Viñetas desde o Atlántico abre as súas portas aos universos de ‘Marcopola’ e ‘Os Simpson’ como avance dunha edición de récord

Na inauguración das mostras de Palexco, a alcaldesa e o director do festival descubriron as dúas novas figuras que xa forman parte da colección do Viñetas: a da illa remeira Marcopola e a de Dragoneta

Inés Rey: «Viñetas é un proxecto que medra cada ano e transforma a cidade, levando o cómic a museos, salas de exposicións, bibliotecas e espazos públicos»

A Coruña.— Os universos de Marcopola e Os Simpson xa se poden gozar desde este xoves na Coruña. A Sala de Exposicións Municipal Palexco abriulles as súas portas a dúas das mostras máis agardadas dentro da programación de Viñetas desde o Atlántico 2026. As exposicións individuais do autor galego Jacobo F. S. e a colección persoal do internacional Raúl García consolídanse como o grande avance expositivo do certame antes da súa semana central.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, foi a encargada de inaugurar unha das mostras «estrela» deste Viñetas e que, sen dúbida, será un dos principais focos de atención para o público familiar. Un festival que vén cargado de propostas e iniciativas que converterán a cidade na capital da banda deseñada do Estado este agosto. Na súa intervención a rexedora afirmou que «Viñetas desde o Atlántico non é só unha semana de actividades en agosto, é un proxecto cultural que medra cada ano e que transforma a cidade durante meses, levando o cómic a museos, salas de exposicións, bibliotecas e espazos públicos».

«Estamos ante unha edición de récord, con máis de setenta autores e autoras, decenas de exposicións e máis dun cento de actividades que volverán encher A Coruña de cultura e creatividade. Un festival que este ano pon o foco na memoria social e democrática, demostrando que a banda deseñada é unha ferramenta poderosa para contar historias, reflexionar sobre o pasado e entender mellor o presente», indicou a alcaldesa, quen engadiu que «desde o Goberno municipal temos claro que a cultura non é só entretemento, senón tamén coñecemento, pensamento crítico, memoria e convivencia; e por iso seguimos apostando por un Viñetas aberto, diverso, accesible e conectado coa realidade social do noso tempo».

Pola súa parte, o director do festival puxo o acento na calidade e espectacularidade da montaxe realizada nas instalacións de Palexco. Manel Cráneo amosou a súa confianza en que esta mostra será un polo de atracción para o numerosísimo público familiar que acode ao festival ano tras ano. Nese sentido, destacou a calidade da mostra que recolle a traxectoria artística do recoñecido autor galego Jacobo F. S. desde os seus inicios ata o último número das aventuras de Marcopola e o «gancho» que sen dúbida supón a colección do animador Raúl García, que inclúe unha mostra de orixinais da popularísima serie ‘Os Simpson’.

Durante as súas intervencións, tanto Jacobo F. S. como Raúl García destacaron a importancia de estaren presentes nun festival co prestixio do Viñetas cun espazo desta relevancia.

O universo Marcopola e Os Simpson

A mostra protagonizada polo universo do galego Jacobo F. S. amosa a aposta polos contidos de calidade destinados ao público infantil do Viñetas e permitiralles aos cativos e cativas percorrer o imaxinario persoal e creativo do seu autor, desde os seus primeiros pasos en Os amigos de Archimboldo Roque ata Marcopola, a illa remeira máis famosa da banda deseñada en España, que xa forma parte da colección de figuras do Viñetas, xunto con Dragoneta. A descuberta destas dúas figuras foi un dos eixos do evento.

Alcaldesa Inés Rey na exposición sobre Marcopola en Palexco

Todo isto forma parte dunha espectacular posta en escena na que colaborou un grupo de alumnado da EASD Pablo Picasso. Paralelamente, a exposición Un paseo por Springfield. Os Simpson na colección de Raúl García ofrecerá a oportunidade única de desfrutar dunha coidada selección de merchandising, libros icónicos e cómics da universal familia amarela.

A exposición inclúe xoias exclusivas como debuxos orixinais e dedicatorias asinadas polo propio Matt Groening. Cabe destacar que Raúl García, ademais de posuír este valioso arquivo, traballou directamente en varios episodios da serie norteamericana e ostenta o fito de ser o primeiro animador español en formar parte dos estudios Disney.

Personalidades sentadas no sofá dos Simpsons.

Un avance de todo o que ofrecerá Viñetas desde o Atlántico 2026

Estas inauguracións en Palexco serven de antesala para a 29.ª edición de Viñetas desde o Atlántico, un festival que este ano se centra na memoria histórica e nas reivindicacións sociais, e cuxa semana principal de actividades se desenvolverá do 10 ao 16 de agosto, expandindo as súas mostras artísticas desde principios de xullo ata finais de setembro.

Baixo un cartel oficial deseñado polo ilustrador galego Miguel Robledo —inspirado en fenómenos astronómicos e na memoria social—, o festival deste ano reafírmase como un dos grandes referentes da novena arte a nivel estatal. Haberá un gran despregamento urbano, con máis de 10 sedes. O evento abandona os recintos únicos para inundar a cidade. Os contidos desta edición distribuiranse en localizacións emblemáticas como o Kiosco Alfonso, o Palacio Municipal de María Pita, a Sala Salvador de Madariaga, a Casa Museo Picasso, a Fundación Luís Seoane e a Casa das Ciencias.

As mostras da Sala Municipal de Exposicións Palexco poderán visitarse de forma gratuíta a partir do 30 de xullo de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00.

Alcaldesa Inés Rey na exposición sobre os Simpsons en Palexco

O Kiosco Alfonso como escenario do cómic de memoria social

Moi preto, no epicentro do festival, o espazo expositivo do Kiosco Alfonso encherase cunha ampla representación de obras de autores e autoras estatais unidos por un nexo: a memoria democrática e social na España do século XX. Así, os/as visitantes poderán gozar das obras O eco dos días rotos, de Alberto Taracido; Que el fin del mundo nos encuentre bailando e La piel como única bandera, de Sebas Martín; o xa histórico Paracuellos, de Carlos Giménez; Aquí donde estoy, de Tyto Alba e María Castro Hernández, e Caridad del Río, de Pep Brocal.

O programa expositivo completarase coas mostras de Miguel Robledo —autor do cartel desta edición— en María Pita; os premios Castelao na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, Elas son fantásticas, autoras galegas de cómic deste xénero, no mesmo espazo; a exposición de ExpoFanzines Autobán, na Biblioteca de Estudios Locais; Stons, de Xulia Pisón, xa inaugurada na Casa Museo María Pita; unha exposición bibliográfica nas Bibliotecas Municipais, Trazos de memoria; e a incorporación da Fundación Luís Seoane como nova sede do festival coa exposición Cómic palestino. Voces propias. Grito colectivo. Cabe destacar a incorporación da Casa Museo Casares Quiroga como sede de mostras vinculadas á memoria histórica, que, nesta ocasión, albergará ‘La guerra civil’, de Paul Preston, mostra que recolle o exitoso traballo de adaptación ao cómic das obras do historiador británico realizada polo autor José Pablo García.

Ademais diso, o Viñetas paralelas de 2026 contará con tres sedes: o Circo de Artesáns, cunha exposición de colectivos de cómic portugueses; o Bar 13, con Óscar Lojo, e El Tranvía, cunha exposición de Fento Studio, ademais da mostra permanente de orixinais de autores de cómic da Pulpeira de Melide.

Máis de 100 actividades para todos os públicos

Especialmente rica é neste Viñetas 2026 a extensa programación de actividades pensadas para todas as idades e intereses e que se distribúen entre as distintas seccións do festival. Máis de 100 propostas, entre as que se contan obradoiros, cine, teatro, charlas, visitas guiadas, gravación de pódcasts e espectáculos radiofónicos, un concerto ilustrado, encontros con autores e autoras, firmas e maratóns de debuxo.

Entre esta axenda destacan a revisión de proxectos profesionais coa colaboración de editoriais e os pódcasts que se gravarán durante a semana do festival, coa colaboración de Campamento Kripton, El diario de Kovacs, Freakland e El Nicho.

Toda a programación pode ser consultada en www.vinetasdesdeoatlantico.com.

A Casa Museo María Pita acolle a exposición Stons, de Xulia Pisón, dentro da programación de Viñetas desde o Atlántico e Elas Son Artistas


Gonzalo Castro destacou a aposta do Goberno de Inés Rey por tecer alianzas entre proxectos culturais e darlle visibilidade ao talento creativo coruñés

A Coruña.— A Casa Museo María Pita acolle desde hoxe a exposición Stons, da ilustradora e autora de banda deseñada coruñesa Xulia Pisón, unha mostra integrada na programación expositiva de Viñetas desde o Atlántico e que forma parte tamén da novena edición do ciclo Elas Son Artistas. A inauguración contou coa participación do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro; do director do festival Viñetas desde o Atlántico, Manel Cráneo; da propia artista; e do director artístico e responsable de produción de Elas Son Artistas, Tomi Legido. A xornada completouse cunha actuación musical de MJ Pérez.

A mostra reúne pranchas do novo proxecto autoeditado de cómic de humor de Xulia Pisón e permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 27 de setembro. Durante a inauguración, Gonzalo Castro puxo en valor a colaboración entre dous dos programas culturais de referencia da cidade. «Esta confluencia non é simplemente unha suma de programacións. É unha maneira de entender a política cultural, conectando disciplinas, impulsando alianzas e facendo que os proxectos municipais dialoguen entre si para chegar a máis públicos e ofrecer novas oportunidades ás creadoras», sinalou.

O concelleiro destacou tamén o papel de Elas Son Artistas, iniciativa que desde 2018 traballa para reforzar a visibilidade das mulleres creadoras no ámbito cultural, e subliñou a importancia de incorporar a ilustración e a banda deseñada a este espazo de promoción da igualdade. «A igualdade na cultura non consiste unicamente en abrir ocasionalmente unha porta. Consiste en construír condicións de continuidade, recoñecemento, profesionalización e acceso aos espazos de exhibición», afirmou.

Castro salientou ademais a traxectoria de Xulia Pisón, formada na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña e gañadora do primeiro premio do certame Xuventude Crea de Banda Deseñada en 2015. A autora desenvolveu unha carreira que abrangue a ilustración, os fanzines, a divulgación científica e o cómic, con proxectos como Microalgas ou a novela gráfica Irene a porteira, publicada en 2023 xunto ao guionista Óscar Losada. «Xulia non é simplemente unha autora invitada á programación cultural da Coruña. Forma parte da cultura que a cidade produce, da comunidade creativa que debemos acompañar e da xeración que está ampliando as linguaxes da banda deseñada galega», destacou o edil.

A exposición intégrase no programa de Viñetas desde o Atlántico, que desenvolverá a súa semana central entre os días 10 e 16 de agosto, mais que amplía a súa presenza na cidade a través dunha programación expositiva distribuída en diferentes equipamentos culturais municipais.

Neste sentido, o Goberno de Inés Rey continúa apostando por converter as casas museo municipais en espazos dinámicos de creación contemporánea. «Queremos que as Casas Museo sexan espazos vivos, lugares onde a memoria converse coa creación actual, onde o patrimonio se abra a novas miradas e onde artistas e cidadanía poidan encontrarse», lembrou Gonzalo Castro.

A colaboración entre Viñetas desde o Atlántico e Elas Son Artistas reforza a estratexia municipal de promover proxectos transversais que favorezan o encontro entre disciplinas, públicos e creadoras, consolidando A Coruña como unha das principais referencias culturais de Galicia.

Manel Cráneo, Gonzalo Castro e Xulia Pisón na inauguración da exposición

O Viñetas pecha a súa programación para a edición de 2026 cun desembarco de autoras e autores internacionais procedentes de Francia, Cuba, Portugal e Gran Bretaña

Oito autorías con veteranos como Bryan Talbot e Mary M.Talbot que traerán as súas novelas gráficas históricas á exposición
Viñetas con memoria social

A Coruña.- Viñetas desde o Atlántico pecha o seu elenco definitivo de protagonistas para esta edición de 2026 con un desembarco de autoras e autores internacionais procedentes de Gran Bretaña, Francia, Cuba e Portugal. Deste xeito, a longa listaxe de creadoras e creadores presentes no festival complétase cos nomes de Bryan Talbot e Mary M. Talbot, Lisa Lugrin, Clément Xavier, Jean-Marc Troubet (Troubs), Edmond Baudoin, Danay Dana e Paulo Monteiro.

A que é xa a 29ª edición do evento completa unha lista de creadoras e creadores de primeiro nivel que se suman aos máis de 60 xa desvelados. O director do festival, Manel Cráneo, destaca a importancia deste incremento de convidados, que acada o récord de internacionais presentes na sección oficial do festival. Cráneo fai fincapé na versatilidade dos estilos gráficos que conflúen en intereses comúns por ser unha selección de autorías con traballos arredor da memoria histórica e os dereitos sociais.

Con este anuncio, o festival reafirma o seu compromiso coa calidade e pola imprescindible conxugación do talento local e internacional nunha cita que xa se consolidou como un referente no mundo da banda deseñada en España. Con máis de 70 creadores e creadoras, 24 exposicións e máis dun centenar de actividades o Viñetas desde o Atlántico, que xa inaugurou o pasado 3 de xullo a súa primeira mostra na Casa das Ciencias, manterá unha intensa programación na que a eclipse e a memoria social terán especial protagonismo.

Bryan Talbot (Wigan, Lancashire, Inglaterra, 1952) é dun grandes nomes da banda deseñada británica e internacional. Comezou no mundo do cómic underground e publicou por entregas Las aventuras de Luther Arkwright, considerada unha das primeiras novelas gráficas británicas. Colaborou na revista 2000AD, ademais de páxinas para Judge Dredd e debuxando historias escritas por Alan Moore; nos noventa comezou a traballar para o mercado norteamericano, en series como Hellblazer, Batman: Legends ofthe Dark Knight e The Sandman, con Neil Gaiman. Entre as súas novelas gráficas está El cuento de una rata mala, Alice in Sunderland ou El corazón del imperio.

Mary M. Talbot (Wigan, Lancashire, Inglaterra, 1954), é profesora de Lingua e Cultura na Universidade de Sunderland, e autora de artigos académicos sobre poder, xénero e linguaxe. En 2012 escribiu a novela gráfica La niña de sus ojos, que debuxou Bryan Talbot. Conxuntamente con Bryan escribiu ademais SallyHeathcote. Sufragista. Con Bryan Talbot ao debuxo tamén, publicou as novelas gráficas La Virgen Roja e Lluvia. En breve publicarán Lo! An amazon! sobre a vida de Mary Wollstonecraft.

Con La Virgen Roja e Sally Heathcote. Sufragista, obras protagonistas da mostra Loita sindical feminista europea no Kiosco Alfonso, os Talbot (compañeiros de vida e artísiticos) retratan figuras femininas que fixeron avanzar os dereitos da muller e da sociedade na Francia do século XIX e na Inglaterra de principios do XX.

Lisa Lugrin (Thonon-les-Bains, Francia, 1983) estudou antropoloxía e cinema e diplomouse na Escola de BD de Angoulême. Conxuntamente co seu compañeiro de viaxe Clément Xavier (Maputo, Mozambique, 1981), que tamén estudou na Escola de BD de Angoulême, fundou Na Éditions. Ambos foron acollidos en residencia na Maison des Auteurs de Angoulême e participaron na obra colectiva Afghanistan (2011). En 2015, recibiron o premio Revelación no Festival de Angoulême por Yékini, le roi des arènes. Como guionistas, asinaron de forma conxunta a adaptación á BD de Une histoire populaire de la France e os álbums Washing-Town e WacoHorror: Elizabeth Freeman, l’infiltrée. Ademais de realizaren algúns traballos en solitario, en 2016 publicaron conxuntamente en Francia Geronimo, mémoires d’un résistant apache, e en 2025, Le lion de Guantánamo. Na súa obra Jiujitsufragistas, que estará presente na planta baixa do Kiosco Alfonso contan a historia de Edith Garrud, considerada a primeira formadora en autodefensa feminista; ante a violencia que sufrían as manifestantes sufraxistas no Londres de 1910, adestrou en jiu-jitsu as gardacostas de Emmeline Pankhurst

Jean-Marc Troubet, Troubs (Pessac, Francia, 1969), estudou Belas Artes. Vinculado á BD xornalística ou de realismo social, a partir dos seus cadernos de viaxe. É especialmente salientable a súa colaboración co tamén debuxante Edmond Baudoin (Niza, Francia, 1943) autor que estudou na Escola de Artes Decorativas de Niza. Colaborou en históricas revistas de BD como Pilote, (À Suivre) e L’Écho des Savanes. Gañou o premio Alph-Art do Festival de Angoulême en 1992 e 1997. Ten traballado con guionistas, como a escritora Fred Vargas (Los cuatro ríos, galardoado co premio ao mellor guión en Angoulême, e El vendedor de estropajos).

En Humanos. A Roya é um Rio que protagoniza a mostra da Casa Museo Picasso, centráronse en retratar a situación existente no val do Roya (situado entre Francia e Italia) para os inmigrantes chegados a Europa a través do Mediterráneo.

Paulo Monteiro (Vila Nova de Gaia, Portugal, 1967) é un autor polifacético, que ten feito BD, ilustración, pintura e poesía. O seu libro O amor infinito que te tenho e outras histórias obtivo o premio Melhor Álbum Nacional no Festival Internacional de Banda Desenhada da Amadora. Desde 2005 é director da Bedeteca de Beja e do Festival Internacional de Banda Desenhada de Beja; coordinou as revistas Splaft! e Venham +5. Ten participado enpublicacións antolóxicas de cómic, como Humanus e Virar a Página, e en revistas como Efeméride, Baltic Comics Magazine ou Stripburger.

Danay Díaz López, Danay Dana (A Habana, Cuba, 1983) estudou animación e artes plásticas na Academia Nacional de Belas Artes, na súa cidade natal. Afincada en Zaragoza, como autora de BD, ten colaborado coa revista Thermozero. O seu primeiro libro de BD é La maldición de los Heredia, co que obtivo o Premio ao Mellor Guión e o Premio á Mellor Obra Aragonesa no Salón do Cómic de Zaragoza.

Todos eles estarán na Coruña ao longo da semana central do festival, do 10 ao 16 de agosto, na que os visitantes do Viñetas poderán desfrutar, das exposicións e tamén de propostas variadas nas diferentes seccións do festival, pensadas para todos os públicos e intereses: Viñetas Show, Viñetas Mini, Rúa BD, Viñetas Pro, Viñetas Biblio e Viñetas Inclusivas.

A Casa das Ciencias acolle a mostra ‘Eclipse de viñetas’, con obras que apostan polo talento coruñés da banda deseñada

Trátase da primeira exposición desta edición de Viñetas desde o Atlántico e forma parte da programación de ‘A Coruña CidadEclipse’

A Coruña.- O Concello da Coruña, o festival de banda deseñada Viñetas desde o Atlántico e os Museos Científicos amosan a súa aposta polo talento local coa exposición ‘Eclipse de viñetas’ que poderá visitarse desde hoxe, 3 de xullo, ata o 27 de setembro. A mostra recolle o traballo de nove creadoras e creadores coruñeses e un artista convidado arredor da visión científica e artística das eclipses.

O primeiro tenente de alcaldesa, José Manuel Lage, participou esta tarde na inauguración da exposición, xunto ao responsable dos Museos Científicos, Marcos Pérez Maldonado, e o director de Viñetas desde o Atlántico, Manel Cráneo. Tamén asistiron varios artistas que participan nesta mostra colectiva. “O festival Viñetas desde o Atlántico amosa unha vez máis a versatilidade que lle encargamos á súa dirección desde o Goberno de Inés Rey, confluíndo noutros programas municipais como ‘A Coruña CidadEclipse’ e colaborando con entidades como os Museos Científicos, que amplían a súa programación dedicada á eclipse cunha proposta lúdica e de gran valor artístico”, indicou Lage.

O director do Viñetas, Manel Cráneo, valorou, pola súa parte, a aposta do Concello polo festival e o traballo das entidades colaboradoras que está axudando a consolidar o crecemento do evento nesta nova etapa. Os obxectivos desta mostra son a divulgación científica con perspectiva histórica e social da influencia e importancia das eclipses ao longo da historia da humanidade, a través dun medio de comunicación visual e adaptado a todas as idades, a banda deseñada. Un xeito de democratizar a ciencia e facela asimilable e próxima para todos os públicos.

Dez nomes consolidados da banda deseñada, vencellados á cidade da Coruña, abordan con obras orixinais diferentes aspectos específicos arredor das eclipses. A súa influencia na sociedade, na arte e na cultura e os avances que a ciencia fixo no ámbito da investigación deste fenómeno astronómico teñen cabida neste proxecto deseñado para divulgar a través do entretemento e as artes.

Conforman a selección de firmas Xulia Vicente, Luis Yang, Uxía Larrosa, Marcos Calo, Xulia Pisón, Diego Burdío, Paula Mayor, Jorge Peral e Paula Esteban. A mostra complétase cun convidado especial, Jordi Bayarri, autor valenciano de banda deseñada especializado en BD científica con biografías en cómic de personalidades, como Isaac Newton, Galileo Galilei, Albert Einstein, Aristóteles ou Marie Curie, entre moitas máis. Unha selección de luxo e rica en estilos e enfoques que sen dúbida atraerá a atención dos diferentes públicos.

O festival Viñetas desde o Atlántico alíase cos Museos Científicos Coruñeses nun proxecto que mestura ciencia e banda deseñada. Esta suma de creación e ciencia ofrécénos un testemuño gráfico imperecedeiro dun acontecemento astronómico de ámbito internacional no que A Coruña desempeña un papel importante.

XXVIII Viñetas desde o Atlántico