigación.

Mary: Quizais o importante non sexa tanto decidir cal é «a mellor», senón que cada libro nos levou cara a unha historia diferente e nos permitiu aprender algo novo.

P. E que queda por facerdes xuntos?

Mary: Sempre hai novas posibilidades. Actualmente estamos traballando en proxectos diferentes e tamén en novas obras conxuntas. Unha das próximas é a dedicada a Mary Wollstonecraft.

Bryan: Levamos anos alternando libros de Mary con libros propios meus. É unha dinámica que nos permite manter tamén os nosos proxectos individuais, pero continuar colaborando.

P. Se tivésedes que definir o que aprendestes traballando xuntos durante todos estes anos, que diriades?

Mary: Que unha boa colaboración pode abrir camiños que probablemente non percorrerías só. Eu nunca pensei que acabaría escribindo novelas gráficas.

Bryan: E eu nunca pensei que a miña experiencia no cómic acabaría mesturándose deste xeito coa investigación académica e coa historia das mulleres. Creo que a clave está precisamente nesa combinación.

Mary: E, sobre todo, en seguir tendo curiosidade. Investigar, descubrir unha historia e preguntarnos por que é importante contala hoxe.

Bryan: Iso é o que fai que o traballo siga sendo divertido.