O Viñetas desde o Atlántico 2026 pecha a súa 29ª edición con máis de 200.000 visitantes nas exposicións, actividades e na Rúa BD

O festival, organizado polo Concello, segue crecendo en cifras de visitas, en espazos de exposicións e en colaboracións con entidades

As exposicións permanecerán abertas ao público ata o 27 de setembro, mes no que tamén se organizarán visitas guiadas

A Coruña- O festival Viñetas desde o Atlántico, organizado polo Concello, pechou a súa semana central de actividades, do 10 ao 16 de agosto, cun grande éxito de público. Máis de 100.000 persoas pasaron ao longo da semana pola Rúa BD e varias decenas de miles ateigaron os diferentes recintos habitados polas exposicións. Outro dos grandes focos de atención foi a explanada de Palexco na que se situaba o stand de Gundam, por ela pasaron arredor de 90.000 persoas nestes sete días. O apoio municipal a este tipo de festivales e eventos forma parte da política de dinamización cultural impulsada polo Goberno de Inés Rey para ofrecer á cidadanía unha oferta ampla e de calidade.

“Viñetas desde o Atlántico é toda unha referencia no seu xénero en todo o país, porque combina divulgación, cultura e moitísimo talento aportado pola ampla nómina de artistas que colaboran. O Concello vai seguir apoiando con decisión todas as iniciativas que sirvan para dinamizar a vida cultural desta cidade”, apuntou a alcaldesa, Inés Rey.

O recinto que acumulou máis visitas foi a sala do Kiosco Alfonso, mais todos os espazos expositivos tiveron gran afluencia de público. Destaca a Casa Museo Picasso, na que tamén se rexistrou un incremento de visitas de en torno ao 12%, mais nas outras dúas casas museo que se suman como sede do Viñetas este ano (Casa Museo María Pita e Casares Quiroga) houbo unha boa recepción por parte do público. Outro dato a destacar son as case 17.000 persoas que xa pasaron pola expo Viñetas da Eclipse, na Casa das Ciencias dende o 4 de xullo, cifra que reforza a relevancia de que as mostras do festival se desestacionalicen.

O ScanMeNow, que permitía aos visitantes realizar unha imaxe en 3D, en tan só 25 horas de presenza (estivo dispoñible durante 5 días na sala Palexco) recibiu a máis de 1.800 persoas. Tamén a web e as redes sociais do festival recolleron o seu éxito cun incremento de visitas que superaron nunha semana as 8.200 na páxina oficial, mentres que nas redes sociais se superaron as 600.000 visualizacións.

A edición máis colaborativa

Outro dos datos especialmente significativos é a presenza de 200 profesionais acreditados durante a semana grande do festival de sectores como as librerías, o mundo editorial, as bibliotecas, ou a divulgación. E a esta cifra podería sumarse a das decenas de profesionais que se achegaron a desfrutar das propostas sen estar entre o elenco acreditado.

Tamén o Viñetas Show amosou de novo uns bos resultados cos espectáculos que se celebraron no teatro Colón, polo que pasaron máis de 1.000 persoas en total.

O director do festival, Manel Cráneo, quixo destacar tamén a cantidade de colaboracións pechadas este ano con entidades variadas que permiten seguir crecendo o festival. Unha delas, a establecida coa Asociación Galega de Artesáns, permitiu a 9 artesáns diferentes elaborar pezas presentes nas exposicións, extraídas das novelas gráficas que protagonizan as mostras. De feito, lembrou que a actividade aínda non parou no Viñetas, xa que no mes de setembro haberá todavía algunhas propostas da man de entidades como Amigos de la Ópera ou Amnistía Internacional, entre outras.

Radiografía do Viñetas

Máis de 70 autores e autoras participaron na Coruña ata o 16 de agosto nas 24 exposicións (que se prolongan ata o 27 de setembro) e nunha ampla programación na que houbo obradoiros, charlas, clases maxistrais, pódcasts, espectáculos en directo, visitas guiadas e actividades pensadas para toda a cidadanía —desde pequenos ata adultos— e para público especializado.

Viñetas desde o Atlántico mantivo en 2026 as súas principais seccións que acompañan os visitantes na súa experiencia no festival: Viñetas Expo; Viñetas Mini, con obradoiros diarios para público infantil, unha proxección cinematográfica e unha proposta teatral; Viñetas Show, cun concerto ilustrado, dúas proxeccións, unha obra teatral e dúas xornadas dedicadas a pódcasts especializados de Galicia, Madrid e Cataluña; Viñetas Pro, con dúas clases maxistrais e unha sesión de revisión de proxectos para autores e autoras; un encontro e dúas exposicións para Viñetas Inclusivas, e a extensa programación da Rúa BD, que conta con 38 casetas, entre as que figuran as de 20 editoriais procedentes de todo o estado presentando novidades e dinamizando neste espazo vital do festival. Pero, ademais, en 2026 incorpórouse a nova sección que puxo en valor o traballo das Bibliotecas Municipais da Coruña arredor da banda deseñada, Viñetas Biblio.

Exposición do Viñetas na Casa Museo Casares Quiroga

Amplísima oferta expositiva

A edición abriuse da man da colaboración dos Museos Científicos Coruñeses, coa exposición que adiantou a eclipse na Coruña coas viñetas máis artísticas na mostra Eclipse de Viñetas, na que dez autoras e autores locais (Xulia Pisón, Diego Burdío, Paula Esteban, Uxía Larrosa, Xulia Vicente, Jorge Peral, Marcos Calo, Luis Yang e Paula Mayor, con Jordi Bayarri como autor convidado) reinterpretan desde a súa mirada a historia científica e artística das eclipses.

Desde xullo está aberto un dos recintos que máis público recibe sempre no Viñetas; a sala municipal de exposicións de Palexco é a sede das mostras de Jacobo F. S. e da colección de Raúl García. Na primeira delas, percórrese o universo persoal do creador. Esta mostra conta tamén coas dúas novas figuras que se incorporaron á colección do salón: Marcopola e Dragoneta. Mentres, na exposición Un paseo por Springfield. Os Simpson na colección de Raúl García, lévanos da man a unha mostra de merchandising e libros dos cómics da famosa serie, con algúns debuxos orixinais e dedicatorias do propio Matt Groening. Raúl García traballou en varios capítulos da serie norteamericana e foi o primeiro animador español en traballar para Disney.

O Kiosco Alfonso, o que máis interese espertou

Xusto a carón, no epicentro do festival, o espazo expositivo do Kiosco Alfonso conta cunha ampla representación de obras de autores e autoras internacionais e estatais, unidos por un nexo: a memoria democrática e social. Así, os visitantes poden gozar na planta baixa da mostra centrada na Loita sindical e feminista europea, coas obras La virgen roja e Sally Heatchcoat: sufragista, de Bryan Talbot e Mary M. Talbot, e Jiujitsufragistas, de Lisa Lugrin e Clément Xavier; e na primeira planta, a mostra Memoria democrática e social na España do século XX coas obras O eco dos días rotos, de Alberto Taracido; Que el fin del mundo nos encuentre bailando e La piel como única bandera, de Sebas Martín; o xa histórico Paracuellos, de Carlos Giménez; Aquí donde estoy, de Tyto Alba e María Castro Hernández, e Caridad del Río, de Pep Brocal.

O programa expositivo complétase coas mostras de Miguel Robledo —autor do cartel desta edición— en María Pita; Humanos, a Roya é un río, dos franceses Troubs e Baudoin, na Casa Museo Picasso; os Premios Castelao na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, Elas son fantásticas, autoras galegas de banda deseñada deste xénero, no mesmo espazo; a exposición de ExpoFanzines de Autobán, na Biblioteca de Estudos Locais; Stons, de Xulia Pisón, na Casa Museo María Pita; unha exposición bibliográfica nas Bibliotecas Municipais (Trazos de memoria), e a incorporación da Fundación Luís Seoane como nova sede do festival coa exposición Cómic palestino. Voces propias. Grito colectivo. Cómpre destacar a incorporación da Casa Museo Casares Quiroga como sede de mostras vencelladas á memoria histórica, que nesta ocasión albergará ‘La guerra civil’, de Paul Preston, mostra que recolle o exitoso traballo de adaptación á banda deseñada das obras do historiador británico realizada polo autor José Pablo García.

Ademais diso, o Viñetas Paralelas de 2026 conta con cinco sedes colaboradoras: o Circo de Artesáns, coa exposición Nacional 2. Banda Desenhada Portuguesa de Norte a Sul, que recolle obra de seis colectivos autorais de banda deseñada portugueses; o Bar 13, con Óscar Lojo; a Pulpeira de Melide, con a mostra permanente Pulpos do cómic; a cervezoteca Malte con Amair, de Kike Benlloch e Luis Sendón; e El Tranvía, con Bosque máxico, unha exposición de Fento Studio.

Máis de 100 actividades para todos os públicos

Especialmente rica foi neste Viñetas 2026 a extensa programación de actividades pensadas para todas as idades e intereses e que se distribuíronn entre as distintas seccións do festival. Más de 100 propostas, entre as que se contan obradoiros, cine, teatro, charlas, visitas guiadas, gravación de pódcasts e espectáculos radiofónicos, un concerto ilustrado, encontros con autores e autoras, sinaturas e maratóns de debuxo.

Moitas destas propostas formaban parte central da programación da Rúa BD, que contou con 38 stands que ocupaban librarías, editoriais e entidades diversas. Este espazo, localizado diante do Kiosco Alfonso, foi o epicentro da actividade do festival na pasada semana. Todas as exposicións e o programa completo se poden consultar na páxina web do festiva, dispoñible nesta ligazón.

Experiencia fronte a nova mirada; comparamos as visións do Viñetas 2026 do expositor máis veterano e un novo stand

«O público da Rúa BD vén predisposto a facer gasto», Pío Barreiro, libreiro do stand máis veterano no Viñetas.

«Sorprendeume moito a organización pola calidade das exposicións, a cantidade de actividades e a facilidade na comunicación», Marta Tutone, editora dun stand novato na Rúa BD

A Coruña.— Editoriais, librarías, entidades e asociacións ocuparon os 38 stands que abriron as súas portas a diario na Rúa BD. Cada caseta estaba chea de experiencias diversas con propostas diversas, polo que ao peche desta 29 edición quixemos achegarnos a dúas visións moi diferentes: a do libreiro Pío Barreiro, que non faltou a ningunha das edicións do festival (é, pois, o máis experimentado no evento), e a da editora Marta Tutone, de Liana Editorial, que acode á feira por vez primeira.

Dúas visións diferentes para un mesmo evento que se complementan e suman neste poliedro que é sempre a Rúa BD, un espazo polo que pasaron nestes sete días arredor de 100.000 persoas e nos que as actividades e o fluxo de visitantes a exposicións foi continuo.

Marta Tutone, editora diante do seu posto en Viñetas

Marta Tutone, de Liana Editorial, stand que se estreou este ano no Viñetas

P. Que cres que fai diferente a Rúa BD eo Viñetas doutras feiras?

O primeiro é o feito de que estea aberta nunha zona céntrica moi transitada, na rúa; isto fai que o cómic se poida achegar non só ao público que xa vén con gana porque xa son lectores e lectoras de banda deseñada, senón tamén a un público máis espontáneo. Eu, concretamente, como teño moito cómic infantil e xuvenil, a moito público familiar, que ao mellor están de paseo, de vacacións.

É unha época do ano na que ao mellor visitas menos as librarías da túa cidade, pero de repente estás de vacacións e descobres libros que, quizais aínda que non merques todos aquí, se che quedan aí na cabeza e ao longo do ano sempre os podes buscar.

O segundo é a organización, porque me sorprendeu moi positivamente. Hai moitas exposicións, de moita calidade, moitas actividades; dáselle aos expositores a posibilidade de presentar as novidades ou o proxecto editorial, e isto, por exemplo, no meu caso, que non podo contar cun público que coñeza a editorial por estar outros anos na feira, é algo estupendo. Nese sentido, a atención que recibimos tamén, o nivel de detalle, a facilidade na comunicación, nas instrucións á hora de montar...

P. Algo negativo?

Unha feira é algo esgotador, pero iso é así en todas as partes. Por iso, todo o que contei antes, os detalles por parte da organización, esas pequenas cousas, non son tan pequenas, senón que resultan fundamentais.

P. No voso caso, Liana ten un catálogo cunha fortísima presenza de títulos de infantil e xuvenil e, como dicías antes, hai moito público familiar. Notades que se interesan máis polos vosos libros familias con nenos e adolescentes ou tivestes público variado?

Un pouco das dúas cousas. É certo que temos un catálogo moi variado; por exemplo, o que publicamos para persoas adultas sempre penso que lle pode interesar a un público xuvenil, que está entre o instituto e a universidade... Así que achegouse público moi variado, moita xente nova, tamén ilustradores e ilustradoras que non nos coñecían, pero, desde logo, é certo que tivemos moitísimo público familiar. Claro, eu non podo comparar con outros anos, pero valoro moito a cantidade de familias que pararon, que coñeceron os libros.

Tamén quero dicir que as bibliotecarias fan un traballo estupendo aquí nese sentido, con recomendacións que dan a coñecer os nosos libros; por exemplo, coa saga de Fox & Chick, que moitos os coñeceran nas bibliotecas.

P. As Bibliotecas Municipais están moi presentes no festival. A Rúa BD serviu para que entrásedes en contacto?

Si, falei con bibliotecarias con tranquilidade e en persoa. Faláramos antes por internet, por exemplo con Sira González, e puidemos comentar temas en profundidade. Funcionan moito, e as bibliotecas é algo que non adoita estar nos salóns e feiras de cómic e é importante. E ademais tiveron á miña filla lendo sen parar todos estes días no stand, de lectora residente.

P. Hai algún título que destacase en vendas esta semana?

O que vendemos máis é Una historia ilustrada de la danza, de Laura Cappelle e Thomas Gilbert; foi moi ben. O outro que empata con este é La odisea del espacio. Historia de la conquista espacial, de Arnaud Delalande e Éric Lambert. Dúas obras de non-ficción e moi completas. En infantil case esgotamos a serie de Fox & Chick e Azul, el hada de Pinocho, de Elena Triolo, para público xuvenil e que chega a adultos.

P. Unha anécdota?

Quizais que nos atopamos aquí a familias de Madrid, do colexio dos meus fillos que están aquí de vacacións e que descubrín que veñen todos os anos ao festival.

P. Queredes repetir para 2027?

Gustaríanos moito repetir. Ademais, viñemos toda a familia, ata a cadela. Como plan familiar, ademais de empresarial, gustounos moito, porque a cidade ten moitos atractivos e os meus fillos foron a todas as partes: á torre de Hércules, ao Muncyt... Viron todas as exposicións e ata se foron coa cadela de excursión. Como plan para quen veña ao stand coa familia, Viñetas é perfecto.

Pío Barreiro no medio das casetas de Rúa BD

Pío Barreiro, de Librería Kómic, stand máis veterano no Viñetas

P. Din as malas linguas que sodes o stand ou dos stands máis antigos do Viñetas...

Pois non sei seguro se hai algún outro que repetise en todas as edicións, pero nós sempre estivemos aquí. Non faltamos nunca, e este ano, ademais, co Viñetas celebramos a nosa feira 40.

P. Que queres dicir co da feira 40?

Pois que levamos 40 feiras seguidas só neste ano. E o ano que vén celebramos os 40 anos da libraría. Dito así impresiona moito.

P. Con toda esa experiencia ás costas, que cres que diferencia Viñetas doutros festivais?

Hai un atractivo engadido e é que se revitalizou nos últimos anos. A nós resúltanos inevitable facer unha comparativa e lembramos cando empezou o Viñetas e foi un sorpresón. Non o esquecerei nunca, porque foi o día que naceu a miña filla. Non sabiamos como ía ser e o negocio ía moi ben. Foi unha avalancha tal de xente que viamos que era moi diferente. Falamos duns anos nos que había unha gran bonanza económica.

Nos últimos anos da dirección anterior de Miguelanxo baixou todo un pouco, o nivel do festival, dos autores e das vendas. Porque nós tamén tiñamos claro que se se baixa o nivel de autores baixan as vendas.

Desde que entrou a nova dirección, volveuse notar un boom. É certo que seguimos con moitos autores nacionais, pero revitalizouse moitísimo todo. Moitas actividades novas, unha frescura, e volvemos a notar aquilo dos inicios, que se vende máis nos sete días da Rúa BD que nos dez da feira do libro. O ano pasado, por exemplo, baixou un pouco con respecto ao 2024, pero este ano volveu a subir a afluencia de público. E non é público dos transatlánticos, que non compra nada.

P. Cal é o retrato robot dos clientes do Viñetas?

Teño moita xente que vén porque xa nos coñece despois de tantos anos; hai xente que é cliente en Santiago que vén a Coruña e compra aquí polo desconto. Tamén hai moita xente que vén de Madrid, familias, turismo español. O que está claro é que aquí a xente si que vén predisposta a facer un gasto considerable. Non é aquilo de «se iso igual compramos algo», non. Como oferta hai moitísima e calidade tamén, hai de todo. Pensan en gastar. Para min é complicadísimo seleccionar os libros para traer ao Viñetas, por iso.

P. Lévache moito tempo?

As semanas anteriores ao Viñetas durmo fatal, dándolle voltas á selección. Por exemplo, dun dos títulos máis vendidos do ano traiamos 60 exemplares e estou vendo agora que quedan como seis, pero na maior parte dos casos non queres quedar curto. Este ano, que viñan os Talbot, pedín moitísimos títulos seus e quedamos curtos. É moi complicado, porque ao final a experiencia importa, pero case máis a intuición.

Importa tamén moito o atractivas que sexan as exposicións. O ano pasado, por exemplo, Black metal arrasou e ninguén o esperaba, porque era como moi marxinal e escuro, e o ano anterior a exposición de Lucas Varela foi alucinante e tampouco nos chegaron os exemplares que trouxemos.

P. Que foi o que máis se vendeu?

Na nosa caseta, Dos mujeres desnudas, de Luz, e O eco dos días rotos, de Alberto Taracido.

P. Rúa BD é un espazo tamén para afianzar relacións coas editoriais?

No noso caso non é como no de outras librarías que levan menos tempo ou viaxan menos, porque nós xa temos todo iso moi traballado, pero, por exemplo, este ano tiñamos interese en facer algúns contactos coa xente que viña de Portugal. Pero tampouco nos deu moito tempo, porque estivemos superados de traballo.

P. En 2027, Komic fai 40 anos, e Viñetas, 30. Viredes a celebralo?

Si, a idea é vir aquí e contar todo o que queremos facer para celebrar unha cifra tan importante. Conformaríame con sermos capaces de facer o que fixemos para celebrar o 25 aniversario, que xa foi moito.

Mary e Bryan Talbot: «A investigación histórica non é só mirar cara atrás. Permítenos comprender os problemas actuais»

«As mulleres estiveron sempre implicadas nas transformacións políticas e sociais, aínda que moitas veces a historia non lles deu o mesmo espazo», lembran os autores británicos

A Coruña.— Mary e Bryan Talbot levan anos convertendo a historia en materia de novela gráfica. Ela achega a investigación, a escritura e unha longa traxectoria académica vinculada ao xénero e á política. El pon ao servizo das historias décadas de experiencia no mundo do cómic e unha poderosa linguaxe visual. Xuntos construíron obras nas que as mulleres ocupan o centro do relato. Desde La niña de sus ojos ata Sally Heathcote, sufragista e La Virgen Roja, recuperan figuras e movementos fundamentais da historia feminista. Louise Michel e as sufraxistas británicas convértense así en protagonistas dunha historia que segue dialogando co presente.

A investigación sobre o pasado sérvelles tamén para reflexionar sobre os conflitos políticos e sociais actuais. O seu método baséase na conversa constante, na confianza e nunha creación verdadeiramente compartida. Un traballo no que texto e debuxo non funcionan por separado, senón como dúas partes dunha mesma mirada. Falamos con eles sobre feminismo, memoria, revolución e historia e sobre a particular aventura de crear xuntos.

P. As vosas obras conxuntas converteron a investigación histórica e a novela gráfica nunha combinación moi particular. Como naceu esa colaboración?

Mary M. Talbot: Foi bastante espontáneo. Bryan suxeriume que escribise unha novela gráfica cando eu me xubilei anticipadamente da universidade, arredor de 2009. Eu levaba moitos anos traballando como académica, especialmente sobre linguaxe, xénero e política. Escribir unha novela gráfica pareceume algo completamente diferente.

Bryan Talbot: Eu xa levaba décadas traballando no mundo do cómic, pero Mary nunca escribira un guión deste tipo. Unha noite estabamos na casa, tomando unha copa de viño e vendo a televisión, e díxenlle: «Por que non escribes a túa propia novela gráfica e eu a debuxo?». Ela aceptou e así empezou todo. O primeiro resultado foi La niña de sus ojos (Dotter of Her Father’s Eyes), que recibiu o Costa Biography Award en 2012 e se converteu na primeira novela gráfica británica en gañar ese importante premio literario.

P. Desde o primeiro momento había xa unha intención de traballar sobre mulleres e sobre a súa historia?

Mary: Si. Eu levaba moito tempo investigando sobre linguaxe e xénero, e naturalmente estaba interesada no feminismo e nas cuestións relacionadas coas mulleres. Pero tamén me decatei de que había moitas partes da historia feminista que non coñecía suficientemente ben. As novelas gráficas permitíronme investigar esas cuestións doutra maneira. Quería saber máis sobre a historia dos dereitos das mulleres, especialmente sobre a loita polo voto feminino en Gran Bretaña. Así naceu o interese polas sufraxistas.

P. Sally Heathcote, sufragista é unha das obras máis directamente relacionadas con esa loita. Que descubriches durante a investigación?

Mary: Moitas cousas que me sorprenderon. Eu non sabía ata que punto era grande o movemento polo sufraxio. Pensaba que era fundamentalmente un movemento de clase media, pero descubrín que atravesaba todas as clases sociais. Había mulleres traballadoras das fábricas de algodón de Lancashire que estaban moi politizadas, pero tamén mulleres da aristocracia que participaban activamente. A amplitude do movemento foi unha das cousas que máis me impresionou. Tamén me interesaron moito as súas tácticas. As sufraxistas empregaban os medios de comunicación, os xornais, os obxectos de propaganda e mesmo unha rede de tendas. Estaban utilizando ferramentas que hoxe recoñecemos perfectamente na comunicación política. Era o comezo da comunicación de masas e da súa utilización política.

P. Bryan, como traduciches todo ese contexto histórico á linguaxe visual? Xogas moito co branco e negro e logo con toques de laranxa...

Bryan: Un dos problemas de Sally Heathcote era que aparecían moitísimas mulleres, todas con peiteados e vestidos propios da época. Necesitabamos que Sally destacase inmediatamente. Ao principio, a idea era utilizar principalmente branco e negro, incorporando as cores tradicionais do movemento sufraxista: violeta, branco e verde. Pero decidimos facer que Sally fose laranxa. Así, en cada viñeta na que aparecía, podías localizala inmediatamente. Despois outros personaxes adquiriron tamén cores propias. Emmeline Pankhurst, por exemplo, aparecía con roupa malva. A cor convertíase así nunha ferramenta narrativa.

P. Esa preocupación pola historia das mulleres continúa en La Virgen Roja, dedicada a Louise Michel. Como chegastes ata ela?

Bryan: Foi bastante casual. Eu recibira por correo un libro académico sobre as orixes do movemento anarquista e comecei a lelo. Nel aparecía a historia da Comuna de París e, especialmente, Louise Michel. Nunca oíra falar dela e quedei fascinado. Díxenlle a Mary: «Esta é a túa próxima protagonista. Tes que escribir sobre esta muller».

Mary: Eu coñecía moi pouco sobre a Comuna de París e tiven que empezar a investigar a historia francesa para comprender aquel contexto. Pouco despois, ademais, fomos a París e atopamos por casualidade unha exposición fotográfica sobre a Comuna na casa do concello parisiense. Había fotografías das barricadas e de todo aquel período. Foi como se diferentes pezas encaixasen.

P. Que vos atraeu especialmente de Louise Michel?

Mary: A súa vida era extraordinaria. Era unha muller revolucionaria, educadora, escritora e activista. Canto máis investigaba, máis comprendía que a súa historia permitía falar non só da Comuna de París, senón tamén das ideas políticas, da revolución e da participación das mulleres na transformación social.

Bryan: E visualmente tamén era fascinante. La Virgen Roja permitíanos traballar coa cor vermella como elemento simbólico: é a cor do sangue, pero tamén da revolución. Louise Michel era coñecida precisamente como «la Vierge Rouge» e levaba un pano vermello. Por iso decidimos construír o libro arredor do branco e negro con presenza do vermello.

P. Parece que as vosas protagonistas non son simplemente personaxes históricas: son tamén unha maneira de recuperar voces femininas que quedaron fóra do relato tradicional. É esa unha das vosas intencións?

Mary: Si. A investigación fíxome consciente de cantas historias de mulleres descoñecemos. Traballar sobre elas é unha maneira de coñecer mellor a historia e tamén de comprender o presente. As mulleres estiveron sempre implicadas nas transformacións políticas e sociais, aínda que moitas veces os relatos históricos non lles deron o mesmo espazo.

P. O voso traballo demostra tamén que a historia do feminismo non é algo afastado, senón que ten relación co presente.

Mary: Desde logo. Se queremos comprender o presente, temos que coñecer a historia das loitas feministas. O movemento sufraxista, por exemplo, empregaba formas de organización, propaganda e comunicación que nos resultan moi familiares hoxe. Hai unha continuidade histórica.

P. Como funciona na práctica o voso traballo en común? Quen escribe e quen decide como se conta visualmente a historia?

Mary: Eu desenvolvo a historia durante meses. Falamos moito dela. A nosa mesa da cea é tamén un lugar de discusión sobre os proxectos. Despois escribo o guión e pásollo a Bryan.

Bryan: E aí comeza unha colaboración moi estreita. Eu divido o guión en páxinas e viñetas, pero Mary está presente durante todo o proceso. Consultámolo continuamente. O debuxo non é simplemente ilustrar o que ela escribiu: é unha colaboración moi próxima.

Mary: Ademais, Bryan sempre foi o meu primeiro lector. Antes de enviar os meus textos a un editor, el leos e sinala os erros ou as cousas que non funcionan. Eu tamén aprendín moito observando como traballa el.

P. A vosa primeira novela gráfica conxunta, La niña de sus ojos, parte dunha historia moi persoal e dunha figura histórica como Lucia Joyce, a filla de James Joyce. Como naceu este proxecto?

Bryan: A idea inicial foi miña. Díxenlle a Mary que podería facer unha novela gráfica sobre a súa relación co seu pai, que era unha figura moi coñecida internacionalmente e que tiña unha relación difícil con ela. Pero cando Mary comezou a investigar a familia Joyce e, en particular, a Lucia Joyce, descubriu unha historia que lle pareceu aínda máis interesante ca a súa propia.

Mary: Si. Eu estaba inicialmente pensando na miña relación co meu pai, pero cando comecei a coñecer a historia de Lucia quedei fascinada. Pensei que a súa historia era moito máis interesante que a miña. Podería dicirse que me «agochaba» detrás dela. Ao final, con todo, a novela acabou entrelazando as dúas historias: a relación de Lucia con James Joyce e a miña propia relación co meu pai.

P. É tamén a obra na que comeza realmente a vosa linguaxe común como autores?

Mary: Si. Foi o primeiro paso. Eu viña da investigación académica e da escritura, mentres que Bryan tiña unha experiencia moi longa no mundo da novela gráfica. O proxecto permitiunos combinar esas dúas maneiras de traballar.

Bryan: O primeiro guión de Mary parecía máis ben unha obra de teatro, cos personaxes e os diálogos. Eu collía ese material e convertíao en páxinas e viñetas. A partir da seguinte obra, Mary xa comezou a escribir os guións dunha maneira moito máis próxima ao formato do cómic.

P. Polo tanto, a vosa relación persoal tamén forma parte desa forma de crear?

Bryan: Si. Levamos décadas xuntos. Cando empezamos a traballar profesionalmente, xa nos coñeciamos moi ben. A colaboración artística nace desa confianza.

Mary: E tamén desa conversación constante. Non é que un escriba e o outro simplemente debuxe. Estamos falando das historias continuamente.

P. E que importancia ten o feito de que sexades unha parella que traballa artisticamente en común?

Mary: É unha relación moi especial. O traballo está integrado na nosa vida diaria. Falamos das historias, discutimos ideas e revisamos o traballo do outro.

Bryan: E tamén nos complementamos. Mary achega a investigación, a escritura e a súa formación académica; eu achego a experiencia de décadas facendo cómics e pensando visualmente. Pero esas fronteiras tampouco son completamente ríxidas. Co tempo fomos aprendendo un do outro.

P. Esa colaboración tamén aparece noutras obras, como Lluvia?

Mary: Si. Lluvia naceu dunha preocupación persoal polo medio ambiente. Houbo unhas inundacións no norte de Inglaterra e aquilo fíxome pensar que ese podía ser o tema da seguinte novela gráfica. Eu sempre estiven moi interesada no medio ambiente e na alimentación ecolóxica.

Bryan: Fomos a Hebden Bridge, unha das zonas afectadas polas inundacións, e percorremos os páramos. Investigamos como a destrución das turbeiras contribuía ao problema. A paisaxe acabou sendo fundamental para a propia forma do libro. Por iso escollemos un formato apaisado, que permitía transmitir a amplitude dos páramos e do ceo.

P. Hai, polo tanto, unha preocupación social que une moitas das vosas obras: feminismo, desigualdade, medio ambiente, política...

Mary: Si. Son cuestións que me interesan profundamente. A investigación histórica non é só mirar cara atrás. Permítenos comprender os problemas actuais.

P. Nun momento no que medran os discursos autoritarios e a extrema dereita, credes que a literatura e o cómic poden cambiar a maneira de pensar das persoas?

Bryan: Espero que si. Non sei ata que punto podemos cambiar directamente a maneira de pensar das persoas, pero gustaríame que os libros fixesen pensar. Nos meus propios libros tamén tratei o ascenso do fascismo mediante mundos paralelos. Nese tipo de historias podes cambiar os papeis e mostrar como se constrúe un grupo de persoas como «inimigo» ou «chibo expiatorio».

Mary: Para min tamén é importante escribir sobre estas cuestións. A historia mostra que os movementos políticos non aparecen da nada. Hai que entender como se construíron no pasado para recoñecer determinados mecanismos no presente.

P. Despois de tantas obras conxuntas, que vos segue interesando das historias das mulleres?

Mary: A posibilidade de descubrir novas historias. Hai moitas mulleres extraordinarias que aínda non coñecemos suficientemente. A historia está chea delas.

Bryan: Se aparece unha personaxe real que estea ben documentada e que teña unha historia interesante, sería algo que me gustaría explorar. Pero non queremos inventar heroes históricos simplemente porque encaixen no que queremos contar.

P. Bryan, ademais do traballo que facedes xuntos, tamén continúas desenvolvendo os teus propios proxectos. Antes de traballar con Mary xa tiñas Las aventuras de Luther Arkwright, Grandville, La simbiosis ou Historia de una rata mala. En que estás traballando agora?

Bryan: Actualmente estou traballando nunha nova historia de Hawksmoor. É un proxecto que continúa unha serie anterior, Grandville. No último libro de Grandville, o inspector LeBrock conta a historia de como foi adestrado para converterse en detective polo inspector Hawksmoor. Este novo libro é unha especie de precuela: transcorre vinte e tres anos antes de Grandville e céntrase en Hawksmoor cando era máis novo.

É unha historia moi diferente de Grandville. Aquelas obras estaban ambientadas nun París imaxinario da belle époque, mentres que Hawksmoor está ambientada no Londres vitoriano. Tamén cambia a técnica visual: os libros de Grandville están coloreados dixitalmente, mentres que aquí estou utilizando acuarelas, cun ton sepia que pretende lembrar as antigas fotografías vitorianas.

P. Despois de tantos anos e de tantas obras, cal diriades que é a vosa obra preferida, ou aquela da que gardades un recordo máis especial?

Mary: É difícil escoller unha. Probablemente sempre estea máis ligada á última obra que fixen, porque é a que aínda teño máis presente. Pero estivemos especialmente satisfeitos con Armada de locura (Armed with Madness), a biografía surrealista que fixemos sobre Leonora Carrington. Foi un proxecto moi particular, porque queriamos contar unha biografía utilizando unha linguaxe surrealista.

Bryan: Para min tamén é difícil elixir. Cada libro representa unha etapa diferente. Armada de locura foi especialmente interesante porque supuña afrontar unha biografía dunha maneira pouco convencional. Pero tamén gardo un vínculo moi especial coas obras que fixemos sobre as mulleres e coa forma na que Mary foi descubrindo estas historias a través da investigación.

Mary: Quizais o importante non sexa tanto decidir cal é «a mellor», senón que cada libro nos levou cara a unha historia diferente e nos permitiu aprender algo novo.

P. E que queda por facerdes xuntos?

Mary: Sempre hai novas posibilidades. Actualmente estamos traballando en proxectos diferentes e tamén en novas obras conxuntas. Unha das próximas é a dedicada a Mary Wollstonecraft.

Bryan: Levamos anos alternando libros de Mary con libros propios meus. É unha dinámica que nos permite manter tamén os nosos proxectos individuais, pero continuar colaborando.

P. Se tivésedes que definir o que aprendestes traballando xuntos durante todos estes anos, que diriades?

Mary: Que unha boa colaboración pode abrir camiños que probablemente non percorrerías só. Eu nunca pensei que acabaría escribindo novelas gráficas.

Bryan: E eu nunca pensei que a miña experiencia no cómic acabaría mesturándose deste xeito coa investigación académica e coa historia das mulleres. Creo que a clave está precisamente nesa combinación.

Mary: E, sobre todo, en seguir tendo curiosidade. Investigar, descubrir unha historia e preguntarnos por que é importante contala hoxe.

Bryan: Iso é o que fai que o traballo siga sendo divertido.

Domingo de animación e novos valores da banda deseñada na última xornada do Viñetas

O repaso pola carreira profesional do animador e ilustrador Raúl García protagonizou a mañá, e a rapazada «tomou» o festival pola tarde cun mural colaborativo e co intercambio de cromos

A Coruña.— O festival Viñetas desde o Atlántico pechou a súa 29ª edición cunha axenda que protagonizou pola mañá o animador Raúl García, que repasou nunha conversa coa xornalista Rocío Ayuso boa parte da súa carreira profesional, desde os seus inicios traballando para Hannah Barbera en series como Os Picapedra ata o seu recente traballo La violinista, filme que codirixiu xunto con Ervin Han e que acaba de recibir o máximo galardón no festival de animación de Annecy.

Ao longo dunha hora, creador e xornalista (ademais de produtora dun dos filmes de García) revisaron nunha animada charla algúns dos momentos máis importantes da biografía do autor, como a súa participación na película ¿Quién engañó a Roger Rabbit? ou o seu primeiro traballo para Disney debuxando o xenio da lámpada de Aladdin. Houbo tempo tamén para os datos curiosos e as anécdotas e para repasar o seu traballo noutros xéneros, xa como autor total con Extraordinary Tales, levada á novela gráfica en España como La caída de la casa Usher.

Ayuso e García puxeron en valor o enorme talento existente entre os creadores e creadoras de animación en España e lamentaron que non exista un tecido industrial que o sosteña, malia os diversos intentos de crealo ao longo dos anos.

Presentación de Danay Dana

Pola súa banda, a autora cubana Danay Dana protagonizou un faladoiro no que revelou o proceso creativo da súa primeira obra, La maldición de los Heredia, coa que gañou na última edición do Salón do Cómic de Zaragoza os premios á mellor autoría e mellor guión. A creadora desvelou que a historia que trasladou á novela gráfica é, en realidade, a da súa tataravoa, e que foi a súa avoa quen lla foi narrando aos poucos ao longo dos anos.

O proceso de traballo para chegar ata a súa publicación foi longo, tal e como explicou Dana, e demorou ata os 6 anos. Afirmou que, malia os moitos tropezos e erros, non cambiaría nada do traballo feito; nas súas palabras, «porque de todo aprendín e formou parte do proceso». Confesou que neste momento xa está pensando nun novo título no que se unen saúde mental e santería.

Tarde de peche festivo en Viñetas

A 29ª edición do festival cerrou a súa sesión de tarde con dúas actividades que formaban parte da programación de Rúa BD especialmente pensadas polo público infantil. A primeira delas foi unha quedada de intercambio de cromos, proposta organizada por El Baúl de los Recuerdos, que espertou moita atención entre o público familiar.

Sen saír do mesmo espazo, Metrópolis Cómics organizou un mural de cómic no que participaron decenas de nenos e nenas durante as últimas horas do evento.

Un neno e unha nena nun obradoiro de Viñetas desde o Atlántico

Ao longo de toda a xornada, un grupo de alumnas e alumnos da EASD Pablo Picasso tivo a ocasión de protagonizar un espazo expositivo no que daban a coñecer o seu traballo, que tamén estaba á venda. Este showroom é parte de la colaboración establecida polo festival co centro educativo e unha aposta polos novos talentos da BD e da ilustración.

Variedade de títulos e boas cifras nas casetas de librarías do Viñetas 2026

Libreiros e libreiras fan unha avaliación positiva das cifras e da afluencia de público da edición que pecha e amosan unha ampla diversidade nos títulos máis vendidos

A Coruña.— As librarías presentes nesta edición de Viñetas desde o Atlántico fan un balance maioritariamente positivo do festival e destacan, ademais das vendas, a variedade de títulos e a elevada actividade ao longo das xornadas. Desde as librarías galegas ata a portuguesa Dr. Kartoon, os/as profesionais consultados coinciden en sinalar o interese do público pola banda deseñada, aínda que tamén apuntan a diferentes tendencias nos libros que máis saída tiveron.

Manuel, de Metrópolis Cómics, considera que as vendas son similares ás do ano pasado. «Creo que como o ano pasado», explica, aínda que recoñece que aínda non fixeron un balance definitivo por estaren centrados no desenvolvemento do propio festival. Fronte a outros anos, nos que un título podía destacar claramente, nesta ocasión aposta por unha maior variedade. Entre os libros que máis funcionaron están os de autores que a libraría levou directamente ao encontro, como Carolina Corvillo ou Irene Márquez, mentres que o catálogo europeo continúa a ter un peso importante. «Non hai un título concreto que destaque moitísimo, pero si son os que movemos nós mesmos os que máis vendemos», sinala.

Ramón, da Libraría Paz, móstrase aínda máis optimista. «Moi contento. Moi ben», afirma ao comparar esta edición coas anteriores, e asegura que este ano as vendas foron «moito maiores». Na súa opinión, o elevado número de actividades e eventos programados ao longo do festival pode explicar parte dese incremento: «Moito evento, moita actividade constantemente, iso supoño que sempre atrae máis xente». Entre os títulos máis vendidos están os de Tyto Alba, autor convidado ao festival, así como obras de Paco Roca, un dos autores que considera un clásico para o público. Tamén novidades como a adaptación de Fred Fordham de Un mago de Terramar, baseada na novela de Ursula K. Le Guin; a Odisea ilustrada (de Miguel Brieva e Carmen Estrada), publicada por Planeta, coincidindo co interese actual pola obra clásica, e o importante peso do libro infantil. Entre estes últimos, sinala El libro endemoniado, de Fernando Llor e Alicia GM, que define como «moi divertido» e cun funcionamento «superbó».

Antonio Monzón, de Alita Cómics e Penguin Random House, tamén fai unha valoración positiva desta edición, aínda que chama a atención sobre a irregularidade das vendas segundo os días. «Este ano bastante ben», resume, pero matiza que existen grandes diferenzas: «Hai días moito mellores e días que foron bastante peores». Monzón non pode establecer unha comparación directa coa pasada edición porque o ano pasado non participou na feira. Entre os títulos que máis saíron este ano sitúa La fábrica de papel, de Marta Kayser, ademais de Berserk, de Kentaro Miura, e a obra sobre a La guerra civil de Paul Preston doutro autor convidado, José Pablo García.

Cola de xente para as sinaturas de Mary M. Talbot e Bryan Talbot

Desde Portugal, Miguel, da libraría Dr. Kartoon, vive esta edición como unha primeira experiencia no festival e, polo tanto, non ten unha referencia directa para comparar as vendas con anos anteriores. O balance, con todo, é positivo. «Non teño comparación porque é o primeiro ano que estou aquí como libreiro», explica. A experiencia podería ser aínda mellor, segundo apunta, se non tivese problemas co terminal de pagamento, que non funcionou correctamente por cuestións relacionadas co roaming. A pesar dese contratempo, quedou sorprendido polo interese polos libros en portugués. «Notamos que hai interese polos libros en portugués, de autores portugueses, mesmo os que están editados en español», sinala. Entre os autores preferidos, salienta as obras O Amor Infinito que te Tenho, de Paulo Monteiro, outro dos autores convidados; 25 Mulheres, de Raquel Costa, ou Os Vampiros, de Filipe Melo e Juan Cavia.

Sandra, de Tótem Lugo, lembra que se o ano pasado «foi moi ben», este «foi mellor». «Vendemos moitos libros de arte, mangas variados, libros sobre videoxogos», di. Entre eles están One Piece, de Eichiro Oda,e Doraemon, de Fujiko F. Fujio, «clásico que, sempre, rapaces e non tan rapaces piden moitísimo».

Desde a libraría e espazo cultural coruñés Galgo Azul, Leo fai un balance moi positivo da súa participación na feira deste ano, con constante fluxo de visitantes, aínda que con momentos de picos moi elevados, sobre todo arredor da fin de semana. Neste espazo fan especial fincapé na relevancia que o seu amplo catálogo de infantil tivo nestes días. Conta que na lista dos seus libros máis vendidos están, de feito, tres títulos para público infantil e xuvenil: Avni 9 (de Pujol e Canut), Hermanas (de Raina Telgemeier), Policán (de Dav Pilkey), El viaje (de Agustina Guerrero) e O corpo de Cristo (de Bea Lema).

Pío Barreiro, desde a veterana Librería Komic, de Santiago de Compostela, a piques de cumprir 40 anos, conta que tamén detectaron un incremento de vendas e afluencia de visitantes con respecto ao ano pasado. Entre os seus títulos máis vendidos destaca, sen dubidalo, un dos que máis venden xa na tenda física, Dos mujeres desnudas, de Luz; e a novela gráfica O eco dos días rotos, de Alberto Taracido, protagonista dunha das exposicións do Viñetas deste ano.

Raúl García: «A animación é unha forma de vida; comezas como un friki e acabas vivindo diso»

«Hoxe vemos a familia Simpson como algo normal, pero naquela época era unha sátira moi atrevida da familia americana», destaca este autor, gran coñecedor desta coñecida serie norteamericana.

A Coruña.— Foi o primeiro animador español en incorporarse a Disney, participou en clásicos como A Bela e a Besta, Aladdin ou Quen enganou a Roger Rabbit; colaborou con Os Simpson, gañou un Premio Goya e forma parte da Academia de Hollywood. Con máis de corenta anos de profesión ás costas, Raúl García visita A Coruña coa exposición dedicada ao universo d’Os Simpson e aproveita para reflexionar sobre a evolución da animación, os cambios en Hollywood e o futuro dunha profesión que, asegura, segue dependendo da creatividade por enriba da tecnoloxía.

P. Chegas á Coruña cunha exposición arredor d’Os Simpson, unha serie coa que mantés unha relación moi especial. Que significou para ti?

Foi unha auténtica revolución. Cando apareceron, a finais dos anos oitenta, non había nada parecido. Eu estaba traballando en Londres e algúns compañeiros estadounidenses recibían en vídeo os episodios antes de que chegasen a Europa. Xuntabámonos para velos e todos tiñamos a sensación de que estabamos diante dunha serie que rompía completamente co que se fixera ata entón.

Hoxe vemos a familia Simpson como algo normal, pero naquela época era unha sátira moi atrevida da familia americana. Bart Simpson dicindo «Cómeme os calzóns» era algo impensable na televisión convencional.

P. A túa relación coa serie vén de moito antes do seu éxito.

Si. Cando rematei a universidade, fixen unha curtametraxe que percorreu festivais internacionais. Alí coñecín tres persoas que despois marcarían a historia da animación: Tim Burton, David Silverman e Marc Baker, que anos máis tarde crearía Peppa Pig.

David acabou uníndose a Matt Groening para poñer en marcha Os Simpson. O curioso é que todos os amigos lle diciamos que aquilo non tiña futuro. Aconsellabámoslle buscar un traballo en Disney ou Warner, porque pensabamos que aquela pequena produción desaparecería axiña.

Equivocámonos por completo. Anos despois chamáronme para colaborar nun dos especiais de Halloween, nunha parodia de Bambi. Foi unha achega pequena, pero para min supuxo cumprir unha desas ilusións que gardas durante toda a vida. Ademais, levo décadas coleccionando material relacionado coa serie, e desa paixón nace precisamente a exposición que presento agora.

P. O teu grande obxectivo, porén, sempre foi Disney.

Sempre quixen dedicarme á longametraxe de animación. Naqueles anos apenas existían estudios que fixesen películas, así que fun seguindo o traballo por distintos países: Madrid, París, Dublín, Corea ou Londres.

Despois de participar en Quen enganou a Roger Rabbit, chegou a chamada que levaba anos esperando. Curiosamente, coincidiu coa recuperación de Disney, despois dunha etapa moi complicada. O estudio acababa de iniciar a súa nova idade de ouro e buscaba unha xeración completamente nova de animadores. Tiven a sorte de chegar no momento exacto.

P. E o primeiro personaxe que che asignaron foi o Xenio de Aladdin.

Si, e segue sendo o meu favorito. En Disney non se traballaba por escenas, senón por personaxes. Durante toda a película, ti eras responsable dun deles, o que permitía coñecelo ata o máis mínimo detalle. Chegaba un momento no que xa non pensabas en como debuxalo, senón en como interpretaba, como reaccionaba ou que personalidade tiña.

Ao final, decátaste de que a animación non consiste en facer debuxos bonitos. O importante é conseguir que o espectador esqueza que está vendo un debuxo e crea que ese personaxe está vivo.

P. A industria cambiou radicalmente desde aquela época.

Completamente. A tecnoloxía deunos unha liberdade enorme. Hoxe podo dirixir unha película desde A Coruña con artistas repartidos entre Panamá, Singapur ou Alemaña. Iso era impensable cando todo se facía con papel, lapis e cámaras de 35 mm.

Pero tamén perdemos algo moi valioso: a cultura dos estudios. Antes compartiamos espazo todos os días. Vías o que estaba facendo o compañeiro, aprendías del, aparecían ideas novas mentres tomabades un café ou paseabades polos corredores. Os estudios estaban cheos de debuxos, caricaturas e bromas privadas. Era un ambiente creativo moi especial.

Hoxe moitos equipos apenas se coñecen persoalmente. Na miña última película traballaron preto de duascentas persoas e hai compañeiros cos que nunca coincidín fisicamente.

P. Tamén cambia a perspectiva cando deixas de ser animador para converterte en director.

É un cambio absoluto. Como animador interpretas as ideas doutra persoa. Como director, a película convértese na túa visión. Iso dá unha liberdade inmensa, pero tamén fai moi difícil volver aos grandes estudios, onde constantemente tes que responder diante de produtores e executivos.

Sempre digo en broma que cada poucos meses aparece alguén novo decidido a cambiar todo o que xa estaba aprobado. Forma parte do sistema, pero cando probas a liberdade de contar a túa propia historia, custa renunciar a ela.

A animación non consiste en facer debuxos bonitos. O importante é conseguir que o espectador esqueza que está vendo un debuxo

Raúl García sentado nun banco frente as casetas da feira

P. E a que andas agora?

Agora estou inmerso en Flamingo Flamenco, unha comedia musical completamente distinta de The Violinist. Despois de pasar tantos anos facendo un drama, necesitaba volver ao humor.

P. Tamén viviches desde dentro a evolución da Academia de Hollywood.

Si. Nunca fun dos que se conforman con votar os Óscar e marchar para a casa. Pasei doce anos no comité executivo e participei en diferentes xurados e comisións. Foi unha etapa apaixonante, porque coincidiu coa apertura da Academia ás novas xeracións. Incluso participei nas conversas que desembocaron na creación do Óscar á mellor película de animación.

Ás veces penso nas situacións que me tocou vivir e aínda me custa crelas. Cheguei a discutir con Saul Bass sobre o futuro da Academia e mentres falaba con el pensaba: «Que fago eu debatendo con alguén que cambiou a historia do deseño e do cine».

P. Nos últimos anos tamén decidiches regresar a España. Que mudou en Hollywood?

Mudou case todo. O teletraballo fixo que xa non sexa necesario vivir en Los Ángeles para facer películas. Ao mesmo tempo, apareceu un forte problema de idadismo e unha enorme inestabilidade nos estudios.

Antes, un executivo podía acompañar un proxecto durante cinco anos. Agora moitos cambian de posto en poucos meses. Iso provoca que unha película quede paralizada simplemente porque a persoa que a apoiaba xa non está.

Tamén notei un cambio social importante. California sempre foi un lugar moi aberto e moi diverso, pero nos últimos anos percíbese unha polarización moito maior desde a chegada de Donald Trump. Todo iso tamén influíu na decisión de volver.

P. Outro dos grandes desafíos é a intelixencia artificial. Como a ves?

Toda tecnoloxía cambia a maneira de traballar, pero hai unha cousa que non cambia: as ideas. A xente pensa que animar consiste en debuxar ben, e iso nunca foi o máis importante. O realmente difícil é decidir o que debuxar, por que un personaxe mira cara a un lado, por que cala nun determinado momento ou por que un movemento emociona o espectador.

A ferramenta pode cambiar. O proceso creativo segue pertencendo ás persoas.

O maratón de pódcasts protagoniza a xornada nun Viñetas cheo de entrevistas e faladoiros

O festival tingue o sábado do xénero xornalístico da man das conversas con autores e autoras no Carrusel BD e nos pódcasts especializados en banda deseñada

A Coruña.— O festival Viñetas desde o Atlántico encheuse este sábado de xornalismo, pola mañá nas entrevistas a autores/as, editores/as e profesionais vencellados ao mundo da banda deseñada na segunda sesión do maratón Pódcast BD con Campamento Kripton, El diario de Kovacs, Freakland e CUAC Cuac FM. Polos seus micros pasaron nomes como os de Raúl García, Pep Brocal, Paulo Monteiro, Sebas Martín, Danay Dana, Xulia Pisón, Carlos González ou o propio director do festival, Manel Cráneo, entre outros.

Faladoiro con Sebas Martín na carpa de RúaBD

Foron catro horas de emisión en directo a través da emisora Cuac FM, nas que fixeron un percorrido polas súas carreiras profesionais, ao tempo que profundaron nalgúns detalles de moitas das obras presentes nas exposicións deste ano no festival Viñetas desde o Atlántico.

Sen saír do xénero xornalístico, a tarde pechouse no Viñetas cun carrusel moi especial, un Carrusel BD repleto de microentrevistas realizadas pola xornalista Neves Rodríguez a Jacobo F. S., Danay Dana, Alberto Taracido, Giovanna Lopalco, Sebas Martín e Paulo Monteiro. Unha nova oportunidade de afondar no traballo dalgúns dos protagonistas desta edición do festival.

A xornada do sábado completouse no Viñetas con numerosas presentacións e faladoiros na Rúa BD; entre eles, destacan os vencellados á banda deseñada portuguesa, protagonista da mostra que ocupa a sede colaboradora do Circo de Artesáns, e a organizada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) arredor do uso da IA xenerativa e ás súas consecuencias neste eido profesional. Neste faladoiro, Chus Rojo e Augusto Metztli expuxeron algunhas das accións informativas e divulgativas que desde esta entidade están a desenvolver para dar a coñecer as consecuencias do uso indiscriminado deste tipo de intelixencia artificial, así como as súas implicacións éticas.

Faladoiro da AGPI na carpa de Rúa BD

Banda deseñada en Portugal

Nos encontros da tarde, da man do autor e editor Marcos Farrajota, a autora Raquel Costa e o autor e director do Festival de BD de Beja Paulo Monteiro, o público da Rúa BD puido coñecer máis en profundidade a situación da banda deseñada en Portugal. Coincidiron en subliñar o bo momento que vive na actualidade e a diversidade de estilos e a riqueza existente, ao tempo que apostaron pola relevancia de tender lazos co sector en Galicia.

Monteiro destacou que existen máis de 50 editoriais e 200 autores/as do sector en Portugal, ao tempo que contou algúns detalles do Festival de Beja que organiza e que ten xa 21 edicións. Neste momento, tal e como explicaron os relatores, existen no país veciño sete festivais diferentes de banda deseñada e chama a atención o crecemento da banda deseñada para o público máis novo.

Todo isto sucedía na Rúa BD mentres, a escasos metros, na praza de Santo Andrés, a asociación Autobán desenvolvía o seu mercado de autoedición, cunha grande afluencia de público durante toda a xornada.

«Se corrín diante dos grises nos 70, agora teño o deber de explicalo»

Sebas Martín protagoniza unha das mostras do Viñetas con memoria social

A Coruña, 15 agosto 2026.- Relata con orgullo que participou en Barcelona na primeira manifestación en defensa do colectivo LGTBI, e é que Sebas Martín ten debuxado desde finais dos anos oitenta historietas orientadas ao público gay en diversas publicacións. Vive a súa realidade con total normalidade e loita por normalizala en todos os ámbitos sociais. Entre os seus múltiples fitos nestes anos de carreira cóntanse o primeiro premio de banda deseñada Serra i Moret ou ter sido redactor xefe da revista especializada en banda deseñada gay Claro que Sí. Coas súas obras Que el fin del mundo
nos coja bailando
e La piel como única bandera, Martín estréase no cómic histórico achegándonos á vida de Basilio e Tomaset. Esta historia, que arranca ao final da II República e continúa no exilio en Francia durante a Guerra Civil, forma parte das mostras do Viñetas 2026 presentes no Kiosco Alfonso.

Nos 80 empezabas a colaborar nalgunhas revistas e publicacións de cómic. Traballabas como interiorista e decidiches lanzarte de cheo ao mundo da banda deseñada. Como tomas esa decisión?

Eu tiña moi claro que quería adicarme ao mundo da banda deseñada desde neno; cando lles preguntaban a outros nenos que querían ser e dicían astronauta ou bombeiro, sempre dicía «eu, debuxante de historietas». Pero non sabía por onde saír, eran outros tempos. Eu veño dunha familia que non ten absolutamente nada que ver co mundo da creatividade nin da arte. Empecei a estudar deseño gráfico en Barcelona, na Llotja, a escola de artes e oficios e, de feito, nunca traballei de deseñador gráfico. Atopei mentres estaba estudando un primeiro traballo de interiorista e estiven uns 15 anos traballando, pero non tiña vida. O traballo estaba ben, pero non tiña vida, e a miña verdadeira paixón, que era a banda deseñada, estaba totalmente aparcada. Deixeino todo e probei sorte.

A cousa foi irregular, pero naquel tempo estaban as revistas, onde, facendo pequenas colaboracións nun montón de sitios, podías chegar a final de mes. E así estiven ata mediados dos 90, que foi cando as revistas iniciaron o seu canto de cisne. Todo o mundo pedíache só unha novela gráfica e, claro, con unha soa novela gráfica cada ano non pagas agua, gas e luz e enches a neveira. Así que aí tiven que buscar outro traballo, pero cunha xornada intensiva que me permite estar libre ás 5 da tarde para poder seguir traballando no meu.

Pero desde pequeno tiñas clarísimo que o teu eran as historietas e o debuxo.

Aínda que pareza un pouco melodramático, eu teño unha idade, e de pequeno non había moito papel na casa pero si se mercaban os diarios e eu debuxaba batalliñas nas marxes brancas dos xornais. Na miña casa podías ver o papel de xornal que poñía a miña nai despois de fregar cheo de debuxos meus arredor. No colexio, cando facía unha redacción primaban máis os debuxos que facía para ilustrar a redacción que o texto, e cando debía de ter uns 12 anos, entón non había fotocopias, facía unha historieta semanal que trataba dos compañeiros de colexio e facía varias copias apertando forte con papel de calco.

Así que, iso do fanzine, eu, antes das fotocopias xa o facía. Tíñao moi claro, pero non o entendían, chamábante pintamonas. Estaba ben facelo un anaco, pero non adicarte a isto.

Que influencias artísticas ou creativas tes, máis aló do mundo da banda deseñada?

A nivel narrativo, eu bebo máis da sitcom que da banda deseñada; de feito, cando a xente le as miñas historias di «disto podería facerse unha serie». Fago a escala narrativa por escenas, que se parecen a esas escenas da sitcom que están pensadas para que duren uns 10 minutos para que logo che poñan un par de anuncios. A min gústame que, nas miñas novelas gráficas, aínda que haxa unha continuidade narrativa de 200 páxinas, ti poidas deixar de lelo cada 10 páxinas.

Todo o mundo me pregunta polos grandes autores de banda deseñada LGTBI+, ao ser o que eu fago: por Nazario, por Tom of Finland... O meu tipo de debuxo non ten nada que ver con eles, nin o meu tipo de narrativa, pero se eles non abrisen antes o camiño, eu non estaría aquí. A nivel de estilo eu teño moitas máis referencias na liña clara francobelga. Hai xente que me ten comparado con Jacques Tardi, porque ambienta moito e traballa moito os interiores e iso a min encántame; de feito, é un dos meus autores favoritos xunto a Moebius. Ou aquí, en España, Paco Roca e Pilarín Bayés.

Cal é o teu proceso creativo?

Son moi metódico. Teño unha serie de ideas que gardo nun caixón, ideas sobre as que quero que trate unha historia, e con iso creo unha escala narrativa. Cando teño a escala narrativa con cousas que quero que pasen (que mesmo o fago en papeis que vou colocando nun taboleiro, como se se tratase dunha serie de televisión), entón póñome a escribir un guión técnico, viñeta a viñeta, onde van os personaxes, tipo de plano... E en maiúscula e letra grosa poño os diálogos. Cando teño o guión técnico acabado, empezo a debuxar.

Debuxo sempre a man, lapis en papel de bosquexo DIN A3, porque me resulta especialmente práctico. Paso a tinta en papel Canson vexetal; desta maneira non necesito nin mesa de luz, descansa moito máis a vista e non teño que borrar tampouco. Fágoo con plumiña, mollando a plumiña en tinta chinesa. Conseguín unhas plumiñas que o día que as deixen de fabricar vanme matar. Xa as merco por caixas de 20 en 20.

E escaneo, e o único que fago en dixital é poñer grises cando é branco e negro con grises, e cando é cor, cor. O bo que ten nesta fase o dixital é que non te ensucias e, se tes 20 minutos, podes poñerte a colorear e deixalo.

Gústame moito utilizar o branco e negro con grises, porque funciona moi ben para o tipo de historias que eu fago.

A fase de rotulación faina Iris Bermúdez, de La Cúpula, que é a miña rotulista marabillosa, coa que traballo en continuo contacto. E xa a fase final, a entrega. Que sempre intento que sexa unha novela gráfica de 100 páxinas e se me vai a 300. Parezo un deses directores de cine que non saben facer películas de menos de dúas horas. Vanme saíndo moitas cousas que explicar. Hai un momento no que os personaxes se moven sós. Guíante. Iso pásame moito.

O ilustrador Sebas Martín sentado a carón da fonte do Kiosko Alfonso

Vaiamos un pouco antes, ao momento no que xorden esas ideas que almacenas no caixón agardando a saír. Cando e como te inspiras para crear as túas novelas gráficas?

Isto é tremendo. O meu fillo dicíame o outro día que tería que vivir polo menos ata os 130 anos para escribir historias con todo o que se me ocorre. Son unha persoa que ten moitas ideas, porque me vou fixando moito no mundo que me rodea. Vou no autobús e vou escoitando unha conversa e digo «isto poderíano dicir estes dous personaxes» ou «de aquí podo tirar do fío e sacar unha historia».

Os meus guións, normalmente, teñen lugar no ano no que os escribo, excepto a saga de La piel como única bandera e Que el fin del mundo nos encuentre bailando. Falo do que sucedeu no último ano, de cousas reais, co cal sempre teño material. Sendo unha persoa aberta ao mundo, sempre tes material. Lembro que hai dous anos no Salón do Cómic de Valencia alguén me preguntou se tiña crises creativas e tiven que ir á Wikipedia a ver que quería dicir iso. Iso das crises creativas non sei o que é.

Pero dicías que coas obras que están en Viñetas nonfoi igual o proceso

Coa miña triloxía da memoria, a chispa da idea tivo outro percorrido. A idea durmía nun caixón desde hai 10 anos porque eu necesitaba madurez profesional para poder desenvolver esta historia que tiña lugar nos últimos días da República no caso do primeiro volume. Falamos ademais dunha historia que está baseada moi libremente nas memorias dun tío meu, do irmán maior de meu pai. Moita da documentación que aparece é de primeira man. De feito, tiña que ser unha soa historia, autoconclusiva, que finaliza o día no que se levantan os fascistas e empeza a guerra civil. Pero moitos lectores querían saber que lles pasaba a eses personaxes e a min tamén se me meteu no corpo o bicho de seguir.

Pensei en facer unha segunda parte, pero, se coa primeira cheguei a 300 páxinas... Quedaba claro que necesitaba máis espazo para que quedase algo ben explicado. Non deixar moitos cabos soltos.

Esta foi a primeira obra que fixen con documentación histórica. Foi o triplo de traballo que unha das miñas creacións convencionais, pero paseino tan ben que agora estou traballando en máis obra de memoria histórica. De feito, este ano gañei o premio Finestres de banda deseñada por esta obra en catalán, a segunda parte, La piel como única bandera. Ademais, cada vez que busco algo atopo máis cousas, tiro do fío e voume animando moitísimo.

Viñetas aposta nesta edición pola memoria social e a memoria histórica como eixos. Que cres que achega a banda deseñada á visión que temos do que sucedeu en España e da loita polos dereitos sociais?

Creo que a banda deseñada ten unha vantaxe sobre outros medios narrativos e é que moita xente, sobre todo xente nova, que no se atrevería cun libro que fale de memoria histórica, porque lle causa certo rexeitamento. Que pensan «isto é un armatoste». No entanto, a banda deseñada entra moi ben polas ilustracións, e por ese burato podemos colarnos para explicar cousas que pasaron e que creo que son moi necesarias, porque, se algo se perdeu neste país, se é que a tivemos algunha vez, é a memoria histórica. Non lembramos o que pasou a moitos niveis. Non só a nivel político, senón tamén agora, por exemplo, a nivel de emigración. Fomos durante moitos anos un país de emigrantes.

Creo que é un deber que temos, o de explicalo. E creo, ademais, que non é só que teñamos a obriga, senón que é que nos apetece a moitos autores. Eu sempre digo que, se corrín diante dos grises nos 70, agora teño o deber de explicalo.

As túas novelas gráficas teñen uns títulos potentes. Trabállalos moito?

É certo que se me dan ben os títulos e que ademais sempre utilizo títulos longos. Dáseme ben, pero tamén é que lles dou moita importancia. Nunha das miñas series, a de Peluche, que é guionista de banda deseñada, fago que el faga eses libros con eses títulos que se me ocorreron e que eu non podo facer. Así polo menos fago as portadas desas novelas gráficas. De feito, xa teño o título da terceira parte da miña saga de memoria histórica.

Podemos ter a primicia?

Si, pódovolo dicir: Solo se recuerdan las heridas. Ocorréuseme porque realmente, aínda que cicatricen, as feridas se lembran, sobre todo as interiores.

A túa carreira centrouse, tal e como ti mesmo contas, no cómic gay. Cres que é necesaria a etiqueta?

Os meus personaxes son gays, pero eu nunca escribín historias dentro do gueto. Os meus protagonistas teñen nais, amigos heteros, curmáns, veciñas...

É un nicho quizais, ou foino durante un tempo para min. O meu editor, Emilio, de La Cúpula, sempre dicía que eu tiña un público quizais máis reducido, pero tremendamente fiel. E iso fixo tamén que se interese pola banda deseñada moita xente do colectivo que non se interesaba porque, á parte do cómic erótico gay, non había historias que explicasen a súa vida cotiá. De súpeto, con estas dúas novelas gráficas sobre a memoria histórica, o público xeneralista decatouse do tipo de historia que explico e moitos están empezando a mercar as miñas novelas anteriores e gústanlles.

Son moi militante, participo en charlas e encontros en defensa do colectivo; de feito, eu vivín a primeira manifestación, sendo moi novo. Hai moitas cousas polas que loitar a todos os niveis, non só dentro do colectivo LGTBI, e estamos a un pasiño de perdelas. Temos que seguir dando leña.

Así que, a etiqueta de banda deseñada gay? Non a rexeito, vexo que me funciona ben, pero non son exclusivo. Os meus libros teñen temática gay, pero non son só para gays, son para todo o mundo. E non son o único autor gay que fai este tipo de banda deseñada. De feito, Ralf König agora converteuse en algo que len máis heteros que gays, e paréceme moi ben.

Ao final o que importan son as historias?

É que ao final o cómic divídese en dúas categorías: bo ou malo. Hai banda deseñada gay moi boa e haina malísima, como de calquera outro tipo. Pero o curioso é que moita xente me di «e por que non te dedicas a facer outro tipo de cómic»? E por que non te dedicas ti, a ver? Se a min me vai ben aquí, por que teño que deixar de facelo? A ver, por que ti te vistes sempre de negro e non te vistes de verde?

Os autores de novela negra fan novela negra porque lles gusta e funcionan ben nela. Acaso teñen que pasar a facer receitarios de cociña?

Cóntanos coa túa mirada o que van atopar os/as visitantes da túa exposición no Kiosco Alfonso.

O que van atopar van ser como dous avances para ver a película, que che entren ganas de ler os dous libros. Son 40 páxinas nas que poderán ver como desenvolvo os diálogos e coñecerán a Basilio e Tomaset. Hai quen me di que xa forma parte da súa familia, mesmo pensan que son uns tíos maiores, que lles están explicando a súa historia. E a xente que sexa do colectivo vai ver que non inventamos nada, que nos anos 30 xa nos daban cincuenta voltas saíndo, atopando lugares, reivindicando, loitando... e verá toda esa Barcelona canalla da República que tiña lugares reseñados en espazos como Le Monde ou o Times porque eran un lugar de referencia, sobre todo para aristócratas e burgueses que buscaban emocións fortes.

E na segunda parte van atopar a historia dun exilio, e falo de como os exiliados que chegaron a Francia pensaban que ían ser recibidos cos brazos abertos e foron confinados no que se chamaba campos de refuxiados, que realmente eran campos de concentración. E desde alí todas as aventuras deste exiliado que é Basilio e como chega a integrarse na sociedade francesa.

Das túas últimas lecturas en banda deseñada, que recomendarías?

Pois podería recomendar moitas pero vou con tres. Anatomía de un esqueleto, de Pep Brocal. Aprendiz de cuervo, a edición integral, de Danide, unha absoluta delicia que me lembra AilladodoutorMoreau mesturado con A revolta dos animais, de Orwell. Diario del Yeti, de Santi Arcas, que, en principio, parece unha historia do Ieti, pero, en realidade, é unha historia urbana.

Viñetas pecha unha xornada de venres con enorme afluencia de público

O festival inclúe na súa programación dous faladoiros vencellados á memoria social e á loita polos dereitos civís, da man de figuras como Bryan Talbot e Mary M. Talbot, Pep Brocal e Sebas Martín

A Coruña.— O festival Viñetas desde o Atlántico completou a súa xornada do venres con unha extensa e rica programación na que se contaron dous faladoiros diferentes vencellados aos procesos creativos dos autores Pep Brocal, con Caridad del Río; Sebas Martín, con La piel como única bandera y Que el fin del mundo nos encuentre bailando; e Mary M. Talbot e Bryan Talbot, con La virgen roja, Sally Heathcote: sufragista e Lluvia.

No faladoiro da mañá, os dous autores cataláns, da man de Vanesa Santiago, desvelaron algúns detalles do proceso creativo que os levou a asinar os libros que protagonizan as súas respectivas mostras, presentes no Kiosco Alfonso. Brocal e Martín coincidiron na importancia de seguir traendo ao presente experiencias como as vividas polos/as seus/súas protagonistas nun momento como o actual.

Faladoiro con Pep Brocal e Sebas Martín na carpa do Viñetas 2026

Xa pola tarde, os británicos Mary M. Talbot e Bryan Talbot contaron na súa charla as tramas de tres das súas obras conxuntas vencelladas a temáticas relacionadas coas loitas sociais: a loita sufraxista, a comuna de París e as loitas sociais, e a loita ecoloxista.

A tónica da xornada foi a das colas nas sinaturas (de preto dunha hora no caso dos Talbot) e as mareas de xente indo e vindo, mercando nos stands e visitando as mostras que ocupan os espazos expositivos localizados nas proximidades da Rúa BD.

Mary M. Talbot e Bryan Talbot na caseta de Viñetas Estudio asinando exemplares

José Pablo García: «A lixeireza da banda deseñada axuda a abordar temas complexos como a memoria histórica»

O autor malagueño protagoniza a mostra da Casa Museo Casares Quiroga coas súas adaptacións das obras de Paul Preston en torno á guerra civil española

A Coruña.— José Pablo García é un dos nomes propios da 29 edición do Viñetas. A mostra ‘La guerra civil’, de Paul Preston, que se pode visitar na Casa Museo Casares Quiroga, inclúe as súas adaptacións de La guerra civil española, La muerte de Guernica e Franco, do historiador británico. García (Málaga, 1982) gañou o premio de Cómic Injuve en 2009. Con Las aventuras de Joselito – El pequeño ruiseñor fixo unha documentada biografía do cantante. Adaptou tamén ao cómic a novela de Javier Cercas Soldados de Salamina e El hijo del chófer, de Jordi Amat. Conversamos con el acerca da súa obra e á súa presenza no festival.

P. Como foron os teus inicios no mundo do cómic? Teño entendido que xa cando eras neno fixeches os teus pinitospereiriños.

Si, eu levo debuxando banda deseñada desde os 6 anos e con apenas 10 anos publicaba nun xornal pequeno, local, El Sol de Antequera, ; ao longo de 30 semanas, publiquei a historia da humanidade en cómic, nada menos. Por sorte, téñoo todo gardado, porque eu falo con moitos autores e perderon moito traballo de épocas temperás porque os seus pais non son tan Dióxenes coma os meus, pero eu teño como 400 páxinas gardadas, arquivadas cronoloxicamente.

Creaba os meus personaxes, facía as miñas tiras. Por suposto, moi influenciado por Mortadelo, por Tintín, Astérix, a típica influencia desa idade.

P. Pódese vivir do mundo do cómic en España no século XXI?

Si, a ver, eu estouno facendo, pero teño muchas dúbidas ao respecto. Por moitos motivos. Son optimista, desde logo, pero cando un libro funciona non sempre sabes por que. Pode ser un simple golpe de sorte, nunca sabes. Neste negocio hai que ter sempre un plan B.

P. En canto ao teu proceso creativo, é similar en encargos como o caso das obras que están na exposición do Viñetas e en proxectos propios como Palindrotiras?

Eu sempre trato de axustarme ao proxecto no que estou, e para iso adapto o estilo de debuxo e o ton, aínda que eu penso que sempre son eu en todas as obras. Hai quen di que non ve o meu estilo, pero eu si o vexo, incluso nas adaptacións de Preston; hai moitas diferenzas entre as dúas primeiras, La guerra civil española e La muerte de Guernica, e a terceira, a de Franco, que é máis caricaturesca e ten toques de humor sutil. Porque tiña moi presente que ler unha biografía dun personaxe como Franco sen que haxa toques que o alixeiren sería demasiado árido.

P. Falamos das adaptacións dunhas obras que son case monumentais. Foi longo o proceso?

Pois non tanto, sobre todo no caso das dúas primeiras obras, nas que había que respectar unha data de entrega, que era duns sete meses. Tiña esa presión e tiven que meter a quinta, mentres que noutras como a de Franco puiden tomalo con máis calma, porque foron uns dous anos.

Pero outras obras que non foron encargos, como a de Palindrotiras, por exemplo, sen presión de ningún tipo, remateina moi rápido porque me divertía moito. Os palíndromos sempre foron a miña paixón, a miña maior afección agora mesmo.

Ao final dei coa fórmula de facer un percorrido polas historias do palindromismo gráfico, un xénero que non existe, claro. Creei unha falsa antoloxía. E unha vez que tiven iso, púxenme a traballar, porque imitar os estilos doutros autores sempre me resultou moi divertido; póñome na pel doutro, coma un actor. Divírteme e resúltame máis estimulante traballar así que manter un estilo concreto.

José Pablo García na súa exposición na Casa Museo Casares Quiroga

P. No caso das adaptacións de obras en torno á guerra civil española, mantiveches contacto con Paul Preston ao longo do proceso de traballo?

Non, co primeiro busquei a vida eu soíño. Co segundo, o de Guernica, contactei con el nun par de ocasións.

Divírteme moito a parte da documentación e buscar datos en fontes de todo tipo. En realidade, sobre todo, non buscar en Internet, senón en hemerotecas, arquivos, revistas antigas…, que é onde se atopan as cousas máis valiosas.

P. Desde a túa experiencia, que cres que achega o cómic á visión da memoria histórica?

É moi necesario, e está visto que cada vez máis. Estamos nun momento complexo. Antes, dicir que eras antifascista era unha obviedade, pero xa non é así. Eu creo que un medio como o cómic é moito máis directo que outros. Esa lixeireza e amenidade é beneficiosa á hora de informarse. Sobre todo, nos temas e nas épocas que eu abordei.

P. Os teus libros lense en educación secundaria?

Esa era a idea inicial da editorial, en parte. Adaptar os libros de Paul Preston para chegar a eses públicos. Era algo que non se fixera ata ese momento. Agora xa se fixeron máis adaptacións dese tipo; recentemente unha sobre a mesma temática, de Julián Casanova, España partida en dous [adaptada por Miguel Casanova e Carles Esquembre]. Pero cando o fixemos foi innovador, unha idea da editora que contactou comigo, e eu, cando me puxen a traballar no libro, non tiña moi claro se ía funcionar.

É un proxecto complexo, porque é moitísima información e non podes cribar a maioría, dado que todo é importante e cada paso é fundamental para entender o seguinte, con moitísimos personaxes… Desde dentro, eu tiña todas as dúbidas do mundo, pero ao final resultou que non. A cousa funcionou e é con diferenza o meu libro con maiores vendas.

P. Xustamente no Viñetas presentas Palindrotiras, un libro que non ten nada que ver coa túa obra anterior.

Estareille eternamente agradecido a Ausaider Cómics por apostar por el; era moi arriscado. Hai unha comunidade de palindromistas en España, pero é algo moi de nicho. Somos unhas cen persoas en España que facemos palíndromos e os compartimos entre nós, e autoedítanse libros. Entón, a miña aposta era a de intentar facer mainstream algo totalmente de nicho, con toda a dificultade que iso comporta.

A min os palíndromos gustáronme desde sempre e sempre me resultaron divertidos sonoramente e polas imaxes que xeran, moi estrañas, que xorden pola simetría da frase e de conceptos que nada teñen que ver entre si e que, de repente, son obrigados a entenderse. Sempre vin que había aí materia prima para facer humor gráfico.

Hai uns 20 anos, cando empecei no mundo do cómic, non tiña claro de que falar, que facer, e pensei en facer humor gráfico cos palíndromos. Logo, hai 10 anos abrín unha conta en Twitter na que comecei a comentar a actualidade política e social e pouco a pouco foi gañando seguidores, foise popularizando, algún fíxose viral… Sempre me andou pola cabeza facer un libro con iso.

A primeira idea que tiven foi facer un libriño ilustrado con palíndromos acompañados de viñetas, pero nun momento dado botei o pé adiante e lanceime a un proxecto máis ambicioso. Ocorréuseme a idea do percorrido histórico e pedínlles axuda a dous colaboradores da conta, e a partir de aí xa empecei a traballar.

Asistentes á inauguración da exposición de José Pablo García na Casa Museo Casares Quiroga

P. Anímaste a crear un palíndromo da eclipse?

Non, non, non se pode. Hai palabras que están totalmente descartadas, porque con elas non se pode facer un palíndromo, e eclipse é unha delas.

P. E o tema da memoria histórica, apetéceche seguir traballando nesa liña?

Si, si, estou facendo unha cuarta colaboración con Paul Preston, aínda que non podo dicir de que se trata, pero podo avanzar que vai dar que falar. É un tema moi de actualidade, é o único que podo dicir.

P. Que cómics recomendas dos últimos que liches?

Podería recomendar moitos, pero quedo con un, porque é unha barbaridade: El vecino, de Pepo Pérez e Santiago García. Estouno rematando aínda, e está parecéndome un festival gráfico, unha cousa inconmensurable. É a cuarta entrega dunha saga e non ten nada que ver cos outros tres. Amosa todo o que non se vira nos outros: puñadas, batallas..., sempre co humor polo medio.